Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 1 Luns, 03 de xaneiro de 2000 Páx. 12

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E RELACIÓNS LABORAIS

RESOLUCIÓN do 24 de novembro de 1999, da Delegación Provincial de Ourense, pola que se dispón a inscrición e a publicación, no Diario Oficial de Galicia, do convenio colectivo do sector rematantes, aserradoiros e preparados industriais da madeira de Ourense.

Visto o texto do convenio colectivo do sector rematantes, aserradoiros e preparados industriais da madeira (código convenio nº 3200275) de Ourense, con entrada nesta delegación provincial o día 8-11-1999, subscrito en representación da parte económica, Asociación Empresarial de Aserradoiros da Madeira de Ourense, e, da parte social, as centrais sindicais Comisións Obreiras (CC.OO.), Unión Xeral de Traballadores (UGT) e Federación de Sindicatos Independentes (CSI-CSIF), todas elas con lexitimidade suficiente para asinalo, o día 21-9-1999, e, de conformidade co disposto no artigo 90.2º e 3º, do Real decreto lexislativo 1/1995, do 24 de marzo, polo que se aproba o texto refundido da Lei do Estatuto dos traballadores, Real decreto 1040/1981, do 22 de maio, sobre rexistro e depósito de convenios colectivos de traballo, e Real decreto 2412/1982, do 24 de xullo, sobre traspaso de funcións e servicios da Administración do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia en materia de traballo.

Esta delegación provincial

ACORDA:

Primeiro.-Ordena-la súa inscrición no libro rexistro de convenios colectivos de traballo, que consta nesta delegación provincial, e notificación ás representacións económica e social da comisión negociadora.

Segundo.-Ordena-lo seu depósito no Servicio de Relacións Laborais, Unidade de Mediación, Arbitraxe e Conciliación desta delegación.

Terceiro.-Dispoñe-la súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Ourense, 24 de novembro de 1999.

José Lage Lage

Delegado provincial de Ourense

Convenio colectivo provincial de rematantes, aserradoiros e preparados industriais da madeira 1999

Artigo 1º.-Ámbito de aplicación.

O presente convenio colectivo afectaralles a tódolos traballadores do sector de rematantes, aserradoiros e preparados industriais da madeira e a tódalas empresas do mesmo sector que estean establecidas ou que se establezan na provincia de Ourense. Queda excluído deste convenio o persoal de alta dirección ou alto consello.

Artigo 2º.-Vixencia, prórroga e denuncia.

O presente convenio colectivo será de aplicación a partir do 1 de setembro de 1999, con independencia da súa publicación no BOP. A súa duración

será dun ano contado a partir da súa data, é dicir, ata o 31 de agosto de 2000.

O convenio entenderase prorrogado tacitamente de ano en ano, sempre que non sexa denunciado por algunha das partes alomenos con tres meses de antelación ó termo da súa vixencia, mediante comunicación escrita á outra parte na que se fagan consta-las partes do convenio que se pretenden negociar, así como a representación que exerce a parte denunciante. Así mesmo, entenderase prorrogado durante o tempo que medie entre a data da súa finalización e a entrada en vigor dun novo convenio que o substitúa.

Artigo 3º.-Compensación e absorción.

As melloras do presente convenio poderán ser compensadas e absorbidas ata onde alcance o cómputo anual con aquelas condicións superiores que teñan establecidas as empresas ou as que se establezan por disposición legal, agás que expresamente se pacte o contrario.

Artigo 4º.-Condicións máis beneficiosas.

Tódalas condicións persoais máis beneficiosas consignadas en anteriores convenios ou pactos entre a patronal e os traballadores serán respectadas individualmente.

Artigo 5º.-Xornada de traballo.

A duración da xornada anual de traballo efectivo no presente convenio colectivo será no ano 2000 de 1.780 horas. En consecuencia, e debido á adaptación prevista no convenio xeral da madeira as xornadas laborais de traballo ata o ano 2000, serán as seguintes:

1999: 1.784 horas.

2000: 1.780 horas.

Co fin de compensa-la xornada e axustala á correspondente ás 1.784 horas, os traballadores terán dereito a seis días libres, fixándose, para o efecto, os seguintes:

O 12 de novembro, 24 e 31 de decembro de 1999, e os días 7 de xaneiro, 24 de xullo e 14 de agosto do ano 2000, agás acordo entre a empresa e os traballadores para fixar outros distintos.

Se algún día dos sinalados coincidise con festivo local, pasaría ó día anterior ou posterior, agás acordo da empresa e os traballadores para fixar outro distinto.

Artigo 6º.-Salarios.

Todo o persoal afectado polo presente convenio percibirá as retribucións consignadas na táboa salarial anexa, incrementadas, se é o caso, co prezo da antigüidade que corresponda e demais conceptos retributivos.

Artigo 7º.-Antigüidade.

Desde o 30 de setembro de 1996 non se veñen aboando por este concepto novos dereitos quedando, por tanto, suprimidos.

Non obstante, os traballadores que tivesen xerado antes do 30 de setembro de 1996 novos dereitos e contías en concepto de antigüidade, manterán a cantidade consolidada na devandita data.

A dita contía quedará reflectida na nómina de cada traballador como complemento persoal, baixo o concepto de antigüidade consolidada non sendo absorbible nin compensable.

Para compensa-la perda económica que supón a desaparición deste concepto calcularase o equivalente a 8 anos (isto é, segundo o criterio da antiga ordenanza laboral, 1 quinquenio máis tres quintas partes doutro quinquenio), das bases e porcentaxes de concepto de antigüidade de cada convenio ou no seu lugar das porcentaxes da ordenanza laboral.

A contía resultante dividirase entre cinco.

A cantidade resultante de efectua-la operación anterior será a que se engadirá ó importe anual do salario base durante os cinco primeiros anos.

A compensación da antigüidade para 1999 e 2000 será de 1.380 ptas. mensuais para tódalas categorías.

En canto ó valor do quinquenio consolidado será de 3.520 ptas. mensuais para tódalas categorías.

Artigo 8º.-Complemento de asistencia.

Establécese un complemento de asistencia que será o seguinte:

Peón: 3.321 ptas./mes.

Axudante: 6.859 ptas./mes.

Oficial de 2ª: 8.481 ptas./mes.

Oficial de 1ª: 8.775 ptas./mes.

Encargado: 9.070 ptas./mes.

Conductor: 8.481 ptas./mes.

Auxiliar administrativo: 8.481 ptas./mes.

Perderase, no caso de falta sen xustificar durante a xornada de traballo, o 20% na primeira ausencia, o 40% na segunda e a totalidade a partir da terceira. As faltas consideraranse tanto consecutivas como alternas dentro dun mesmo mes.

Artigo 9º.-Axudas de custo e desprazamentos.

Tódolos traballadores ou traballadoras que por necesidades da empresa e por orde desta teña que efectuar viaxes ou desprazamentos que lles impidan realizar comidas ou pernoitas no seu lugar habitual ou domicilio, terán dereito ás seguintes axudas de custo:

Axuda de custo completa con pernoita: 3.000 ptas.

Axuda de custo completa sen pernoita: 2.000 ptas.

Media axuda de custo: 1.000 ptas.

Se por circunstancias excepcionais os gastos orixinados sobrepasasen os importes establecidos para o efecto, o exceso deberá ser pagado pola empresa, logo de autorización do empresario, e posterior xustificación por parte do traballador.

Se a empresa se fixese cargo de tódolos gastos, non aboará cantidade ningunha por estes conceptos.

Artigo 10º.-Gratificacións extraordinarias.

As gratificacións extraordinarias de Nadal e xullo serán de 30 días de salario base máis antigüidade.

Consideraranse gratificacións extraordinarias coa denominación de paga do verán e paga do Nadal, que serán aboadas respectivamente, antes do 30 de xuño e 20 de decembro, e aboaranse por semestres naturais, e por cada día natural no que se aboe o salario base.

Paga de verán: do 1 de xaneiro ó 30 de xuño.

Paga de Nadal: do 1 de xullo ó 31 de decembro.

A contía dos devanditos complementos será a que se especifique para cada un dos grupos ou niveis nas táboas deste convenio, incrementada coa antigüidade que corresponda.

Ó persoal que ingrese na empresa faráselle efectiva a parte proporcional das gratificacións extraordinarias conforme os criterios anteriores, no momento de realiza-la liquidación dos seus haberes.

Artigo 11º.-Contrato de aprendizaxe.

O contrato de aprendizaxe que realicen as empresas comprendidas dentro do ámbito funcional do presente convenio, terá por obxecto a formación práctica e teórica do traballador contratado. O devandito traballador non deberá ter ningún tipo de titulación, xa sexa superior, media, académica ou profesional, relacionada con cada posto de traballo que se desempeñe.

O contido do contrato, ó igual que as súas posibles prórrogas, deberá formalizarse por escrito e figurará neste, de xeito claro, a actividade ou profesión obxecto da aprendizaxe.

En ningún caso se poderán realizar este tipo de contratos naquelas actividades nas que concorran circunstancias tóxicas, penosas, perigosas ou nocturnas. Tamén estará prohibida a realización de horas extraordinarias.

A idade do traballador, con contrato destas circunstancias, non poderá ser inferior ós 16 anos nin superior ós 22 anos.

a) A duración máxima será de 3 anos, xa sexan alternos ou continuados, cunha ou varias empresas dentro do ámbito funcional do sector deste convenio.

b) Non se poderán realizar contratos de duración inferior a 6 meses, podéndose prorrogar ata tres veces por períodos como mínimo de 6 meses.

c) Este tipo de contrato realizarase a tempo completo. O 15% do total da xornada dedicarase a formación teórica. Concretaranse no contrato as horas e días dedicados á formación. Así mesmo, especificarase o centro formativo, se é o caso, encargado do ensino teórico.

O ensino teórico, a ser posible, deberá ser previo á formación práctica. O titor deberá velar pola adecuada formación do aprendiz así como de tódolos riscos profesionais.

O traballo efectivo que preste o traballador na empresa deberá estar relacionado coa especialidade ou obxecto do contrato.

O salario que percibirá o aprendiz será o 75%, 85% e 95% do salario do axudante ou categoría equivalente do presente convenio, durante o primeiro, segundo e terceiro ano de contrato, respectivamente.

No caso de cesamento na empresa, entregaráselle ó traballador un certificado referente á formación teórica e práctica adquirida, no que constará a duración deste.

Artigo 12º.-Horas extraordinarias.

Conforme o disposto no Estatuto dos traballadores, as horas extraordinarias aboaranse cunha recarga do 75% sobre o valor da hora ordinaria.

Artigo 13º.-Vacacións.

O tempo anual de vacacións será de 30 días naturais a salario real ou a parte proporcional que corresponda no caso de non levar traballando o ano requirido para o desfrute pleno deste dereito.

O total de días anuais de vacacións repartiranse para os efectos de desfrute, con carácter xeral, da seguinte forma: 15 días seguidos, para desfrutar no verán.

O resto desfrutarase de acordo entre a empresa e os traballadores, atendendo, de forma prioritaria, as necesidades de producción.

Deberá facerse pública, cun mínimo de 2 meses, a data das vacacións.

A retribución que percibirán por vacacións comprenderá a media da totalidade das retribucións salariais percibidas durante o trimestre natural inmediatamente anterior á data do desfrute das vacacións, a excepción das horas extraordinarias e as gratificacións extraordinarias.

Os traballadores que cesen durante o transcurso do ano terán dereito a que, na liquidación que se lles practique no momento da baixa na empresa, se lles integre o importe da remuneración correspondente á parte das vacacións devengadas e non desfrutadas.

Pola contra, e nos cesamentos de carácter voluntario, se o traballador desfrutase das súas vacacións, a empresa poderá deducir da liquidación que se lle practique a parte correspondente ós días de exceso desfrutados, en función do tempo de prestación de actividade laboral efectiva durante o ano.

Para os efectos do aboamento de vacacións, considerarase como tempo efectivamente traballado o correspondente á incapacidade temporal, sexa cal sexa a causa. Non obstante, dado que o dereito ó

desfrute das vacacións caduca co transcurso do ano natural, perderase este, se ó seu vencemento o traballador continuase de baixa, aínda que manterá o dereito a percibi-la diferencia entre a retribución de vacacións e a prestación de incapacidade temporal, de ser aquela de superior contía. O mesmo criterio se aplicará para os supostos de cesamentos por finalización de contrato.

Artigo 14º.-Contrato eventual por circunstancias da producción.

É o contrato subscrito ó amparo do artigo 15.1º b) do Estatuto dos traballadores, segundo redacción dada pola Lei 63/1997, do 30 de decembro, e que se concerta cando as circunstancias do mercado, acumulación de tarefas ou exceso de pedidos así o esixisen, aínda tratándose da actividade normal da empresa.

A duración máxima deste contrato será de 13 meses e medio dentro dun período de 18 meses.

Artigo 15º.-Período de proba.

Poderase concertar por escrito un período de proba que, en ningún caso, poderá exceder de:

-Técnicos e titulados superiores: 6 meses.

-Técnicos de grao medio ou sen titulación e persoal administrativo cualificado: 2 meses.

-Oficiais de oficio e auxiliares administrativos: 1 mes.

-Resto do persoal: 15 días.

Artigo 16º.-Roupa de traballo.

O persoal afectado polo convenio recibirá da empresa as pezas de protección, hixiene e seguridade no traballo, tales como luvas, botas ou calzado adecuado e traxes de faena ou roupa de traballo, estas últimas cada 6 meses será entrega unha; é obrigatorio o seu uso cando o traballo o requira. As mencionadas pezas serán, en todo momento, propiedade da empresa e o traballador estará obrigado á boa conservación e uso. As empresas poderán facer constar, nas devanditas pezas, o seu anagrama e a da actividade.

Artigo 17º.-Revisión médica.

As empresas afectadas polo presente convenio solicitarán unha revisión médica anual para todo o cadro do persoal.

O tempo que o traballador empregue para asistir á devandita revisión será aboado pola empresa.

Artigo 18º.-Incapacidade temporal por accidente de traballo.

As empresas afectadas polo presente convenio aboaranlles a aqueles traballadores que se atopen na situación de incapacidade temporal, como consecuencia de accidente laboral ocorrido no centro de traballo e durante as horas deste e durante o tempo que dure a hospitalización, unha compensación económica consistente na diferencia que exista entre as prestacións que o traballador perciba da

Seguridade Social e o salario real que lle corresponda segundo a súa categoría profesional.

Artigo 19º.-Póliza de seguros.

As empresas estarán obrigadas a concertar con primas íntegras ó seu cargo, no prazo de 3 meses a partir da contratación dun traballador, unha póliza de seguros para a cobertura de riscos de falecemento ou de incapacidade dos traballadores por accidente de traballo, incluídos os in itinere que garanta o traballador accidentado ou os seus habentes-causa, no caso de falecemento producido por causa fortuíta, espontánea, exterior e independente.

As contías serán as seguintes:

3.000.000 de pesetas, no caso de morte.

3.000.000 de pesetas, no caso de invalidez total.

3.250.000 pesetas, no caso de invalidez absoluta.

3.500.000 pesetas, no caso de gran invalidez.

A referida póliza só abranguerá os procesos iniciados a partir da vixencia e validez desta.

Esta compensación é compatible coa pensión ou indemnización que poida causa-lo traballador na Seguridade Social ou Montepío. Non obstante, a indemnización á que se fai mención neste artigo considerarase como entregada á conta da indemnización que, se é o caso, puidesen declarar con cargo ás empresas os tribunais de xustiza, unha vez que exista sentencia definitiva, sobresemento ou renuncia de accións.

Artigo 20º.-Comisión mixta paritaria.

Para a interpretación, vixilancia e cumprimento do presente convenio, constitúese unha comisión mixta paritaria, que estará formada polas partes asinantes do presente convenio.

Disposicións derradeiras

Primeira.-No non previsto no presente convenio colectivo haberá que aterse ó disposto no R.D. lexislativo 1/1995, do 24 de marzo, texto refundido da Lei do Estatuto dos traballadores e o acordo estatal

da madeira, asinado o 21 de marzo de 1996 entre as centrais sindicais UGT, CC.OO. e Conemac, como dereito de directa aplicación para todas aquelas empresas e traballadores do correspondente ámbito territorial.

Segunda.-Para a vixencia do presente convenio, o incremento salarial será do 2,7%, con efectos económicos desde o primeiro de setembro de 1999.

Terceira.-Cláusula de submisión ó AGA.

Ante a importancia que poida te-la resolución pacífica dos conflictos laborais, a elaboración dun acordo interprofesional galego sobre procedementos extraxudiciais de solución de conflictos de traballo AGA, asinado entre a Confederación de Empresarios (CEG) e as centrais sindicais UGT, CC.OO. e a CIG, as partes asinantes deste convenio durante a súa vixencia acordan someterse ás disposicións contidas no AGA nos propios termos nos que están formulados.

Cuarta.-Cláusula de revisión.

No caso de que o IPC publicado no INE rexistrase o 31 de agosto de 2000 un incremento superior ó 2%, a diferencia que se produza adicionarase ó incremento que se efectuará para o ano 2001 no que supere o IPC previsto + 0,2 que se adicionará ó incremento que se pactase para o ano 2002.

Quinta.-O presente convenio é asinado, en conformidade co establecido nel, polas seguintes partes: a Asociación Empresarial de Aserradoiros de Madeira de Ourense, Comisións Obreiras (CC.OO.), Unión Xeral de Traballadores (UGT) e a Federación de Sindicatos Independentes (CSI-CSIF).

Disposición transitoria

Primeira.-En relación coa póliza de seguros as partes asinantes do presente convenio acordan fixar un incremento para os vindeiros dous anos de 500.000 ptas. cada ano en cada unha das partidas asinadas no artigo 19, segundo figuran no anexo II.

ANEXO I

CategoríaSalario inicialAntigüidadeSalario base totalComplemento

de asistencia

Salario total mensual

Peón76.5551.38077.9353.32181.256

Axudante76.5551.38077.9356.85984.794

Oficial 2ª76.5551.38077.9358.48186.416

Oficial 1ª76.5551.38077.9358.77586.710

Encargado76.5551.38077.9359.07087.005

Conductor76.5551.38077.9358.48186.416

Auxiliar administración76.5551.38077.9358.48186.416

ANEXO II

ConvenioMorteInv. totalInv. absolutaGran Inv.

2000-20013.500.0003.500.0003.750.0004.000.000

2001-20024.000.0004.000.0004.250.0004.500.000