Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 237 Venres, 10 de decembro de 1999 Páx. 14.476

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E RELACIÓNS LABORAIS

RESOLUCIÓN do 8 de novembro de 1999, da Delegación Provincial de Pontevedra, pola que se dispón o rexistro, depósito e publicación, no Diario Oficial de Galicia, do convenio colectivo da empresa Rías Baixas Comunicación, S.A.

Visto o expediente do convenio colectivo para a empresa Rías Baixas Comunicación, S.A., código nº 3602812, que tivo entrada nesta delegación provincial o día 4-11-1999, subscrito en representación da parte económica por unha representación da empresa, e da parte social, polo comité de empresa, en data 7-1-1999. De conformidade co disposto no artigo 90.2º e 3º, do Real decreto lexislativo 1/1995, do 24 de marzo, polo que se aproba o texto refundido da Lei do estatuto dos traballadores, Real decreto 1040/1981, do 22 de maio, sobre rexistro e depósito de convenios colectivos de traballo, e Real decreto 2412/1982, do 24 de xullo, sobre traspaso de funcións e servicios da Administración do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia, en materia de traballo, esta delegación provincial

ACORDA:

Primeiro.-Ordena-la súa inscrición no libro de rexistro de convenios colectivos de traballo, que consta nesta delegación provincial, e a notificación ás representacións económica e social da comisión negociadora.

Segundo.-Ordena-lo seu depósito no Servicio de Relacións Laborais, Sección de Mediación, Arbitraxe e Conciliación.

Terceiro.-Dispoñe-la súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Vigo, 8 de novembro de 1999.

Antonio Coello Bufill

Delegado provincial de Pontevedra

Convenio colectivo Rías Baixas Comunicación, S.A. para 1998-1999

Capítulo I

Disposicións xerais

Artigo 1º.-Ámbito territorial.

Este convenio é de aplicación nos centros de traballo de Rías Baixas Comunicación, S.A. actualmente existentes e naqueles que durante a vixencia deste convenio puidesen establecerse.

Artigo 2º.-Ámbito persoal.

O convenio afecta á totalidade do persoal que preste servicios na empresa e o faga en virtude dunha relación laboral contractual. Quedan expresamente excluídos os que desempeñen funcións de alto consello de goberno e alta dirección, profesionais liberais vinculados por contratos civís de prestación de servicios, asesores, correspondentes e colaboradores que teñan formalizado contrato civil coa empresa no que exclúa a relación laboral de colaboradores a peza e os que non manteñan unha relación continuada coa empresa, axentes comerciais e publicitarios que traballen para Rías Baixas Comunicación, con liberdade de representar a outras empresas dedicadas a igual ou diferente actividade, o persoal pertencente a empresas concesionarias de servicios que teñan formalizado un contrato civil de prestación de servicios a Rías Baixas Comunicación.

Artigo 3º.-Vixencia e duración.

Este convenio terá unha vixencia desde a data 1-1-1998 ata o 31-12-1999 con independencia da súa publicación oficial unha vez homologado pola autoridade laboral.

Artigo 4º.-Prórroga.

Extinguido o período de vixencia e no caso de non mediar denuncia expresa por calquera das dúas partes, con polo menos un mes de antelación ó seu remate, entenderase prorrogado no seu contido normativo, excepto as táboas salariais e os complementos que deberán ser negociados e pactados por separado.

Artigo 5º.-Rescisión e revisión da denuncia do convenio.

A denuncia do presente convenio deberá realizarse, polo menos, cun mes de antelación ó seu remate. Haberá de formalizarse por escrito e comunicarllo á empresa e ó comité de empresa.

Artigo 6º.-Da proposta de negociación.

A representación do persoal ou empresarial que formule a denuncia e pretenda negociar un novo convenio que substitúa ó daquela vixente deberá

xunta-lo seu escrito de denuncia proposta do punto ou puntos para negociar:

a) Prazo de duración do novo convenio.

b) Materia concretas que se van negociar.

c) Repercusión económica anual das condicións que teñan carácter ou incidencia económica.

d) Criterios empresariais en relación á estructura e determinación do persoal laboral.

Capítulo II

Garantías e absorbilidade

Artigo 7º.-Vinculación á totalidade.

As representacións conveñen que sendo o pactado un total orgánico indivisible, consideran o novo convenio nulo e sen efecto no suposto de que a autoridade administrativa competente non aprobase algún punto fundamental a xuízo de calquera das partes, pasándose neste caso a unha nova redacción e á conseguinte negociación dun novo convenio.

Artigo 8º.-Absorcións.

As disposicións legais futuras que impliquen variación económica en todos ou nalgún dos conceptos retributivos, unicamente terán eficacia se, globalmente consideradas e sumadas ás vixentes con anterioridade ó convenio, superen o nivel total deste. En caso contrario, consideraranse absorbidas polas melloras pactadas.

Artigo 9º.-Garantía persoal.

Respectaranse as situacións persoais que, con carácter global, excedan o convenio.

Capítulo III

Comisión mixta

Artigo 10º.-Constitución e funcións.

No prazo máximo dun mes a partir da sinatura deste convenio, crearase unha comisión mixta constituída por dous representantes dos traballadores e dúas persoas en representación da empresa.

As funcións desta comisión serán as seguintes:

a) Interpretación do convenio.

b) Definición e valoración dos postos de traballo orixinados pola empresa que non estean catalogados.

c) Conciliación dos conflictos colectivos, con independencia de conciliación perante os organismos competentes.

d) Cantas outras actividades tendan á eficacia práctica do convenio.

Artigo 11º.-Funcionamento da comisión.

A comisión mixta reunirase:

a) Cando así o acorden ámbalas partes (reunión extraordinaria).

b) Unha vez cada trimestre, con carácter ordinario.

Os acordos adoptaranse conxuntamente, entre as dúas representacións, e non serán efectivos ata a aprobación da acta na que consten.

En caso de non chegarse a un acordo, ámbalas partes, se así o conveñen, poden someterse a arbitraxe, conciliación ou mediación ante o SMAC ou outro organismo competente; para este fin seranlle remitidos os informes que as partes consideren oportunos. A decisión dos citados organismos terá carácter vinculante, excepto no caso de que ámbalas partes chegasen a un acordo posterior ou simultáneo; neste caso prevalecerá este sobre aquela, que quedará nula e sen efecto.

Capítulo IV

Organización do traballo

Artigo 12º.-Principios xerais.

Ámbalas partes conveñen en seguir aplicando técnicas de racionalización do traballo e coinciden na conveniencia de aplica-los sistemas de modernización que se consideren necesarios, debendo oír en todo caso ó comité de empresa.

Artigo 13º.-Xornadas.

A xornada de todo o persoal afectado por este convenio será de 36 horas semanais (seis horas diarias) con 36 horas seguidas de descanso. Sen embargo, os horarios xerais das diferentes quendas de traballo serán acordados pola empresa e oído o comité de empresa, en función das necesidades de producción e servicio.

Artigo 14º.-Descansos.

Dadas as características do traballo redaccional, a empresa permitirá a acumulación dos descansos semanais, sempre e cando non inflúan no desenvolvemento normal da actividade productiva.

Artigo 15º.-Horas extraordinarias.

A iniciativa do traballo en horas extraordinarias corresponderá á empresa e ó traballador a libre aceptación ou denegación. O seu número non poderá excede-los límites establecidos no artigo 35.2º E.T. A remuneración da hora extraordinaria traballada en días laborables será incrementada nun 75% adicional á hora ordinaria e un 100% adicional se se realizase en domingo ou día festivo. Se as horas extraordinarias se realizasen entre as 22 horas e as 6 horas terán, ademais, o aumento da porcentaxe

correspondente ó plus de nocturnidade, consistente no 25% do salario base maila antigüidade. Debido á natureza do traballo xornalístico, os traballadores comprométense a realiza-lo traballo necesario para dar saída ós traballos que teñan a particularidade de diarios. A prolongación da xornada terá que ser notificada ó persoal correspondente polo xefe da sección á que corresponda, antes da conclusión da xornada laboral.

Capítulo V

Réxime de persoal

Artigo 16º.-Contratación de persoal.

Toda persoa que sexa admitida para traballar en Rías Baixas Comunicación, S.A. como traballador por conta allea terá que asinar un contrato de traballo onde se recollan os requisitos esixidos pola lexislación vixente.

Artigo 17º.-Vacantes.

As vacantes que se produzan na empresa comunicaránselle ó comité de empresa, para así transmitirllo ó resto dos traballadores para que poidan presenta-la súa solicitude co tempo necesario.

Artigo 18º.-Traballos de superior categoría.

O traballador que desempeñe traballos de categoría superior por un período que exceda os dez meses dun total de dezaoito ascenderá automaticamente á categoría superior, sempre que cumpra os requisitos regulados para o dito ascenso. A retribución do persoal que realice estes traballos será a da categoría desempeñada.

Artigo 19º.-Traballos de inferior categoría.

Ningún traballador poderá ser destinado a realizar traballos de inferior categoría, agás naqueles casos de común aceptación por ámbalas partes ou por necesidades do servicio e por tempo máximo de tres meses, pero sen que supoña perda ningunha da súa retribución.

Cando o traballador solicitase desempeñar unha tarefa de inferior categoría á que ten poderáselle asigna-lo salario correspondente ó traballo efectivamente prestado. A solicitude deberá formalizarse por escrito e comunicarse ó comité de empresa.

Artigo 20º.-Adaptación do persoal.

Enténdese por traballador con capacidade diminuída aquel que deixe de estar en condicións físicas ou psíquicas para continuar realizando eficazmente as tarefas que viña desempeñando en función da súa categoría, sexa iso debido a accidente ou enfermidade, aínda que non haxa posibilidade de obte-la baixa da Seguridade Social pero sexa declarada por un servicio médico.

Logo dos dictames ou asesoramentos técnicos oportunos para aquela situación e de acordo coas súas indicacións, procederase a asignarlle a este traballador unha tarefa conforme a súa capacidade diminuída, pactándose a retribución en cada caso. Este dereito do traballador diminuído quedará condicionado á existencia de posto vacante que se vai desempeñar que reúna as características idóneas.

Artigo 21º.-Cambio de tecnoloxía.

En caso de que un cambio de posto viñese imposto polo progreso tecnolóxico e esixira ó mesmo tempo unha variación ou aumento dos coñecementos profesionais do traballador, procederase á súa reconversión profesional sendo a dirección da empresa a que tome a decisión sobre o resultado positivo ou non da reconversión do traballador, e polo tanto da súa avaliación.

As operacións de reconversión realizaranse con asistencia dos técnicos que a empresa designe, informando o comité de empresa. Os traballadores afectados non perderán as súas categorías e retribucións alcanzadas. Se o traballador convertido pasa a desempeñar traballos de superior categoría, será retribuído de acordo coa nova situación.

Artigo 22º.-Xornalistas.

Ningún xornalista poderá ser obrigado a copiar ou a introducir no sistema electrónico orixinais alleos, a non ser cando se trate de reelaboración xornalística. Os xornalistas non poderán ser valorados no seu traballo a través de medios electrónicos, tanto nos aspectos cualitativos como cuantitativos.

Capítulo VI

Condicións económicas

Artigo 23º.-Remuneracións.

Para efectos deste convenio, fíxase unha suba salarial do 2,1% do salario base, que se aplicará a partir do 1 de outubro de 1998. Se no momento do asinamento do convenio se acumulou un atraso no pagamento desta porcentaxe, este aboarase integramente coa primeira nómina tralo acordo. Dada a característica bianual do covenio fíxase así mesmo un incremento salarial do 1,8% a partir do 1 de xaneiro de 1999. Ademais a empresa aboará en xaneiro do 2000, con carácter retroactivo ó 1 de xaneiro de 1999, un 2% máis consolidable sobre os salarios base corrixidos e a súa correspondente repercusión nos distintos complementos da nómina ós que lles afecte.

Artigo 24º.-Salario base.

Enténdese por salario base a totalidade das remuneracións que con carácter fixo e ordinario se perciban mensualmente, con independencia daqueles complementos que por ser persoais, por posto de

traballo, de vencemento superior ó mes ou devengos extrasalariais, cobre a maiores cada traballador en concreto, servindo de base para a obtención dos demais.

O salario base será especificado para cada categoría que se relaciona no anexo a este convenio. As variacións deste virán dadas polo ordenamento legal ou pactado en convenio entre as partes.

Artigo 25º.-Antigüidade.

Sen prexuízo das disposicións vixentes sobre a materia, establécese que todo traballador, ó cumpri-los anos preceptivos, cobrará trienios na cantidade do 5% do salario base que teña, independentemente, cada traballador.

En canto ós límites da acumulación dos incrementos por antigüidade, en ningún caso poderá supera-lo 25% do salario base máis a antigüidade.

Artigo 26º.-Complemento dominical.

O persoal percibirá por cada domingo traballado un complemento equivalente ó 240% do salario base máis a antigüidade.

Artigo 27º.-Excedencia.

Calquera traballador cun mínimo dun ano de antigüidade na empresa terá dereito a un período de excedencia de 5 anos como máximo sempre e cando non se dea o caso de concorrencia coa empresa en medios escritos en Galicia e en tódolos medios no ámbito local. En calquera período dela ou ó seu termo, o traballador poderase reincorporar á empresa inmediatamente se esta dispón dun posto libre na súa categoría e, se non o dispuxese, a empresa está obrigada a admitilo na primeira vacante que se produza na súa categoría profesional.

Artigo 28º.-Pagas extraordinarias.

Como parte integrante do seu salario, os traballadores de Rías Baixas Comunicación, S.A. terán dereito á percepción das seguintes pagas extras:

-Paga de verán, que se percibirá en xullo.

-Paga de Nadal, que se percibirá antes do 20 de decembro.

-Estas pagas serán retribuídas con salario base máis antigüidade, se é o caso.

-Paga de beneficios: consistente nun 10% de tódolos emolumentos devengados en nómina ó longo do ano. Farase efectiva no primeiro trimestre de cada exercicio.

Artigo 29º.-Compensación por enfermidade.

O traballador que estea en situación de baixa por incapacidade laboral transitoria será compensado

pola empresa mentres permaneza de baixa por longa enfermidade ou hospitalización, a partir de 16 días, cunha cantidade que sumada á percepción da Seguridade Social polo dito concepto alcance o 100% do seu emolumento mensual.

Artigo 30º.-Delegados.

Os responsables das delegacións que Atlántico Diario manteña fóra da redacción central terán a categoría de delegados. A súa retribución corresponderá á dun redactor e percibirá un complemento de responsabilidade consistente na diferencia de salario existente entre o seu propio e o de xefe de sección, mentres ocupe tales cometidos.

Capítulo VII

Melloras sociais

Artigo 31º.-Festivos.

Dadas as características do traballo de prensa, o persoal traballará os días fetivos. Estes días festivos serán compensados ós traballadores afectados cun día de vacación por cada día festivo traballado, podendo acumula-lo total dos festivos traballados ás vacacións anuais.

Artigo 32º.-Vacacións.

As quendas de vacacións estableceranse en función do disposto no artigo 38 Estatuto dos traballadores. No caso de baixa por enfermidade, as vacacións interrompranse continuando os días que falten despois da alta médica, sen que iso cause prexuízo a outro compañeiro nas súas vacacións. Se a baixa é anterior ó inicio do desfrute, sinalarase un novo período de vacacións.

Artigo 33º.-Permisos.

Ausencias do traballo con dereito a remuneración que -logo de aviso e xustificación- se conceden ó traballador:

-En caso de enfermidade grave ou falecemento de parentes ata segundo grao de consanguinidade ou afinidade, establécese por un período de dous días, ampliable a catro en caso de necesidade de desprazamento.

-A ausencia prevista por causa de traslado de domicilio do artigo 37.3º c) do ET con dereito a remuneración establécese en dous días.

-Por casamento, quince días naturais ininterrompidos, aboables, que poderán desfrutarse cunha antelación de dous días á data sinalada. Para matrimonio de fillos ou irmáns, un día.

-Tempo necesario para ser asistido por facultativos da Seguridade Social.

-Por paternidade: dous días naturais a elección do interesado.

-Por maternidade: de acordo coa normativa vixente.

-Para desfrutar dos dereitos educativos xerais e de formación profesional, disporase de 10 días ó

ano para concorrer a exames finais e demais probas de avaliación e aptitude de ensinanzas regradas.

Artigo 34º.-Videoterminais.

Ningún traballador poderá ser obrigado a permanecer ante os videoterminais máis tempo do establecido na súa xornada laboral, con descansos de dez minutos cada hora de traballo.

O uso de videoterminais obrigará a pasar unha revisión oftalmolóxica anual, ademais do chequeo anual. Tódolos gastos médicos derivados de enfermidades ou lesións que se demostren atribuíbles ó traballo en videoterminais e que non sexan cubertos pola Seguridade Social serán pagados pola empresa. Os empregados que, como se demostre, necesiten adquirir lentes correctoras para a vista terán unha subvención de 3.000 pesetas.

Artigo 35º.-Notas necrolóxicas.

A dirección da empresa porá unha nota necrolóxica gratuíta ós traballadores polos familiares falecidos ata o segundo grao de consanguinidade.

Artigo 36º.-Seguridade e hixiene.

O comité de empresa designará, logo de consulta cos traballadores, os vocais representantes destes no Comité de Seguridade e Hixiene, entre o persoal da empresa con categoría profesional mínima de especialista ou asimilado e que seguise algún curso de seguridade e hixiene, sendo as súas funcións as enmarcadas no Estatuto dos traballadores.

Capítulo VIII

Mobilidade xeográfica

Artigo 37º.-Normas xerais.

Nos casos de traslado xeográfico forzoso, logo dos trámites legais establecidos, o traballador percibirá, logo de xustificación, o importe dos seguintes gastos: os de locomoción do interesado e familiares que convivan con el ou dependan del economicamente; os de transporte mobiliario, roupa e utensilios e unha indemnización en metálico, equivalente a 60 ou 30 días do salario real que veña percibindo no momento do traslado, segundo teña ou non familiares ó seu cargo.

Artigo 38º.-Permuta.

Os traballadores con destino nunha mesma localidade ou en localidades distintas e pertencentes á mesma empresa e grupo profesional poderán concerta-la permuta dos seus respectivos postos, a reserva do que aquela decida tendo en conta as necesidades do servicio, a aptitude dos permutantes para o novo destino e demais circunstancias que deban ser consideradas.

Artigo 39º.-Permuta obrigatoria.

A muller embarazada, a partir do cuarto mes de xestación, en caso de desenvolver traballo previamente declarado polo facultativo pertinente como penoso ou perigoso para o seu embarazo, terá dereito, logo de solicitude, a ocupa-la primeira vacante que se produza nun posto de traballo ou permuta do seu posto por outro, sempre que o posto de acceso sexa adecuado á súa formación profesional, non estea exposto ós citados riscos, dentro do mesmo grupo profesional e exista posibilidade na empresa.

O dereito ás expresadas ocupacións ou permutas non significa prexuízo para a categoría e soldo da interesada, nin tampouco xerará a necesidade ou obriga de crear un porto de traballo novo.

En caso de permuta, a empresa, oído o comité de empresa, designará a persoa que obrigatoriamente quede afectada, quen, polo carácter de provisionalidade e duración da situación, se reincorporará ó seu anterior posto de traballo cando a embarazada cause baixa no traballo.

Ámbolos supostos de ocupación ou permuta no darán lugar, en ningún caso, á consolidación dos traballadores afectados nos postos de traballo provisionalmente ocupados, aínda que a situación de interinidade supere os dous meses.

Artigo 40º.-Axudas de custo e desprazamentos.

Consideraranse desprazamentos con dereito ó aboamento dos gastos de locomoción todos aqueles que realice o persoal desde o seu centro de traballo por necesidades de servicio fóra da localidade.

Os traballadores que realicen a viaxe no seu vehículo recibirán o seu aboamento en metálico (ver anexo) por quilómetro percorrido ou no seu defecto o aboamento dos gastos de locomoción noutros medios, así como comidas ou aloxamento se fose necesario, despois de xustificalos e da aprobación do seu inmediato xefe.

En caso de que o gasto fose superior a 5.000 pesetas a empresa aboaraas de antemán e liquidará co persoal desprazado contra xustificantes.

Capítulo IX

Disposición derradeira

Artigo 41º.-Aplicacións da lexislación laboral.

No non previsto ou regulado polo presente convenio, serán de aplicación, sobre as respectivas materias, as normas e disposicións de carácter xeral establecidas pola lexislación vixente en cada momento.

Pola empresa:Polo comité:

AsinadoMiguel Esqueira

Milagros Alonso

Mar Bermúdez

Ana Fuentes

Jorge García

Regulación de festivos:

Reunidos Alfonso Sánchez Izquierdo, conselleiro delegado de Rías Baixas Comunicación; Rodrigo Varela Rodríguez, director xeral de RBC e o comité de empresa acordan:

1. Que o persoal de Rías Baixas Comunicación, que pola súa función se vexa obrigado a traballar en xornadas festivas, terá dereito a desfrutar de 14 días extras de vacacións polo traballo desenvolvido nos ditos días durante o ano. Este acordo ten vixencia durante os anos 1998 e 1999.

2. Que este acordo, que non é susceptible de prórroga sen pacto previo, só vincula a dirección de Atlántico Diario, en tanto en canto os señores Alfonso Sánchez Izquierdo e Rodrigo Varela Rodríguez teñan as súas actuais responsabilidades directivas.

Vigo, 7 de xaneiro de 1999.

Asinado:Asinado:

Alfonso Sánchez IzquierdoMilagros Alonso Rodrígez

Ana Fuentes CregoMar Bermúdez Pérez

Rodrigo Varela RodríguezJorge García Herosa

Miguel Esqueira Huerta

ANEXO II

Retribucións para 1999

Redacción
Redactor xefe154.240
Xefe de sección138.556
Redactor 120.801
Axudante preferente de redacción97.763
Axudante de redacción87.848
Documentalista87.848
Secretario de redacción96.526
Redactor gráfico97.763

Comercial
Xefe de sección138.556
Promotor preferente comercial95.858
Promotor comercial87.848

Administración
Xefe de sección138.556
Oficial de primeira97.763
Oficial de segunda90.465
Auxiliar87.848
Cobrador87.848
Ordenanza74.766

Distribución
Xefe de sección138.556
Inspector de vendas90.355
Oficial 1ª81.550
Oficial 2ª80.500

Departamento informático
Xefe de sección138.556
Operador de sistemas133.449
Infografista97.763
Maquetista87.848
Técnico de sistemas97.763
Axudante de sistemas87.848

Definición de categorías RBC, S.A.

-Redacción.

Redactor xefe. É o xornalista máximo responsable da redacción, que só depende do director e do subdirector. Toma decisións operativas sobre a paxinación e contidos do xornal, que coordina informativamente, e por delegación decide os cambios das funcións do persoal no seu ámbito de competencia.

Xefe de sección. É o xornalista que asume a responsabilidade dunha sección, na que organiza, coordina e supervisa o traballo dos redactores que a integran.

Redactor. É a persoa que traballa directamente a noticia, quen a busca, selecciona, escribe ou reelabora, realiza crónicas, comentarios, reportaxes ou calquera outra actividade literaria propia do traballo periodístico, todo iso de acordo coas pautas definidas pola dirección.

Redactor gráfico. Ten como funcións traballa-la noticia, a reportaxe ou a crónica a través da fotografía, así como o seu posterior tratamento mecánico ou informático para a súa inserción nas páxinas do xornal.

Secretario/a de redacción. Está encargado/a da coordinación de encargos, envíos ou mensaxes que afecten ou dependan da redacción. Ocuparase tamén das tarefas de coordinación con delegacións e correspondentes e atenderá os aspectos mecánicos diarios que requiran atención especial para o funcionamento normal da redacción.

Axudante de redacción preferente. É a persoa encargada de gravar ou introducir textos en ordenador segundo instruccións a partir de orixinais ou referencias debidamente cursadas, e con autonomía na elaboración de contidos e de gráficos.

Axudante de redacción. É a persoa encargada de gravar ou introducir textos en ordenador segundo instruccións a partir de orixinais ou referencias debidamente cursadas.

Documentalista. Son os axudantes preferentes que arquivan e organizan os fondos documentais, literarios, gráficos ou en calquera outro soporte para a súa posterior utilización na confección do xornal ou calquera outra publicación da empresa.

-Informática.

Xefe de sección. Ten a responsabilidade de xerar, coordinar, supervisar e corrixir todo o proceso productivo da súa área.

Operador de sistemas. O seu labor consistirá en operar e segui-los equipos informáticos, así como a súa posta a punto para a actividade diaria.

Maquestista. Son os axudantes de redacción (ou preferentes) que, seguindo instruccións dos redactores, elaboran as maquetas das páxinas, adáptanas ás necesidades do xornal e corríxenas antes da súa impresión.

Infografista. Son os axudantes de redacción (ou preferentes) especializados en deseño gráfico que baixo a supervisión dos responsables da redacción realizan informacións baseadas fundamentalmente na combinación de textos, fotografías ou debuxos.

Técnico de sistemas. É o especialista que se encarga da instalación e mantemento dos sistemas informáticos, telefónicos, transmisión de datos, reproducción e programas da empresa.

Axudante de sistemas. É o especialista que, baixo a supervisión dun técnico de sistemas, realiza tarefas auxiliares nos traballos sinalados na categoría anterior.

-Administración.

Xefe de sección. Asume, baixo a dependencia directa da dirección xeral ou administrativa, a responsabilidade de toda actividade burocrática, administrativa, control, facturación e boa fin de tódalas operacións. Terá completo coñecemento do manexo do sistema operativo do equipo informático, así como de tódolos programas que o compoñen, encargándose do seu coidado e bo uso e tendo baixo a súa responsabilidade o persoal desta sección.

Oficial de primeira. Terán esa categoría os traballadores que cun servicio determinado ó seu cargo, e con iniciativa e responsabilidade propia, executan funcións administrativas baixo a dependencia do xefe de administración, e disporán dos coñecementos precisos de informática no relativo á súa actividade. Requírese capacidade de mecanografar textos a unha velocidade mínima de 300 pulsacións por minuto.

Oficial segunda. Os traballadores que teñan esta categoría terán capacidade de iniciativa e realizarán funcións auxiliares de administración e contabilidade ás ordes dos seus superiores na sección. Deberán acreditar coñecementos similares ós oficiais de primeira pero non terán a responsabilidade directa daqueles. Deberán poder mecanografar a un mínimo de 200 pulsacións por minuto.

Auxiliar. Consideraranse como tales os traballadores que realicen as súas funcións asignados ós oficiais de segunda, sen acadaren a competencia daqueles.

Cobrador. Realiza o seu labor fóra das oficinas e ten como misión principal e habitual a materialización de todo tipo de cobros.

Ordenanza. Ten como misión atende-la central telefónica, coidar dos accesos ós locais da empresa

de acordo coas instruccións dos seus superiores. Realizará os traballos ou recados que lle sexan expresamente encomendados e recollerá e distribuirá a correspondencia.

-Comercial.

Xefe de sección. É o responsable directo e inmediato do equipo de promoción. Ten ó seu cargo as funcións de organización, coordinación e dinamización do persoal ás súas ordes, así como o desenvolvemento das xestións comerciais que lle sexan asignadas.

Promotor preferente comercial. É a persoa que, baixo o mando do xefe de sección, coordina e supervisa o traballo de varios promotores comerciais.

Promotor comercial. Ten como responsabilidade a promoción e venda de todos aqueles productos comerciais que lle sexan encomendados polos seus responsables.

-Distribución.

Xefe de sección. Asume o mando e a responsabilidade da distribución (estructuración, organización, control de rutas, inspectores, horarios, etc.) e terá baixo a súa competencia o persoal pertencente a esta sección.

Inspector de vendas. Pertencen a esta categoría os encargados da inspección e visita a tódolos postos de venda do xornal, coordinando os envíos, informando de tódalas variacións e erros que se puidesen producir e emitindo os informes oportunos.

Oficial de primeira. Son os traballadores que tendo un servicio ó seu cargo, con responsabilidade propia executan os labores propios do departamento, dependentes do xefe de sección.

Oficial de segunda. Son os traballadores que con certa iniciativa e subordinación ó xefe de sección e/ou un oficial primeira efectuarán os labores propios do departamento.

ANEXO IV

Custo do quilómetro.

O importe que hai que aboar por quilómetro percorrido, segundo se especifica no artigo 40 deste convenio, será de 24 ptas./km, segundo o Regulamento da renda das persoas físicas R.D. 214/1999, do 5-2-1999, publicado no BOE o 9-2-1999.

Asinado:Asinado:

Alfonso Sánchez IzquierdoMilagros Alonso Rodríguez

Rodrigo Varela RodríguezMar Bermúdez Pérez

Jorge García Herosa

Miguel Esqueira Huerta

Ana Fuentes Crego