Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 251 Xoves, 30 de decembro de 1999 Páx. 15.291

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE FAMILIA E PROMOCIÓN DO EMPREGO, MULLER E XUVENTUDE

ORDE do 28 de decembro de 1999 pola que se establece o réxime dos incentivos á contratación por conta allea respecto dos contratos celebrados no último trimestre do ano 1999.

Na actual estructura orgánica da Xunta de Galicia, en virtude do disposto no Decreto 488/1997, do 26 de decembro, a convocatoria, xestión e control das axudas á contratación por conta allea, como instrumento da política activa de emprego, correspóndelle á Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude.

A Xunta de Galicia, a través da consellería con competencias en materia de emprego, vén convocando anualmente un marco de axudas á contratación por conta allea en atención a programas propios e a programas cofinanciados polo Fondo Social Europeo.

Nesta liña de actuación, e tendo en conta as directrices emanadas do Consello Europeo Extraordinario de Luxemburgo, e no marco dos acordos sobre medidas para o crecemento e o emprego en Galicia 1998-2001, asinados o 13 de xullo de 1998 pola Xunta de Galicia, a CEG, UGT-Galicia e o S.N. CC.OO. de Galicia, estableceuse un conxunto de medidas para o fomento da contratación por conta allea que teñen como finalidade facilita-la creación de emprego estable e de calidade, favorece-la competitividade das empresas e contribuír a facilita-la incorporación e permanencia no mercado laboral dos colectivos con especiais dificultades de inserción laboral, principalmente xoves, mulleres, parados de longa duración, e persoas con discapacidade.

Co obxecto de lles proporcionar a estes programas continuidade durante todo o ano e que non se produza unha ruptura na xestión deles por razón da temporalidade nos prazos de presentación das solicitudes, é conveniente articular unha norma ponte que recolla tódalas contratacións que se realizen no último trimestre do ano 1999 ás que se lles aplicarán as ordes de convocatoria que regulan os programas de fomento da contratación por conta allea para o ano 1999.

Estas ordes son: a do 8 de febreiro de 1999, pola que se establecen as bases reguladoras das axudas e subvencións á contratación indefinida de traballadores con discapacidade para o exercicio económico de 1999; a do 22 de marzo de 1999, pola que se regulan os programas de fomento da contratación por conta allea na Comunidade Autónoma de Galicia para o exercicio de 1999; a do 22 de marzo de 1999, pola que se regulan os programas de fomento da contratación en prácticas de xoves titulados e para a innovación tecnolóxica para o ano 1999; e a do 22 marzo de 1999, pola que se establecen as bases reguladoras do programa de incentivos á creación de emprego por reordenación do tempo de traballo na Comunidade Autónoma de Galicia.

Neste marco de actuación, esta orde ten por obxecto prorroga-la aplicación das ordes que establecen as bases reguladoras da concesión das axudas que integran os programas deseñados para a incentivación da contratación por conta allea.

De acordo co anterior e de conformidade co disposto no artigo 1.1º da orde da Consellería de Economía e Facenda do 11 de febreiro de 1998, pola que se regula a tramitación anticipada de expedientes de gasto, e ó existir crédito axeitado para o dito fin no proxecto de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma para o ano 2000, aprobado polo Consello da Xunta de Galicia o 15 de outubro de 1999, o financiamento das axudas previstas nesta orde relizarase con cargo ás aplicacións orzamentarias 14.04.241A.472.0, 14.04.241A.473.0 e 14.04.241B 475.0.

Por todo o exposto, consultado o Consello Galego de Relacións Laborais e no exercicio das facultades que me confire o artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu presidente,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Ámbito de aplicación e réxime das axudas.

1. As axudas e subvencións ás contratacións realizadas desde o 1 de outubro ata o 31 de decembro de 1999 rexeranse polas ordes que regulan os programas de fomento da contratación por conta allea para o dito exercicio.

2. As bases reguladoras dos ditos programas están contidas nas seguintes ordes:

a) Orde do 8 de febreiro de 1999 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas e subvencións á contratación indefinida de traballadores con discapacidade para o exercicio económico de 1999 (DOG nº 30, do 15-2-1999; correción de erros nº 54, do 18-3-1999).

b) Orde do 22 de marzo de 1999 pola que se regulan os programas de fomento da contratación por conta allea na Comunidade Autónoma de Galicia para o exercicio de 1999 (DOG nº 62, do 31-3-1999; correción de erros nº 81, do 29-4-1999):

I. Programa de fomento da contratación indefinida.

II. Programa de apoio á substitución de traballadores/as por causa de maternidade, adopción ou acollemento, ou en excedencia para o coidado de fillos.

III. Programa de axudas á contratación de traballadores de difícil reinserción no mercado laboral.

c) Orde do 22 de marzo pola que se regulan os programas de fomento da contratación en prácticas de xoves titulados e para a innovación tecnolóxica para o ano 1999 (DOG nº 62, do 31-3-1999; correción de erros nº 81, do 29-4-1999).

I. Programa de fomento dos contratos en prácticas.

II. Programa de apoio á contratación en prácticas relacionada con proxectos I+D.

III. Programa de axudas á transformación dos contratos en prácticas en indefinidos e á contratación indefinida inicial vinculada a proxectos I+D.

d) Orde do 22 marzo de 1999 pola que se establecen as bases reguladoras do programa de incentivos á creación de emprego por reordenación do tempo de traballo na Comunidade Autónoma de Galicia (DOG nº 62, 31-3-1999).

3. O prazo para a presentación de solicitudes das axudas previstas nesta orde finalizará o 29 de febreiro do ano 2000. As ditas solicitudes deberán presentarse nos modelos normalizados que figuran como anexo da correspondente orde e ir acompañadas da documentación que ten que achegarse segundo o sinalado na respectiva orde de convocatoria para cada un dos programas, xunto coa que se esixe para a xustificación do pagamento.

4. O prazo para resolve-las solicitudes presentadas ó abeiro desta orde será de tres meses computados desde a data de entrada da solicitude no rexistro do órgano competente para a súa tramitación. Transcorrido o dito prazo sen que recaese resolución expresa entenderase desestimada.

5. As solicitudes, tramitación e concesión destas axudas e subvencións axustaranse ó disposto no artigo 78 do texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, na Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia, no Decreto 377/1998, do 23 de decembro, nas respectivas ordes de regulación dos programas e nesta orde.

Artigo 2º.-Financiamento.

1. O financiamento para o ano 2000 das axudas e subvencións previstas nesta orde realizarase con cargo ós créditos das aplicacións orzamentarias 14.04.241A.472.0, ata un importe máximo de 100.000.000 de ptas., 14.04.241A.473.0, ata un importe máximo de 400.000.000 de ptas., e 14.04.241B.475.0, ata un importe máximo de 1.000.000.000 de ptas.

2. Para o caso de que existan remanentes destes fondos, logo de atender tódalas solicitudes que cumpran os requisitos e condicións esixidas, destinaranse ó financiamento dos programas de fomento do emprego para o ano 2000.

Disposición adicional

Única.-As solicitudes de axudas correspondentes ós distintos programas de fomento da contratación por conta allea relacionadas no artigo 1º.2 desta orde que non poideran ser atendidas no exercicio 1999 por falta de dispoñibilidade orzamentaria, e sempre que reuniran os requisitos e observaran os prazos establecidos na súa normativa reguladora poderán ser atendidas con cargo ós créditos orzamentarios que financian esta orde.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase o director xeral de Fomento do Emprego para que dicte, no ámbito das súas competencias, as resolucións e aclaracións necesarias para o desenvolvemento e cumprimento desta orde.

Segunda.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 28 de decembro de 1999.

Manuela López Besteiro

Conselleira de Familia e Promoción do Emprego,

Muller e Xuventude