Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 237 Venres, 10 de decembro de 1999 Páx. 14.483

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE FAMILIA E PROMOCIÓN DO EMPREGO, MULLER E XUVENTUDE

ORDE do 23 de novembro de 1999 pola que se establecen axudas periódicas de prevención e apoio a familias para a integración do menor.

O Estatuto de autonomía de Galicia, no seu artigo 27.23º, asígnalle á Comunidade Autónoma a competencia exclusiva en materia de asistencia social.

A Lei 4/1993, do 14 de abril, de servicios sociais para Galicia, no seu artigo 50, prevé a posibilidade de concederlles prestacións e axudas económicas a persoas que se atopen en estado de necesidade. O Decreto 488/1997, do 26 de decembro, modificado polo Decreto 117/1999, do 23 de abril, polo que se establece a estructura orgánica da Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude, no seu artigo 1, atribúelle á devandita consellería competencia en materia de familia, infancia e menores, de acordo co establecido no Estatuto de autonomía de Galicia.

A Lei 3/1997, do 9 de xuño, galega da familia, a infancia e a adolescencia prevé no seu artigo 11.3º c) a regulación de prestacións económicas ou técnicas, que teñan por obxecto incidir favorablemente nas situacións de carencia familiar, e no artigo 15 a) establece, entre outras medidas preventivas, o apoio á infancia e á adolescencia a través de medidas económicas ou técnicas dirixidas a cubri-las súas necesidades básicas e mellora-lo contorno familiar, co fin de garanti-lo dereito a desenvolverse, sempre que sexa posible, no seo da súa propia familia.

A orde da Consellería de Economía e Facenda, do 11 de febreiro de 1998, pola que se regula a tramitación anticipada de expedientes de gasto sinala, no seu artigo 1.1º, a posibilidade da dita tramitación «no exercicio inmediatamente anterior ó dos orzamentos con cargo ós que se vaian imputa-los correspondentes gastos, aínda cando a súa execución se realice nunha ou en varias anualidades; no primeiro caso sempre que exista crédito axeitado e suficiente no proxecto dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma, aprobado polo Consello da Xunta de Galicia, que corresponda ó exercicio orzamentario no que se vai materializa-la contraprestación».

A aplicación desta norma supón a posibilidade de axiliza-lo proceso de execución do orzamento, beneficiando moi especialmente os propios administrados e sen mingua da soberanía do Parlamento toda vez que o artigo 3.1º dispón que «na tramitación anticipada de expedientes de subvencións e outros gastos non contractuais poderase chegar, como máxi

mo, ata o momento inmediatamente anterior ó de disposición ou compromiso de gastos».

No Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario del Galicia e no proxecto de Lei de orzamentos xerais da Comunidade galega para o ano 2000 establécense os requisitos e as normas necesarios e básicos para a xestión e actividade económico-financeira, normativa á que, en consecuencia, se adaptará a esta orde, tendo en conta en todo caso os principios de publicidade, obxectividade e concorrencia.

No citado proxecto de Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma para o ano 2000, aprobado polo Consello da Xunta de Galicia o 14 de outubro de 1999, na aplicación 14.02.212A.484.0 existe partida orzamentaria para as axudas que se establecen nesta orde, reservándose para tal efecto un crédito de 298.484.000 ptas., ou o seu equivalente en euros.

Na súa virtude, en uso das facultades que teño atribuídas,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto e finalidade destas axudas.

Esta orde ten por obxecto a convocatoria de concesión de axudas individuais, de carácter periódico, de prevención e apoio á familia para integración do menor, durante o exercicio económico do ano 2000. A finalidade destas axudas é proporcionar apoio económico a familias para garanti-la atención adecuada ós menores ó seu cargo e favorece-la permanencia destes no seu medio, evitando os riscos de desestructuración familiar.

Artigo 2º.-Beneficiarios.

Poderán ser beneficiarios destas axudas as familias con menores de idade que se atopen en circunstancias carenciais graves e precisen de apoios económicos para satisface-las súas necesidades básicas e evita-la desestructuración familiar.

Artigo 3º.- Contía das axudas.

A contía mínima e máxima que poderán alcanzar estas axudas está comprendida entre dez mil pesetas (10.000 ptas.) e cincuenta mil pesetas (50.000 ptas.) mensuais por familia, sen que superen a contía de vinte mil pesetas (20.000 ptas.) por menor.

A determinación da contía total da axuda que se vai conceder por unidade familiar establecerase en función das circunstancias económicas e sociais que concorran en cada caso.

Artigo 4º.-Requisitos.

Serán requisitos necesarios para a concesión das axudas:

1. Residir na Comunidade Autónoma galega.

2. Que os menores non teñan cumpridos os 18 anos de idade.

3. Que a renda per cápita anual do núcleo familiar non exceda de trescentas mil pesetas (300.000 ptas.).

4. Que a axuda sexa necesaria para garanti-la permanencia do menor no seu medio familiar.

5. Que a familia poida evolucionar cara á súa plena autonomía e integración social, sendo estas axudas un apoio temporal.

6. Que a dinámica do núcleo familiar garanta a educación e normalización da vida destes menores en aspectos tales como alimentación e vestiario dignos, escolarización regularizada, atención médica adecuada, hixiene e coidado corporal e outros análogos.

7. Que a unidade familiar non reciba axudas polo mesmo concepto doutros organismos; para iso presentará, xunto coa documentación que se relaciona no artigo seguinte, certificación que acredite esta circunstancia.

Artigo 5º.-Solicitudes e documentación.

As solicitudes formularanse mediante instancia subscrita polo representante da unidade familiar segundo o modelo oficial (anexo I).

Cada solicitude irá xunto coa seguinte documentación:

1. Fotocopia do DNI do solicitante e do resto dos membros da unidade de convivencia obrigados a obtelo.

2. Fotocopia do libro de familia.

3. Xustificación de haberes: última nómina dos membros da unidade convivencial que perciban haberes, declaración de IRPF ou declaración xurada dos maiores de idade de non estar obrigados a facela, certificación positiva ou negativa de percepción de prestación económica do Inem referida, así mesmo, ós maiores de idade; xustificación doutros ingresos familiares, de se-lo caso. A xustificación farase de acordo co modelo de declaración para os maiores de idade (anexo II).

4. Compromiso escrito por parte do solicitante (anexo III) de:

a) Aplica-las axudas á finalidade para a que sexan concedidas.

b) Contribuír á normalización e integración social do núcleo familiar.

c) Atender correctamente a educación dos menores ó seu cargo.

d) Acadar canto antes a plena autonomía familiar.

e) Comunicarlle nun prazo non superior a 15 días, ó órgano competente que tramitou a solicitude, calquera modificación que afecte as características deste tipo de axudas.

Deberá xuntarse á documentación achegada polos solicitantes un informe social, elaborado polos servicios sociais municipais, que deberá axustarse ó modelo oficial descrito no anexo IV. O dito informe valorará e verificará os datos presentados e proporá as oportunas medidas que se van tomar, especificándose cómo se efectuará o seguimento das axudas, tanto para garanti-la súa correcta aplicación como para procurar un apoio periódico que posibilite canto antes a plena autonomía destas familias.

No caso de que o solicitante recibise unha axuda para a integración do menor durante o ano 1999, á solicitude xuntarase unicamente a xustificación de haberes prevista no punto 3, así como o preceptivo informe social (anexo V).

Artigo 6º.-Lugar e prazo de presentación de solicitudes.

A solicitude e maila documentación requirida presentaranse na delegación da Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude da provincia onde teña o seu domicilio o solicitante, ou ben nos concellos que teñan subscrito o convenio oportuno. Estes últimos remitirán os expedientes á delegación correspondente sendo, en todo caso, de aplicación o disposto no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999.

O prazo de presentación de solicitudes será dun mes a partir do día seguinte ó da súa publicación, salvo en situacións de extrema gravidade, debidamente xustificadas, xurdidas despois deste prazo que rematará o 31 de outubro do 2000.

Artigo 7º.-Tramitación.

1. As delegacións provinciais comprobarán que tódalas solicitudes reúnen os requisitos esixidos nesta orde, requirindo ó interesado por escrito a emenda de defectos que houbese, con indicación de que, se así non o fixese no prazo de 10 días, se terá por desistido na súa petición, logo da correspondente resolución, que deberá ser dictada nos termos previstos no artigo 42 da Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

2. Revisada a documentación e completada, se é o caso, remitirase á comisión provincial de valo

ración, que terá a función de propoñe-la concesión, modificación, prórroga, suspensión, revogación ou denegación delas, seguindo os criterios obxectivos recollidos nesta orde.

3. A composición da comisión provincial de valoración será a seguinte:

-Presidente: o xefe do Servicio de Familia, Infancia e Menores da delegación provincial.

-Vocais: o delegado provincial designará dous funcionarios, dos que un actuará como secretario da comisión. Así mesmo, participará un representante da Intervención Territorial, que actuará con voz pero sen voto.

4. Tódolos actos de trámite efectuados nos expedientes de gasto regulados por esta orde entenderanse condicionados a que, ó se dicta-lo acordo de compromiso de gasto, subsistan as mesmas circunstancias de feito e de dereito existentes no momento en que foron producidos aqueles actos. Para estes efectos poderase solicitar ós interesados declaración xurada acreditativa.

Artigo 8º.-Criterios de valoración.

Cando o número de solicitudes con dereito a axudas sexa tal que exceda o crédito orzamentario destinado para tal fin, a comisión provincial de valoración aplicará os seguintes criterios para determina-las axudas:

-Maior número de fillos.

-Menores ingresos; a contía máxima será establecida pola comisión en función do número de solicitudes.

-Desinternamento.

-Evitar internamento.

-Situación sociofamiliar (familia monoparental, aluguer de vivenda, existencia de minusválidos na unidade familiar, terceira idade).

Artigo 9º.-Resolución.

1. A concesión das axudas, unha vez fiscalizadas pola Intervención, corresponderalles ós delegados provinciais da Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude, segundo Decreto 88/1990, do 15 de febreiro, que deberán resolver no prazo máximo de 75 días, desde a presentación da solicitude do interesado. Nas solicitudes extraordinarias, de conformidade co artigo 6º desta orde, o prazo de resolución será dun mes a partir da presentación da solicitude. No caso de non existir resolución expresa, transcorridos ámbolos dous prazos, as solicitudes teranse por desestimadas.

2. A duración, contía e condicións das axudas serán as que se especifiquen na resolución de concesión.

3. Os delegados poderán modificar, suspender ou revoga-las axudas concedidas, logo do informe da comisión provincial de valoración, nos casos en que varíen as condicións que motivaron a concesión ou do incumprimento total ou parcial dos requisitos e condicións establecidas para ela.

4. As resolucións de concesión, denegación, modificación, suspensión, revogación ou prórroga das axudas dictadas seranlles notificadas ós interesados e terán que ser motivadas.

5. Esta resolución esgota a vía administrativa e contra ela pode interpoñerse o recurso contencioso-administrativo ante o órgano xurisdiccional competente, no prazo de dous meses a partir do día seguinte ó da notificación desta resolución, de conformidade co disposto na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdicción contencioso-administrativa.

Potestivamente, e con anterioridade á interposición do referido recurso contencioso-administrativo, poderá interpoñerse o recurso de reposición ante o órgano que dictou o acto, no prazo dun mes a partir do día seguinte ó da notificación desta resolución. Neste caso, non poderá interpoñerse o recurso contencioso-administrativo ata que sexa resolto o recurso de reposición.

Artigo 10º.-Pagamento das axudas.

As delegacións provinciais da Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude aboaranlles ás familias a contía da axuda concedida en pagamentos periódicos por mensualidades vencidas.

Antes do último pagamento presentará declaración complementaria das axudas solicitadas, tanto aprobadas ou concedidas como as pendentes de resolución.

No prazo máximo de 15 días contados desde a finalización do período de percepción da axuda, o solicitante presentará unha declaración xurada na que xustifique que a axuda e os fondos percibidos foron utilizados para os fins propostos.

Artigo 11º.-Seguimento.

O seguimento das axudas será realizado, en cada caso, polo órgano receptor das solicitudes, preferentemente polos servicios sociais municipais e consistirá en:

a) Avaliación e control na súa aplicación, esixíndose un mínimo dun informe anual da situación das

familias beneficiarias; o dito informe presentarase no último trimestre do ano.

b) Apoio e orientación ás familias para acadar canto antes a súa plena autonomía.

c) Pór en coñecemento da comisión provincial de valoración as circunstancias que poidan motiva-la modificacion ou prórroga das axudas concedidas.

Artigo 12º.-Reintegro.

O incumprimento total ou parcial de calquera das condicións esixidas constituirá causa determinante de revogación da axuda e do seu reintegro polo beneficiario ou solicitante, segundo o disposto no artigo 78 do Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia.

Artigo 13º

Os receptores das axudas ou subvencións quedan sometidos ás actuacións de comprobación que acorde a Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude. Así mesmo, queda obrigado a facilitar toda a información que lle sexa requirida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Tribunal de Contas e o Consello de Contas, no exercicio das súas funcións de fiscalización e control do destino das axudas.

Disposicións adicionais

Primeira.-De acordo co disposto no artigo 3.1º da orde da Consellería de Economía e Facenda, do 11 de febreiro de 1998, na tramitación anticipada de expedientes de subvencións e outros gastos non contractuais poderase chegar como máximo ata o momento inmediatamente anterior ó da disposición ou compromiso do gasto.

Segunda.-A concesión destas axudas terá como límite global o crédito consignado no orzamento para estes fins.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Autorízase a directora xeral de Familia para dicta-las normas que sexan necesarias para o desenvolvemento desta orde.

Segunda.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia; comezarán os efectos económicos das axudas concedidas o día primeiro de xaneiro do ano 2000.

Santiago de Compostela, 23 de novembro de 1999.

Manuela López Besteiro

Conselleira de Familia e Promoción do Emprego,

Muller e Xuventude