Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 5 Luns, 10 de xaneiro de 2000 Páx. 272

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE POLÍTICA TERRITORIAL, OBRAS PÚBLICAS E VIVENDA

ORDE do 30 de decembro de 1999 pola que se delegan atribucións en materia de urbanismo.

En virtude da Orde do 19 de agosto de 1997 (DOG nº 166, do 29 de agosto) delegáronse determinadas atribucións en materia de urbanismo nos delegados provinciais desta consellería, ó abeiro do disposto polo artigo 189.3º da Lei 1/1997, do 24 de marzo, do solo de Galicia.

A experiencia acumulada durante os anos de exercicio das competencias urbanísticas desde a entrada en vigor do novo réxime competencial establecido pola Lei 7/1995, do 29 de xuño, de delegación e distribución de competencias en materia de urbanismo, as innovacións introducidas no ordenamento xurídico urbanístico -e moi especialmente a aprobación do Regulamento de disciplina urbanística para o desenvolvemento e aplicación da Lei do solo de Galicia-, a incidencia do novo réxime de recursos administrativos como consecuencia da Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, de modificación da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, así como a recente aprobación do decreto polo que se establece a estructura orgánica desta consellería, que reorganiza a estructura e funcións da Dirección Xeral de Urbanismo son algunhas das razóns que aconsellan a aprobación dunha nova orde de delegación de competencias en materia de urbanismo,

adecuada coa complexidade das novas competencias e coa nova estructura organizativa.

Na súa virtude, e no uso das facultades conferidas polo artigo 43.3º da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu presidente, e polo artigo 13 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común,

DISPOÑO:

Artigo 1º

Delégase no director xeral de Urbanismo o exercicio das competencias que a Lei 1/1997, do 24 de marzo, do solo de Galicia, lle atribúe ó conselleiro de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda, nos seguintes supostos:

a) Emisión de informes sobre instrumentos de planeamento de desenvolvemento (plans parciais e especiais) previstos polos artigos 41 e 42 da Lei 1/1997, do 24 de marzo, do solo de Galicia.

b) Outorgamento da autorización autonómica para construccións e instalacións no medio rural, segundo o disposto polo artigo 77.4º da Lei 1/1997, do 24 de marzo, do solo de Galicia.

c) Outorgamento da autorización autonómica prevista pola disposición adicional terceira, punto 2, da Lei 1/1997, do 24 de marzo, do solo de Galicia, para edificacións en núcleos rurais.

d) Aprobación definitiva do expediente de expropiación forzosa polo procedemento de taxación conxunta, previsto polo artigo 145 da Lei 1/1997, do 24 de marzo, do solo de Galicia.

e) Inscricións e exercicio das funcións que corresponden ó Rexistro de Entidades Urbanísticas Colaboradoras, previsto polo Regulamento de xestión urbanística, aprobado polo Real decreto 3288/1978, do 25 de agosto.

f) Exercicio das competencias autonómicas previstas en relación cos instrumentos de xestión urbanística regulados polos títulos III e IV da Lei 1/1997, do 24 de marzo, do solo de Galicia.

Artigo 2º

Os actos dictados por delegación farán constar expresamente esta circunstancia e consideraranse como propios do órgano delegante que, en calquera momento, poderá revogar total ou parcialmente a delegación outorgada.

Disposición derrogatoria

Queda derrogada a Orde do 19 de agosto de 1997 pola que se delegan atribucións en materia de urbanismo, (DOG nº 166, do 29 de agosto) e cantas disposicións de igual ou inferior rango se opoñan ó establecido nesta orde.

Disposición derradeira

Esta orde entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 30 de decembro de 1999.

José Cuíña Crespo

Conselleiro de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda