Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 236 Xoves, 09 de decembro de 1999 Páx. 14.442

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE ECONOMÍA E FACENDA

RESOLUCIÓN do 30 de novembro de 1999 pola que se ordena a publicación do acordo do Consello da Xunta de Galicia, do 17 de novembro de 1999, no que se establece un mecanismo de seguimento e control da concorrencia e acumulación das axudas públicas nun mesmo proxecto e peticionario e se autoriza a Consellería de Economía e Facenda para o seu desenvolvemento.

O Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do día 17 de novembro de 1999, aprobou o seguinte acordo:

Acordo polo que se establece un mecanismo de seguimento e control da concorrencia e acumulación das axudas públicas nun mesmo proxecto e peticionario e se autoriza a Consellería de Economía e Facenda para o seu desenvolvemento.

Co fin de favorece-lo seu coñecemento e aplicación, publícase como anexo a esta resolución.

Santiago de Compostela, 30 de novembro de 1999.

José Antonio Orza Fernández

Conselleiro de Economía e Facenda

ANEXO

De conformidade co artigo 4.1º da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu presidente, acórdase:

Nos procedementos de concesión de axudas e subvencións públicas financiadas con recursos propios ou con cargo ós Fondos Comunitarios, aplicaranse as disposicións contidas na normativa autonómica reguladoras dos distintos réximes de axudas ou subvencións en concordancia coa normativa comunitaria e, en particular, aquelas que fagan posible o control e seguimento da acumulación de axudas ou subvencións nun mesmo proxecto e peticionario.

Pola súa parte, os peticionarios das axudas presentarán, coa solicitude inicial, unha declaración de conxunto de tódalas solicitudes efectuadas ou concedidas, para un mesmo proxecto, das distintas administracións públicas competentes.

Nos expedientes xa iniciados como consecuencia de normas en vigor, non se esixirá a declaración indicada no punto anterior.

Así mesmo, no momento da xustificación da execución total do proxecto e, en calquera caso, antes do derradeiro pagamento, o peticionario presentará unha declaración complementaria do conxunto das axudas solicitadas, tanto as aprobadas ou concedidas

como as pendentes de resolución, para un mesmo proxecto, das distintas administracións públicas competentes ou calquera dos seus organismos, entes ou sociedades.

A Consellería de Economía e Facenda porá en marcha, de se-lo caso, os procedementos, normas e instruccións que fagan posible o cumprimento deste acordo.