Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 240 Mércores, 15 de decembro de 1999 Páx. 14.721

VI. ANUNCIOS

DA ADMINISTRACIÓN AUTONÓMICA

CONSELLERÍA DE MEDIO AMBIENTE

RESOLUCIÓN do 25 de outubro de 1999, da Dirección Xeral de Montes e Medio Ambiente Natural, pola que se fai pública a declaración de impacto ambiental do proxecto de repoboación do predio El Abelar, no concello de Abegondo (provincial da Coruña).

En cumprimento do disposto no artigo 5 punto 7º do Decreto 442/1990, do 13 de setembro, de ava

liación de impacto ambiental para Galicia, faise pública a Resolución do 27 de agosto de 1999 da Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, poal que se formula a declaración de impacto ambiental do proxecto de repobación do predio El Abelar, promovido por Promotora Urbanística las Rías, S.A., que figura no anexo.

Santiago de Compostela, 25 de outubro de 1999.

Tomás Fernández-Couto Juanas

Director xeral de Montes e Medio Ambiente Natural

ANEXO

Resolución do 27 de agosto de 1999, da Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, pola que se formula a declación de impacto ambiental do proxecto de repoboación do predio El Abelar, sita en Abegondo (A Coruña) e promivida por Promotora Urbanística Las Rías, S.A.

O Decreto 81/1989, do 11 de maio, sobre medidas de ordenación das novas plantacións co xénero eucaliptus (DOG nº 104, do 1 de xuño), establece no seu punto 2, a elaboración dun estudio de avaliación de impacto ambiental segundo o Real decreto lexislativo 1302/1986, incorporado ó marco lexislativo autonómico mediante o Decreto 442/1990.

No Decreto 442/1990, do 13 de setembro, de avaliación de impacto ambiental para Galicia (DOG do 25 de setembro), establécese a obriga de formular declaración de impacto ambiental (DIA) con carácter previo á resolución administrativa do órgano substantivo para a autorización da actividade obxecto do proxecto.

O proxecto a que se fai referencia consiste na repoboación do predio El Abelar, sito na parroquia de Vizoño, concello de Abegondo (A Coruña). Presenta unha superficie de 318,68 ha que se repoboará con Eucliptus globulus, sendo 364,44 ha a superficie total do predio, das cales un 10% se reserva para a plantación de frondosas nas áreas de ribeira.

No anexo I recóllese un resumo do proxecto.

En cumprimento do establecido no artigo 5, punto 2º do Decreto 442/1990, do 13 de setembro, de avaliación do impacto ambiental para Galicia, e con data do 9 de novembro de 1998, someteuse a información pública o estudio de impacto ambiental. Os resultados deste trámite foron remitidos pola Dirección Xeral de Montes e MAN no 27-8-1999, non tendo constancia da presentación de alegacións.

Así mesmo, a Dirección Xeral de Montes e MAN consulta a Dirección Xeral de Patrimonio Cultural e a Augas de Galicia remitindo en data do 12-8-1999 os devanditos informes xunto cos do Servicio Provincial de Medio Ambiente Natural e da Subdirección Xeral de Medio Ambiente Natural, Caza e Pesca Fluvial.

No anexo II resúmese o contido das consultas efectuadas téndose en conta, no que procede, o seu resultado, no condicionamento da presente DIA.

Sobre o contido do proxecto e do estudio de impacto ambiental presentados, os resultados de información pública e os informes recibidos sobre as consultas efectuadas, este órgano ambiental impón no condicionamento desta DIA as medidas e condicións que se citan, encamiñadas a defini-los motivos polos que se resolveu a viabilidade do proxecto.

Cumprida a tramitación, a Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, no exercicio das competencias que lle concede o Decreto 482/1997, do 30 de decembro, formula a DIA do proxecto de reforestación do predio El Abelar.

O órgano substantivo para este proxecto é Dirección Xeral de Montes e Medio Ambiente Natural, e o órgano ambiental é a Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, ámbalas dúas da Consellería de Medio Ambiente.

Declaración de impacto ambiental.

Examinada a documentación presentada, a Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental establece pola presente DIA as seguintes condicións, ademais das incluídas no estudio de impacto ambiental, de xeito que se asegure a minoración dos posibles impactos ambientais negativos, co fin de que a realización do proxecto poida considerarse ambientalmente viable:

A presente declaración refírese, en exclusiva, ás actuacións de reforestación sobre unha superficie total de 364,44 ha, a base de Eucaliptus globulus, das cales como mínimo o 10% destinarase á plantación de frondosas distintas do eucalipto, tal e como vén representado no plano nº 1 do proxecto de maio de 1998.

Para explotar outras zonas ou áreas precisarase unha nova declaración.

Condicionamento

1. Protección das augas.

1.1. Non se depositará entullo nin materiais sobexos das fases de limpeza, preparación do terreo e plantación na zona de servidume nin en lugares próximos, que poidan incorporarse ós leitos en épocas de chuvias ou crecidas de caudal.

1.2. Non se verterá ós leitos durante as fases de obra da reforestación calquera substancia subsceptible de altera-los valores dos parámetros de calidade de auga habituais neles.

2. Protección do solo.

2.1. Sempre que sexa posible e co fin de diminuí-la erosión realizarase un subsolado seguindo o método de curvas de nivel, que deberá ser descontinuo, levantando o apeiro 2 m cada 20 m de subsolado.

2.2. Os labores de preparación do terreo (subsolado e fresado) realizaranse preferentemente en tempo seco.

2.3. Nas zonas nas que se vai proceder á plantación de especies de ribeira deberán restrinxirse os labores de roza e os de preparación do terreo a unha preparación manual e puntual de cubículos, co fin de que axude a mante-la estabilidade dos leitos e as súas marxes fronte ás enchentes extraordinarias e a escorrentía.

2.4. Non se realizará ningun tipo de actuación nos leitos dos regatos existentes na parcela nin nas súas zonas de servidume e policía sen a autorización previa do Departamento de Xestión do Dominio Público Hidráulico.

2.5. Usarase a rede viaria existente, quedando prohibida a apertura de novos camiños e pistas.

2.6. Non se poderán depositar nin acumular ningún tipo de refugallos que se poidan xerar durante a execución do proxecto. Tódolos os residuos producidos serán xestionados conforme a súa natureza.

3. Protección da fauna e da flora.

3.1. A reforestación levarase a cabo sobre unha superficie total de 344,44 ha debendo reservar como mínimo un 10% dela para plantacións de especies frondosas distintas do eucalipto, en cumprimento do indicado no Decreto 81/1989, do 11 de maio, sobre medidas de ordenación das novas plantacións co xénero Eucaliptus.

3.2. Nas zonas de ribeira manterase a proposta de repoboación con frondosas feita no EIA (Quercus rubra, Acer pseudoplatanus e Prunus avium) e, no suposto de que nalgún regato non estivese recollida esta, procederase á repoboación ou, se for o caso, conservación e mellora de especies frondosas distintas do eucalipto, abarcando unha franxa á beira de 10-20 metros.

3.3. As frondosas distintas ó eucalipto (como mínimo un 10% da superficie) deberán distribuírse a modo de pequenos bosquetes ó longo do área repoboada, e non na zona de ribeira, tal e como se propón no estudio.

3.4. Estes bosquetes terán unha morfoloxía irregular, evitando, en todo caso, as formas alongadas e lineais, tendendo pola contra a núcleos con largo e longo semellantes.

3.5. Os grupos de frondosas distintas do eucalipto terán unha extensión á beira de 1-1,5 ha, que permita o seu axeitado desenvolvemento e situaranse en estacións que presenten unha calidade media-alta con repecto ó conxunto do monte.

4. Documentación adicional.

4.1. Nun prazo máximo dun (1) mes desde a notificación da presenta DIA e, en calquera caso, previamente á autorización administrativa, o promotor deberá presentar:

4.1.1. Plano en planta, a escala 1:5.000, dotado de coordenadas U.T.M., coa nova localización dos grupos de frondosas distintas do eucalipto que se van implantar, de acordo co requirido na DIA.

4.1.2. Calendario de execución dos labores de repoboación.

4.2. Nun prazo máximo de dous (2) meses desde a notificación da presente DIA e, en calquera caso, previamente á autorización administrativa, o promotor presentará dous (2) exemplares da prospección arqueolóxica superficial intensiva da zona que abrangue o proxecto, realizada por técnicos competentes, en cumprimento do previsto na Lei 8/1995, do 30 de outubro, do patrimonio cultural de Galicia e do Decreto 199/1997, do 10 de xullo, polo que se regula a actividade arqueolóxica na Comunidade Autónoma de Galicia e, de ser necesario, un programa de actuacións arqueolóxicas compatible co plan de obra, de cara á protección e conservación dos xacigos arqueolóxicos.

A avaliación da documentación solicitada nos puntos anteriores será obxecto dunha resolución que será comunicada por esta dirección xeral ó órgano substantivo para os efectos oportunos.

5. Vixilancia ambiental.

5.1. Nun prazo mínimo dun (1) mes antes do comezo dos labores de repoboación, o promotor notificará a esta dirección xeral, a través do órgano substantivo, a data de comezo.

5.2. Nun prazo non superior a tres (3) meses desde o remate dos labores de repoboación, o pomotor presentará un informe acompañado de reportaxe fotográfica no que se indiquen:

a) Labores realizados, incluíndo superficies de actuación e planos dotados de coordenadas U.T.M.

b) Incidencias ocorridas durante os traballos de repoboación.

5.3. Anualmente, contado desde a recepción do informe requirido no punto 5.2., o promotor presentará un informe de seguimento que recolla:

a) Labores realizados.

b) Avaliación das marras, especialmente das superficies destinadas a frondosas distintas do eucalipto (Quercus rubra, Prunus avium e Acer pseudoplatanus).

c) Incidencias.

6. Condicións adicionais.

6.1. Para os efectos de seguimento da presente DIA, o órgano substantivo comunicará ó órgano ambiental, a data de notificación da DIA á empresa promotora.

6.2. A proposta de aval que deberá fixa-lo órgano substantivo para garanti-lo cumprimento das medidas correctoras e para facer fronte ós posibles danos que produzan ó medio, segundo o disposto no Decreto 455/1996, do 7 de novembro, será dun millón setenta mil catrocentas cincuenta e cinco (1.070.455) pesetas correspondentes ó 4% do orzamento de execución por contrata.

6.3. As condicións indicadas nesta DIA son de obrigado cumprimento para a empresa promotora; nembargantes, poderá solicitar ó órgano ambiental a revisión das medidas indicadas nesta DIA co obxecto de modificalas ou cambialas por outras, naqueles supostos que tecnoloxicamente presenten graves deficiencias para a súa implantación ou impliquen modificacións importantes na actividade, e sempre e cando as novas medidas propostas, permitan acada-los obxectivos e fins que se indican.

Nesta circunstancia, o promotor solicitarao, nun prazo máximo dun (1) mes, desde que lle sexa notificada a presente DIA polo órgano substantivo, á Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, achegando documentación técnica que xustifique as novas medidas propostas. Unha vez recibida a solicitude e documentación mencionadas, o órgano ambiental avaliaraas e comunicará o acordo adoptado á empresa promotora.

6.4. Se unha vez emitida esta DIA se manifestase algún outro tipo de impacto severo ou crítico sobre o ambiente, o órgano substantivo, por propia iniciativa ou por solicitude da Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, poderá suspender cautelarmente a actividade ata determina-las causas que xeran os mencionados impactos e corrixilas.

6.5. O incumprimento total ou parcial por parte da empresa promotora das condicións expostas nesta DIA poderán ser causa suficiente para proceder ó peche cautelar e a adopta-las medidas oportunas en cumprimento da legalidade vixente.

6.6. A presente resolución, adoptada por esta dirección xeral, non exime o promotor de solicitar tódolos permisos necesarios ós organismos competentes, para levar a cabo a actividade ou modificacións nela. En materia urbanística, o proxecto estará ó abeiro do disposto na Lei 1/1997, do solo de Galicia.

6.7. O promotor queda obrigado a cumprir tódalas disposicións que se dicten con posterioridade en relación con este tipo de actividades.

Santiago de Compostela, 27 de agosto de 1999.

Francisco Pan-Montojo González

Director xeral de Calidade e Avaliación Ambiental

ANEXO I

Resumo do proxecto

É obxecto do proxecto o establecemento dunha repoboación no predio denominado El Abelar en el municipio de Abegondo (A Coruña) e que afecta unha superficie total de 364,44 ha.

Os principais labores que se realizarán son os seguintes:

-Roza mecánica continua da vexetación existente.

-Preparación do terreo ( levarase a cabo en puntos concretos dadas as elevadas pendentes e a pedregosidade do terreo) a base de subsolado e fresado.

-Apertura de buratos de plantación.

-Plantación manual das plantas de eucalipto.

-Primeira rega.

-Reposición de marras.

Medidas correctoras

No proxecto presentado inclúese as seguintes medidas correctoras:

-Implantación de frondosas en valgadas.

-As operacións de limpeza e roza levaranse a cabo sobre a menor superficie posible.

-Co obxecto de protexe-lo solo deixarase sobre o terreo a vexetación rozada.

-Levantamento do subsolador como mínimo cada 30 m.

-Nas zonas chas da parte superior, o subsolado realizarase segundo curvas de nivel, sendo esta operación menos agresiva que o subsolado en máxima pendente.

-Deberá evitarse a execución das obras en períodos de reproducción da fauna e en épocas nas que o terreo estea seco.

-Evitaranse os labores de limpeza e roza do terreo en épocas de risco de chuvias torrenciais.

ANEXO II

Resultado das consultas realizadas

Do contido dos informes recibidos cabe destaca-las seguintes consideracións:

A Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, destaca a inexistencia de informes baseados en traballos de campo relativos ó impacto da explotación sobre o patrimonio arqueolóxico, polo que é conveniente a realización dunha prospección arqueolóxica intensiva da zona que abrangue a explotación proxectada que deberá incorporar:

-Prospección arqueolóxica de campo de toda a superficie da explotación para a catalogación e delimitación dos restos arqueolóxicos localizados.

-Proxecto de obra que incorporará, de ser necesario, un programa de actuacións arqueolóxicas compatible co plan de obra, de cara á protección e conservación dos xacigos arqueolóxicos, en coordinación coa Dirección Xeral de Patrimonio Cultural da Xunta de Galicia.

A Delegación Provincial do Servicio de Medio Ambiente Natural emite o seguinte informe:

- A superficie de repoboación do predio El Abelar con Eucaliptus globulus é de 318,68 ha, sendo 364,44 ha a superficie total do predio.

-A concesión da autorización para a repoboación deberá axustarse ó disposto no artigo 1 do Decreto 81/1989, en relación á compatibilidade da actividade coa conservación do ambiente e do patrimonio natural.

-A lo menos un 10% da superficie deberase repoboar con especies distintas do eucalipto, preferentemente frondosas (Decreto 81/1989, artigo 2.2º).

-Deberá respectarse a totalidade de bosquetes de frondosas autóctonas, incluídas as áreas de vexetación natural de ribeira.

-Usarase a estructura viaria existente, sen abrir novos camiños ou pistas.

O Departamento de Xestión do Dominio Público Hidráulico de Augas de Galicia, unha vez examinado o expediente, non observa inconveniente ningún para acceder ó solicitado, aínda que se deberá cumprir co establecido na vixente Lei de augas e no Reglamento do dominio público hidráulico, así como coas seguintes condicións:

-Non se depositará entullo, materiais sabexos da execución do proxecto na zona de servidume nin en lugares próximos, que poidan incorporarse ós leitos en épocas de chuvias ou crecidas de caudal.

-Non se realizará ningún tipo de actuación nos leitos dos regatos existentes na parcela nin nas súas zonas de servidume e policía sen a previa autorización deste departamento.

-Non se verterá ós leitos durante a fase de construcción calquera substancia susceptible de altera-los valores dos parámetros de calidade de auga habituais nel.

-Respectarase a vexetación arbórea e arbustiva de ribeira afectándoa na menor medida posible.

A Dirección Xeral de Montes e Medio Ambiente Natural, examinada a documentación presentada, establece a seguinte proposta de DIA, considerando, ademais, as medidas expostas no estudio de impacto ambiental:

-Non se poderá efectuar ningunha actividade que non veña recollida no EIA, ou non sexa proposta na declaración de impacto ambiental.

-Non se efectuará ningún tipo de actuación nos leitos dos regatos existentes na parcela nin nas súas zonas de servidume e policía sen a previa autorización de Augas de Galicia.

-O 10% da superficie destinada a frondosas distintas do eucalipto debe distribuírse a modo de pequenos bosquetes ó longo da área repoboada, e non na zona de ribeira, tal como se propón no EIA. Estes grupos cumprirán os seguintes aspectos:

a) Extensión que permita o desenvolvemento axeitado da especie ou especies, estimando grupos á beira do 1-1,5 ha.

b) Morfoloxía dos bosquetes pouco regulares, evitando en todo caso as formas alongadas e lineais. Tendendo, pola contra, a núcleos con largo e longo semellantes.

c) Empregaranse especies que soporten a competencia interespecífica que sobre elas exercen os eucaliptos, desestimando o emprego de especies de luz.

d) Situaranse nunha estación que presenten unha calidade media-alta con respecto ó conxunto do monte; así mesmo, serán especies compatibles con estas.

e) Nas zonas de ribeira manterase a proposta de repoboación con frondosas feita no EIA, e no suposto de que nalgún regato non estivese recollida esta, procederase á repoboación ou, se for o caso, conservación e mellora de especies frondosas distintas do eucalipto, abarcando unha franxa á beira dos 10-20 metros.

f) Nas zonas correspondentes á plantación da vexetación de ribeira debe restrinxirse a preparación do terreo a unha reparación manual e puntual de cubículos, facéndose o mesmo coa roza.

g) Os residuos resultantes da fase de construcción e explotación deberán ser xestionados conforme a súa natureza (residuos sólidos urbanos, inertes, tóxicos e perigosos), debendo cumprir, en todo caso, a regulamentación específica vixente que lle sexa de aplicación. En concreto, os residuos tóxicos e perigosos serán entregados a xestor autorizado, en cumprimento do disposto no R.D. 833/1988, polo que se aproba o Regulamento da lei básica de residuos tóxicos e perigosos e demais normativa de aplicación.

h) Realización dunha prospección arqueolóxica de campo para catalogación e delimitación dos restos arqueolóxicos localizados.

i) Presentación dun programa de actuacións arqueolóxicas compatible co plan de obra, de cara á protección e conservación dos xacigos arqueolóxicos, en coordinación coa Dirección Xeral de Patrimonio Cultural.