Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 251 Xoves, 30 de decembro de 1999 Páx. 15.292

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE FAMILIA E PROMOCIÓN DO EMPREGO, MULLER E XUVENTUDE

ORDE do 28 de decembro de 1999 pola que se regulan as axudas e subvencións para o fomento do emprego, a través dos programas de cooperación con entidades locais, para o exercicio do ano 2000.

-Mediante o Decreto 289/1997, do 9 de outubro, esta Comunidade Autónoma asume as funcións e servicios transferidos pola Administración do Estado relativos á xestión realizada polo Instituto Nacional de Emprego no ámbito do traballo, o emprego e a formación e, polo Decreto 488/1997, do 26 de decembro, polo que se establece a estructura orgánica da Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude, atribúeselle a esta o exercicio das competencias e funcións, entre outras materias, no relativo ás políticas activas de emprego.

Así, correspóndelle, agora, a esta consellería a convocatoria, xestión e control das subvencións e axudas públicas da política de emprego xestionadas anteriormente polo Inem, entre as que están o programa de fomento do emprego no ámbito da colaboración coas entidades locais, cos órganos da Administración xeral do Estado e os seus organismos autónomos, comunidades autónomas, universidades e institucións sen ánimo de lucro, para a contratación de traballadores desempregados para a realización de obras ou servicios de interese social e xeral e o de contratación de axentes de emprego e desenvolvemento local.

Estas medidas de fomento do emprego público agrúpanse, xa no ámbito competencial da Administración autonómica, baixo a rúbrica de Programas de Cooperación, respectando, en todo caso, as liñas mestras dos programas estatais ou comunitarios dos que traen causa e, conceptual e orzamentariamente os acordos sobre medidas para o crecemento e o emprego en Galicia 1998-2001, rubricados pola Xunta de Galicia, polo sindicato nacional de Comisións Obreiras de Galicia, polo sindicato Unión Xeral de Traballadores de Galicia e pola Confederación de Empresarios de Galicia, o 13 de xullo de 1998.

A filosofía dos denominados programas de cooperación corresponde á necesidade de dar un tratamento global e coordinado ás liñas de fomento do emprego público ou institucional, desde unha perspectiva de dinamización e de xeración de novas actividades no medio rural, con repercusión no emprego e na creación de alternativas de ocupación laboral que, inicialmente impulsadas e subvencio

nadas pola Administración, sexan capaces de perdurar e de seren mantidas ben por outras instancias da Administración autonómica, ben polas propias entidades locais afectadas, ou ben, na medida do posible, pola propia iniciativa privada, a través do mantemento do emprego xerado pola vía do mantemento do servicio.

Nesta convocatoria recóllense aquelas liñas de axuda que, integradas nos anteditos programas, se dirixen ás entidades locais. Así a orde estructúrase en tres capítulos: un dedicado ás disposicións comúns, tales como solicitude, tramitación, resolución e pagamento; e outros dous dedicados a regula-las condicións particulares de cada un dos programas: obxecto, requisitos, seguimento, etc.

As directrices europeas sobre o emprego recollen a importancia da creación de postos de traballo a nivel local e esbozan unha estratexia de implicación de toda a sociedade nese empeño. Consecuentemente procede implantar un dispositivo que axude a promover iniciativas e articular mecanismos para que as administracións locais actúen como impulsoras do desenvolvemento local desde a perspectiva de que existen novos filóns de emprego non explotados susceptibles de xeraren novos postos de traballo e é no ámbito local onde se atopan as maiores posibilidades de detección e aproveitamento en beneficio do emprego.

Desde esta perspectiva faise necesario potencia-lo papel das entidades locais como motoras da creación de emprego e apoiar decididamente a constitución de pequenas e medianas empresas, dado que a súa existencia favorece un tecido empresarial máis estable, unha diversificación de actividades e, sobre todo, un crecemento económico sostido.

Por outra banda, deben terse presentes as directrices emanadas do Consello Europeo Extraordinario de Luxemburgo sobre o Emprego, relativas á mellora da capacidade de inserción profesional, ó desenvolvemento do espírito de empresa, ó fomento da capacidade de adaptación dos traballadores e das empresas e ó reforzamento da política de igualdade de oportunidades que deben materializarse cando se realice a selección das entidades beneficiarias e dos desempregados participantes en cada unha das accións concretas ás que esta dea lugar.

Noutra orde de cousas, esta convocatoria axústase ó disposto no Decreto 377/1998, do 23 de decembro, polo que se establece o réxime xeral das axudas e subvencións da Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude en materia de medidas activas de emprego, no texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia e, en concreto, no relativo ós principios de obxectividade, concorrencia e publicidade na concesión das axudas e subvencións e tramítase ó abeiro do disposto no artigo 1.1º da orde da Consellería de Economía e Facenda do 11 de febreiro de 1998, pola que se regula a tramitación anticipada de expedientes de gasto ó existir crédito axeitado e suficiente no proxecto de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma para o ano 2000, aprobado polo Consello da Xunta de Galicia o 15 de outubro de 1999.

De conformidade co previsto no citado texto refundido, o financiamento dos programas regulados nesta orde, entre outros, realizarase con cargo ós créditos que figuran na aplicación orzamentaria 14.04.241A.460.0 por un importe total de 2.477.408.000 ptas.

Os ditos créditos poderán ser obxecto de modificacións como consecuencia da asignación ou da redistribución de fondos para o financiamento dos programas de fomento do emprego, coas limitacións que se establezan pola Conferencia Sectorial de Asuntos Laborais ou polas disposicións aplicables ás axudas cofinanciadas polo Fondo Social Europeo, todo iso no marco dos acordos para o crecemento e o emprego en Galicia 1998-2001.

Consecuentemente con todo o anterior, consultado o Consello Galego de Relacións Laborais, logo do informe favorable da Asesoría Xurídica e da Intervención Delegada e en exercicio das facultades que me confire o artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora de Xunta e do seu presidente,

DISPOÑO:

Capítulo I

Disposicións comúns

Artigo 1º.-Finalidade.

Esta orde ten por finalidade a definición e regulación dos distintos programas de axudas da Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude que, baixo a rúbrica xeral de Programas de Cooperación, están destinadas ó financiamento de accións de fomento de emprego por parte das entidades locais ou entidades dependentes ou vinculadas a unha Administración local.

Artigo 2º.-Liñas de axuda.

Dentro dos programas de cooperación, a Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude subvencionará as entidades locais que contraten:

1. Traballadores desempregados para a realización de obras e servicios de interese xeral e social.

2. A prestación de servicios públicos con empresas creadas nos últimos tres anos que cumpran algún dos seguintes requisitos:

a) Que teñan a cualificación de iniciativas de emprego e que xerasen emprego estable para tres desempregados.

b) Que se trate de centros especiais de emprego.

c) Que se trate de empresas de economía social dirixidas e constituídas, preferentemente, por algún dos seguintes colectivos:

-Menores de 30 anos.

-Mulleres.

-Traballadores que, ata a súa incorporación á empresa, tiveran a condición de parados de longa duración.

-Traballadores que participasen nalgún obradoiro de emprego ou curso de formación ocupacional sobre a actividade que presta a empresa constituída.

As axudas previstas nesta orde financiaranse con cargo á aplicación orzamentaria 14.04.241A.460.0.

Artigo 3º.-Solicitudes.

1. As entidades locais que pretendan beneficiarse destas subvencións deberán formaliza-las correspondentes solicitudes, nos modelos que se publican como anexos a esta orde, de acordo co disposto no artigo 70 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, que estarán ó seu dispor nas oficinas de emprego e nas delegacións provinciais da Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude, subscritas polo titular ou representante legal da entidade local, debidamente acreditado, e deberá ir acompañada da documentación que para cada programa se especifica en cada un dos capítulos desta orde.

2. As solicitudes dirixiranse ás delegacións provinciais da Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude e presentaranse por calquera das formas previstas no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro.

3. O último día hábil do prazo para a presentación de solicitudes será o día 31 de xaneiro do ano 2000.

Artigo 4º.-Procedemento.

1. No suposto de que a solicitude non cumpra os requisitos en cada caso esixidos ou a documentación achegada contivese erros ou sexa insuficiente, a delegación provincial requirirá o solicitante para que, nun prazo de dez días, emende a falta ou achegue os documentos preceptivos, con indicación de que, se así non o fixese, se considerará que desistiu da súa petición, logo da correspondente resolución ó abeiro do disposto no artigo 71 da Lei 30/1992, do 26 de novembro.

2. Os expedientes, unha vez completos, remitiránselle á comisión de valoración para o seu estudio e proposta de resolución.

3. Para os efectos previstos nesta orde a comisión de valoración estará composta polo secretario provincial, que a presidirá, e serán vocais o xefe do Servicio de Fomento do Emprego e un xefe de sección del, actuando este último como secretario.

Artigo 5º.-Resolución.

1. Dentro dos seis meses seguintes á entrada da solicitude no rexistro do órgano competente para resolver, logo do informe da comisión de valoración e fiscalizada a proposta pola respectiva Intervención Territorial, o/a delegado/a provincial da Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude, dictará a resolución que proceda, que lles deberá ser notificada ós interesados. Transcorrido o devandito prazo sen que se dictara resolución expresa as solicitudes entenderanse desestimadas.

2. Contra as resolucións dos expedientes instruídos ó abeiro do disposto nesta orde poderá interpoñerse recurso de alzada ante a conselleira de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ó da súa notificación; tamén poderá interpoñerse calquera outro recurso que se considere pertinente ó dereito das entidades interesadas.

Artigo 6º.-Pagamento.

1. O aboamento da subvención farase efectivo unha vez cumprido o obxecto para o que foi concedida, o que se xustificará mediante a presentación da seguinte documentación:

a) Orixinais ou copias compulsadas dos contratos de traballo formalizados e debidamente rexistrados e dos partes de alta na Seguridade Social, no caso das axudas previstas no capítulo II.

b) Contrato administrativo de prestación de servicios públicos e copia compulsada do documento nacional de identidade dos socios traballadores, dos autónomos e, se é o caso, dos contratos debidamente rexistrados dos traballadores contratados por conta allea, no caso das axudas previstas no capítulo III.

c) A certificación prevista no artigo 13º.3 desta orde, relativa á selección e contratación de traballadores.

Así mesmo deberán presentar unha declaración do conxunto de tódalas solicitudes efectuadas ou concedidas para a mesma finalidade das distintas administracións públicas competentes.

2. A documentación xustificativa deberá remitírselle á respectiva delegación provincial no prazo dun mes desde o inicio da obra ou servicio, agás autorización expresa da súa ampliación por aquela.

Artigo 7º.-Obrigas dos beneficiarios das axudas e subvencións.

1. As entidades beneficiarias das axudas e subvencións previstas nesta orde virán obrigadas a:

a) Realiza-la actividade ou adopta-lo comportamento que fundamenta a concesión da subvención.

b) Acreditar ante a Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude a realización da actividade ou a adopción do comportamento, así como o cumprimento dos requisitos ou condicións que determinan a concesión ou desfrute da axuda.

c) O sometemento ás actuacións de comprobación e control que poida efectua-la Consellería de Familia e Promoción de Emprego, Muller e Xuventude e a Inspección de Traballo e Seguridade Social, ás de control financeiro que correspondan á Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, ás previstas na lexislación do Tribunal de Contas e do Consello de Contas e ás que lle poidan corresponder, se é o caso, á Comisión e ó Tribunal de Contas da Unión Europea.

d) Comunicarlle á Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude a solicitude e, se é o caso, a obtención doutras subvencións ou axudas para a mesma finalidade, procedentes de calquera outra Administración ou ente público nacional ou internacional, no momento da solicitude e no da xustificación previa ó pagamento.

e) Identificar convenientemente, para os efectos de difusión pública, as obras e servicios que se realicen.

f) Cumpri-las demais obrigas que se poidan derivar da normativa de desenvolvemento desta orde.

2. O incumprimento total ou parcial de calquera das obrigas, condicións ou finalidades establecidas nesta orde ou na normativa que a desenvolva, orixi

nará, á vista da natureza e causas do incumprimento, o reintegro total ou parcial das cantidades percibidas xunto cos xuros de demora, nas condicións e de conformidade co establecido no texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, sen prexuízo do establecido na Lei 8/1988, do 7 de abril, sobre infraccións e sancións na orde social.

Capítulo II

Das subvencións para a contratación de traballadores

desempregados para a realización de obras

ou servicios de interese xeral e social

Artigo 8º.-Obxecto.

1. Este programa ten por obxecto o fomento do emprego, no ámbito da colaboración coas entidades locais, a través da subvención da contratación de traballadores desempregados para a realización de obras ou servicios de interese xeral e social.

2. A subvención consistirá no financiamento dos custos salariais, nos termos establecidos no artigo 10º, dos traballadores contratados ó abeiro desta orde.

Artigo 9º.-Beneficiarios das subvencións.

Poderán ser beneficiarios da subvención as entidades locais ou entidades dependendentes ou vinculadas a unha Administración local que se obriguen á contratación de traballadores desempregados para a execución de obras ou a prestación de servicios de interese xeral e social e que dispoñan de capacidade técnica e de xestión suficientes para a execución do correspondente proxecto.

Artigo 10º.-Contía.

A contía da subvención que van percibi-las entidades locais será a necesaria para sufraga-los custos salariais totais, incluída a cotización empresarial á Seguridade Social por tódolos conceptos na mesma cantidade cá fixada para o salario segundo o convenio colectivo vixente, por cada traballador desempregado contratado.

A citada contía máxima reducirase proporcionalmente en función da xornada realizada, cando os contratos se concerten a tempo parcial.

Artigo 11º.-Requisitos e criterios para a selección das obras ou servicios.

1. As obras ou servicios que se van realizar deberán ser de interese xeral e social e competencia das entidades locais, incluídas aquelas que se realicen sobre bens inmobles que poñan a disposición da Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude e se refiran a:

a) Obras destinadas á construcción ou reparación de instalacións para poñelas a disposición dos titulares de iniciativas de emprego, durante 5 anos e mediante o pagamento reducido de alugueres.

b) Obras destinadas á construcción ou reparación de instalacións para poñelas a disposición dos promotores de iniciativas de emprego, para a posta en marcha das anteditas iniciativas.

c) Obras ou servicios de utilidade colectiva, tales como mellora da vivenda, vixilancia e seguridade, revalorización de espacios públicos urbanos, transportes colectivos, comercios de proximidade, así

como actividades que afecten a xestión de residuos, xestión de augas, protección e mantemento de zonas naturais así como aquelas que incidan, directa ou indirectamente, no control da enerxía.

d) Obras ou servicios que sirvan para complementar ou remata-los traballos dunha escola obradoiro.

e) Servicios de interese colectivo que teñan por finalidade dota-las entidades locais de grupos municipais de intervención rápida, consistentes nunha infraestructura básica e altamente operativa para dar resposta inmediata a situacións de emerxencia como incendios forestais ou urbanos, inundacións, nevadas ou calquera outra situación que implique un risco para as persoas ou bens.

f) Servicios de ocio ou culturais, tales como promoción do turismo, desenvolvemento cultural local, promoción do deporte e sector audiovisual.

g) Servicios personalizados de carácter cotián, tales como coidado de nenos, prestación de axuda a domicilio a persoas incapacitadas ou maiores, axuda a familias e xoves en dificultade e/ou con desarraigo social.

h) Servicios dirixidos ós xoves e tendentes a favorece-la súa participación social e laboral.

i) Aqueloutras obras ou servicios de recoñecido interese xeral ou social que poidan demandar ás entidades locais e que redunden en beneficio dos cidadáns.

2. Ademais, as obras ou servicios deberán cumpri-los seguintes requisitos:

a) Que sexan executados polas entidades locais en réxime de administración directa ou polas empresas ás que se adxudique a súa execución.

b) Que na súa execución ou prestación se favoreza a formación e práctica profesionais dos desempregados.

c) Que a porcentaxe mínima de traballadores desempregados que se vaian ocupar na realización da obra ou servicio sexa do 75 por 100.

d) Que as obras e servicios se poidan executar na súa totalidade dentro do ano natural do exercicio orzamentario no que se produce a colaboración, agás que por causas debidamente xustificadas, o órgano competente para resolver autorice que poidan quedar rematadas dentro dos tres primeiros meses do exercicio orzamentario seguinte.

e) Que a entidade local dispoña de asignación orzamentario suficiente para facerse cargo das partidas orzamentarias non subvencionadas para a realización das obras ou servicios, mediante certificación do órgano competente da entidade local.

3. De entre as obras e servicios que cumpran os anteditos requisitos farase unha selección co obxeto de outorgárlle-las correspondentes subvencións, dando preferencia:

a) Ós que teñan un ámbito de actuación superior ó municipal e impliquen, no seu deseño e execución, outras entidades locais do contorno, así como os actores sociais presentes no territorio.

b) Ós proxectos que fomenten a xeración de novas actividades ligadas ó territorio e á creación de novas alternativas de emprego e ocupación laboral.

c) Ós proxectos que na súa realización permitan e apoien a creación permanente de maior número de postos de traballo estables.

d) Ós proxectos que acrediten un maior nivel de inserción laboral, ben mediante a incorporación directa dos traballadores á entidade local á finalización do proxecto ou no prazo que se acorde entre a entidade beneficiaria e o órgano competente para resolver, ou calquera outra fórmula de previsión para a inserción laboral que, sendo obxectivable, este considere suficiente.

e) Ós proxectos que conten, se é o caso, co financiamento das entidades solicitantes para realizar accións complementarias que melloren a eficacia deste programa. Para estes efectos terase en conta o esforzo investidor para cada suposto.

f) As que se realicen, preferentemente, en períodos de baixo nivel de contratación, cando as obras ou servicios sexan executados nunha zona ou localidade con ciclos de emprego estacional.

g) Cando se trate de grupos municipais de intervención rápida, daráselles preferencia a aquelas solicitudes nas que as entidades locais se comprometan a financia-lo mantemento do servicio unha vez rematado o período de contratación financiado anualmente pola Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude.

4. En todo caso, terán prioridade os proxectos que veñan avalados por un acordo previo da entidade local cos axentes sociais e económicos.

Artigo 12º.-Requisitos e criterios para a selección dos traballadores.

1. Os traballadores que sexan contratados para a realización das obras e servicios e polos que se outorgue a subvención deberán ser desempregados inscritos no Servicio Público de Emprego de Galicia.

2. As entidades beneficiarias da subvención solicitarán os traballadores desempregados necesarios mediante a presentación de oferta de emprego no Servicio Público de Emprego de Galicia, nos modelos normalizados para o efecto, facendo referencia ós requisitos e características que deben reuni-los traballadores que se contrataran para o adecuado desempeño das funcións inherentes ós postos de traballo ofertados, debendo presentarse unha por cada categoría profesional dentro de cada ocupación.

A oferta, na súa formulación non poderá conter elementos que poidan servir de base para calquera tipo de discriminación que non responda ós criterios preferenciais establecidos no parágrafo seguinte.

3. Recibida a oferta realizarase unha sondaxe de demandantes en función das características dela, proporcionando, de ser posible, o número de candidatos por posto de traballo que solicite a entidade beneficiaria que en ningún caso poderá ser inferior a dous, de acordo cos seguintes criterios:

a) Maior adecuación ó posto de traballo ofertado.

b) Condición de discapacitado do demandante de emprego.

c) Nivel de protección por desemprego dos posibles beneficiarios.

d) Existencia de responsabilidades familiares, entendéndose por estas ter a cargo do traballador desempregado que se contrata o cónxuxe, fillos menores de vinteseis anos, maiores incapacitados ou menores acollidos.

e) Idade e condición de muller.

4. Cando as obras ou servicios que se vaian realizar sirvan para complementar ou remata-los traballos dunha escola obradoiro de duración inferior a 24 meses, daráselles preferencia ós traballadores desempregados que participasen naquela.

5. Os candidatos serán remitidos á entidade beneficiaria co fin de que esta realice a selección definitiva, que lle deberá ser notificada ó Servicio Público de Emprego de Galicia.

Artigo 13º.-Contratación dos traballadores.

1. Seleccionados os traballadores na forma prevista no artigo anterior, a entidade beneficiaria procederá á súa contratación nos termos expresados na solicitude en relación coa resolución de concesión das axudas.

2. Os contratos de traballo subscritos cos traballadores seleccionados rexistraranse na oficina de emprego correspondente coa indicación de Programas de Cooperación Xunta de Galicia-Entidades Locais; deberá incluírse, en cada contrato, o código reflectido na resolución de concesión das axudas.

3. A entidade beneficiaria remitiralle á delegación provincial, no prazo e xunto coa documentación prevista no artigo 6º desta orde, unha certificación na que consten os seguintes extremos:

a) A formulación da correspondente oferta de emprego no Servicio Público de Emprego de Galicia.

b) A relación nominal de traballadores desempregados facilitada polo Servicio Público de Emprego de Galicia.

c) A relación nominal dos traballadores seleccionados e contratados indicando, se é o caso, a súa condición de desempregado de longa duración, a súa participación en escolas obradoiro, casas de oficios, obradoiros de emprego ou en calquera outro programa de fomento do emprego.

Artigo 14º.-Documentación.

O modelo de solicitude das axudas e subvencións previstas neste capítulo, que se publica como anexo I a esta orde, deberá ir acompañado da seguinte documentación que se presentará por exemplar triplicado:

a) Certificación do secretario da entidade local na que consten os seguintes extremos:

1. A representación que ostenta a persoa que asina a solicitude.

2. A aprobación do proxecto da obra ou servicio para a que se solicita a subvención.

3. A disposición de financiamento para as partidas orzamentarias que sexan financiadas por aquela.

4. De conformidade co previsto no convenio colectivo que sexa de aplicación, as retribucións dos traballadores, en cómputo mensual, desagregadas por conceptos, incluída a parte proporcional das pagas extraordinarias e mailas cotizacións á Seguridade Social, no modelo que se publica como anexo IV.

b) Fotocopia compulsada da tarxeta de identificación fiscal da entidade local.

c) Se é o caso, proxecto global do conxunto dos plans de obras e servicios que se van realizar, no modelo que se publica como anexo II.

d) Unha memoria de cada obra ou servicio, no modelo que se publica como anexo III, acompañada do proxecto e planos cando o tipo de obra así o esixa.

e) Así mesmo, deberán presentar unha declaración do conxunto de tódalas solicitudes efectuadas ou concedidas para a mesma finalidade das distintas administracións públicas competentes.

Artigo 15º.-Inicio das obras ou servicios.

A obra ou servicio iniciarase no prazo de trinta días naturais, contados a partir da data de inicio prevista na resolución. Non obstante, cando concorran causas debidamente xustificadas, o delegado provincial da Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude poderá autoriza-lo inicio da obra ou servicio con posterioridade ó devandito prazo.

Artigo 16º.-Contido das resolucións.

A resolución que poña fin ó expediente de solicitude conterá, como mínimo, os seguintes elementos:

a) Denominación da obra ou servicio aprobado.

b) Denominación do proxecto global.

c) Duración e data de inicio.

d) Contía da subvención que se vai outorgar.

e) Categoría profesional dos traballadores que se van contratar, así como a modalidade contractual que se pretenda utilizar.

f) Localización xeográfica da realización da obra ou servicio.

g) Código que se vai incluír nos contratos para o seu posterior mecanización e rexistro para efectos estatísticos.

Artigo 17º.-Seguimento e publicidade.

1. No prazo dun mes desde o remate da obra ou servicio, a entidade local, remitiralle á respectiva delegación provincial un informe certificado de fin de obra ou servicio, no modelo normalizado que para o efecto estableza a Dirección Xeral de Fomento do Emprego.

2. Para efectos de difusión pública, no lugar onde se realicen as obras e servicios deberá figurar, de forma visible, cartel publicitario, en modelo normalizado, no que constará o cofinanciamento pola Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude da Xunta de Galicia e polo Fondo Social Europeo.

Capítulo III

Das subvencións para a contratación de servicios públicos con empresas cualificadas como iniciativas de emprego, con centros especiais de emprego ou con empresas de economía social constituídas por xoves ou por desempregados que participasen nalgún obradoiro de emprego ou curso de formación ocupacional ou por parados de longa duración ou por mulleres

Artigo 18º.-Obxecto.

1. Este programa ten por obxecto o fomento do emprego, no ámbito da colaboración coas entidades locais, a través da subvención da contratación por parte destas, da prestación de servicios públicos de interese xeral e social con empresas creadas nos últimos tres anos que cumpran algún dos seguintes requisitos:

a) Que teñan a cualificación de iniciativas de emprego e que xerasen emprego estable para tres desempregados.

b) Que se trate de centros especiais de emprego.

c) Que se trate de empresas de economía social dirixidas e constituídas, preferentemente, por algún dos seguintes colectivos:

-Menores de 30 anos.

-Mulleres.

-Traballadores que, ata a súa incorporación á empresa, tivesen a condición de parados de longa duración.

-Traballadores que participasen nalgún obradoiro de emprego ou curso de formación ocupacional sobre a actividade que presta a empresa constituída.

2. Para os efectos previstos nesta orde, entenderase por entidades de economía social das que se poderá subvenciona-la súa contratación as seguintes:

a) As cooperativas de traballo asociado e as sociedades laborais nas que alomenos a metade dos seus socios traballadores pertenzan a algún dos colectivos enumerados no artigo 18.1º c).

b) Os autónomos que, pertencendo a algún dos citados colectivos, teñan contratados, como mínimo, dous traballadores por conta allea, dos que alomenos un estea incluído nun destes colectivos.

Artigo 19º.-Beneficiarios.

Poderán ser beneficiarios da subvención as entidades locais ou entidades dependentes ou vinculadas a unha Administración local, que se obriguen á contratación ou á prórroga da contratación da prestación de servicios públicos de interese xeral e social coas entidades previstas no artigo anterior, sempre que:

a) A entidade local non rescindise ou non renovase nos tres anos inmediatamente anteriores un contrato co mesmo obxecto.

b) A duración mínima do contrato sexa igual ou superior a 6 meses.

c) Se respecte a lexislación vixente en materia de contratación administrativa das administracións públicas.

Artigo 20º.-Contía.

1. Con carácter xeral, a subvención consistirá no financiamento de ata o 80 por 100 do custo total da contratación do servicio co límite máximo de 1.500.000 ptas. por emprego estable creado, socio traballador ou traballador contratado.

2. Cando a contratación se realice con empresas dirixidas e constituídas, preferentemente, por xoves que participaran como alumnos nunha escola obradoiro ou casa de oficios subvencionada nos últimos tres anos pola Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude ou ben en obras

ou servicios de interese xeral e social realizados en virtude de calquera outro programa de fomento do emprego subvencionado nos últimos dous anos pola citada consellería, a subvención poderá financia-lo 100 por 100 do custo total da contratación do servicio, respectando o límite máximo anteriormente establecido.

3. Se a entidade local percibise algunha outra subvención para o mesmo concepto proveniente doutras administracións ou entes públicos ou privados, a cantidade resultante non poderá supera-lo 80 ou 100 por cento, segundo proceda, do custo total da contratación.

Artigo 21º.-Criterios para a selección dos contratos que se van subvencionar.

De entre as entidades solicitantes que reúnan os requisitos sinalados, farase unha selección co obxecto de outorgárlle-las correspondentes subvencións, dando preferencia:

a) Ós proxectos que, fomentando a xeración de novas actividades ligadas ó territorio e á creación de novas alternativas de emprego e ocupación laboral se realicen, preferentemente, nalgún dos seguintes subsectores:

1. Servicios de utilidade colectiva, tales como mellora da vivenda, vixilancia e seguridade, revalorización de espacios públicos urbanos, transportes colectivos, comercios de proximidade, así como actividades que afecten á xestión de residuos, xestión de augas, protección e mantemento de zonas naturais así como aquelas que incidan, directa ou indirectamente, no control da enerxía.

2. Servicios de ocio ou culturais, tales como promoción do turismo, desenvolvemento cultural local, promoción do deporte e sector audiovisual.

3. Servicios personalizados de carácter cotián, tales como coidado de nenos, prestación de axuda a domicilio a persoas incapacitadas ou maiores, axuda a familias e xoves en dificultade e/ou con desarraigo social.

4. Servicios dirixidos ós xoves e tendentes a favorece-la súa participación social e laboral.

b) Ós proxectos que na súa realización permitan e apoien a creación permanente de maior número de postos de traballo estables.

Artigo 22º.-Documentación.

O modelo de solicitude das axudas e subvencións previstas neste capítulo, que se publica como anexo I desta orde, deberá ir acompañado da seguinte documentación que se presentará por triplicado exemplar:

a) Certificación do secretario da entidade local na que consten os seguintes extremos:

1. A representación que desempeña a persoa que asina a solicitude.

2. O acordo de adxudicación provisional do contrato, cando este sexa preciso, a súa duración e o seu custo.

b) Fotocopia compulsada da tarxeta de identificación fiscal da entidade local.

c) Memoria explicativa da conveniencia da prestación dos servicios, no modelo que se publica como anexo V, que inclúa, ademais, os datos identificativos da empresa concesionaria ou centro especial de emprego.

e) Así mesmo, deberán presentar unha declaración do conxunto de tódalas solicitudes efectuadas ou concedidas para a mesma finalidade das distintas administracións públicas competentes.

Artigo 23º.-Prórroga da contratación.

1. As entidades locais ou entidades dependentes ou vinculadas a unha Administración local que percibisen no exercicio de 1999 a subvención prevista neste capítulo, poderán solicita-la correspondente prórroga.

2. Na resolución que, se é o caso, aprobe a concesión da prórroga terase en conta unicamente o cumprimento dos requisitos previstos no momento da concesión inicial e que non se poderá subvencionar unha mesma contratación durante máis de tres exercicios orzamentarios.

Artigo 24º.-Seguimento e publicidade.

1. No prazo dun mes desde o remate do contrato, a entidade local remitiralle á respectiva delegación provincial un informe pormenorizado dos servicios realizados pola empresa contratada, dos postos de traballo xerados, así como das perspectivas de continuidade dela.

2. Para efectos de difusión pública, nas accións que se realicen deberá figurar, de forma visible, cartel publicitario, en modelo normalizado, no que constará o cofinanciamento pola Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude da Xunta de Galicia e polo Fondo Social Europeo.

Disposicións adicionais

Primeira.-A concesión das axudas e subvencións previstas nesta orde estará suxeita á existencia de crédito orzamentario tendo como límite global o crédito asignado na aplicación 14.04.241 A.460.0 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2000 fixado na exposición de motivos desta disposición.

Segunda.-Se, por calquera causa, no momento no que a comisión de valoración teña que examina-las solicitudes, algún dos seus compoñentes non puidese asistir, será substituído pola persoa que para o efecto sexa designada polo respectivo delegado/a provincial.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Autorízase o director xeral de Fomento do Emprego para dictar, no ámbito das súas competencias, as resolucións e instruccións necesarias para o desenvolvemento e execución desta orde.

Segunda.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 28 de decembro de 1999.

Manuela López Besteiro

Conselleira de Familia e Promoción do Emprego,

Muller e Xuventude