Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 241 Xoves, 16 de decembro de 1999 Páx. 14.762

VI. ANUNCIOS

DA ADMINISTRACIÓN AUTONÓMICA

CONSELLERÍA DE MEDIO AMBIENTE

RESOLUCIÓN do 9 de novembro de 1999, da Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, pola que se somete a información pública a do 12 de agosto de 1999 pola que se formula a declaración de impacto ambiental do proxecto de clausura dos vertedoiros de Monte Balboa e Pedra da Regacha, nos concellos de Arteixo e A Coruña, promovido por SEPI.

Antecedentes:

Considerando o proxecto de clausura dos vertedoiros de Monte Balboa e Pedra da Regacha unha modificación do proxecto de depósito de seguridade de residuos industriais de Inespal Metal, S.A., sometido a avaliación de impacto ambiental, e de acordo co indicado na Resolución do 22 de xaneiro de 1997, da Delegación Provincial da Coruña, pola que se fai pública a declaración de impacto ambiental do proxecto de depósito de seguridade de residuos industriais de Inespal Metal, S.A. (A Coruña), precísase unha nova declaración para calquera modificación do proxecto. Tendo en conta o exposto anteriormente procede somete-lo proxecto de clausura dos vertedoiros á avaliación de impacto ambiental atendendo o Decreto 442/1990, de avaliación do impacto ambiental para Galicia.

No proxecto obxecto da presente declaración, descríbense os traballos desenvolvidos, as actuacións de mantemento e a xustificación e valoración da solución de rehabilitación, en relación ós vertedoiros de residuos perigosos de Monte Balboa, situado no

concello de Arteixo, e Pedra da Regacha, localizado no concello da Coruña.

No anexo I resúmese o proxecto presentado e as medidas correctoras recollidas no estudio de impacto ambiental.

En virtude do establecido no artigo 5 punto 2º do mencionado Decreto 442/1990, someteuse ó trámite de información pública, polo prazo de 30 días, o estudio de impacto ambiental mediante Resolución do 8 de xuño de 1999, publicada no Diario Oficial de Galicia nº 118, do 22 de xuño, de 1999. O 9 e 10 de agosto de 1999 recíbense os resultados da información pública na Delegación da Coruña e no concello de Arteixo; recíbense o 12 de agosto de 1999 os resultados do concello da Coruña. Como resultado deste trámite, non consta que fosen presentadas alegacións ó devandito proxecto.

Consúltase, así mesmo, a Dirección Xeral de Saúde Pública o 14 de xuño de 1999, recibíndose o informe o 13 de xullo de 1999. No anexo II resúmese o contido do informe recibido. O resultado dela tívose en conta, no que procede, no condicionado da presente DIA.

Examinado o proxecto, o 19 de febreiro de 1999 solicítaselle ó promotor a presentación do estudio de impacto ambiental, recibíndose o mesmo o 30 de marzo de 1999.

En contestación á solicitude de documentación do 23 de abril de 1999, preséntase o 18 de maio de 1999 documentación de emenda na que se recolle o documento de síntese do estudio de impacto ambiental, identificación e valoración de impactos do traslado de residuos do vertedoiro de Monte Balboa ó de Pedra da Regacha, da limpeza do solo do vertedoiro de Monte Balboa e da restauración, revexetación e integración paisaxística do terreo de Monte Balboa, delimitación das áreas afectadas pola contaminación, control e saneamento da área de influencia do vertedoiro de Pedra da Regacha, localización da plataforma intermedia, accións de recuperación ambiental da zona de Monte Balboa, localización das sondaxes piezométricas que se van realizar en Pedra da Regacha, detalles constructivos, caracterización de materiais que se van empregar e analítica de augas superficiais e subterráneas.

Posteriormente, preséntase unha nova documentación de emenda na que se indica o contorno contaminado no vertedoiro de Monte Balboa (incluíndo as analíticas realizadas), contorno contaminado no vertedoiro de Pedra da Regacha e perfís finais do vertedoiro Pedra da Regacha previo ó selado.

Sobre o contido do proxecto e do estudio de impacto ambiental presentados, a documentación de emenda presentada, os resultados de información pública e os informes recibidos sobre as consultas efectuadas, este órgano ambiental impón no condicionado desta DIA as medidas e condicións que se citan, encamiñadas a defini-los motivos polos que se resolveu a viabilidade do proxecto.

Realizada a tramitación ambiental, a Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental no exercicio das súas competencias formula a declaración de impacto ambiental (DIA) do proxecto denominado Clausura dos Vertedoiros de Monte Balboa y Pedra da Regacha, promovido pola Sociedade Estatal de Participacións Industriais (SEPI).

O órgano substantivo e ambiental para este proxecto é a Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental.

O anexo I comprende o resumo do proxecto e das medidas correctoras propostas.

O anexo II inclúe o resumo do informe da Dirección Xeral de Saúde Pública.

Declaración de impacto ambiental:

A presente declaración de impacto ambiental (DIA) refírese en exclusiva ó proxecto de clausura dos vertedoiros de Pedra da Regacha (A Coruña) e Monte Balboa (Arteixo), na provincia da Coruña. Para calquera outra localización, ampliación ou modificación do proxecto que afecte ó seu ámbito ou da presente DIA precisaríase unha nova declaración.

No estudio de impacto ambiental e no proxecto promovido pola Sociedade Estatal de Participacións Industriais tras formular e valorar as opcións de rehabilitación dos vertedoiros de Pedra da Regacha e Monte Balboa, desenvolvéndose finalmente a alternativa de clausura e selado do vertedoiro de residuos industriais de Pedra da Regacha coa incorporación dos residuos perigosos existentes no vertedoiro de Monte Balboa. Entre as actuacións previstas recóllese a realización de estendido e compactación dos residuos procedentes do vertedoiro Monte Balboa, a roza, rectificado, suavizado, refino de noiros e selado do vertedoiro de Pedra da Regacha. Para a recollida de lixiviados disporase unha balsa de 50 m e un depósito tanque de 60 m de capacidade, un foso drenaxe de seguridade, sondaxes piezométricas e plan de seguridade.

Examinada a documentación presentada, a Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental establece pola presente declaración de impacto ambiental, co fin de que a realización do proxecto poida considerarse ambientalmente viable, as seguintes condicións, ademais das incluídas no estudio de impacto ambiental, de xeito que se asegure a minorización dos posibles efectos negativos:

1. Sobre o nivel sonoro ambiental:

Na fase de realización das obras de selado e clausura, haberá que aterse ó disposto na Lei 7/1997, do 11 de agosto, de protección contra a contaminación acústica (Diario Oficial de Galicia do 20 de agosto). Así mesmo, seguirase o disposto na ordenanza municipal ambiental reguladora da emisión e recepción de ruídos e vibración e do exercicio das actividades sometidas a licencia, do concello da Coruña.

2. Sobre a calidade do aire:

En relación coas posibles alteracións da calidade do aire por emisións de po á atmosfera, especialmente durante a fase de realización dos traballos de selado, transporte de solos contaminados e residuos perigosos, así como os debidos á acción da maquinaria e ós movementos de terra, tomándose as medidas de protección adecuadas e procedendo a humecta-las zonas de actuación nos períodos de seca, como paso previo á escavación e á carga.

Tal e como se recolle na documentación de emenda presentada, os vehículos para o transporte de material serán cubertos cunha lona antes de inicia-lo seu traslado, procedendo á limpeza dos pneumáticos de tódolos vehículos que saian de calquera dos dous vertedoiros.

Ademais, e posto que non se pode elimina-la emisión de gases procedentes dos motores de combustión interna dos camións e maquinaria, para reducir no posible os seus efectos, será responsabilidade do promotor a correcta posta a punto de tódolos motores antes do inicio das obras, levada a cabo por un servicio autorizado, do que terá que existi-la oportuna certificación.

3. Sobre a protección do solo:

Non se poderá depositar nin acumular en terreos adxacentes ós vertedoiros, ningún tipo de residuos sólidos diferentes dos entullos xerados nas obras. E en calquera caso, os residuos producidos como consecuencia da obra serán recollidos e xestionados conforme a súa natureza.

No caso concreto dos solos contaminados retirados dos vertedoiros, deberán ser levados ata a plataforma intermedia do vertedoiro de Pedra da Regacha e depositados na capa de material de recubrimento, quedando expresamente prohibida a súa utilización por encima da capa de impermeabilización do selado.

4. Sobre a protección das augas:

a) Na fase de obras:

No movemento de terras terase en conta no seu deseño e execución que non se impida o libre fluxo das augas pluviais, evitando a formación de encharcamentos ou outras formas que dificulten a súa circulación e poidan dar lugar á formación de lixiviados ó poñérense en contacto os solos contaminados con elas.

As tarefas de mantemento de equipos e maquinaria faranse fóra da zona de obras, en instalacións axeitadas para tal fin. A xestión dos aceites provenientes destes equipos e maquinaria ó longo da fase de obras deberá cumpri-los requisitos da normativa vixente.

b) Na fase posclausura dos vertedoiros de Monte Balboa e Pedra da Regacha:

Conduciranse axeitadamente as augas de escorrentía superficial do vertedoiro de Pedra da Regacha recollidas na canle perimetral, previamente á súa

vertedura. Os valores límite de vertedura, para os parámetros que se indican a continuación, serán, segundo o establecido na táboa 3 do anexo ó título IV do Real decreto 849/1986, do 11 de abril, polo que se aproba o Regulamento do dominio público hidráulico, os seguintes:

pHSólidos en suspensión

(mg/1)

Materiais sedimentables

(m1/1)

Sólidos

grosos

5, 5, 9, 5800,5Ausentes

Garantirase o axeitado tratamento dos lixiviados producidos durante a fase posclausura do vertedoiro de Pedra da Regacha, para o que deberán ser recollidos e enviados a xestor autorizado de residuos perigosos, controlándoos mediante análises periódicas e medida do seu volume.

No caso de decidir instalar unha planta depuradora in situ para o tratamento de lixiviados, o proxecto dela deberá ser presentado perante esta Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, sendo necesaria a súa aprobación por parte desta dirección xeral para poder proceder á súa execución.

Comprobarase que, unha vez clausurados os vertedoiros, se produce a rexeneración da calidade das augas e dos solos do contorno do regato Moitos e do afluente ó Rego das Teixueiras. Co fin de comproba-la efectividade das medidas proxectadas, realizaranse analíticas de referencia logo de inicio de obras, tanto das augas superficiais como das augas subterráneas, tal e como se indica a continuación:

-No caso do afluente ó Rego das Teixueiras tomaranse como analíticas de referencia das augas superficiais as realizadas o 4 de maio de 1999 presentadas coa documentación complementaria ó estudio de impacto ambiental de clausura do vertedoiro Pedra da Regacha (A Coruña).

-No vertedoiro de Pedra da Regacha, previamente ó inicio de obras procederanse a executa-las dúas sondaxes pezométricas programadas, procedendo á toma de mostras de augas en dúas profundidades e á toma de mostra de augas superficiais no regato Moitos, nun punto augas arriba do vertedoiro e noutro augas abaixo.

Executarase o foso drenaxe de seguridade proxectado, e en caso de realiza-lo bombeo desde este foso á balsa de lixiviados, procederase a analiza-lo efluente co fin de determinar se se están a producir fugas no vertedoiro e, neste caso, tomaranse as medidas protectoras e correctoras necesarias.

Ademais, manterase en correcto estado o sistema de drenaxe e evacuación dos lixiviados, así como o foso de drenaxe perimetral das augas pluviais, o foso drenaxe de seguridade, os pezómetros de control da calidade das augas subterráneas, o sistema de bombeo de lixiviados, a balsa de lixiviados e o tanque regulador.

5. Sobre a recuperación paisaxística e revexetación:

En relación coa revexetación, terase en conta que a profundidade mínima da capa de terra vexetal será

de 30 cm e as achegas de terra vexetal deberán contar coa súa procedencia e aptitude debidamente xustificadas, comprobándose que o nivel de fertilidade do solo que se vai revexetar é adecuado.

6. Sobre a protección e control de accesos:

Deberá manterse o cerramento do vertedoiro de Pedra da Regacha, que permita controla-lo acceso ó lugar. Este cerramento deberá permitir controlar e limita-lo acceso de persoas durante a execución das obras e, con posterioridade a elas, dificulta-la aparición de novas verteduras. Así mesmo, controlarase que non se produzan novas verteduras no lugar onde actualmente se sitúa o vertedoiro de Monte Balboa.

7. Documentación adicional:

Este requirimento de documentación adicional responde a aspectos concretos e particulares, que deben incorporarse co fin de asegura-lo axeitado cumprimento do condicionado desta declaración ambiental e a definición dos elementos precisos para a realización do Plan de Seguimento e Vixilancia Ambiental.

Previamente ó inicio das obras, o promotor deberá presenta-la seguinte documentación:

-Plano no que se indique a localización dos puntos de mostraxe de augas superficiais e localización dos pezómetros de control para a analítica das augas subterráneas no vertedoiro de Pedra da Regacha.

-Análise das augas nos pezómetros de control e nos puntos de mostraxe de augas superficiais de acordo co punto anterior.

-Plan de revexetación da superficie obxecto de selado no vertedoiro de Pedra da Regacha, tendo en conta o indicado no punto 5 desta declaración, no que se explicite: selección das especies vexetais que se van empregar, número de zumes, densidade de plantación ou sementeira, estercado, fertilización, regas, técnicas empregadas na implantación da vexetación...

Unha vez feita a avaliación da documentación, remitiráselle ó promotor o resultado dela, non podendo proceder ó desenvolvemento do proxecto ata que non conte co informe favorable desta Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental.

8. Sobre o seguimento e vixilancia ambiental:

O obxecto deste programa é o de garantir ó longo do tempo o cumprimento das medidas protectoras e correctoras recollidas no estudio de impacto ambiental e do condicionado xeral e específico da presente declaración. O programa pode permitir detectar e corrixir diferentes alteracións que non se puidesen prever no estudio ou no condicionado da declaración, permitindo determinar ou cuantificar impactos non previsibles e levar a cabo novas medidas correctoras acordes coas problemáticas xurdidas.

O programa de vixilancia que se expón ten carácter troncal respecto ó proposto, se é o caso, no EsIA.

Divídese en dous grupos de informes: de fin de obras e de seguimento dos vertedoiros clausurados. O seu obxectivo é o de procurar incorporar na maior medida, os procedementos de autocontrol por parte do promotor. A continuación indícase a estructura do PVSA e a periodicidade con que deberán ser remitidos os diferentes informes ó órgano competente:

8.1. Informe final das obras: presentarase antes dun (1) mes desde o remate dos traballos, comprendendo, polo menos: a) data de finalización das obras en cada un dos dous vertedoiros; b) cartografía 1:500 ou maior detalle onde aparezan os elementos construídos e as zonas onde se realizaron medidas protectoras ou correctoras, así como a localización exacta dos dispositivos de control no vertedoiro de Pedra da Regacha; c) reportaxe fotográfica na que se reflicta o estado de ámbolos vertedoiros ó finaliza-las obras e os diversos elementos implantados; d) incidencias e/ou problemas detectados durante a fase de obras.

8.2. Informes de seguimento ambiental: presentarase con periodicidade semestral, durante un (1) ano contado desde o final das obras, e contará como mínimo cos seguintes elementos:

8.2.1. No vertedoiro Monte Balboa:

1. Reportaxe fotográfica semestral, na que se reflicta a evolución do vertedoiro selado.

2. Resultado da inspección visual do terreo, comprobando que non se produciron novas verteduras de residuos.

3. Para as augas superficiais do afluente ó Rego Teixueiro: realizarase unha toma de mostra semestral en cada un dos puntos de mostraxe en que se realizou a analítica do 4 de maio de 1999, analizándose os parámetros propostos no estudio de impacto ambiental.

4. Incidencias e/ou problemas detectados durante este período de control.

8.2.2. No vertedoiro Pedra da Regacha:

1. Control dos seguintes datos meteorolóxicos: volume de precipitación (diario e mensual), temperatura media mensual mínima e máxima, evaporación diaria e mensual, e media mensual da humidade atmosférica.

2. Reportaxe fotográfica semestral, na que se reflicta a evolución do vertedoiro selado.

3. Resultado das actuacións de mantemento, vixilancia e control, indicadas no programa de vixilancia e control proposto no estudio de impacto ambiental.

4. Resultado da inspección visual do terreo, estudiando o seu asentamento e o da capa de selado.

5. Para as augas subterráneas: mensualmente controlarase o nivel dos pezómetros e a calidade das

augas subterráneas neles, determinando o pH, conductividade e control de cloruros. Realizarase ademais unha toma de mostra trimestral en cada pezómetro analizando os parámetros propostos no estudio de impacto ambiental.

6. Para as augas superficiais: realizarase unha toma de mostra trimestral en cada un dos puntos de mostraxe, e analizaranse os parámetros propostos no estudio de impacto ambiental.

7. Para os lixiviados: realizarase un control mensual do volume de lixiviados xerados e semestralmente unha toma de mostra na balsa de lixiviados analizándose os parámetros que se determinan na táboa no anexo ó título lV do Real decreto 849/1986. Presentarase ademais documentación acreditativa da súa entrega a xestor autorizado.

8. Incidencias e/ou problemas detectados durante este período de control.

Se durante o período de mantemento e control posclausura se producise unha variación significativa na calidade das augas superficiais ou subterráneas, deberá notificárselle inmediatamente á Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental.

8.2.3. Informes de seguimento ambiental: presentaranse a partir do primeiro ano e con periodicidade anual, durante catro (4) anos para o vertedoiro de Monte Balboa e durante vinte (20) anos para o vertedoiro de Pedra da Regacha, e o seu contido será o recollido nos puntos 8.2.1 e 8.2.2, coa excepción de que a periodicidade da analítica das augas superficiais e subterráneas pasará a ser semestral.

9. Condicións adicionais:

9.1. As condicións sinaladas nesta declaración de impacto ambiental (DIA), son de cumprimento obrigatorio para o promotor. Sen embargo, o promotor poderá solicitar ó órgano ambiental a revisión das medidas sinaladas co obxecto de modificalas ou cambialas por outras, naqueles supostos que tecnoloxicamente presentasen graves deficiencias para a súa implantación ou implicasen modificacións importantes no desenvolvemento da actividade, e sempre e cando as novas medidas propostas, permitan acada-los obxectivos e fins que se indican na presente declaración.

Nesta circunstancia, o promotor solicitará á Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, achegando documentación técnica que xustifique as novas medidas propostas. Estas solicitudes remitiranse nun prazo máximo dun (1) mes despois de ser enviada a presente declaración polo órgano substantivo. Unha vez recibida a solicitude e documentación mencionadas, o órgano ambiental avaliaraas, comunicaralle o acordo adoptado ó promotor.

9.2. O aval, que deberá depositarse para responder da reparación dos posibles danos que se lle poidan causar ó medio, así como garanti-lo cumprimento das medidas correctoras, será do 4% do orzamento de execución por contrata.

9.3. O contratista, para proceder ó desenvolvemento do proxecto, deberá te-la autorización de xestor de residuos perigosos, de acordo co indicado no Decreto 263/1998, do 10 de setembro, polo que se regula a autorización e se crea o Rexistro de Productores e Xestores de Residuos Perigosos, así como utilizar vehículos autorizados para o transporte de tales residuos segundo o Regulamento de transporte de mercadorías perigosas por estrada.

9.4. A Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental poderá dictar, en calquera momento e para os únicos efectos ambientais, condicionados adicionais á presente declaración en función dos resultados que se obteñan tanto no desenvolvemento das obras como da explotación, ou ante a manifestación de calquera tipo de impacto non recollido actualmente.

9.5. Se unha vez emitida esta declaración se manifestase algún outro tipo de impacto, severo ou crítico sobre o medio, a Dirección Xeral Calidade e Avaliación Ambiental poderá suspender cautelarmente a actividade ata determina-las causas que xeran os mencionados impactos, e ata que se corrixan estas.

9.6. O presente acordo, adoptado por esta dirección xeral, non exime o promotor de solicitar tódolos permisos necesarios ós organismos competentes, para levar a cabo a actividade ou modificacións nela. En materia urbanística, o proxecto estará ó abeiro do disposto na Lei 1/1997, do solo de Galicia.

9.7. O promotor queda obrigado a cumprir tódalas disposicións que se dicten con posterioridade, en relación con este tipo de actividades.

9.8. Non se poderán comezar as obras de instalación do parque ata que non se obteña desta dirección xeral o informe favorable respecto ó punto 7 da presente declaración.

Santiago de Compostela, 9 de novembro de 1999.

Francisco Pan-Montojo González

Director xeral de Calidade e Avaliación Ambiental

ANEXO I

Resumo do proxecto e das medidas protectoras

Localización e descrición dos vertedoiros obxecto do proxecto:

Monte Balboa.

Lugar: concello de Arteixo, provincia da Coruña.

Superficie ocupada: 3.000 m afectados por residuos + 5.000 m de solos contaminados.

Cantidade de residuos: 6.200 t de residuos perigosos.

Tipos de residuos: residuos perigosos + solos contaminados.

Pedra da Regacha.

Lugar: concello de A Coruña, provincia da Coruña.

Superficie ocupada: 25.000 m aproximadamente.

Cantidade de residuos: 125.000 t dos que 107.000 t son residuos perigosos.

Tipos de residuos: residuos perigosos + inertes.

Actuacións previstas:

-Como fase previa prevese a recollida, carga e traslado dos residuos do vertedoiro de Monte Balboa ó de Pedra da Regacha, incluíndo a limpeza dos solos dos lugares afectados pola contaminación.

-Unha vez transportados os residuos do vertedoiro de Monte Balboa, procederase ó estendido e compactación deles na plataforma intermedia do vertedoiro de Pedra da Regacha, remodelando os noiros actuais, nivelándoos, etc.

-A continuación, executaranse as actividades referidas ó selado do vertedoiro, construcción dunha nova balsa de lixiviados, dun foso de drenaxe de seguridade, reacondicionamento da rede perimetral para a conducción de augas pluviais, integración paisaxística e revexetación do contorno.

-Co obxecto de comproba-los resultados da clausura e estudia-la evolución da instalación no tempo, propoñen un Plan de Seguimento e Control Posclausura para o vertedoiro de Monte Balboa dun mínimo de 2 anos, e outro para o de Pedra da Regacha dun mínimo de 20 anos.

Resumo das medidas correctoras:

-As obras e actuacións están encamiñadas a evitar que poidan producirse achegas de auga cara ó vertedoiro, controlando a escorrenta superficial mediante a súa canalización cunha rede perimetral de pluviais.

-Impermeabilización da superficie exterior da área, co obxecto de impedir ou minimiza-la infiltración directa da auga de chuvia.

-Foso de drenaxe de seguridade, enfocado a captar e controla-la saída dos lixiviados, evitando a súa circulación cara a sectores topograficamente máis baixos.

-Plan de restauración, procederase ó estendido dunha capa de 80 cm de espesor, de material de recubrimento, e sobre esta, 20 cm de terra vexetal, para prepara-los terreos para a súa rexeneración.

-As especies que se van implantar deberán ser de raíces de desenvolvemento horizontal, para evitar que alcancen, no seu crecemento, a lámina de impermeabilización, rompéndoa e permitindo a penetración de auga e xeración de lixiviados.

-As especies que hai que considerar deberán ser autóctonas, preferentemente toxeira (Ulex europaeus), para facilita-la súa adaptación e a integración paisaxística do depósito unha vez selado.

ANEXO II

Resumo do informe solicitado a outros organismos da Administración

A Dirección Xeral de Saúde Pública indica que, estudiado o expediente remitido e sen detrimento das competencias doutros organismos oficiais, emite informe favorable ó estudio de efectos ambientais.