Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 251 Xoves, 30 de decembro de 1999 Páx. 15.307

IV. OPOSICIÓNS E CONCURSOS

SERVICIO GALEGO DE SAÚDE

RESOLUCIÓN do 21 de decembro de 1999, da División de Recursos Humanos, pola que se convocan as probas de aptitude para a habilitación profesional de protésicos dentais e a habilitación profesional de hixienistas dentais.

A orde da Consellería de Sanidade e Servicios Sociais do 16 de novembro de 1998 pola que se regula o procedemento e o prazo para solicita-lo certificado de habilitación profesional como protésico dental e hixienista dental (Diario Oficial de Galicia nº 238, do 10 de decembro) -pola que se dá cumprimento á orde do Ministerio da Presidencia do 14 de maio de 1997 pola que se desenvolve a disposición transitoria primeira do Real decreto 1594/1994, do 15 de xullo, en relación coas profesións de protésico dental e de hixienista dental-, faculta na súa disposición adicional segunda a esta división para, dentro do seu ámbito territorial, efectuar e resolve-la convocatoria das probas para a habilitación profesional de protésicos dentais e para a habilitación profesional de hixienistas dentais.

Por todo isto en cumprimento da citada orde,

RESOLVO:

Primeiro.-Convoca-las probas de aptitude para a habilitación profesional de protésicos e hixienistas dentais correspondentes a 1999.

Segundo.-Poderán tomar parte na proba de aptitude para a profesión correspondente aqueles profesionais que acrediten ter exercido a profesión correspondente nun período anterior ó día 9 de setembro de 1994 que non chegue a cinco anos.

Para estes efectos os interesados deberán dirixir a súa solicitude á División de Recursos Humanos do Sergas, axustada ó modelo que se insire como anexo I á presente resolución, no prazo dun mes contado desde a publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia, e poderán presentarse no rexistro da Consellería de Sanidade e Servicios Sociais, no das súas delegacións provinciais, e por calquera dos procedementos establecidos no artigo 38 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Para a acreditación do cumprimento dos servicios profesionais anteriormente citados, a solicitude deberá ir acompañada -a non ser que a totalidade da documentación que se solicita a continuación conste xa nesta División de Recursos Humanos por ter sido presentada con ocasión da publicación da orde da Consellería de Sanidade e Servicios Sociais do 16 de novembro de 1998- da seguinte documentación:

Boletíns de cotización á Seguridade Social ou de certificación das ditas cotizacións expedida pola correspondente entidade xestora, así como de calquera outra documentación debidamente compulsada que acredite o tempo de exercicio profesional e a data do seu inicio.

No caso dos hixienistas dentais, xuntarase certificación das funcións desempeñadas expedidas polo odontólogo ou estomatólogo correspondente. Cando o exercicio profesional se desenvolvese en centro sanitario de titularidade pública, na dita certificación deberá figura-lo visado do xerente ou director do centro. Se o exercicio se desenvolvera en clínica dental privada, a certificación deberá ser visada polo correspondente colexio de odontólogos ou estomatólogos.

Terceiro.-A superación desta proba habilitará para o exercicio profesional en iguais termos que o establecido no Real decreto 1594/1994.

Cuarto.-A proba estará dirixida a avalia-la competencia profesional dos interesados nos distintos módulos que se prevén no currículo formativo establecido nos reais decretos 541/1995 e 553/1995, articularase nun exame de contido eminentemente práctico, composto por unha proba tipo test e na realización dun traballo de laboratorio. De acordo coa lexislación vixente, a cualificación global da proba será apto ou non apto; para ser declarado apto os candidatos terán que superar cada unha das partes en que se organiza a proba, é dicir, tanto a parte teórica como a parte práctica. Tendo en conta que a cualificación mínima para obter apto é de 5 puntos e dado que a parte teórica ten un peso relativo do 30%, como mínimo débese obter unha cualificación cunha puntuación dun 1,5, e a parte práctica que ten un peso relativo do 70%, como mínimo débese obter unha cualificación cunha puntuación dun 3,5. No caso de que non se chege a esa puntuación, o resultado será non apto.

Quinto.-A proba teórica para os protésicos dentais organizarase nun exame de respostas múltiples (test), de 80 preguntas con 4 respostas cada unha, cunha duración de 3 horas. Só existirá unha resposta válida, penalizándose as respostas incorrectas coa puntuación negativa que resulte de aplicar un 25% da puntuación asignada á resposta correcta.

As preguntas tratarán sobre os seguintes bloques de coñecemento:

a) Características e usos dos materiais dentais.

b) Características e usos da maquinaria específica.

c) Hixiene e seguridade no traballo.

d) Garantía de calidade dos productos.

O traballo de laboratorio terá unha duración dunha xornada e media de traballo, debendo os interesados achega-lo instrumental e equipamento necesario para a súa realización.

O contido consistirá para cada interesado na realización de tres traballos (dous que se determinarán por sorteo entre os seguintes):

a) Prótese completa: equilibrado, montaxe e encerado.

b) Prótese fixa de catro elementos. Modelaxe e encerado.

c) Prótese parcial removible metálica. Modelaxe e encerado.

Un á escolla do interesado entre os seguintes:

a) Ortodoncia: deseño e realización dun aparello removible.

b) Implantoloxía: deseño e encerado dunha barra de implantes.

A determinación do contido concreto e avaliación da proba deben ser realizados por un tribunal nomeado pola División de Recursos Humanos e no que debe estar presente un protésico dental en representación das asociacións profesionais.

Sexto.-A proba teórica para os hixienistas dentais organizarase nun exame de respostas múltiples (test), de 80 preguntas con 4 respostas cada unha, cunha duración de 3 horas. Só existirá unha resposta válida, penalizándose as respostas incorrectas coa puntuación negativa que resulte de aplicar un 25% da puntuación asignada á resposta correcta.

As preguntas tratarán sobre os seguintes bloques de coñecemento:

a) Patoloxía xeral.

b) Patoloxía bucodental.

c) Bioloxía bucodental.

d) Prevención bucodental.

O exercicio de práctica profesional terá a duración dunha hora e consistirá na realización por cada interesado de catro actos profesionais, determinados polo tribunal entre as funcións relacionadas no artigo 11 do Real decreto 1594/1994.

A determinación do contido concreto e avaliación da proba deben ser realizados por un tribunal nomeado pola División de Recursos Humanos e no que debe estar presente un odontólogo ou estomatólogo en representación das asociacións profesionais.

Sétimo.-Os membros dos tribunais, a data e o lugar de celebración das probas de aptitude faranse públicas mediante anuncio publicado no Diario Oficial de Galicia.

Oitavo.-Contra a presente resolución, que non esgota a vía administrativa, poderá interpoñerse recurso de alzada ante o conselleiro de Sanidade e Servicios Sociais, no prazo dun mes contado a partir do día da publicación da presente resolución no Diario Oficial de Galicia, conforme o disposto no artigo 114 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, sen prexuízo de calquera outro que poidera interpoñerse.

Santiago de Compostela, 21 de decembro de 1999.

Valeriano Martínez García

Director xeral da División de Recursos Humanos

ANEXO I

Solicitude de participación nas probas de aptitude para a habilitación profesional de prótesicos e hixienistas dentais.

Apelidos..... nome.... DNI nº..... domicilio..... DP..... municipio..... teléfono.....

Expón:

Que, téndose convocado por Resolución do 21 de decembro de 1999, do director xeral da División de Recursos Humanos do Sergas (Diario Oficial de Galicia nº...... do.... de.... de 19...) as probas de aptitude para a habilitación profesional de protésicos dentais e hixienistas dentais, de conformidade co disosto no seu punto segundo.

Solicita:

Ser admitido para tomar parte na proba de aptitude para a habilitación profesional de:

qProtésico dentalqHixienista dental

Que para a acreditación dos requisitos esixidos se achega a seguinte documentación:

-Boletíns de cotización á Seguridade Social.

-Certificación de cotizacións expedida pola entidade xestora de exercicio profesional e a data do seu inicio.

-Calquera outra documentación que acredite o tempo de exercicio profesional e a data do seu inicio.

Só no caso dos hixienistas dentais:

-Certificación das funcións desempeñadas expedida polo odontólogo ou estomatólogo correspondente, visado polo xerente ou director do centro sanitario se é de titularidade pública. O visado será feito polo

correspondente colexio profesional se é un centro de titularidade privada.

En....., ..... de..... de 1999.

(Lugar, data e sinatura).

Director Xeral de Recursos Humanos do Servicio Galego de Saúde.