Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 5 Luns, 10 de xaneiro de 2000 Páx. 276

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE SANIDADE E SERVICIOS SOCIAIS

DECRETO 346/1999, do 16 de decembro, de transferencia ó Concello de Quiroga do Centro Social de Quiroga adscrito á Consellería de Sanidade e Servicos Sociales.

No eido da asistencia social, a Comunidade Autónoma de Galicia ten competencia exclusiva, segundo o disposto no artigo 27.23º do seu Estatuto de autonomía, en relación co artigo 148.1º.20 da Constitución española.

En virtude desa atribución de competencias, o Parlamento de Galicia aprobou a Lei 4/1993, do 14 de abril, de servicios sociais, na que se ordenan e regulan os aspectos básicos dun sistema integrado de servicios sociais.

A dita norma, recollendo o principio de autonomía dos entes locais consagrado pola Constitución española, realiza unha distribución competencial entre as distintas administracións públicas, atribuíndolles ós concellos competencias propias para a creación e xestión tanto dos servicios sociais de atención primaria coma dos servicios sociais especializados de ámbito local, entendendo por tales aqueles nos que os usuarios sexan predominantemente residentes no respectivo concello.

En desenvolvemento do establecido na disposición transitoria primeira da devandita norma legal, aprobouse o Decreto 129/1996, do 26 de marzo, polo que se crean as comisións mixtas coas corporacións locais para o traspaso dos equipamentos sociais adscritos á Consellería de Sanidade e Servicios Sociais, establecendo a súa composición, funcións e normas de funcionamento.

Constituída a Comisión Mixta de Transferencias Xunta de Galicia-Concello de Quiroga segundo o establecido no citado Decreto 129/1996 e de conformidade co disposto no artigo 2º deste, adoptou, na súa reunión do 9 de outubro de 1999, acordo de transferencia ó Concello de Quiroga do centro social situado no seu termo municipal e adscrito á Consellería de Sanidade e Servicios Sociais.

O dito acordo ten carácter de proposta e precisa aprobación do Consello da Xunta de Galicia.

Por isto, por proposta do conselleiro de Sanidade e Servicios Sociais e logo da deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día dezaseis de decembro de mil novecentos noventa e nove,

DISPOÑO:

Artigo 1º

Apróbase o acordo da comisión mixta creada polo Decreto 129/1996, do 29 de marzo, para o traspaso dos equipamentos sociais adscritos á Consellería de Sanidade e Servicios Sociais, adoptado na súa reunión do día 9 de outubro de 1999, polo que se traspasa o Centro Social de Quiroga, situado no termo municipal de Quiroga, e os correspondentes recursos materiais e orzamentarios.

Artigo 2º

En consecuencia, quedan traspasados ó Concello de Quiroga e asumido por este o centro e servicios que se relacionan no dito acordo, que se inclúe como anexo deste decreto, nos termos e condicións resultantes del, así como os bens, dereitos e obrigas sinalados no texto do acordo e relacións que se xuntan, así como os créditos orzamentarios determinados segundo o procedemento establecido no propio acordo.

Artigo 3º

O traspaso a que se refire este decreto terá efectividade o 1 de xaneiro de 2000, sen prexuízo de que a Consellería de Sanidade e Servicios Sociais produza ata a entrada en vigor deste decreto tódolos actos administrativos necesarios para o mantemento do centro no mesmo réxime e nivel de funcionamento que tivera no momento da adopción do acordo.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltanse os conselleiros de Economía e Facenda e de Sanidade e Servicios Sociais para dictar cantas disposicións sexan necesarias para o desenvolvemento e execución do presente decreto.

Segunda.-Este decreto entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación.

Santiago de Compostela, dezaseis de decembro de mil novecentos noventa e nove.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

José María Hernández Cochón

Conselleiro de Sanidade e Servicios Sociais

ANEXO

Joan Ribot Margarit e Julio González Casanova, secretarios da Comisión Mixta de Transferencias Xunta de Galicia-Concello de Quiroga, prevista no Decreto 129/1996, do 29 de marzo,

CERTIFICAN:

Que na sesión plenaria da comisión mixta do día 9 de outubro de 1999 se acordou o traspaso ó Concello de Quiroga do centro social dependente da Administración autonómica e situado no seu territorio municipal, nos termos seguintes:

A) Referencia ás normas estatutarias e legais nas que se ampara a transferencia.

En consonancia co disposto no artigo 148.1º.20 da Constitución española, o Estatuto de autonomía para Galicia establece no seu artigo 27.23º a competencia exclusiva da Comunidade Autónoma en materia de asistencia social.

Pola súa parte, a Lei 4/1993, do 14 de abril, de servicios sociais, recolle entre os principios inspiradores do sistema de servicios sociais o de territorialidade, segundo o cal a organización do sistema e a distribución de competencias e funcións responderán ós principios de descentralización e desconcentración, atribuíndo ou delegando o exercicio

das competencias nos entes ou órganos administrativos máis próximos ós cidadáns, sen mingua da garantía dunha igualdade de servicios e prestacións a tódolos cidadáns de Galicia.

Así mesmo, a norma realiza unha distribución competencial entre as distintas administracións públicas, establecendo no seu artigo 21:

«1. Correspóndelles ós concellos, de conformidade co previsto na Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases do réxime local, as seguintes competencias:

a) A creación e xestión dos servicios sociais de atención primaria.

b) A creación e xestión dos servicios sociais especializados de ámbito local, entendendo por tales aqueles nos que os usuarios sexan predominantemente residentes no respectivo concello.»

Pola súa vez, a disposición transitoria primeira da lei sinala que:

«De conformidade coas competencias atribuídas ás entidades locais na presente lei, arbitrarase regulamentariamente o procedemento para a transferencia dos equipamentos, persoal, medios materiais e dotación orzamentaria correspondentes a elas, engadindo que a devandita transferencia incluirá, entre outros equipamentos, os centros sociais e as residencias da terceira idade, agás as asistidas».

Sobre a base destas previsións estatutarias e legais resulta procedente efectua-lo traspaso do centro social dependente da Administración autonómica ó Concello de Quiroga.

B) Identificación dos equipamentos que son obxecto de traspaso.

Traspásase ó Concello de Quiroga o seguinte equipamento do seu ámbito territorial:

-Centro social.

A xestión deste centro realizarase de acordo coa lexislación vixente nesta materia na Comunidade Autónoma de Galicia, en especial o relativo á determinación de beneficiarios, requisitos e intensidade da acción protectora.

Así mesmo, unha vez o traspaso sexa efectivo, o centro quedará obrigado a desenvolve-los distintos programas e actuacións de ámbito autonómico que a Xunta de Galicia impulse en cada momento, nas condicións que prevé a Lei 4/1993, do 14 de abril, de servicios sociais.

C) Bens, dereitos e obrigas que se traspasan:

1. Traspásanselle ó Concello de Quiroga os bens, dereitos e obrigas da Xunta de Galicia que se recollen no inventario detallado da relación adxunta número 1.

2. No caso de que o centro traspasado non se utilice para o cumprimento dos fins sociais previstos, revertirá á Comunidade Autónoma despois de que esta a inste dando audiencia ó concello.

3. No prazo de tres meses desde a publicación do decreto que aprobe este acordo, asinaranse as correspondentes actas de entrega e recepción de mobiliario, equipo e material inventariable.

D) Valoración das cargas financeiras dos centros e servicios transferidos.

1. A valoración definitiva do custo efectivo anual dos servicios traspasados, referidos ó ano 1998, elévase a 8.500.000 pesetas, conforme a seguinte distribución:

-Centro Social de Quiroga:

Capítulo II: 8.500.000.

2. O financiamento do citado custo por parte da Comunidade Autónoma para atende-los gastos de xestión e mantemento do centro realizarase en exercicios sucesivos mediante actualización do seu importe na mesma medida en que evolucionen globalmente os gastos de funcionamento dos centros de igual natureza xestionados pola Comunidade Autónoma. A variación indicada enténdese referida a termos de comparación homoxéneos, é dicir, excluíndose os incrementos que poidan producirse en cada anualidade respecto da anterior pola posta en funcionamento de novos centros ou servicios.

3. A transferencia dos fondos ó Concello de Quiroga efectuarase por doceavas partes do importe total financiado en cada exercicio.

E) Documentación e expedientes necesarios para a xestión do centro que se traspasa.

A entrega da documentación e expedientes do centro que se traspasa realizarase no prazo dun mes a partir da data de efectividade da transferencia obxecto deste acordo.

F) Data de efectividade da transferencia.

A efectividade da transferencia obxecto deste acordo terá lugar o 1 de xaneiro de 2000.

E para que conste, expídese a presente certificación, en Quiroga, 9 de outubro de 1999. Os secretarios da comisión mixta, Joan Ribot Margarit e Julio Gonzalez Casanova. Visto e prace, o conselleiro de Sanidade e Servicios Sociais, Manuel Aguilar López (asina por delegación do conselleiro, en virtude do artigo 16 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común). Visto e prace, Julio Álvarez Núñez, alcalde do Concello de Quiroga.

ANEXO

Relación número 1

Relación de bens inmobles adscritos á Consellería de Sanidade e Servicios Sociais obxecto de traspaso ó Concello de Quiroga

Nº Ident.: L0470.

Nome e uso: centro social.

Localidade e enderezo: r/ Xeneral Franco-Quiroga.

Superficie construída: 1.958 m.