Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 241 Xoves, 16 de decembro de 1999 Páx. 14.737

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA

ORDE do 7 de decembro de 1999 pola que se convocan axudas económicas para a realización de formación en empresas de alumnos e alumnas que realizan estudios de ensinanzas de formación profesional de segundo grao e artes aplicadas e oficios artísticos, módulos profesionais experimentais, ciclos formativos de formación profesional específica e artes plásticas e deseño e programas de garantía social.

O Estatuto de autonomía de Galicia, no seu artigo 31, establece que a Comunidade Autónoma ten competencia plena na regulación e administración do ensino en toda a súa extensión, niveis e graos, modalidades e especialidades, no ámbito das súas competencias

e sen prexuízo do disposto no artigo 27 da Constitución e nas leis orgánicas que o desenvolven.

O artigo 34.2º da Lei orgánica 1/1990, do 3 de outubro (BOE do 4), de ordenación xeral do sistema educativo (LOXSE), determina que o currículo das ensinanzas de formación profesional específica incluirá unha formación práctica obrigatoria nos centros de traballo e indica que as administracións educativas arbitrarán os medios para que as empresas e institucións se incorporen ó desenvolvemento destas ensinanzas.

O Real decreto 676/1993, de 7 de maio (BOE do 22), no seu artigo 4, desenvolve as finalidades do módulo de formación práctica en centros de traballo e o Decreto 239/1995, do 28 de xullo (DOG do 16 de agosto), que desenvolve o anterior e establece a ordenación xeral das ensinanzas da formación profesional específica e as directrices sobre os seus títulos.

A Orde do 1 de xuño de 1999 (DOG do 9 de xullo), pola que se regula a avaliación e acreditación académica do alumnado de formación profesional específica; a Orde do 31 de maio de 1999 (DOG do 1 de xullo), pola que se dictan normas para regula-lo desenvolvemento dos ciclos formativos na formación profesional específica en réxime ordinario e para as persoas adultas.

O Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro (DOG do 5 de novembro), polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia xunto coa Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma galega, establece os requisitos, as normas necesarias e básicas para a xestión e actividade económico-financeira do orzamento destinado a prácticas en alternancia e á formación en centros de traballo.

Considerando que as prácticas en empresas teñen un grande valor didáctico e pedagóxico por achega-los alumnos/as ó mundo sociolaboral en que se vai desenvolve-la súa futura vida profesional, é preciso incluír este programa como unha das accións que hai que promocionar mediante o cofinanciamento do Fondo Social Europeo, como iniciativa dos acordos sobre medidas para o crecemento e o emprego en Galicia.

Na súa virtude, visto o Decreto 213/1998, do 10 de xullo (DOG do 23), que establece a estructura orgánica da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria

DISPOÑO:

Primeiro.-Convocar axudas económicas, cofinanciadas co Fondo Social Europeo, para a realización de formación práctica en empresas destinadas a alumnos do derradeiro curso de formación profesional de segundo grao, artes aplicadas e oficios artísticos, módulos profesionais experimentais, ciclos formativos de grao medio e superior e programas de garantía social.

Segundo.-Serán requisitos indispensables para solicitar esta axuda:

1. Que os solicitantes estean matriculados no derradeiro curso de:

-Unha especialidade de formación profesional de segundo grao.

-Unha especialidade de artes aplicadas e oficios artísticos.

-Un módulo profesional de nivel 2.

-Un ciclo formativo de grao medio ou superior de formación profesional específica.

-Un ciclo formativo de grao medio ou superior de artes plásticas e deseño.

-Un programa de garantía social.

dun centro público ou privado autorizado, dependente desta Comunidade Autónoma.

2. Que o período de formación práctica se realice entre o 1 de setembro de 1999 e o 31 de agosto de 2000.

Terceiro.-Solicitudes, prazos e lugar de presentación dos documentos.

1. Os alumnos e alumnas que reúnan os requisitos para participar destas axudas presentarán a correspondente solicitude, que figura como anexo I a esta orde, no centro onde están matriculados, antes do 22 de xaneiro de 2000. A dita solicitude deberá estar asinada polo interesado, co visto e prace do director conforme reúne tódolos requisitos- cando se trate dun centro público-, ou do inspector que corresponda, se fose un centro privado.

2. A dirección do centro, unha vez revisadas as solicitudes, confeccionará un proxecto de expediente económico, conforme o modelo que figura como anexo II desta orde, no que se contabilicen as solicitudes recibidas no centro, agregado por especialidades. Este proxecto de expediente económico presentarase no rexistro das respectivas delegacións provinciais da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, no prazo de 15 días naturais contados a partir do de remate da presentación de solicitudes.

3. A Inspección educativa, unha vez recibidos e revisados tódolos proxectos económicos dos centros, elaborará un cadro-resumo provincial coa relación numerada dos centros públicos e privados acollidos a esta convocatoria, especificando en todo caso, código do centro, denominación, concello, número de alumnos e importe total por centro e por provincia.

4. Este documento-resumo, acompañado dos correspondentes proxectos económicos de cada centro, elevarase ó delegado provincial para o seu visto e prace quen, posteriormente, lle dará traslado desta documentación á Dirección Xeral de Ordenación Educativa e Formación Profesional no prazo de 15 días naturais.

Cuarto.-Comisión de selección das axudas.

A selección das peticións e importes solicitados, será levada a cabo por unha comisión integrada por:

-O subdirector xeral de Formación Profesional e Educación de Adultos ou xefe de servicio en quen delegue, que actuará como presidente.

-Catro inspectores de institutos de educación secundaria, un por cada provincia, por proposta do delegado provincial.

-Catro directores de centros nos que se imparte formación profesional, un por cada provincia, por proposta do inspector xefe.

-Un funcionario da Dirección Xeral de Ordenación Educativa e Formación Profesional, que actuará como secretario, con voz e sen voto.

Os membros da comisión poderán percibir asistencias, axudas para gastos e de locomoción, por concorrer ás sesións, conforme o Decreto 299/1990, do 24 de maio (DOG do 1 de xuño).

Quinto.-A contía solicitada estará en función do número de xornadas formativas que se concerten coa empresa e da menor das distancias que existan entre a empresa e o domicilio do alumno ou entre a empresa e o centro educativo, segundo o baremo seguinte:

DistanciaImporte

Dentro dun radio de 5 Km 400 ptas./xornada

De 6 km ata 15 Km 650 ptas./xornada

De 16 Km ata 30 Km 900 ptas./xornada

De 31 Km ata 50 Km1.300 ptas./xornada

Máis de 50 Km (con retorno no día)1.700 ptas./xornada

Máis de 50 Km (sen retorno no día, ata5.500 ptas./xornada

un máximo de 15 xornadas)

O número máximo de xornadas para as que se concede esta axuda será de 80, tendo que realizar un mínimo de 10.

No caso dos ciclos formativos, e para os efectos destas axudas, o número de xornadas obterase tendo en conta a duración en horas do módulo de FCT, a razón de 8 horas diarias.

Sexto.-O importe total das axudas económicas efectuarase con cargo ó concepto orzamentario 07.04.322S.482.0 da Dirección Xeral de Ordenación Educativa e Formación Profesional, ata un total de 358.750.000 pesetas.

A teor do disposto na Orde do 11 de febreiro de 1998 (DOG do 19), sobre tramitación anticipada de expediente de gasto, o gasto que se proxecta está condicionado á existencia de crédito adecuado e suficiente nos orzamentos do exercicio do ano 2000 en trámite parlamentario.

Se a contía total das solicitudes superase o crédito de que se dispón, queda autorizada a Dirección Xeral de Ordenación Educativa e Formación Profesional para reaxusta-lo importe total solicitado por cada centro, de xeito que o importe total dos centros non supere a contía do crédito dispoñible.

Neste suposto, os centros serán advertidos das modificacións efectuadas para, pola súa vez, face-los reaxustes precisos no número de xornadas dos alumnos, que deben ser informados, co fin de non supera-lo límite concedido ó centro.

Sétimo.-Cada alumno estará acollido á Mutualidade do Seguro Escolar e a póliza de seguro de accidentes de traballo e responsabilidade civil, subscrita pola Consellería de Educación e Ordenación Universitaria.

Oitavo.-A comisión de selección das axudas, vistas as solicitudes presentadas, os proxectos económicos dos centros e o crédito dispoñible, faralle a correspondente proposta de adxudicación destas axudas ó director xeral de Ordenación Educativa e Formación Profesional.

Noveno.-A Dirección Xeral de Ordenación Educativa e Formación Profesional resolverá, notificándolle a cada centro a resolución que proceda coa concesión, denegación ou modificación da contía autorizada.

O centro informará a cada alumno do importe que lle corresponde, debendo o alumno entregar no centro onde está matriculado a aceptación da axuda concedida.

Décimo.-Reclamacións. A partir da data de comunicación ó centro do importe concedido, haberá un prazo de reclamacións de 15 días naturais para formularen as alegacións que consideren oportunas, en caso de desacordo coa resolución proposta pola dirección xeral.

Décimo primeiro.-Unha vez vistas e estimadas as reclamacións, se procede, a dirección xeral, no prazo dun mes, notificará ó centro afectado a nova adxudicación, que terá carácter definitivo. Contra a resolución definitiva poderase interpoñer recurso de alzada ante o conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria no prazo dun mes.

Décimo segundo.-As axudas ós alumnos efectuaranse nun só reintegro de gastos ó centro, a través da delegación provincial, unha vez rematadas as prácticas, logo de envío por parte do centro á Consellería de Educación e Ordenación Universitaria -Dirección Xeral de Ordenación Educativa e Formación Profesional, edificio administrativo de San Lázaro-, entre maio e xullo de 2000, da certificación orixinal, asinada polo secretario, mailo visto e prace da dirección, conforme o alumnado realizou esa actividade, facendo consta-lo importe que vai percibir por cada un deles. Á certificación que se arquive no centro educativo xuntarase copia dos anexos II utilizados no desenvolvemento das prácticas en alternancia e do módulo de FCT, dos alumnos afectados pola axuda, convenientemente cubertos e asinados polo centro educativo e pola empresa.

Décimo terceiro.-Os cambios de empresa, variacións de períodos, baixas e calquera outra alteración ou modificación de circunstancias, deberá ser comunicada por escrito, mediante oficio, á respectiva inspección educativa, co fin de que esta o poida poñer en coñecemento da Inspección de Traballo e da dirección xeral. En ningún caso, estas posibles variacións suporá aumento no importe total autorizado ó centro.

Décimo cuarto.-O desfrute destas axudas é compatible con outras de carácter xeral con cargo ós fondos públicos.

Décimo quinto.-A falsidade dos datos ou falsificación de documentos que se presenten, calquera que sexa o momento en que se demostre a inexactitude, terá como consecuencia a perda de tódolos dereitos dos solicitantes que incorran en tal situación e a devolución total da contía percibida, ademais das responsabilidades a que houber lugar.

Décimo sexto.-Autorízase a Dirección Xeral de Ordenación Educativa e Formación Profesional para desenvolve-lo disposto nesta orde, que entrará en vigor o día seguinte da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 7 de decembro de 1999.

Celso Currás Fernández

Conselleiro de Educación e Ordenación

Universitaria