Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 246 Xoves, 23 de decembro de 1999 Páx. 15.014

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE POLÍTICA TERRITORIAL, OBRAS PÚBLICAS E VIVENDA

DECRETO 329/1999, do 3 de decembro, polo que se aproban os cambios de titularidade da avenida principal do polígono da Gándara, comprendida entre as estradas N-651 e C-642 (estrada de Castela) incluída no sistema viario do Concello de Ferrol a prol do Ministerio de Fomento, e da Avenida de Vigo, de titularidade estatal, a prol do Concello de Ferrol.

O Concello de Ferrol, en sesión plenaria do día 30 de maio de 1997, acordou propoñe-la solicitude de cambio de titularidade da avenida principal do polígono da Gándara, incluída na relación de estradas da dita entidade local, e da Avenida de Vigo, de titularidade estatal, de forma que se produza unha permuta na titularidade das citadas vías, baseada en que a execución do proxecto de acceso norte ó porto de Ferrol varía completamente o itinerario actual de accesos ó porto.

Con data do 26 de xaneiro do 1998, a Secretaría de Estado de Infraestructuras e Transportes do Ministerio de Fomento manifestou a posición favorable do departamento á aceptación da cesión a favor do Estado da referida avenida da Gándara.

Conforme o sinalado no artigo 5 da Lei 4/1994, do 14 de setembro, de estradas de Galicia, por proposta do conselleiro de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda e de acordo entre as administracións afectadas e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día tres de decembro de mil novecentos noventa e nove,

DISPOÑO:

Artigo único.-Apróbanse os cambios de titularidade, a favor do Ministerio de Fomento, da avenida principal do polígono da Gándara, comprendida entre as estradas N-651 e C-642 (estrada de Castela), pertencente á relación de estradas do Concello de Ferrol, e a favor do Concello de Ferrol, da Avenida de Vigo, pertencente á Rede de Estradas do Estado.

Disposición derradeira

Este decreto entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, tres de decembro de mil novecentos noventa e nove.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

José Cuíña Crespo

Conselleiro de Política Territorial,

Obras Públicas e Vivenda