Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 5 Luns, 10 de xaneiro de 2000 Páx. 253

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE SANIDADE E SERVICIOS SOCIAIS

ORDE do 1 de decembro de 1999 pola que se regula a imaxe corporativa de aplicación á lencería hospitalaria, roupa de cama, pacientes e aseo que se empregará en tódolos centros de atención especializada e de atención primaria dependentes do Servicio Galego de Saúde.

I. Disposicións xerais.

Nunha sociedade na que a imaxe constitúe un referente de primeira orde que permite identificar unha actividade e, como consecuencia, uns resultados, resulta prioritario establecer unha imaxe unitaria e vinculada ó Servicio Galego de Saúde como instrumento que reafirme a súa identidade e que facilite a súa identificación polos cidadáns no desenvolvemento da actividade asistencial que ten encomendada.

A súa aplicación alcanzará a tódolos centros dependentes do organismo nun novo paso no proceso global de normalización e identidade corporativa.

A necesidade de garanti-la coherencia na implantación pública dos signos identificadores fai necesario un programa de imaxe consistente no deseño do seu modo de aplicación á lencería de uso sanitario e na ampla diversidade de centros que compoñen a rede asistencial do Servicio Galego de Saúde.

Con esta orde procédese a defini-las normas de construcción, configuración dos elementos de identidade, símbolo-logotipo, cor corporativa, así como as súas regras de aplicación á totalidade da lencería de uso sanitario.

A eficacia desta imaxe corporativa, asegurando a unidade e coherencia da imaxe pública do organismo, a capacidade de comunicación e facilitadora da identificación visual polos cidadáns vai depender do seguimento desta orde.

En atención ás anteriores consideracións resulta primordial o uso exhaustivo desta norma no que atinxe á fase de implantación, sen variación ou distorsión ningunha, evitando a realización de accións desvirtuantes, asegurando que se respecte de tal forma que, baixo ningún concepto, se poidan producir interpretacións libres que modifiquen os seus límites ou conduzan ó uso indebido da imaxe.

En consecuencia, en virtude das facultades que me confire o artigo 34.3º da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu presidente, modificada pola Lei 11/1988, do 20 de outubro,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto.

O obxecto da presente orde é establecer, como estructura básica de normalización da imaxe corporativa na lencería hospitalaria, roupa de cama, pacientes e aseo dos centros dependentes do Servicio Galego de Saúde, a que se fixa no anexo I da presente orde.

Artigo 2º.-Ámbito de aplicación.

Esta orde será de aplicación en tódolos centros de atención especializada e centros de atención primaria dependentes do Servicio Galego de Saúde que,

sen prexuízo da observación do código de identificación corporativa vixente, utilizarán para a lencería de uso sanitario os elementos reflectidos no anexo citado.

Disposición adicional

Toda reposición da lencería de uso sanitario que realicen os centros dependentes do Sergas a partir da entrada en vigor da presente orde realizarase coa imaxe corporativa establecida nela.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Os directores xerais das divisións do Servicio Galego de Saúde, os directores provinciais, os xerentes dos hospitais do Sergas, e os xerentes das Xerencias de Atención Primaria adoptarán no ámbito das súas competencias as disposicións que resulten precisas para a execución do disposto na presente orde.

Segunda.-A presente orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 1 de decembro de 1999.

José María Hernández Cochón

Conselleiro de Sanidade e Servicios Sociais