Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 246 Xoves, 23 de decembro de 1999 Páx. 15.013

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE ECONOMÍA E FACENDA

DECRETO 328/1999, do 3 de decembro, polo que se cede, a título gratuíto, a parcela que integra o inmoble situado na rúa San Lázaro 107, no termo municipal de Santiago de Compostela (A Coruña).

A Comunidade Autónoma de Galicia, en virtude do Real decreto 2434/1982, do 24 de xullo, sobre traspaso de funcións e servicios do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia en materia de cultura (BOE nº 235, do 1 de outubro), posúe a titularidade do inmoble situado na rúa San Lázaro, 107, termo municipal de Santiago de Compostela (A Coruña).

Con data do 7 de setembro de 1998, o Consorcio da Ciudade de Santiago de Compostela solicitou da Consellería de Economía e Facenda a cesión dunha parcela de terreo que forma parte do dito inmoble, para a construcción dunha residencia ou albergue xuvenil de peregrinos.

Mediante Decreto 242/1999, do 29 de xullo (DOG nº 159, do 18 de agosto), desafectouse do dominio público a antedita parcela que forma parte do dito inmoble, logo do informe favorable da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria.

Con data do 30 de agosto de 1999, asinouse a acta de entrega do dito inmoble ó patrimonio da Comunidade Autónoma de Galicia.

Mediante orde da Consellería de Economía e Facenda do 19 de novembro de 1999, declarouse a alienabilidade do antedito ben inmoble.

A Secretaría Xeral e do Patrimonio, dependente da antedita consellería, logo do informe favorable da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, tramitou o expediente de cesión da titularidade da devandita parcela de acordo co previsto

nos artigos 30 da Lei 3/1985, do 12 de abril, do patrimonio da Comunidade Autónoma de Galicia, e 83 e seguintes do seu regulamento.

Na súa virtude, por proposta do conselleiro de Economía e Facenda e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do día tres de decembro de mil novecentos noventa e nove,

DISPOÑO:

Artigo 1º

Acórdase a cesión, a título gratuíto, a favor do Consorcio de la Ciudad de Santiago de Compostela dunha parcela que se segregará da que integra o inmoble situado na rúa San Lázaro, 107, termo municipal de Santiago de Compostela (A Coruña), que se describe como segue:

Parcela de terreo de 5.580 m de extensión que estrema: norte, predios particulares; sur, predio matriz con edificio da Comunidade Autónoma de Galicia; leste, pista; e oeste, con rúa da Vesada.

O predio matriz atópase inscrito no Rexistro da Propiedade de Santiago de Compostela nº 1, no tomo 1.330, libro 323, folio 140, predio número 30.083, inscrición 1ª.

Artigo 2º

A cesión queda sometida ás seguintes cláusulas:

a) O fin da cesión do inmoble descrito será a construcción e posta en funcionamento dunha residencia ou albergue xuvenil de peregrinos.

b) Se o ben cedido non se aplicase ó fin sinalado dentro do prazo de 5 anos, contados desde o outorgamento da escritura pública, ou deixase de estalo con posterioridade, se descoidase ou utilizase con grave quebrantamento, ou se incumprisen as condicións do acordo, considerarase resolta a cesión e o inmoble reverterá á Administración da Comunidade Autónoma de Galicia, que terá dereito a percibir, logo de taxación pericial, o valor dos detrimentos ou deterioracións que experimentase.

c) Tódolos gastos e impostos derivados da trasmisión, incluído o imposto do incremento de valor dos terreos de natureza urbana, así como os da segregación, serán por conta do cesionario.

Artigo 3º

A cesión formalizarase mediante escritura pública subscrita polo secretario xeral e do Patrimonio ou funcionario en quen delegue, debendo constar nela o acordo de cesión e a aceptación do cesionario.

Disposición derradeira

A Consellería de Economía e Facenda, a través da Secretaría Xeral e do Patrimonio, levará a cabo tódolos trámites necesarios para a efectividade do presente decreto.

Santiago de Compostela, tres de decembro de mil novecentos noventa e nove.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

José Antonio Orza Fernández

Conselleiro de Economía e Facenda