Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 246 Xoves, 23 de decembro de 1999 Páx. 15.014

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE INDUSTRIA E COMERCIO

ORDE do 15 de decembro de 1999 pola que se regulan as indemnizacións por razón de servicio ós árbitros dos colexios arbitrais da Xunta Arbitral de Consumo de Galicia.

O sistema arbitral de consumo, como procedemento para a resolución de conflictos entre os consumidores e os empresarios, réxese, na nosa Comunidade Autónoma, polo Real decreto 636/1993, do 3 de maio, polo que se regula o sistema arbitral de consumo e polo acordo subscrito o 5 de xullo de 1994 entre a Consellería de Industria e Comercio da Xunta de Galicia e o Instituto Nacional de Consumo, polo que se constitúe a Xunta Arbitral de Consumo de Galicia (DOG nº 141, do 22 de xullo).

A paulatina implantación do sistema arbitral de consumo esixe a realización dun número progresivo de audiencias dos colexios arbitrais, ós que acoden como árbitros un representante dos consumidores, un representante dos sectores empresariais e, actuando como terceiro árbitro, o presidente do colexio arbitral, que será designado pola Xunta Arbitral de Consumo de Galicia por proposta das partes entervinientes ou entre persoal ó servicio das administracións públicas.

O esforzo que supón, polas súas limitacións orzamentarias, para as organizacións de consumidores e para as asociacións empresariais e as cámaras oficiais de comercio, industria e navegación, ó colaboraren coa Xunta Arbitral de Consumo de Galicia, actuando como árbitros dos colexios arbitrais, fai necesario establecer un mecanismo de indemnizacións económicas para facilita-la súa asistencia ós devanditos colexios, para a resolución dos conflictos tramitados a través da Xunta Arbitral de Consumo de Galicia.

A importancia do labor realizado, os custos económicos e o tempo empregado polos árbitros que actúan en representación dos consumidores e dos empresarios, así como a evidente utilidade pública da función arbitral e a súa cooperación instrumental a un fluído desenvolvemento nas relacións entre os consumidores e os empresarios xustifican a concesión das ditas indemnizacións.

Consecuentemente con todo o anterior, e co establecido na estipulación terceira do acordo subscrito o 5 de xullo de 1994 entre a Consellería de Industria e Comercio da Xunta de Galicia e o Instituto Nacional de Consumo, polo que se constitúe a Xunta Arbitral de Consumo de Galicia, na que se determina que a Consellería de Industria e Comercio dotará a xunta arbitral dos medios persoais e materiais necesarios para o desenvolvemento das súas funcións.

DISPOÑO:

Artigo 1º

O obxecto desta orde é establece-las bases reguladoras para a concesión de indemnizacións eco

nómicas ós árbitros designados conforme o disposto no artigo 11 do Real decreto 636/1993, do 3 de maio, en representación dos consumidores e dos sectores empresariais, polas actuacións nos colexios arbitrais previstos na devandita norma.

Artigo 2º

As indemnizacións serán dunha contía fixa de catro mil pesetas (4.000 ptas.) con cargo ó orzamento do Instituto Galego de Consumo, por cada día de asistencia, con independencia do número de audiencias nas que interveñan.

Artigo 3º

1. Os secretarios de cada colexio arbitral remitirán ó Instituto Galego de Consumo certificación na que consten os días de asistencia dos árbitros ás audiencias dos colexios arbitrais, ou copia dos laudos nos que interveñesen.

2. Unha vez analizada a documentación, iniciarase de oficio un procedemento polo que o presidente do Instituto Galego de Consumo, resolverá o outorgamento ou denegación das indemnizacións, sendo competente, se é o caso, para a autorización do gasto e para a súa tramitación e xestión orzamentaria.

3. O prazo máximo para a resolución será de tres meses. Transcorrido o dito prazo sen que recaese resolución expresa, entenderase que aquela é desestimatoria.

Artigo 4º

As indemnizacións por asistencia ás audiencias son incompatibles con calquera clase de indemnización, compensación ou axuda que, se é o caso, se perciban para a mesma finalidade, procedentes de calquera Administración ou ente público.

Artigo 5º

A concesión das axudas económicas que regula este orde está condicionada, en todo caso, á existencia de crédito orzamentario.

No suposto de insuficiencia do crédito orzamentario outorgaranse as indemnizacións por orde de antigüidade dos laudos emitidos.

Disposición adicional

As indemnizacións que correspondan ós membros dos colexios arbitrais regulados nesta orde faranse efectivas con carácter retroactivo, desde o 1 de xullo de 1999, sempre que se cumpran os requisitos establecidos nela.

Disposición derradeira

A presente orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 15 de decembro 1999.

Juan Rodríguez Yuste

Conselleiro de Industria e Comercio