Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 249 Martes, 28 de decembro de 1999 Páx. 15.144

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE CULTURA, COMUNICACIÓN SOCIAL E TURISMO

ORDE do 24 de novembro de 1999 de subvencións ás entidades de promoción do Camiño de Santiago para o ano 2000.

O Camiño de Santiago, fenómeno histórico, relixioso e cultural de singular importancia foi, ó longo dos séculos, o punto de encontro de xentes de diversas procedencias. O interese que espertou o Camiño chega ata os nosos días e, para potencialo, a Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo creou, mediante o Decreto 224/1994, do 2 de xuño, o Rexistro de Entidades de Promoción do Camiño de Santiago co obxecto de levar a cabo actuacións conxuntas e facilitar información recíproca entre as distintas entidades interesadas polo tema do Camiño.

O artigo 4 do citado decreto establece que as entidades inscritas poderán solicita-las subvencións que regulamentariamente se determinen. Neste sentido, a Xerencia de Promoción do Camiño de Santiago, no uso das competencias outorgadas polo Decreto 8/1998, do 8 de xaneiro, que regula o desenvolvemento da estructura orgánica da Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo, considera necesaria a concesión de axudas ás entidades que realicen actividades de difusión, investigación ou promoción dos camiños de Santiago.

Para tal fin

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto.

A presente disposición ten por obxecto promocionar e incentivar, mediante a concesión de subvencións a fondo perdido, ás entidades que realicen actividades de difusión, investigación, promoción ou calquera outras que repercuta directa ou indirectamente nos camiños de Santiago en Galicia.

Artigo 2º.-Partida orzamentaria.

O importe total do crédito destinado para esta convocatoria é de vintecinco millóns de pesetas, e farase con cargo á aplicación orzamentaria 10.01.353-D.481.0 dos oramentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2000. En todo caso, o gasto proxectado, que é compatible con outras posibles axudas, subvencións, ingresos ou recursos, suxeitarase á existencia de crédito adecuado e suficiente para tal fin nos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2000, e ó disposto na orde da Consellería de Economía e Facenda de 11 de febreiro de 1998.

No caso de resultaren remanentes do orzamento por non realizarse as actividades subvencionadas, o conselleiro de Cultura, Comunicación Social e Turismo poderá destina-las ditas cantidades a outras actividades que considere axeitadas para a promoción do Camiño de Santiago.

Artigo 3º.-Beneficiarios.

Poderán solicita-las subvencións as asociacións, fundacións e institucións que cumpran os seguintes requisitos:

a) Estaren inscritas no Rexistro de Entidades de Promoción do Camiño de Santiago.

b) Presentaren un proxecto detallado das actividades descritas no artigo 1.

Artigo 4º.-Solicitude de beneficios.

Os interesados enviarán as súas solicitudes, no modelo oficial que figura ó final desta orde, á Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo, Xerencia de Promoción do Camiño de Santiago, edificio administrativo San Caetano, bloque 3, 15771, Santiago de Compostela. Tamén poderán presentalas nas dependencias das delegacións provinciais da Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo, todo isto de acordo co disposto no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común. En consecuencia, non serán admitidas solicitudes enviadas a través de fax, teléfono ou calquera dos medios que non figuren no artigo citado.

A instancia deberá ir acompañada da seguinte documentación:

a) Número de inscrición no Rexistro de Entidades de Promoción do Camiño de Santiago.

b) Proposta explícita e detallada das actividades que solicitan ser subvencionadas.

c) Breve memoria e orzamento das actividades.

d) Fotocopia do CIF.

e) Breve relación das actividades realizadas durante o ano anterior (máximo 6 páxinas).

f) Declaración xurada de ter ou non solicitado axudas para a mesma finalidade de calquera outra Administración ou ente público ou privado nacional ou internacional e, de se-lo caso, contías solicitadas.

No suposto de que, en calquera momento posterior á anterior instancia, os interesados soliciten as axudas ás que se refire a alínea e) deste artigo, será obrigatorio poñelo en coñecemento dos servicios técnicos da Xerencia de Promoción do Camiño de Santiago, dando conta da axuda solicitada, contía e administración ou ente ó que se dirixe.

Artigo 5º.-Prazo de presentación de solicitudes.

As solicitudes de subvención presentaranse no prazo de trinta días naturais desde a publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

Artigo 6º.-Beneficios.

As actuacións destas entidades poderán ser subvencionadas coa cantidade máxima de 750.000 pesetas por beneficiario, para as actividades de difusión

escrita, investigación, infraestructuras no Camiño, xornadas, seminarios, etc., ata o remate do crédito orzamentario previsto para o efecto.

A subvención farase efectiva sempre que, antes do 30 de setembro de 2000, se tivese rematado na súa totalidade a actividade especificada na solicitude a que se refiere o artigo 4º e se tivese entregado a documentación completa que a seguir se relaciona:

a) Informe acreditativo de terse completado o obxecto da subvención xunto coas fotografías, notas de prensa e demais material que dea testemuño suficiente do seu cumprimento.

b) Facturas orixinais ou, no seu caso, fotocopias compulsadas dos gastos realizados para o cumprimento da actividade subvencionada.

c) Certificación bancaria actualizada orixinal e acreditativa de que a conta sinalada corresponde á asociación.

d) Certificación ou declaración xurada actualizada da entidade de ter ou non recibido axudas para a mesma finalidade de calquera outra Administración ou ente público ou privado nacional ou internacional, e, de se-lo caso, contías recibidas.

Así mesmo, e sen prexuízo do anterior, no momento da xustificación da execución total do proxecto e, en calquera caso, antes do derradeiro pagamento, o beneficiario presentará unha declaración complementaria do conxunto das axudas solicitadas, tanto as aprobadas ou concedidas como as pendentes de resolución, para o mesmo proxecto subvencionado das distintas administracións públicas ou calquera dos seus organismos, entes ou sociedades.

Artigo 7º.-Tramitación.

As solicitudes serán tramitadas polos servicios técnicos da Xerencia de Promoción do Camiño de Santiago, con suxeición ó disposto na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada por Lei 4/1999, do 13 de xaneiro.

Artigo 8º.-Comisión de valoración.

Unha comisión de valoración creada para o efecto, examinará e cualificará as solicitudes presentadas tendo en conta os seguintes criterios:

a) Interese da actividade para a difusión, investigación e promoción dos camiños de Santiago en Galicia.

b) Orixinalidade da actividade que se vai realizar.

c) Contías económicas.

d) Cumprimento dos requisitos esixidos pola orde de convocatoria.

A comisión estará integrada por un presidente, tres vocais e un secretario.

-O presidente será o secretario xeral da Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo.

-Serán vocais, o director xeral de Patrimonio Cultural, o director xeral de Promoción Cultural, e a xerente de Promoción do Camiño de Santiago.

-Actuará como secretario un técnico da Xerencia de Promoción do Camiño de Santiago nomeado pola xerente.

Artigo 9º.-Resolución.

O prazo máximo de resolución previsto neste procedemento será de seis meses a partir do día seguinte ó derradeiro día para a presentación das solicitudes.

A comisión elevará a súa proposta motivada ó conselleiro, que resolverá a convocatoria. A resolución notificaráselles ós interesados segundo o establecido no artigo 59 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada por Lei 4/99 do 13 de xaneiro.

Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención e, en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión.

Artigo 10º.-Prazo de aceptación.

Os beneficiarios deberán confirma-la súa aceptación da subvención no prazo de 5 días desde a recepción da notificación da concesión da subvención, mediante escrito dirixido á Xerencia de Promoción do Camiño de Santiago, ou por calquera dos medios establecidos no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, comprometéndose a executa-lo proxecto ou actividade subvencionada no prazo establecido.

Se, transcorrido o anterior prazo, non se confirmase a aceptación, entenderase que se renuncia á axuda e procederase, sen máis trámite, ó arquivo do expediente.

Artigo 11º.-Denegación da subvención.

A denegación da subvención será expresa e motivada e o interesado poderá interpoñer potestativamente contra a resolución denegatoria recurso de reposición no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ó da súa notificación, ou presentar directamente recurso contencioso-administrativo no prazo de dous meses desde a mesma data perante a orde xurisdiccional contencioso-administrativa.

Malia o anterior, no suposto de non recaer resolución expresa dentro do prazo máximo previsto no

artigo 9º desta orde, o sentido do silencio será negativo.

Artigo 12º.-Realización das actividades.

As actividades subvencionadas levaranse a cabo con estricta conformidade coa proposta recollida no artigo 5º desta orde e na súa realización deberase deixar constancia de se tratar de actividades subvencionadas pola Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo, Xerencia de Promoción do Camiño de Santiago e, no caso de actividades que comporten difusión escrita, deberá ir en lugar e tamaño destacado o logotipo da Xunta de Galicia, Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo, Xerencia de Promoción do Camiño de Santiago, e o anagrama do Xacobeo.

Artigo 13º.-Seguimento.

O conselleiro de Cultura, Comunicación Social e Turismo velará para que as actividades obxecto da subvención se realicen de conformidade co disposto no artigo anterior, podendo toma-las medidas que coide oportunas ó respecto.

En calquera caso, os beneficiarios deberán facilitar toda a información que lles sexa requirida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Tribunal de Contas e o Consello de Contas, no exercicio das funcións de fiscalización e control do destino das axudas.

Artigo 14º.-Perda da subvención.

Procederase ó reintegro total ou parcial e á esixencia dos xuros de demora, de conformidade co Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aprobou o texto refundido da Lei de rexime orzamentario e financeiro de Galicia nos seguintes casos:

a) Incumprimento da obriga de xustificación.

b) Obtención da subvención sen reuni-los requisitos esixidos nas bases regulamentadoras para a súa concesión.

c) Incumprimento da finalidade para a que a subvención foi concedida.

d) Obtención de subvencións ou axudas doutras administracións ou entes públicos ou privados nacionais ou internacionais, de xeito tal que exceda o custo da actividade desenvolvida.

Disposición derradeira

A presente orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 24 de novembro de 1999.

Jesús Pérez Varela

Conselleiro de Cultura, Comunicación

Social e Turismo