Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 237 Venres, 10 de decembro de 1999 Páx. 14.475

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA

RESOLUCIÓN do 16 de novembro de 1999, conxunta da Secretaría Xeral da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria e da Dirección Xeral de Centros e Inspección Educativa, pola que se establece o procedemento de elección, constitución, renovación e substitución dos membros da Xunta Autonómica de Directores de Centros de Ensino non Universitario.

A Orde do 11 de novembro de 1999 creou e regulou a Xunta Autonómica de Directores de Centros de Ensino non Universitario.

No artigo 5 da citada orde establécese que a Secretaría Xeral da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria e a Dirección Xeral de Centros e Inspección Educativa determinarán mediante resolución conxunta o procedemento de elección, constitución, renovación e substitución dos directores nas xuntas autonómicas.

Na súa virtude, e de acordo coa facultade outorgada na disposición derradeira primeira da orde antes citada, esta secretaría xeral e a Dirección Xeral de Centros e Inspección Educativa

RESOLVEN:

Primeiro.-A elección dos directores que formarán parte da Xunta Autonómica de Directores de Centros

de Ensino non Universitario efectuarase nas datas fixadas pola Consellería de Educación e Ordenación Universitaria coincidindo coa renovación dos consellos escolares no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia.

Segundo.-Os membros das xuntas provinciais de directores que pretendan formar parte da xunta autonómica de directores deberán presentar, por escrito, ante a xunta provincial de directores, con dez días de antelación á data da elección, a súa candidatura.

Son electores e elixibles tódolos directores que formen parte de cada xunta provincial de directores de centros de ensino non universitario.

Terceiro.-Os representantes de cada unha das xuntas provinciais de directores que vaian formar parte da xunta autonómica, no número establecido, serán elixidos polos seus membros respectivos. O voto será directo, secreto e non delegable.

Cuarto.-O presidente da xunta provincial de directores ou persoa en quen delegue convocará unha reunión para dar lectura ás normas relativas ó procedemento de elección dos representantes dos directores, así como a relación de candidatos para proceder á súa proclamación. Nesta sesión fixarase a data de realización da reunión, de carácter extraordinario, que terá como único punto da orde do día a elección dos representantes na xunta autonómica de directores que lle correspondan, de acordo co disposto no artigo 3 da orde da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria do 11 de novembro de 1999.

Contra as decisións de proclamación de candidaturas das xuntas provinciais de directores poderase presentar, por un prazo de tres días, reclamación perante o director xeral de Centros e Inspección Educativa. A resolución deste porá fin á vía administrativa.

Quinto.-Na sesión extraordinaria da xunta provincial de directores constituirase unha mesa electoral integrada polo seu presidente ou persoa en quen delegue e dous directores, de entre os que non se presenten como candidatos, o de maior e menor idade, actuando este último como secretario.

Sexto.-Cada director membro da xunta provincial fará constar na súa papeleta un máximo de catro nomes, dous por cada un dos colectivos de directores establecidos no artigo 4 da Orde do 10 de decembro de 1997, modificado pola disposición adicional segunda da citada Orde do 11 de novembro de 1999.

Sétimo.-A mesa electoral de cada xunta provincial, unha vez finalizada a votación correspondente, procederá ó escrutinio dos votos. Efectuado este, redactarase unha acta, que asinarán tódolos membros da mesa, na que se fará consta-los representantes elixidos en función do maior número de votos, co número dos acadados por cada un, e os nomes de tódolos non elixidos, coa especificación dos votos obtidos en cada caso, para efectos de posibles substitucións futuras dos candidatos proclamados.

Os empates que se puidesen producir no número de votos, dentro de cada un dos dous colectivos, dirimiranse, por esta orde, en favor dos que posúan maior antigüidade na xunta provincial de directores, maior número de anos de permanencia continuada como director dun centro educativo e por sorteo.

A mesa electoral proclamará no mesmo acto os candidatos elixidos e trasladará a proposta ó secretario xeral da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, no prazo de tres días a partir da data de elección en sesión extraordinaria.

Contra a proposta da mesa electoral poderase presentar reclamación perante o secretario xeral, no prazo de tres días contados a partir do acto de proclamación. A resolución deste esgotará a vía administrativa.

Oitavo.-A xunta autonómica de directores constituirase dentro dos quince días seguintes á proclamación de candidatos, mediante convocatoria do seu presidente ou persoa en quen delegue.

A falta de todos ou parte dos representantes dunha ou varias xuntas provinciais de directores, por causas imputables a elas, non invalidará a constitución da xunta autonómica de directores.

Noveno.-O mandato dos directores elixidos para a xunta autonómica será polo tempo que lles reste como membros da respectiva xunta provincial de directores, sen que poida exceder de catro anos. Non obstante o anterior, poderase superar este límite como resultado dun novo proceso de elección.

Décimo.-As baixas de representantes das xuntas provinciais na xunta autonómica que se produzan antes do remate do período de tempo para o que foron elixidos, por deixaren de cumpri-los requisitos establecidos ou por calquera outra circunstancia, serán cubertas polos candidatos seguintes, do mesmo colectivo e xunta provincial, segundo a orde establecida en función do maior número de votos que obtiveran no último proceso de elección.

No caso de que non houbese candidatos, a vacante quedaría sen cubrir ata o seguinte proceso de elección.

As baixas temporais producidas no caso de enfermidade ou de ausencia por causas de forza maior, debidamente xustificadas ante o presidente, poderán ser cubertas temporalmente polo procedemento sinalado con anterioridade.

Disposición transitoria

Primeira.-Establécese con carácter excepcional e único o primeiro proceso de elección de membros da xunta autonómica de directores de centros de ensino non universitario, de acordo co seguinte calendario:

-Data da elección: o 21 de decembro de 1999.

-Data de constitución: o 11 de xaneiro do 2000.

Segunda.-Os directores elixidos membros da xunta autonómica neste proceso electoral convocado con

carácter excepcional desempeñarán as súas funcións ata o vindeiro proceso electoral do ano 2000, coincidindo coa renovación dos consellos escolares no ámbito da Comunidade Autónoma.

Disposición derradeira

Única.-Esta resolución entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 16 de novembro de 1999.

Máximo García SerranoSeverino Somoza Gómez

Secretario xeral da ConselleríaDirector xeral de Centros

de Educación e Ordenacióne Inspección Educativa

Universitaria