Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 252 Venres, 31 de decembro de 1999 Páx. 15.412

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE POLÍTICA TERRITORIAL, OBRAS PÚBLICAS E VIVENDA

ORDE do 23 de decembro de 1999 pola que se desenvolve o Decreto 275/1999, do 14 de outubro, sobre axudas para reparación de edificios de vivendas de protección oficial de promoción pública.

O Decreto 275/1999, do 14 de outubro, constitúe o marco normativo polo que se regula a concesión de subvencións a reparación de vivendas de protección oficial de promoción pública adxudicadas en réxime de compravenda.

A súa disposición derradeira faculta ó conselleiro de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda para dictar, no marco da súa competencia, cantas disposicións sexan necesarias para o desenvolvemento e aplicación do referido decreto.

En uso da referida autorización,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Solicitudes.

Para os efectos do previsto no artigo 6 do Decreto 275/1999, do 14 de outubro, determínase:

1. Como modelos de solicitudes, os que figuran no anexo I desta disposición, achegando os seguintes documentos:

A. Relación de propietarios.

B. Copia compulsada do libro de actas onde se nomea ó presidente da comunidade de propietarios.

C. DNI do presidente.

D. Certificado expedido polo secretario da comunidade do acordo adoptado pola xunta de propietarios para a execución das obras.

E. Fotografías do edificio e das zonas que se van reparar.

F. Memoria xustificativa da necesidade das reparacións solicitadas, proposta de solución técnica asinada por un facultativo competente así como memoria valorada das actuacións solicitadas. Cando a solicitude comprenda diferentes tipos de actuacións a documentación sinalada neste punto deberá presentarse individualmente para cada unha delas.

G. Certificacións xustificativas de que a comunidade de propietarios está ó día nas obrigas fiscais e coa Seguridade Social, e certificación acreditativa de non ter contraída ningunha débeda, por ningún concepto, coa Xunta de Galicia.

H. CIF da comunidade de propietarios.

I. Certificado bancario onde se recolla o nº de conta e onde figure como titular a comunidade de propietarios.

J. Declaración do presidente da comunidade na que se sinalen tódalas solicitudes efectuadas ou concedidas, para o mesmo proxecto, polas distintas administracións públicas.

K. Outros documentos que, se é o caso, resulten necesarios como complemento da documentación anterior.

2. O prazo de presentación das solicitudes será de tres (3) meses desde a entrada en vigor desta orde.

Artigo 2º.-Baremo.

Para os efectos do disposto no artigo 7 do Decreto 275/1999, do 14 de outubro, establécese o seguinte baremo de puntuación:

1) Tipo de actuación:

-Adecuación estructural: 8 puntos.

-Adecuación funcional:

-Seguridade fronte a accidentes, sinistros, estabilidade de elementos de fachada: 7 puntos.

-Condicións de estanquidade fronte a choiva, humidade e illamento térmico: 6 puntos.

-Redes xerais de auga, gas, electricidade, telefonía, saneamento, calefacción e servicios xerais: 4 puntos.

-Supresión de barreiras arquitectónicas: 3 puntos.

2) Antigüidade da edificación desde a entrega das vivendas:

-Ata 20 anos: 1 punto.

-Máis de 20 anos: 2 puntos.

3) Repercusión da actuación por vivenda:

-Ata 400.000 ptas./vivenda: 2 puntos.

-Máis de 400.001 ptas./vivenda: 1 punto.

En calquera caso, cando non quede suficientemente acreditada a necesidade da reparación solicitada ou a idoneidade da solución técnica proposta, e así se desprenda dos informes elaborados polos servicios técnicos do IGVS, a dita solicitude xa non será obxecto de baremación.

Artigo 3º.-Resolución e inicio de obras.

Para os efectos do disposto no artigo 10 do Decreto 275/1999, do 14 de outubro, os beneficiarios daquelas actuacións seleccionadas presentarán no prazo de 45 días contados desde o día seguinte ó da recepción da resolución da aprobación provisional o proxecto de execución asinado por técnico competente.

O IGVS comprobará a adecuación do proxecto así como os prezos de cada unidade de obra tomando como referencia os establecidos no parágrafo segundo do artigo 3 do decreto.

Unha vez comprobada a adecuación do proxecto de execución comunicaráselle ó beneficiario, debendo presenta-la comunidade de propietarios no prazo de dous meses desde a recepción da dita comunicación, a licencia de obra con carta de pagamento, contrato de dirección de obra cun facultativo competente e contrato de obra debidamente asinado cunha empresa. O contrato de obra en ningún caso poderá supera-lo orzamento máximo fixado no proxecto.

Revisada toda a documentación, o director xeral do IGVS dictará a resolución pola que se aproba definitivamente e se autoriza o inicio das obras. Esta resolución recollerá o orzamento protexible, a contía concreta da subvención e o prazo de execución.

Artigo 4º.-Execución da obra.

As obras executaranse con estricta suxeición ó proxecto redactado e seguindo as instruccións, que en interpretación deste, dea o facultativo director das obras contratado para o efecto; se é o caso, deberánselle comunicar ó IGVS as modificacións introducidas no proxecto durante a execución das obras.

Artigo 5º.-Pagamento da subvención.

1. O pagamento das subvencións concedidas efectuarase unha vez rematadas as obras, trala presentación por parte da comunidade de propietarios do correspondente certificado fin de obra.

2. Non obstante, cando o importe da subvención supere a cifra de 5.000.000 de ptas. poderanse efectuar pagamentos parciais a conta da liquidación sempre que concorran os requisitos e as circunstancias seguintes:

a) Que a comunidade de propietarios o solicite.

b) Que se xustifiquen non só o investimento senón tamén os pagamentos efectuados ata ese momento con cargo ó proceso de investimento aprobado.

c) O importe que se pode satisfacer por pagamentos parciais non poderá exceder en ningún caso da anualidade prevista en cada exercicio orzamentario de que se trate, nin tampouco supera-lo 80% do total da subvención concedida.

d) Para a concesión de pagamentos parciais será necesario que o beneficiario da subvención acredite ter aplicado ó proceso investidor recursos propios na mesma proporción que representa o pagamento parcial respecto da subvención concedida.

e) Os pagamentos parciais quedan condicionados ó resultado da liquidación definitiva da subvención e para estes efectos estarán garantidos con aval bancario ou de entidade aseguradora que se considere suficiente e por tempo indefinido. Este aval estará a disposición do IGVS e soamente poderá levantarse unha vez que a subvención se liquide definitivamente de conformidade ou que se xustifique o cumprimento da finalidade e o pagamento do investimento para o que a subvención foi concedida. O dito aval garantirá o principal e os xuros calculados polo xuro legal do diñeiro e por un prazo que medie entre a data de solicitude e o último día no que, de acordo coas normas de concesión da subvención, esta debe estar xustificada.

No caso de que se autoricen os pagamentos parciais, a comunidade de propietarios presentará mensualmente as correspondentes certificacións de obra executada coa conformidade da dirección de obra.

En todo caso, o importe das primeiras certificacións de obra, ata acada-lo orzamento que debe ser asumido polos veciños, será aboado pola comunidade de propietarios, quen deberá presentar no IGVS os oportunos xustificantes de pagamento das ditas cantidades.

A partir dese momento, ata acada-los límites anteriormente establecidos, as certificacións seranlle aboadas polo IGVS á comunidade de propietarios quen deberá, inmediatamente, facer efectivo o pagamento á empresa contratada.

O importe restante da subvención librarase unha vez rematadas as obras, trala presentación por parte da comunidade de propietarios do certificado final de obra asinado polo técnico director, sinalando que estas foron executadas conforme o proxecto aprobado.

3. No caso de que as certificacións ás que se refire o punto G do artigo 1º desta orde non estean vixentes no momento do aboamento das certificacións de obra ou do seu remate, deberán ser actualizadas.

4. En todo caso, antes do derradeiro pagamento o presidente da comunidade deberá presentar unha declaración das axudas solicitadas -tanto as aprobadas ou concedidas como as pendentes de resolución- para este proxecto das distintas administracións públicas competentes ou calquera dos seus organismos, entes ou sociedades.

Artigo 6º.-Aplicación orzamentaria.

O expediente de gasto tramitarase conforme a orde da Consellería de Economía e Facenda do 11 de febreiro de 1998 reguladora da tramitación anticipada de expedientes de gasto e, de conformidade co establecido na devandita disposición, a aprobación provisional das subvencións queda condicionada á existencia de crédito adecuado e abondo para financia-las obrigas derivadas delas no exercicio correspondente.

Estas axudas financiaranse con cargo á aplicación orzamentaria 06.50.331 A.788. dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia destinándose para tal fin 100.000.000 de ptas. no ano 2000.

Disposición derradeira

Única.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 23 de decembro de 1999.

José Cuíña Crespo

Conselleiro de Política Territorial, Obras Públicas

e Vivenda