Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 248 Luns, 27 de decembro de 1999 Páx. 15.113

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE ECONOMÍA E FACENDA

CIRCULAR do 9 de decembro de 1999 pola que se dictan normas relativas á documentación que se lle debe render ó Consello de Contas.

O procedemento de remisión periódica de información ó Consello de Contas establecido polo artigo 22 da Orde do 1 de decembro de 1989, da Consellería de Economía e Facenda, vénse aplicando desde a súa entrada en vigor ata a data. No dito procedemento prevese a obriga da Administración de remitir con carácter trimestral unha serie de documentación xustificativa.

A medida que a actuación da Administración foi crecendo, o volume da documentación xustificativa desta foise incrementando, chegando a xerar un serio problema para o arquivo e conservación de tOda a documentación por parte do Consello de Contas.

Por outra parte, o desenvolvemento alcanzado nestes últimos anos polas tecnoloxías da información favorece a creación dun novo procedemento que, mediante a utilización das ditas tecnoloxías na rendición de contas pola Administración autonómica, lle permita realizar ó Consello de Contas unha actividade de control máis áxil, rápida e eficiente, favorecendo o labor fiscalizador propio deste órgano.

Co obxectivo de facer fronte a esta situación, o Consello de Contas formulou a posibilidade de modifica-la forma na que se subministraba a información, propoñendo a substitución no posible da documentación en papel por información en soporte informático.

A iniciativa do Consello de Contas foi recollida pola Consellería de Economía e Facenda, e como consecuencia disto, dictouse a Orde de 23 de novembro de 1999 pola que se modifica o artigo 22 da Orde do 1 de decembro de 1989, fixando un novo procedemento para a remisión da información ó Consello de Contas. Neste novo procedemento substitúese a entrega de documentación pola obriga de conserva-la documentación nas dependencias da Administración á disposición do Consello de Contas e de remitir información en soporte informático.

Co obxecto de adapta-la actividade dos órganos administrativos involucrados ó novo procedemento, a Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, no

exercicio das competencias que lle atribúe o artigo 111 b) da Lei 11/1992, de réxime financeiro e presupostario de Galicia, dicta as seguintes

Normas

Primeira.-A Subdirección Xeral de Contabilidade elaborará no mes seguinte á finalización de cada trimestre natural unha relación das operacións realizadas pola Administración durante o trimestre.

A dita relación remitiráselle ó Consello de Contas en soporte informático antes da finalización do mes. A información correspondente ó último trimestre do exercicio deberase remitir antes do 31 de marzo do exercicio seguinte.

Segunda.-A información será elaborada de maneira que quede garantido o seu posible tratamento informático polo Consello de Contas.

Nela estarán incluídos, como mínimo, os datos seguintes:

-Número de referencia.

-Número de operación.

-Código de operación.

-Data contable.

-Descrición da operación.

-Aplicación orzamentaria.

-Proxecto.

-Modalidade de financiamento.

-Importe da operación.

-Código de desconto.

-Importe do desconto.

-Tipo de pagamento.

-Terceiro afectado.

-Número de identificación fiscal (NIF) do terceiro afectado.

-Endosatario.

Terceira.-A documentación ou xustificación que se lle xunte ós documentos contables nos expedientes de gasto e en calquera das súas fases de execución, con excepción da que corresponda a nóminas de persoal e contas xustificativas de pagamentos para xustificar, deberá remitila por cada centro xestor á correspondente intervención por duplicado.

Unha vez concluídas as actuacións que en cada caso deban desenvolverse nas intervencións, devolveráselle un exemplar dos expedientes ó órgano xestor correspondente para o seu arquivo.

Os expedientes orixinais serán arquivados polo órgano xestor e permanecerán á disposición do Consello de Contas, de conformidade co establecido no artigo 47 do Regulamento de réxime interior do Consello de Contas de Galicia e no artigo 22.dous da

Orde do 1 de decembro de 1989, da Consellería de Economía e Facenda, modificado pola Orde do 23 de novembro de 1999 da dita consellería.

As intervencións arquivarán un exemplar dos expedientes ordenados polo número de referencia e iránselle engadindo a cada un as sucesivas fases de execución, de forma que o expediente conteña a totalidade de documentos e fases orixinadas.

Dos expedientes de pagamentos para xustificar as intervencións conservarán un exemplar cotexado dos documentos contables e da relación dos xustificantes que compoñen cada unha das contas xustificativas dos ditos pagamentos. Outro exemplar da relación será remitido xunto cos xustificantes á secretaría correspondente, que procederá ó seu arquivo para efectos do disposto no parágrafo terceiro desta norma.

Dos expedientes de nóminas de persoal as intervencións conservarán un exemplar cotexado dos documentos contables, da relación de perceptores e da relación de aplicacións ás que se imputa o gasto. Outro exemplar de cada documento remitirase á secretaría correspondente xunto coa documentación xustificativa da nómina para o seu arquivo, para efectos do disposto no parágrafo terceiro da presente norma.

Nos expedientes de subvencións, cando o elevado número de perceptores así o esixa, as intervencións poderán substituí-las copias da documentación xustificativa da cada un dos perceptores por unha relación detallada na que figure a identificación e as cantidades percibidas por todos e cada un dos perceptores da subvención. Os documentos xustificantes correspondentes permanecerán en poder do órgano xestor para efectos do disposto no parágrafo terceiro da presente norma.

Cuarta.-As normas que se dictan nesta circular entrarán en vigor o 1 de xaneiro de 2000, e aplicaranse á documentación xustificativa das operacións que realice a Administración a partir da dita data.

As intervencións delegadas deixarán de elabora-las remesas que ata a data se viñan confeccionando para o seu envío trimestral ó Consello de Contas.

A xustificación das operacións correspondentes ó cuarto trimestre de 1999 rexerase polo establecido na circular do 28 de outubro de 1993, da Intervención Xeral da Comunidade Autónoma. Para tal efecto as intervencións delegadas prepararán durante o mes de xaneiro as remesas comprensivas da documentación correspondente ó cuarto trimestre de 1999 para a súa remisión ó Consello de Contas.

Quinta.-Sen prexuízo do establecido na norma cuarta desta circular, queda sen efecto a circular do 28 de outubro de 1993, da Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, referente ás instruccións

sobre a remisión ó Consello de Contas de Galicia dos documentos contables e os seus xustificantes tramitados polos centros xestores do orzamento de gastos.

Santiago de Compostela, 9 de decembro de 1999.

Fernando Soler Pareja

Interventor xeral da Comunidade Autónoma