Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 243 Luns, 20 de decembro de 1999 Páx. 14.875

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DA PRESIDENCIA E ADMINISTRACIÓN PÚBLICA

ORDE do 1 de decembro de 1999 pola que se clasifica como de interese asistencial a Fundación para a Protección de Discapacitados Psíquicos de Vilalba-Terra Chá.

Visto o expediente de clasificación da Fundación para a Protección de Discapacitados Psíquicos de Vilalba-Terra Chá, con domicilio en Vilalba, praza da Constitución, nº1, Lugo.

Supostos de feito:

1. Agustín Baamonde Díaz, en escrito do 24 de marzo de 1999, formulou solicitude de clasificación para efectos da súa inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego.

2. A fundación foi constituída en escritura pública outorgada en Vilalba, o día 18 de novembro de 1998, perante o notario Juan Cora Guerreiro, baixo o número 1743 de protocolo por Agustín Baamonde Díaz, en nome e representación do Concello de Vilalba, sendo modificada por outra do 18 de novembro de 1999 perante o mesmo notario e co número 1868 de protocolo.

3. Segundo consta no artigo seis dos seus estatutos o obxecto da fundación é proporcionar asistencia social para discapacitados psíquicos en idade laboral cando a súa minusvalidez temporal ou permanente lles impida a súa integración nunha empresa ou nun centro especial de emprego, prestando funcións tutelares, asistenciais, ocupacionais e, en xeral, calquera tipo de actividades formativas ou educativas tendentes a mellora-la calidade de vida dos seus beneficiarios.

4. O padroado da fundación estará constituído polo alcalde do Concello de Vilalba, 3 concelleiros designados polo Pleno do Concello de Vilalba, 2 alcaldes dos municipios da comarca que estean acollidos ó programa, o presidente da asociación de pais de persoas con discapacidade, un representante de entidades colaboradoras designado por estas, secretario, interventor e depositario.

5. A comisión integrada polos secretarios xerais de tódalas consellerías elevoulle ó conselleiro da Presidencia e Administración Pública proposta de clasificación como de interese asistencial da Fundación para a Protección de Discapacitados Psíquicos de Vilalba-Terra Chá, dado o seu obxecto e finalidade, polo que, cumpríndose os requisitos esixidos na Lei 7/1983, do 22 de xuño, e na Lei 11/1991, do 8 de novembro, de reforma da lei anterior, de réxime das fundacións de interese galego, e segundo establece o artigo 32.1º e 2º do Decreto 248/1992, do 18 de xuño, polo que se aproba o Regulamento de organización e funcionamento do protectorado das fundacións de interese galego, procede a súa clasificación como de interese asistencial e a súa adscrición á Consellería de Sanidade e Servicios Sociais.

Fundamentos de dereito.

1. O artigo 34 da Constitución española recoñece o dereito de fundación para fins de interese xeral de acordo coa lei e o artigo 27.26º do Estatuto de autonomía para Galicia outórgalle competencia exclusiva sobre o réxime das fundacións de interese galego.

2. De acordo co disposto no artigo 32.2º c) do Decreto 248/1992, do 18 de xuño, polo que se aproba o Regulamento de organización e funcionamento do protectorado das fundacións de interese galego, correspóndelle a esta consellería a clasificación da fundación e a adscrición á consellería correspondente, que exercerá plenamente o protectorado sobre ela.

3. Á vista do que antecede, pódense considerar cumpridas as finalidades tanto legais como regulamentarias establecidas para o caso, de acordo coa proposta realizada pola Comisión de Secretarios Xerais na súa reunión do día 30 de novembro de 1999.

Vista a Constitución española de 1978, o Estatuto de autonomía de Galicia (Lei orgánica 1/1981, do 6 de abril); a Lei 7/1983, do 22 de xuño, e a Lei 11/1991, do 8 de novembro, de reforma da anterior, de réxime das fundacións de interese galego, así

como as demais normas de desenvolvemento e de xeral aplicación.

Na súa virtude,

DISPOÑO:

Clasificar como de interese asistencial a Fundación para a Protección de Discapacitados Psíquicos de Vilalba-Terra Chá e adscribila á Consellería de Sanidade e Servicios Sociais, que exercerá plenamente o protectorado sobre ela.

Santiago de Compostela, 1 de decembro de 1999.

Jaime Pita Varela

Conselleiro da Presidencia e Administración

Pública