Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 229 Venres, 26 de novembro de 1999 Páx. 13.960

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E RELACIÓNS LABORAIS

DECRETO 304/1999, do 4 de novembro, polo que se declara a urxente ocupación, para efectos de expropiación forzosa, polo Concello de Vilalba, dos bens e dereitos necesarios para a realización das obras do proxecto de acondicionamento do río Magdalena ó seu paso por Vilalba.

O Concello de Vilalba (Lugo), en sesión celebrada o día 14 de abril de 1999, aprobou o proxecto de acondicionamento do río Magdalena ó seu paso por Vilalba e na mesma sesión acordou solicitar da Xunta de Galicia a declaración de urxente ocupación dos bens e dereitos afectados pola expropiación forzosa ó abeiro do disposto no artigo 52 da Lei de expropiación forzosa. O concello remitiu a documentación complementaria para a correcta tramitación do expediente con data en entrada no rexistro xeral da Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais o día 4 de outubro de 1999.

Os bens nos que se concreta a declaración de urxente expropiación están determinados no expediente que se someteu a información pública.

A Dirección Xeral de Urbanismo da Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda emitiu informe favorable con data do 24 de setembro de 1999.

Así mesmo, e con data do 19 de outubro de 1999, a Consellería de Medio Ambiente emite informe favorable condicionado a que as obras se realicen respectando o límite natural do leito, así como a fauna piscícola, condicións expresamente aceptadas polo Concello, mediante escrito do 27-11-1999.

Considérase necesaria a declaración de urxente ocupación dos bens e dereitos precisos para a realización das obras do proxecto técnico sinalado, porque a recuperación do río esixe perentoriamente a actuación sobre a súa canle ou leito (ademais das marxes) con obxecto de ensanchalo nalgúns puntos e, moi especialmente, proceder á eliminación de arrastres e depósitos derivados da contaminación anterior que se non se actúa sobre eles, por unha banda, seguen constituíndo importantes focos de deterioración do río, e por outra, a súa non eliminación fai cada vez máis difícil, polo aumento de sedimentos e vexetación, a súa recuperación súa.

Ademais, entre as obras que conforman o proxecto de referencia, inclúese a reforma da ponte de Rañego, que na configuración actual, pola súa pouca altura e capacidade de desaugamento, provoca, en canto se producen crecidas dalgunha intensidade, un gran encoramento por encima da propia calzada da ponte, co que se provoca o corte da pista rural que dá acceso a varios barrios das parroquias de Boizán e Mourence.

A competencia para a declaración da urxente ocupación correspóndelle ó Consello da Xunta de Galicia segundo o disposto nos artigos 27.2º e 28.2º do Estatuto de autonomía de Galicia.

Na súa virtude e por proposta do conselleiro de Xustiza, Interior e Relacións Laborais e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día catro de novembro de mil novecentos noventa e nove,

DISPOÑO:

Artigo único.-De conformidade co disposto no artigo 52 da Lei de expropiación forzosa, declárase a urxente ocupación, polo Concello de Vilalba (Lugo), para efectos de expropiación forzosa, dos bens e dereitos concretados no expediente administrativo instruído para o efecto e necesarios para a execución das obras do proxecto de acondicionamento do río Magdalena ó seu paso por Vilalba.

Santiago de Compostela, catro de novembro de mil novecentos noventa e nove.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

Antonio Pillado Montero

Conselleiro de Xustiza, Interior e Relacións Laborais