Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 249 Martes, 28 de decembro de 1999 Páx. 15.151

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E RELACIÓNS LABORAIS

RESOLUCIÓN do 16 de novembro de 1999, da Delegación Provincial de Pontevedra, pola que se dispón o rexistro, depósito e publicación, no Diario Oficial de Galicia, do convenio colectivo do sector do transporte público de viaxeiros por estrada.

Visto o expediente do convenio colectivo para o sector do transporte público de viaxeiros por estrada, con nº de código 3602145, que tivo entrada nesta delegación provincial o día 11-11-1999, subscrito en representación da parte económica polas asociacións de empresarios de transporte dos servicios regulares e discrecionales de viaxeiros, e da parte social polas centrais sindicais CC.OO. e CIG, o 3-11-1999, de conformidade co disposto no artigo 90.2º e 3º, do Real decreto lexislativo 1/1995, do 24 de marzo, polo que se aproba o texto refundido da Lei do Estatuto dos traballadores, Real decreto 1040/1981, do 22 de maio, sobre rexistro e depósito de convenios colectivos de traballo e Real decreto 2412/1982, do 24 de xullo, sobre traspaso de funcións e servicios da Administración do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia en materia de traballo, esta delegación provincial

ACORDA:

Primeiro.-Ordena-la súa inscrición no libro de rexistro de convenios colectivos de traballo, existente nesta delegación provincial, e a notificación ás representacións económica e social da comisión negociadora.

Segundo.-Ordena-lo seu depósito no Servicio de Relacións Laborais, Sección de Mediación, Arbitraxe e Conciliación.

Terceiro.-Dispoñe-la súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Vigo, 16 de novembro de 1999.

Antonio Coello Bufill

Delegado provincial de Pontevedra

Convenio colectivo de traballo para o transporte público de viaxeiros por estrada da provincia de Pontevedra

Artigo 1º.-Ámbito de aplicación.

O presente convenio afecta a tódalas empresas de transporte público por estrada nas actividades de transporte regular e discrecional de viaxeiros, que radiquen na provincia de Pontevedra e que, aínda residindo fóra desta, teñan establecemento dentro dela no que respecta ó seu persoal.

Artigo 2º.-Duración e vixencia.

O presente convenio terá unha duración de 2 anos, contados desde o 1 de abril de 1999, rematando os seus efectos o 31 de marzo de 2001. Entrará

en vigor ós dez días da súa sinatura, aínda que os efectos económicos dos salarios pactados para o primeiro ano de vixencia do convenio se retrotraerán ó 1 de abril de 1999.

Entenderase prorrogado de ano en ano, agás denuncia de calquera das partes, con tres meses de anticipación, cando menos, á data do seu remate. Esta denuncia deberá facerse por escrito, dirixida á outra parte afectada polo convenio.

Artigo 3º.-Ámbito persoal.

As presentes normas obrigan a totalidade do persoal contratado pola empresa, tanto se realizan función técnica como manual, agás unicamente aquelas persoas que cita o artigo 2 do Estatuto dos traballadores.

Artigo 4º.-Compensación de mellores.

As condicións pactadas son compensables na súa totalidade coas que xa viñeran rexendo por mellora voluntaria concedida pola empresa.

Artigo 5º.-Absorción.

As melloras que por disposición legal ou regulamentariamente poidan establecerse no futuro serán absorbibles polos aumentos acordados no presente convenio, sempre e cando superen os beneficios que se concedan no seu conxunto.

Artigo 6º.-Situacións persoais.

Respectaranse as condicións persoais que con carácter de cómputo anual excedan destas normas estrictamente ad personam.

Como as melloras económicas que se implantan ó abeiro deste convenio teñen o carácter de mínimas no seu conxunto, subsistirán os pactos, cláusulas e situacións de feito establecidas por costume xeral ou de lugar, implantadas pola empresa que signifiquen condicións máis beneficiosas para os traballadores.

Artigo 7º.-Soldos e salarios.

O persoal afectado por este convenio, segundo as categorías, haberá de se rexer para o primeiro ano de vixencia, 1 de abril de 1999 ó 31 de marzo de 2000, pola táboa salarial anexa.

Para o segundo ano de vixenica, 1 de abril do 2000 ó 31 de marzo de 2001, a devandita táboa incrementarase no IPC previsto polo Goberno para o ano 2000 máis o 0,50%, agás para o persoal administrativo, de taller e conductores, que se rexerán polo disposto a seguir.

Para o segundo ano de vixencia, o persoal administrativo e de taller terá dereito a un aumento dos salarios base sinalados na táboa salarial anexa, nunha porcentaxe igual ó IPC previsto polo Goberno máis o 1%.

Por outra banda e tamén para o segundo ano de vixencia, os conductores terán dereito a un aumento de 3.000 pesetas brutas mensuais sobre o salario base fixado na táboa salarial anexa.

Artigo 8º.-Gratificacións extraordinarias.

As gratificacións extraordinarias do ano aboaranse na contía de trinta días e serán calculadas sobre a táboa salarial que corresponda, maila antigüidade, de se-lo caso. Denominaranse 25 de xullo, Nadal e marzo, e faranse efectivas antes do 22 de xullo, 22 de decembro e 15 de marzo respectivamente.

A gratificación extraordinaria de marzo, con independencia do seu aboamento, devengarase entre o 1 de xaneiro e o 31 de decembro de cada ano.

Artigo 9º.-Vacacións.

O período anual de vacacións será de 30 días naturais, que se desfrutarán e 1 ou 2 períodos. No caso de fraccionamento, será de 31 días naturais. En calquera caso, garántese que os devanditos períodos comprenderán 25 días hábiles, ou 26 días hábiles no caso de fraccionamento.

No caso de fraccionamento, un dos períodos non será inferior a 8 días naturais. Un deles desfrutarase preferentemente nos meses de verán. As datas de desfrute acordaranse entre empresario e traballadores.

O traballador terá dereito a que a retribución do período vacacional que lle corresponde se lle aboe antes do seu inicio.

Artigo 10º.-Traballos nocturnos.

As horas traballadas durante o período comprendido entre as 10 da noite e as 6 da mañá terán unha retribución específica acrecentada nun 25% sobre o salario base.

Exclúense do cobro do expresado complemento os traballadores que, coa categoría de serenos, gardas e vixilantes, así como coa de lavacoches e mecánico de taller (no límite nos 2 últimos casos de 1 cada 10 vehículos por empresa), fosen contratados, especificamente para traballar no período nocturno.

Tamén se exclúen do cobro deste complemento os demais traballadores que realicen traballos nocturnos cos que se pactaran condicións salariais máis favorables e/ou reducción de xornada laboral, na proporción antes dita.

Artigo 11º.-Conductores-perceptores.

O conductor-perceptor, cando desempeña ó tempo as funcións de conductor e cobrador, percibirá, ademais da remuneración correspondente á súa categoría, un complemento salarial polo posto de traballo igual ó 20% do seu salario base, por cada día no que se realicen ámbalas dúas funcións.

Artigo 12º.-Axudas de custo.

O persoal que saia da súa residencia por causas do servicio, terá dereito ó cobro dunha indemnización polos gastos que se lle orixinen, que recibirá o nome de axuda de custo.

No caso de non se trasladar en vehículo da empresa, terá dereito a que se lle aboe o importe do billete en segunda clase, con dereito a liteira, se a viaxe fose nocturna.

O importe das axudas de custo para o primeiro ano da vixencia do convenio será o que a continuación se reflicte:

1. Galicia: 4.548 pesetas axuda de custo completa, repartidas en 1.240 pesetas o xantar, 1.240 pesetas a cea e 2.068 pesetas a pernoita.

2. Territorio nacional e Portugal: 5.460 pesetas axuda de custo completa, repartidas en 1.489 pesetas o xantar, 1.489 pesetas a cea e 2.482 pesetas a pernoita.

3. Restantes países europeos: 10.008 pesetas axudas de custo completa, repartidas en 2.729 pesetas o xantar, 2.729 pesetas a cea e 4.550 pesetas a pernoita.

A empresa terá a facultade de asumi-lo pagamento do aloxamento e comida do traballador en substitución das axudas de custo.

Nos casos de destacamento, as axudas de custo establecidas no presente artigo sufrirán unha reducción do 33%, sen prexuízo da facultade que o precedente parágrafo lle recoñece á empresa.

Devengarán axudas de custo enteiras os que saian da súa residencia antes das 12 horas e regresen despois das 0 horas.

Percibirase a parte da axuda de custo correspondente á comida do mediodía, sempre que o traballador saia da súa residencia antes das 12 horas e regrese despois das 14 horas.

Cobraranse axudas de custo para a cea, cando a saída se faga antes das 20 horas e a chegada despois das 22 horas.

A pernoita correspóndelles ós que cheguen á residencia despois das 0 horas.

En viaxes superiores a 3 días de duración, o traballador terá dereito a unha axuda de custo adicional de 370 pesetas, que devengará a partir do 4º día.

Para o segundo ano de vixencia, as cantidades anteriores acrecentaranse no IPC previsto polo Goberno para o ano 2000 máis o 0,50%.

Artigo 13º.-Complemento de distancia.

Co fin de compensa-los gastos que se lles producen ós traballadores para se incorporaren ós seus postos de traballo habituais, dadas as características desta actividade, as empresas aboarán a cantidade de 95 ptas. por día efectivo de traballo.

Este complemento terá natureza extrasalarial e non cotizable á Seguridade Social, de acordo co establecido na lexislación vixente.

A cantidade anteriormente dita acrecentarase, para o segundo ano do convenio, no IPC previsto polo Goberno para o ano 2000 máis o 0,50%.

Artigo 14º.-Xornada de traballo.

A xornada semanal ordinaria de traballo será de 40 horas efectivas para todo o persoal, de acordo co Estatuto dos traballadores. A xornada anual ordi

naria será de 1.826 horas e 27 minutos de traballo efectivo. Cando a súa distribución a nivel de empresa supoña a superación das 40 horas semanais, o control e cómputo da xornada verificarase trimestralmente en termos de media. Cando por razóns obxectivas sexa necesario, as partes negociarán outros sistemas de cómputo e control, respectándose en todo caso o tempo máximo de xornada ordinaria anual anteriormente dita.

Para efectos de xornada, será de aplicación o disposto no Real decreto 1561/1996 e demais disposicións específicas para o sector de transportes.

Sen prexuízo da aplicación das normas nesta materia para o transporte por estrada, os conductores de vehículos de transporte regular de uso xeral e especial terán dereito, como norma xeral, a un descanso entre xornadas de 12 horas.

Excepcionalmente, o dito descanso poderá ser de 10 horas durante un máximo de 3 días á semana, compensándose as diferencias de menor número de horas de descanso na semana seguinte, engadíndoas ó descanso semanal correspondente.

Por outra banda, o traballador terá dereito como mínimo a unha hora para realiza-la comida do mediodía, no período comprendido entre as 12.30 e as 16.30 horas.

No caso de que por necesidade do servicio non fora posible realiza-lo xantar nese período, o traballador terá dereito a unha axuda de custo adicional de 340 pesetas.

A contía antes dita incrementarase para o segundo ano de vixencia do convenio, no IPC previsto polo Goberno para o ano 2000 máis o 0,50%.

Artigo 15º.-Traballos en domingos e festivos.

Os domingos e festivos, se por excepcional necesidade da empresa, o traballador non puidese desfrutar do seu descanso neses días, farao dentro da semana seguinte, sinalándose o día con anterioridade ou cobrarao co aumento do 75%.

Artigo 16º.-Horas extraordinarias estructurais.

Para os efectos do previsto no Real decreto 92/1983, e a Orde do 1 de marzo de 1983 do Ministerio de Traballo e Seguridade Social, sobre cotización adicional de horas extraordinarias estructurais, consideraranse como tales as que se realicen con ocasión de accidentes ou para solucionar necesidades urxentes e apremantes que veñan esixidas de inmediato polo servicio, as que obedecen a períodos punta de producción, ausencias imprevistas, trocos de quenda e outras circunstancias de carácter estructural derivadas da propia natureza da actividade de transportes.

Artigo 17º.-Caderno de control.

Todo o persoal, traballe ou non horas extraordinarias, será provisto dun caderno individual ou de ficha de control, no cal se irán anotando aquelas, así como as sucesivas liquidacións que se fagan.

Artigo 18º.-Licencias e permisos.

O traballador, logo de aviso e xustificación, poderá ausentarse do traballo, con dereito a remuneración, por algún dos motivos e polo tempo seguinte:

a) 15 días naturais no caso de matrimonio.

b) 3 días nos casos de nacemento de fillo, enfermidade grave ou morte de fillos ou cónxuxe. O traballador terá dereito a 1 día máis de licencia se con tal motivo tivera a necesidade de desprazarse a unha distancia mínima de 80 quilómetros, ida e volta, contados desde o núcleo do concello onde o traballador teña o seu domicilio.

No caso de falecemento de cónxuxe e fillos, o traballador terá dereito a un día máis.

c) 2 días nos casos de enfermidade grave ou morte dos demais parentes ata o segundo grao de consanguinidade ou afinidade.

d) 1 día por traslado do domicilio habitual.

e) Polo tempo indispensable, para o cumprimento dun deber inescusable de carácter público e persoal. Cando conste nunha norma legal ou convencional un período determinado, aplicarase o que esta dispón en canto á duración da ausencia e á súa compensación económica.

Cando o cumprimento do deber antes dito supoña a imposibilidade da prestación do traballo debido en máis do 20% das horas laborables nun período de tres meses, poderá a empresa pasa-lo traballador afectado á situación de excedencia regulada no número 1º do artigo 46 do Estatuto dos traballadores.

No suposto de que o traballador por cumprimento do deber ou desempeño do cargo perciba unha indemnización, descontarase o importe desta do salario a que tivera dereito na empresa.

f) Para realizar funcións sindicais ou de representación do persoal nos termos establecidos legal ou convencionalmente.

Artigo 19º.-Cesamentos.

Todo empregado terá dereito a rescindi-lo seu contrato de traballo, sen estar obrigado a alega-las causas da súa determinación.

Para iso, o persoal comunicará á dirección da empresa a data do seu cesamento, cunha anticipación mínima de 15 días, agás para o persoal non cualificado, para o cal o aviso será de 8 días.

Cando un traballador pretenda a rescisión do seu contrato, deberá seguir prestando os seus servicios mentres non transcorran os prazos sinalados no presente artigo.

O abandono do posto de traballo sen que transcorresen os prazos sinalados, será penalizado cunha sanción económica equivalente ó salario base dos días que falten desde o abandono do servicio ata a data na que, cumprido o trámite do aviso, lle correspondería o cesamento.

Artigo 20º.-Excedencias.

A excedencia poderá ser voluntaria ou forzosa. A forzosa, que dará dereito á conservación do posto de traballo e ó cómputo da antigüidade da súa vixencia, concederase pola designación ou elección para o cargo público que imposibilite a asistencia ó traballo. O reingreso deberá solicitarse dentro do mes seguinte ó cesamento no cargo público.

Así mesmo, poderán solicita-lo seu paso á situación de excedencia na empresa, os traballadores que exerzan funcións sindicais de ámbito provincial ou superior, mentres dure o exercicio do seu cargo representativo.

O traballador excedente conserva só o seu dereito preferente ó reingreso nas vacantes de igual ou semellante categoría á súa que houbera ou se produciran na empresa.

Artigo 21º.-Uniformes.

A empresa e o traballador cumprirán canto se refire á uniformidade, conforme o que se determine na vixente ordenanza laboral para as empresas de transportes por estrada.

Artigo 22º.-Roupa de traballo.

As empresas que dispoñan de taller facilitaranlle ó seu persoal calzado adecuado, tendo en conta para iso o traballo específico que o dito persoal desenvolva no taller.

Artigo 23º.-Seguro de accidente laboral.

A empresa contratará, totalmente pola súa conta, un seguro colectivo en favor dos seus traballadores, de 2.600.000 pesetas por cada un, de xeito que en caso de falecemento por accidente laboral ó servicio da empresa, a devandita cantidade sexa cobrada polo cónxuxe supérstite ou, no seu defecto, polos seus herdeiros legais.

Este seguro non constitúe unha substitución das obrigas da empresa en materia de Seguridade Social, senón un complemento desta.

A partir do 1 de agosto do ano 2000, o capital asegurado será de 2.800.000 ptas.

Artigo 24º.-Accidente de traballo e enfermidade.

Durante as situacións de incapacidade transitoria derivadas de accidente de traballo, as empresas completarán ata o importe íntegro do salario do convenio e por un máximo de 3 meses, contados desde a data da baixa, a prestación económica aboada pola Seguridade Social.

Se ocorrido o accidente de traballo se hospitalizase o traballador, as empresas deberán completar, durante a hospitalización e por un máximo de 6 meses, incluído o período de 3 meses dito no parágrafo anterior, a prestación económica da Seguridade Social ata o importe íntegro do salario do convenio.

Por outra banda, nas situacións de incapacidade transitoria derivadas de enfermidade común que motive hospitalización, as empresas completarán

durante a hospitalización e ata un máximo de 6 meses, a prestación económica da Seguridade Social ata o importe íntegro do salario do convenio.

Artigo 25º.-Retirada do carné de conducir.

No caso de que por resolución administrativa se produza a retirada do carné de conducir a un conductor por un período non superior a 6 meses, durante a vixencia do convenio e conducindo un vehículo da empresa para a que preste os seus servicios, esta comprométese a facilitarlle ó productor afectado o posto de traballo máis axeitado, de acordo coa súa categoría profesional.

Se a retirada do carné de conducir é por resolución xudicial firme, o período non será superior a 90 días.

Artigo 26º.-Pagamento de multas.

As multas por infraccións de tráfico imputables á culpa ou imprudencia do traballador serán aboadas por este. No caso de que a infracción non se deba á culpa ou imprudencia do traballador, as multas serán aboadas pola empresa.

Artigo 27º.-Obtención do carné escolar.

Cando un conductor, non contratado para realizar transporte escolar, sexa requirido pola empresa para obter, por primeira vez, a autorización administrativa correspondente para conducir vehículos dedicados a este tipo de transporte, a empresa estará obrigada a aboa-las taxas e demais gastos necesarios para a súa obtención perante os organismos competentes da Administración.

Artigo 28º.-Quebrantamento de moeda.

En concepto de quebrantamento de moeda, os conductores que realicen ó mesmo tempo labores de cobrador, polo menos 2 horas no día, percibirán a cantidade de 116 pesetas por cada día no que leven a cabo os ditos labores. Para o segundo ano de vixencia, a contía anterior incrementarase no IPC previsto polo Goberno para o ano 2000 máis o 0,50%.

Para calcula-lo mínimo de 2 horas antes dito, realizando servicios como cobrador, estas computaranse tendo en conta os horarios e tempos correspondentes ás expedicións autorizadas pola Xefatura Provincial de Transportes.

Artigo 29º.-Período de probas.

Poderá concertarse por escrito un período de probas que non poderá exceder de 4 meses para os mandos e encargados, e de 2 meses para os demais traballadores, cos efectos establecidos no Estatuto dos traballadores.

Artigo 30º.-Licencias sen soldo.

Os traballadores terán dereito a unha licencia de 1 día sen soldo, por necesidade debidamente xustificada de acompañar fillos menores de idade á consulta médica, ó non existir cónxuxe do traballador ou, no caso de separación ou divorcio, se o traballador tivera a custodia do fillo menor, ou cadre cos días de visita.

Artigo 31º.-Desprazamentos temporais.

Cando por razóns de servicio a empresa desprazase temporalmente os seus traballadores, por tempo superior a 3 meses, que esixa residencia en poboación distinta do seu domicilio habitual, os traballadores terán dereito a acumula-los medios días do descanso semanal non disfrutados, ata un total de seis días y medio, sendo por conta do empresario os gastos do desprazamento do traballador ata o seu domicilio para desfrutar do dito descanso.

No caso de o traballador retomar o seu domicilio antes de chegar a acumula-los seis días e medio de descanso, segundo o disposto no parágrafo anterior, terá dereito a desfruta-lo tempo acumulado de descansos a partir do 1º día do retorno.

Artigo 32º.-Xubilación forzosa.

Establécese a xubilación forzosa ós 65 anos de idade dos traballadores que cumpran cos requisitos esixidos para isto pola Seguridade Social.

Artigo 33º.-Xubilación anticipada.

As empresas e traballadores poderán pactar, logo da existencia de común acordo por ámbalas dúas partes, xubilacións anticipadas ós 64 anos, de conformidade co disposto no R.D. 1194/1985, do 17 de xullo, debendo as empresas substituílos simultaneamente ó seu cesamento por xubilación por outros traballadores nas condicións previstas no devandito real decreto.

Artigo 34º.-Xubilados e pensionistas.

Os xubilados, pensionistas de longa enfermidade, viúvas e orfos de menos de 18 anos dos traballadores falecidos en activo, das empresas de liñas regulares, terán dereito a viaxar nas liñas das súas respectivas empresas, como se o traballador estivese en activo.

Artigo 35º.-Comisión paritaria.

Para a interpretación e cumprimento das cláusulas deste convenio, e en xeral, para entender en cantas cuestións se deriven da súa aplicación, establécese unha comisión paritaria, integrada por un número igual de representantes económicos e das centrais sindicais asinantes do convenio, a razón dun membro por cada central sindical. A devandita comisión elixirá o presidente desta, que non poderá ser membro do devandito órgano.

Artigo 36º.-Indivisibilidade.

As condicións pactadas neste convenio forman un todo orgánico e indivisible e, para efectos da súa aplicación práctica, serán consideradas na súa totalidade.

Artigo 37º.-Categoría de azafata.

Nas táboas salariais anexas aparece como nova categoría profesional a de azafata.

Entenderase por tal aquela traballadora encargada de prestarlles asistencia ós viaxeiros naqueles servicios que así o requiran, por imposición legal ou por decisión da empresa, tanto por razóns de seguridade como de atención ó cliente.

Artigo 38º.-Complemento de circulación.

Co nome de complemento de circulación, créase un complemento de posto de traballo para as azafatas que desempeñen os labores ós que se refire o artigo anterior, por un importe de 211 ptas. por cada día no que efectivamente realicen tal cometido.

A devandita cantidade incrementarase no segundo ano de vixencia do convenio no IPC previsto polo Goberno para o ano 2000 máis o 0,50%.

Artigo 39º.-Lexislación subsidiaria.

En todo o non expresamente previsto neste convenio, observarase o disposto na lexislación vixente, así como na ordenanza laboral de transportes por estrada, aínda que esta sexa derrogada polo Goberno e ata a súa substitución por convenio colectivo.

Disposicións adicionais

Primeira.-As diferencias salariais debidas polas empresas como consecuencia da entrada en vigor deste convenio con posterioridade ós seus efectos económicos do 1 de abril, serán aboadas no prazo máximo de 60 días contado desde a súa entrada en vigor.

Segunda.-As partes asinantes do presente convenio son as seguintes:

En representación dos traballadores, as centrais sindicais CC.OO. e CIG.

En representación dos empresarios, as asociacións de empresarios de transportes regulares e discrecionais de viaxeiros.

Terceira.-As partes comprométense a constituí-la mesa negociadora do próximo convenio durante a primeira quincena do mes de febreiro do ano 2001.

Vigo, 22 de outubro de 1999.

ANEXO

Convenio colectivo de transporte público de

viaxeiros por estrada da provincia de Pontevedra

Táboa de salarios

(Vixencia 1-4-1999 ó 31-3-2000)

Pesetas

Grupo I. Persoal superior e técnicos

Subgrupo A)
I. Xefe de servicio148.575 mes
II. Inspector principal130.002 mes

Subgrupo B)
I. Enxeñeiros e licenciados136.386 mes
II. Enxeñeiros técnicos e Aux. titulados104.467 mes
III. Axudantes técnicos sanitarios95.186 mes

Grupo II. Persoal administrativo
I. Xefe de sección113.088 mes
II. Xefe de negociado105.011 mes
III. Oficial de primeira97.834 mes
IV. Oficial de segunda89.675 mes
V. Auxiliar administrativo85.059 mes

Pesetas

Grupo III. Persoal de movemento

Subgrupo A) Estacións ou administracións:

Sección 1ª. Persoal de estacións:

Clase 1ª
I. Xefe de estación de primeira112.209 mes
II. Xefe de estación de segunda107.045 mes

Clase 2ª
I. Xefe de administración de primeira112.209 mes
II. Xefe de administración de segunda107.045 mes

Clase 3ª
I. Xefe de administración en ruta101.888 mes
II. Vendedores/as de billetes87.272 mes
III. Factor87.272 mes
IV. Encargado de consigna87.272 mes
V. Repartidor de mercadorías2.897 día
VI. Mozo2.897 día

Subgrupo C) Transporte de viaxeiros en autobuses, microbuses e trolebuses interurbáns.

Subgrupo D) Transporte de viaxeiros en autobuses urbáns:

I. Xefe de tráfico de primeira112.209 mes
II. Xefe de tráfico de segunda107.045 mes
III. Xefe de tráfico de terceira101.888 mes
IV. Inspector3.225 día
V. Conductor3.190 día
VI. Conductor-perceptor3.190 día
VII. Cobrador2.733 día
VIII. Azafata87.959 mes

Grupo IV. Persoal de taller
I. Xefe de taller122.376 mes
II. Encargado ou contramestre104.805 mes
III. Encargado xeral102.384 mes
IV. Encargado de almacén98.437 mes
V. Xefe de equipo3.501 día
VI. Oficial de primeira3.364 día
VII. Oficial de segunda3.218 día
VIII. Oficial de terceira3.093 día
IX. Mozo de taller2.762 día
X. Traballadores en formaciónSalario mínimo

segundo idade

Grupo V. Persoal subalterno
I. Cobrador de facturas81.484 mes
II. Telefonista81.484 mes
III. Porteiro81.484 mes
IV. Vixilante81.484 mes
V. Limpadora (por horas)323 hora
VI. Botóns de 16 e 17 anosSalario mínimo

segundo idade