Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 248 Luns, 27 de decembro de 1999 Páx. 15.111

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE ECONOMÍA E FACENDA

ORDE do 17 de decembro de 1999 pola que se desenvolve o número 5º do artigo 2 do Decreto 284/1994 e se fixa a achega do Instituto Galego de Promoción Económica ás sociedades de garantía recíproca domiciliadas en Galicia.

En liña cos obxectivos marcados polos acordos sobre medidas para o crecemento e o emprego en

Galicia 1998-2001, subscritos entre a Xunta de Galicia e os distintos axentes económicos e sociais para asegura-la creación de emprego estable, a Consellería de Economía e Facenda considera oportuno afondar no seu apoio ó sistema de sociedades de garantía recíproca como instrumentos financeiros ó servicio das necesidades das pequenas e medianas empresas.

Considérase tal apoio fundamental sobre todo nas empresas de nova creación, nas empresas en expansión, para os proxectos promovidos por novos emprendedores e para aqueloutros referidos ós sectores considerados prioritarios para Galicia, como o medio para posibilita-lo acceso ó crédito en adecuadas condicións de custo e prazos, posibilitando deste xeito unha maior asunción de risco a favor daqueles proxectos viables técnica, económica e comercialmente, independentemente do patrimonio que poidan achegar como garantía.

Para tal fin, o número 5º do artigo 2 do Decreto 284/1994, do 15 de setembro, de regulación de avais do Igape, modificado polo Decreto 132/1995, do 10 de maio, e polo Decreto 302/1999, do 17 de novembro, prevé a concesión de reavais ante as sociedades de garantía recíproca domiciliadas en Galicia (SGR). Por outra banda, mediante ordes anuais viñéronse establecendo achegas non reintegrables ó Fondo de Provisións Técnicas das SGR.

Por iso, mediante esta orde preténdese desenvolver un sistema mixto de reaval e de achegas que permitirá, por un lado, potencia-la prestación de garantías por parte das SGR para proxectos empresariais viables e, por outro, fortalece-lo seu Fondo de Provisións Técnicas.

En virtude das funcións que a lei lle encomenda ó Igape, considérase que este é o instrumento adecuado para implementar esta orde a través da subscrición dos oportunos convenios de colaboración coas SGR.

En virtude do exposto,

DISPOÑO:

Artigo 1º

O Igape, de conformidade co disposto no nº 5 do artigo 2 do Decreto 284/1994. de regulación de avais do Igape, segundo a redacción dada polo Decreto 302/1999, do 17 de novembro, poderá reavalar con renuncia ó beneficio de excusión e ante as sociedades de garantía recíproca domiciliadas en Galicia (SGR), ata o 35% do principal dos créditos ou préstamos dos que sexan primeiros avalistas e que financien operacións consideradas viables técnica, económica e comercialmente, aínda cando as garantías patrimoniais achegadas puidesen ser insuficientes sen o apoio do reaval do Igape.

Artigo 2º

O prazo de vixencia do reaval do Igape non superará os límites establecidos no citado Decreto 284/1994.

Artigo 3º

As operacións reavaladas deberán reuni-los seguintes requisitos:

1. O seu titular deberá ser unha pequena e mediana empresa domiciliada en Galicia e que cumpra os seguintes requisitos:

a) Ter como máximo 250 traballadores.

b) Que os seus recursos propios non sexan superiores a 500 millóns de pesetas.

c) Non te-lo seu capital participado en máis dun 25% por outra empresa, agás nos casos nos que as cifras consolidadas non superen os requisitos establecidos nas alíneas a) e b).

Os anteriores criterios entenderanse automaticamente modificados en canto o Goberno, en aplicación da disposición adicional terceira da Lei 1/1994, do 11 de marzo, sobre réxime xurídico das sociedades de garantía recíproca, os modifique en función dos que fixa a normativa comunitaria.

2. Que o seu titular presente ante unha SGR un proxecto empresarial que resulte viable técnica, económica e comercialmente, segundo os criterios de análise xeralmente aceptados, aínda cando as garantías patrimoniais achegadas puidesen ser insuficientes sen o reaval do Igape.

Artigo 4º

Consideraranse prioritarios os proxectos productivos, comerciais e de distribución que cumpran algunha das seguintes condicións:

a) Os proxectos que desenvolvan actividades incluídas dentro dos seguintes complexos:

-Agro-gandeiro.

-Mar-industria.

-Silvícola-madeireiro.

-Turismo.

-Minerais non metálicos: granito e lousa.

-Téxtil-confección.

-Automóbil.

-Telecomunicacións e audiovisual e aqueloutros que poidan ser incluídos en futuros acordos dentro do marco do Plan de Emprego de Galicia 1998-2001.

b) Os proxectos promovidos por unha empresa de nova creación, os novos centros de traballo, incluídos os de comercialización asociados coa actividade de producción, os que comporten a producción de novos productos e aqueloutros que completen ciclos productivos e non estean incluídos dentro da alínea a) anterior.

c) Os proxectos promovidos por empresas con alto potencial de crecemento. Entenderase que cumpren esta condición aquelas empresas que aumentasen o seu volume de negocio de forma continuada por encima do 15% os tres últimos exercicios e obtivesen beneficios.

d) Os proxectos promovidos por novos emprendedores, en especial, cando sexan xoves empresarios.

Artigo 5º

Os reavais concederanse mediante resolución do director xeral do Igape por orde de entrada no Igape da solicitude da SGR coa documentación que acredite o cumprimento dos requisitos establecidos nesta orde, sen que sexa precisa a súa formalización contractual. A póliza de aval formalizada entre a SGR e a empresa avalada deberá reflecti-lo reaval do Igape.

Artigo 6º

O importe de risco que poderá asumi-lo Igape con cargo a estas operacións determinarase anualmente conforme as dispoñibilidades orzamentarias que para tal efecto se habiliten.

Artigo 7º

Os importes de falidos en operacións reavaladas liquidaranse acumuladamente antes da finalización do exercicio económico. As notificacións de falido realizadas pola SGR antes do 1 de decembro serán liquidadas polo Igape antes do 31 de decembro. As notificadas con posterioridade serán liquidadas antes do 31 de decembro do exercicio seguinte.

Artigo 8º

As SGR comunicaranlle trimestralmente ó Igape a relación de avais ou fianzas formalizados en cada período, os falidos producidos e as cantidades recobradas. En caso de falido das operacións reavaladas, o Igape participará proporcionalmente ó seu risco nos recobros que obteña a SGR primeira avalista.

Artigo 9º

Co fin de facilita-la asunción de riscos, o crecemento do crédito e mante-lo coeficiente de solvencia das SGR, o Igape poderá concederlles unha achega non reintegrable ó seu Fondo de Provisións Técnicas, calculada na porcentaxe que se determine sobre o risco que non estea xa reavalado polo Igape.

O importe da achega do Igape de terminarase anualmente conforme as dispoñibilidades orzamentarias que para tal efecto se habiliten e concretarase nos convenios que para tal efecto se subscriban entre o Igape e as SGR.

Artigo 10º

A achega establecida no artigo anterior deberá ser contabilizada de forma facilmente identificable e separada. As SGR con carácter xeral deberanlle comunicar trimestralmente ó Igape a situación do Fondo de Provisións Técnicas respecto ás operacións formalizadas.

Disposición adicional

Habilítase o Igape para concertar coas SGR os convenios oportunos para desenvolver aqueles aspectos de detalle, procedementais e de interpre

tación que se estimen convenientes, respecto ás axudas establecidas na presente orde.

Disposición derradeira

Esta orde entrerá en vigor o día seguinte ó da súa públicación no Diario Oficial de Galicia e a súa efectividade requirirá a subscrición dos oportunos convenios entre o Igape e as SGR.

Santiago de Compostela, 17 de decembro de 1999.

José Antonio Orza Fernández

Conselleiro de Economía e Facenda