Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 249 Martes, 28 de decembro de 1999 Páx. 15.148

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE CULTURA, COMUNICACIÓN SOCIAL E TURISMO

ORDE do 25 de novembro de 1999 de subvencións para empresas privadas que realicen actividades de promoción e difusión dos camiños de Santiago no ano 2000.

Ás portas do novo milenio, o Camiño de Santiago, a gran rota cultural do occidente, declarado primeiro itinerario cultural europeo polo Consello de Europa, patrimonio cultural europeo pola Comunidade Europea e Patrimonio Universal da Humanidade pola Unesco, amósase como un elemento vertebrador e de cohesión no espacio común europeo de excepcional valor e vixencia en tódalas súas dimensións de intercambio de ideas e saberes, unidade da fe e ata de mestizaxe cultural en tódolos eidos.

A Administración autonómica, que leva xa tempo traballando na conservación e promoción dos valores deste proxecto espiritual e cultural, desexa continuar apoiando as ideas e as actividades nadas da iniciativa privada que redunden na promoción e difusión do Camiño, nunha estratexia conxunta que contribúa á súa proxección nacional e internacional.

Neste sentido, a Xunta de Galicia, a través da Xerencia de Promoción do Camiño de Santiago, no uso das competencias conferidas polo Decreto 8/1998, do 8 de xaneiro, que regulamenta o desenvolvemento da estructura orgánica da Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo, considera de interese a concesión de axudas ós empresarios que realicen actividades de difusión e promoción dos distintos camiños de Santiago.

Para a tal fin,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto.

A presente disposición ten por obxecto promocionar e incentivar, mediante a concesión de subvencións a fondo perdido, as empresas privadas que leven a cabo actividades de promoción e difusión dos camiños de Santiago.

Artigo 2º.-Partida orzamentaria.

O importe total do crédito destinado para esta convocatoria é de trinta millóns de pesetas e farase con cargo á aplicación orzamentaria 10.01.353-D.471.0 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2000. En todo caso, o gasto proxectado, que é compatible con outras posibles axudas, subvencións, ingresos ou recursos, suxeitarase á existencia de crédito adecuado e suficiente para tal fin nos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2000 e ó disposto na orde da Consellería de Economía e Facenda do 11 de febreiro de 1998.

Os remanentes do orzamento que resultasen de non realiza-las actividades subvencionadas destinaranse a outras actividades que o conselleiro de Cultura, Comunicación Social e Turismo considere axeitadas para a promoción dos distintos camiños.

Artigo 3º.-Beneficiarios.

Poderán solicita-las subvencións tódalas empresas privadas con forma xurídica societaria consonte o disposto na lexislación civil e mercantil que leven a cabo actividades que contribúan á promoción e difusión dos distintos camiños de Santiago.

Así mesmo, poderán solicitalas os profesionais ou empresarios individuais que estean dados de alta no imposto de actividades económicas e que realicen as anteditas actividades.

Quedan expresamente excluídas as asociacións, fundacións, comunidades de bens e calquera outra institución que non se atope nos supostos previstos nos parágrafos anteriores.

Artigo 4º.-Solicitudes de beneficios.

Os interesados enviarán as súas solicitudes no modelo oficial que figura ó final desta orde á Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo, Xerencia de Promoción do Camiño de Santiago, edificio administrativo San Caetano, bloque 3, 15771 Santiago de Compostela. Tamén poderán presentalas nas dependencias das delegacións provinciais da Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo. Todo isto de acordo co disposto no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común. En consecuencia, non serán admitidas solicitudes enviadas a través de fax, teléfono ou calquera dos medios que non figuren no artigo citado.

A instancia deberá ir acompañada da seguinte documentación:

a) Proposta explícita e detallada das actividades que se vaian realizar.

b) Breve descrición, se é o caso, das actividades realizadas nos anos anteriores en relación co Camiño de Santiago.

c) Orzamento das actividades.

d) Declaración xurada de estar ó día no cumprimento das obrigas tributarias e fronte á Seguridade Social e de non ter débedas coa Xunta de Galicia.

e) Declaración xurada de ter ou non solicitadas axudas para a mesma finalidade de calquera outra Administración ou ente público ou privado nacional ou internacional e, de se-lo caso, contías solicitadas.

f) Fotocopia da tarxeta do CIF ou, de se-lo caso, do NIF.

g) Fotocopia de alta no IAE.

No suposto de que, en calquera momento posterior á presentación da anterior instancia, os interesados soliciten as axudas ás que se refire a alínea e) deste artigo, será obrigatorio poñelo en coñecemento dos servicios técnicos da Xerencia de Promoción do Camiño de Santiago, dando conta da axuda solicitada, contía e Administración ou ente público ou privado ó que se dirixe.

Artigo 5º.-Prazo de presentación de solicitudes.

As solicitudes de subvención presentaranse no prazo de trinta días naturais desde a publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

Artigo 6º.-Beneficios.

As actividades poderán ser subvencionadas ata o esgotamento do crédito orzamentario previsto para o efecto.

A subvención farase efectiva sempre que, antes do 30 de setembro de 2000, se tivese rematado na súa totalidade á actividade especificada na solicitude a que se refire o artigo 4 e se tivese entregado a documentación completa que a seguir se relaciona:

a) Informe acreditativo de terse completado o obxecto da subvención xunto coas fotografías, notas de prensa e demais material que dea testemuño suficiente do seu cumprimento.

b) Facturas orixinais ou, de se-lo caso, fotocopia compulsada dos gastos realizados para o seu cumprimento.

c) Certificación bancaria actualizada orixinal e acreditativa de que a conta sinalada para o pagamento está a nome do beneficiario.

d) Certificación actualizada do cumprimento das obrigas tributarias e fronte á Seguridade Social.

e) Certificado actualizado de non ter débedas coa Xunta de Galicia.

f) Certificación actualizada da empresa de ter ou non recibidas axudas para a mesma finalidade de calquera outra Administración ou ente público ou privado nacional ou internacional e, de se-lo caso, contías recibidas.

Así mesmo, e sen prexuízo do anterior, no momento da xustificación da execución total do proxecto e, en calquera caso, antes do derradeiro pagamento, o beneficiario presentará unha declaración complementaria do conxunto das axudas solicitadas, tanto as aprobadas ou concedidas como as pendentes de resolución, para o mesmo proxecto subvencionado das distintas administracións públicas ou calquera dos seus organismos, entes ou sociedades.

Artigo 7º.-Tramitación.

As solicitudes serán tramitadas polos servicios técnicos da Xerencia de Promoción do Camiño de Santiago, con suxeición ó disposto na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada por Lei 4/1999, do 13 de xaneiro.

Artigo 8º.-Comisión de valoración.

Unha comisión de valoración creada para o efecto examinará e cualificará as solicitudes presentadas, tendo en conta os seguintes criterios:

a) Interese da actividade para a difusión, investigación e promoción dos distintos camiños de Santiago.

b) Orixinalidade da actividade que se vai realizar.

c) Contías económicas.

d) Cumprimento dos requisitos esixidos pola orde de convocatoria.

A comisión estará integrada por un presidente, tres vocais e un secretario.

-O presidente será o secretario xeral da Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo.

-Serán vocais o director xeral de Patrimonio Cultural, o director xeral de Promoción Cultural e a xerente de Promoción do Camiño de Santiago.

-Actuará como secretario un técnico da Xerencia de Promoción do Camiño de Santiago nomeado pola xerente.

Artigo 9º.-Resolución.

O prazo máximo de resolución previsto neste procedemento será de seis meses contados a partir do día seguinte ó derradeiro día para a presentación das solicitudes.

A comisión elevará a súa proposta motivada ó conselleiro, que resolverá a convocatoria. A resolución notificaráselles ós interesados segundo o establecido no artigo 59 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención e, en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión.

Artigo 10º.-Prazo de aceptación.

Os beneficiarios deberán confirma-la súa aceptación da subvención no prazo de 5 días desde a recepción da notificación da concesión da subvención, mediante escrito dirixido á Xerencia de Promoción do Camiño de Santiago, ou por calquera dos medios establecidos no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, comprometéndose a executa-lo proxecto ou a actividade subvencionada no prazo establecido.

Se, transcorrido o anterior prazo, non se confirmase a aceptación, entenderase que se renuncia á axuda e procederase, sen máis trámite, ó arquivo do expediente.

Artigo 11º.-Denegación da subvención.

A denegación da subvención será expresa e motivada e os interesados poderán interpoñer potestativamente contra a dita resolución denegatoria recurso de reposición, no prazo dun mes contado desde o día seguinte ó da súa notificación, ou ben presentar directamente recurso contencioso-administrativo no prazo de dous meses desde a mesma data perante a orde xurisdiccional contencioso-administrativa.

Malia o anterior, no suposto de non recaer resolución expresa dentro do prazo máximo previsto no artigo noveno desta orde, o sentido do silencio será negativo.

Artigo 12º.-Realización das actividades.

As actividades subvencionadas executaranse de estricta conformidade coa proposta recollida no artigo 4 desta orde e na súa realización deberá deixarse constancia de se tratar de actividades subvencionadas pola Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo, Xerencia de Promoción do Camiño de Santiago, e no caso de actividades que comporten difusión escrita, deberá ir en lugar e tamaño destacado o logotipo da Xunta de Galicia, Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo, Xerencia de Promoción do Camiño de Santiago e o anagrama do Xacobeo.

Artigo 13º.-Seguimento.

O conselleiro de Cultura, Comunicación Social e Turismo velará para que as actividades subvencionadas se realicen de conformidade co disposto no artigo anterior, podendo toma-las medidas que considere oportunas ó respecto.

En calquera caso, os beneficiarios deberán facilitar toda a información que lles sexa requirida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Tribunal de Contas e o Consello de Contas, no exercicio das funcións de fiscalización e control do destino das axudas.

Artigo 14º.-Perda da subvención.

Procederase ó reintegro total ou parcial e á esixencia dos xuros de demora, de conformidade coa vixente Lei de réxime orzamentario e financeiro de Galicia nos seguintes casos:

a) Incumprimento da obriga de xustificación.

b) Obtención da subvención sen reuni-los requisitos esixidos nas bases regulamentadoras para a súa concesión.

c) Incumprimento da finalidade para a que a subvención foi concedida.

d) Obtención de subvencións ou axudas doutras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, de xeito tal que exceda o custo da actividade desenvolvida.

Disposición derradeira

A presente orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 25 de novembro de 1999.

Jesús Pérez Varela

Conselleiro de Cultura, Comunicación

Social e Turismo