Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 229 Venres, 26 de novembro de 1999 Páx. 13.951

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE AGRICULTURA, GANDERÍA E POLÍTICA AGROALIMENTARIA

ORDE do 19 de novembro de 1999 pola que se establecen as normas para a solicitude e concesión das axudas ó liño téxtil.

O Regulamento (CEE) 1308/1970, do Consello, do 29 de xuño, establece a organización común de mercados no sector do liño. As normas xerais de concesión da axuda para o liño están previstas no Regulamento (CEE) 619/1971, do Consello, do 22 de marzo, modificado polo Regulamento (CEE) 154/1997, do Consello, do 20 de xaneiro.

O Regulamento (CEE) 1164/1989, da Comisión, do 28 de abril, relativo ás disposicións de aplicación da axuda para o liño téxtil, determina que os cultivadores que presentaron unha declaración de superficie sementada e/ou de cultivo, despois da recolleita deberán presentar unha solicitude de axuda por superficie. Así mesmo, o Reglamento (CE) 452/1999 da Comisión, do 1 de marzo, fixa o rendemento mínimo que debe observarse para efectos da concesión da axuda para a producción de liño téxtil.

O Regulamento (CEE) 3887/1992, da Comisión, do 23 de decembro, establece as normas de aplicación do sistema de xestión e control relativo a determinados réximes de axudas comunitarios, sen prexuízo das disposicións sectoriais sinaladas anteriormente.

O Real decreto 1729/1999, do 12 de novembro, establece as normas da concesión e pagamento das axudas á superficie cultivada de liño téxtil e cánabo.

Por último, na orde da Consellería de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria do 4 de xaneiro de 1999, estableceuse o procedemento para a solicitude, tramitación e concesión das axudas ós productores de determinados cultivos herbáceos, entre outros ós de liño téxtil.

Segundo a Lei 7/1994, do 29 de decembro, e o Decreto 128/1996, do 14 de marzo, que a desenvolve, modificado logo polo Decreto 25/1998, do 22 de xaneiro, correspóndelle o Instituto Lácteo e Gandeiro de Galicia (Ilgga) a execución da política da Consellería de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria en rela

ción co sector lácteo e gandeiro, así como tamén a das accións derivadas da aplicación da política agrícola común (PAC), como, neste caso, dunha axuda á producción de liño téxtil na campaña de comercialización 1999-2000.

Con base no anterior, nesta orde desenvólvense e aplícanse as citadas normas no que atinxe á concesión dunha axuda á producción de liño téxtil, determinando a súa imputación económica ó orzamento de gastos do Ilgga para 1999.

Polo tanto, de acordo co disposto no artigo 30.1º.3 do Estatuto de autonomía de Galicia, e no uso das facultades que me confire a Lei 1/1983, reguladora da Xunta de Galicia e do seu presidente, modificada pola Lei 1/1988, e o Decreto 25/1998, do 22 de xaneiro.

DISPOÑO:

Capítulo I

Normas xerais

Artigo 1º.-Obxecto.

A presente orde ten por obxecto o establecemento das normas para a solicitude e concesión das axudas ó liño téxtil da campaña 1999/2000 na Comunidade Autónoma de Galicia.

Artigo 2º.-Definicións.

1. Entenderase por productor toda persoa física ou xurídica que cultive na súa explotación liño téxtil ou que celebrara antes da sementeira, co propietario ou agricultor, un contrato de cultivo destinado á producción de fibra, en virtude do cal o propietario ou o agricultor renuncie a todo dereito de propiedade sobre a colleita e reciba, como contrapartida, unha suma a tanto global por hectárea determinada no momento da celebración do contrato.

2. Considerarase por primeiro transformador calquera persoa física ou xurídica que leve a cabo a primeira transformación de liño téxtil e que explote, no seu propio nome e pola súa conta, un establecemento de primeira transformación coas instalacións e equipos apropiados para o efecto.

Artigo 3º.-Beneficiarios.

A axuda concederase ós productores das variedades autorizadas de liño téxtil relacionadas no anexo I. Non obstante, unha parte da axuda concederáselle, directamente, ó primeiro transformador autorizado, sempre que celebrase co productor un contrato en virtude do cal obteña a propiedade do liño en cana e que se comprometa a transformalo.

Capítulo II

Industrias transformadoras

Artigo 4º.-Condicións de autorización das empresas transformadoras.

1. A autorización para efectua-la transformación de liño téxtil para as industrias situadas nesta Comunidade Autónoma realizarase, por instancia do interesado, mediante unha solicitude segundo o modelo que figura no anexo III, dirixida ó director do Ilgga.

Poderán solicita-la devandita autorización:

-Os primeiros transformadores que teñan intención de celebrar cos productores contratos de compra da cana de liño téxtil sen transformar.

-Os productores que se comprometan a transformar, por si mesmos, a cana de liño téxtil obtida nas súas explotacións.

-Os primeiros transformadores que transformen por conta do productor a cana de liño téxtil obtida na explotación do productor.

A autorización concederase unicamente logo de control in situ, cando os datos indicados na solicitude de autorización de transformación e as observacións realizadas no control poñan de manifesto que as instalacións, debidamente homologadas, permitan transformar, cada ano, a cana da superficie máxima declarada. Para tal efecto teranse en conta as condicións normais de rendemento para obte-los productos relacionados no anexo III.

2. A transformación só se considerará correcta cando os productos obtidos tralo proceso industrial:

-Sexan de calidade sa, cumprida e comercial.

-Sexan o resultado dunha operación de separación, alomenos parcial, da fibra e as partes leñosas do talo. Se este se somete a unha operación suplementaria para conseguir unha separación posterior da fibra das súas partes leñosas, só a última desas operacións se considerará transformación.

O seu rendemento, canto á fibra obtida, debería ser igual ou superior ó 20%, cun contido máximo en impurezas do 25%, con ausencia de fibras sintéticas o seu destino principal será a industria téxtil, a producción de pasta de papel ou outros usos industriais: automóbil, mobiliario, illantes, filtros ou cordoería.

3. O director do Ilgga asignaralle un número de autorización ó primeiro transformador. En caso de se producir algunha modificación dos datos indicados na solicitude de autorización, o primeiro transformador notificarallo nun prazo de dez días ó Instituto Lácteo e Gandeiro de Galicia.

Artigo 5º.-Aceptación dos controis e contabilidade.

A solicitude de autorización como empresa transformadora acompañarase dun compromiso polo que se aceptan tódolos controis que se organicen no marco da aplicación do réxime desta axuda, así como a obriga de levar unha contabilidade material na que, polo menos, se rexistren os seguintes datos:

a) As cantidades de tódalas materias primas compradas (entradas nos locais de transformación, cando se trate dun productor que se comprometa a transformar por si mesmo), así como as existencias, todo isto desagregado por productor.

b) As cantidades de materias primas transformadas, así como as cantidades e os tipos de productos finais obtidos, de acordo coa lista que figure na solicitude de autorización: cantidades, tipos de coproductos, subproductos e existencias, todo isto desagregado por productor.

c) Un cálculo das perdas derivadas da transformación que, en ningún caso, superarán o 8%.

d) As cantidades destruídas e os motivos da destrucción.

e) As cantidades e os tipos de productos vendidos ou cedidos polo transformador, desagregados por compradores/transformadores posteriores. No caso de cesión de productos, estes deberán estar avalados mediante os correspondentes contratos.

f) O nome e o enderezo dos compradores/transformadores posteriores.

Artigo 6º.-Retirada da autorización de transformación e cesamento de actividade.

Cando as empresas autorizadas non cumpran as condicións requiridas nesta orde, por resolución do director do Ilgga, retiraráselle-la autorización de transformación. Neste caso, non poderán recibila de novo para transformar cana de liño téxtil procedente das dúas campañas seguintes a aquela na que se comprobou o incumprimento das condicións requiridas para a autorización.

Tódolos productores que, cumprindo co resto dos requisitos esixidos na regulamentación comunitaria, entregasen a súa cana de liño nunha empresa transformadora que cese na súa actividade ó longo da campaña, terán dereito a percibi-la totalidade da axuda sempre que acrediten ante o Ilgga probas de abondo da transformación e do destino dos productos transformados.

No caso de non poderen acredita-la antedita transformación, só terán dereito a percibi-lo 25% da axuda.

Capítulo III

Axudas

Artigo 7º.-Contía e límites das axudas.

1. Os importes das axudas para o liño, na campaña 1999/2000, será de 615,16 euros/ha para o liño empozado sen ripar e de 708,98 euros/ha para o liño distinto do empozado sen ripar. O importe total calcularase segundo a superficie sementada e colleitada, na que se efectuaran os labores normais de cultivo. En todo caso, a dita superficie calcularase a partir da menor das seguintes:

-A indicada na declaración de superficies.

-A superficie brotada indicada na declaración de cultivo.

-A indicada na solicitude de axuda.

As devanditas superficies reduciranse, de se-lo caso, segundo o disposto nos artigos 4 bis, 5 e 8 do Regulamento (CEE) 1164/1989 e no artigo 9 do Regulamento (CEE) 3887/1992.

2. No caso de incumprimento dos rendementos mínimos obtidos, indicados no número 4 do artigo 9º da presente orde, o importe da axuda reducirase nun 65%, e concederase sempre que se demostre o cumprimento do resto dos requisitos esixidos para a súa concesión.

3. Por cada día hábil de retraso na presentación das declaracións de superficies, de cultivo e/ou da solicitude de axuda, agás en caso de forza maior, o importe da axuda verase reducido no 1% da cantidade que lle correspondería ó productor no caso de te-las presentado no prazo establecido. Non obstante, se o retraso superase 25 días, as declaracións e/ou solicitudes consideraranse como non presentadas e, consecuentemente, non darán lugar á concesión de axuda ningunha.

4. No caso de se reduci-la superficie de liño con dereito á axuda, reduciranse en primeiro lugar, as superficies cultivadas de liño distinto do empozado sen ripar.

5. Cando unha superficie de liño empozado sen ripar fora declarada na solicitude de axuda como superficie de liño distinto do empozado sen ripar, o importe total da axuda reducirase nunha contía igual ó 15% da axuda aplicable o liño distinto do empozado sen ripar, por cada hectárea ou parte dela que se declarou como superficie de liño distinto do empozado sen ripar.

No suposto de os servicios provinciais do Ilgga considerasen xustificadas as declaracións inexactas, contidas neste punto, non se aplicará sanción ningunha. Estas disposicións aplicaranse sen prexuízo das eventuais sancións previstas na lexislación nacional.

6. Se se presentase intencionadamente unha declaración falsa, o declarante en cuestión quedará excluido do réxime de axuda para o liño téxtil durante a campaña seguinte, por unha superficie equivalente a aquela pola que se rexeitou a súa declaración, sen prexuízo das responsabilidades administrativas ou penais que de tal feito puidesen derivarse.

7. O Ilgga só aboará a axuda cando exista unha correspondencia entre a superficie realmente sementada e colleitada e a cantidade de semente utilizada.

Artigo 8º.-Solicitudes.

De acordo co indicado no artigo 8 do Regulamento (CEE) 1164/1989, os productores de liño cando nesta Comunidade Autónoma se encontre a maior parte da superficie das parcelas agrícolas relacionadas na solicitude de axuda a superficies, presentarán, a máis tardar o 30 de novembro de 1999 para a presente campaña, unha solicitude de axuda de acordo co modelo que figura como anexo II. A dita solicitude presentarase nos servicios provinciais do Ilgga, ou nas axencias de Extensión e Capacitación Agraria. Así mesmo, tamén poderán presentala por calquera outra das canles previstas no artigo 38 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro.

Artigo 9º.-Requisitos esixidos para calcula-la axuda.

1. Para ter dereito á axuda de liño téxtil deberase presentar unha declaración de superficie sementada e unha declaración de cultivo, con carácter previo á solicitude da axuda.

2. Coa solicitude de axuda xuntarase unha copia dos contratos e/ou dos compromisos de transformación. No caso de celebración do contrato con data posterior ó 30 de novembro de 1999, deberá achegarse unha

copia do mesmo e do compromiso de transformación ós servicios provinciais do Ilgga ou ás axencias de Extensión e Capacitación Agraria, a máis tardar o día final da campaña e, en calquera caso, con anterioridade ó pagamento da axuda.

3. A axuda concederase unicamente para aquelas superficies que foran totalmente sementadas e nas que se efectuaran as labouras normais de cultivo. Para que se consideren colleitadas, nas superficies de cultivo deberán efectuarse as operacións seguintes:

-Efectua-la recolleita despois da formación das sementes.

-Poñer fin ó ciclo vexetativo da pranta.

-Utiliza-lo talo, se é o caso, desprovisto das sementes.

-Considerarase que concluíu a formación das sementes de que se fala no primeiro guión se o número de bagos de sementes de liño que alcanzaron a súa forma e volume definitivo é superior ó 50% da producción total de bagos de liño.

No caso de colleita por seitura, a barra de corte deberá encontrarse, como máximo, a 10 centímetros do chan. No que respecta ó requisito relativo á altura da barra gadañeira, as superficies deberán manterse nunhas condicións que permitan a comprobación da altura de corte durante os vinte días seguintes á data de presentación da solicitude de axuda ou dunha declaración pola que se comunique o inicio das operacións de colleita. Os servicios provinciais do Ilgga adoptarán as medidas necesarias para comproba-lo cumprimento do dito requisito, podendo tomarse en consideración as condicións de colleita especiais que poidan concorrer.

4. O rendemento en cana sen ripar deberá ser, polo menos, de 1,5 tm/ha. Para tal efecto, terase en conta o rendemento medio en cana sen ripar das superficies polas que se solicitou a axuda ou, no caso de o solicitar un productor, para efectos da letra b) do artigo 3 bis do Regulamento (CEE) 619/1971, das superficies de cada propietario ou agricultor co que se celebrou un contrato de cultivo de liño.

O rendemento medio considerado será igual á cantidade total producida de cana sen ripar, expresada en toneladas, disposta para a transformación e pesada ó entrar no centro de transformación, dividida entre a superficie expresada en hectáreas. Rexeitaranse as produccións con máis do 12% de humidade ou máis dun 5% de impurezas.

Non obstante, no caso de que a cana e as sementes se colleiten por separado, o peso das sementes, cunha porcentaxe máxima do 20%, engadiranse ó peso da cana introducida no centro de transformación.

Artigo 10º.-Criterios de adxudicación.

1. A axuda ó liño téxtil concederase de acordo co réxime de contratos rexistrados e segundo o disposto nos artigos 9 e 11 do Regulamento (CEE) 1164/1989.

Ó abeiro do disposto nos artigos 3 e 3bis, do Regulamento (CEE) 619/1971, unha cuarta parte da axuda concederase ó productor e as outras tres cuartas partes ó primeiro transformador autorizado polo órgano competente da Comunidade Autónoma no que se encontren

as súas instalacións, sempre que celebrara co productor un contrato en virtude do cal obteña a propiedade do liño en cana e que se comprometa a transformalo. Non obstante, concederáselle a totalidade da axuda ó productor cando:

a) O productor cultivador se comprometa a transformalo liño en cana e se encontre autorizado para tal efecto.

b) O productor cultivador se comprometa a encargar por conta propia a transformación do liño en cana a un primeiro transformador autorizado.

c) O productor non cultivador se comprometa a transformar o liño en cana e se encontre autorizado para tal efecto pola autoridade competente.

d) O productor non cultivador se comprometa a encargar por conta propia a transformación do liño en cana a un primeiro transformador autorizado.

2. No referente ós compromisos de transformación citados anteriormente, sempre deberá constar neles o número de autorización do primeiro transformador asignado, e a transformación efectuarase por:

-O primeiro transformador para cada contrato, debendo xuntarse a el. No dito compromiso indicarase expresamente a obrigación adquirida de transforma-las canas procedentes das superficies obxecto do contrato.

-O productor que se obriga a transforma-la cana procedente das superficies polas que se solicita a axuda.

-O productor que se obriga a transforma-la cana pola súa conta procedente das superficies polas que se solicita axuda.

Artigo 11º.-Garantías.

1. Os primeiros transformadores que compraron a productores, mediante contratos, cana de liño téxtil, constituirán ante o Ilgga, unha garantía equivalente a tres cuartas partes da axuda, máis un 10%, previamente ó seu pagamento.

2. Os productores que se comprometan a transformar ou a facer transformar pola súa conta o liño en cana constituirán, ante o Ilgga, unha garantía equivalente á totalidade da axuda, máis un 10%, previamente ó seu pagamento.

3. A garantía deberá presentarse coa solicitude de axuda, a máis tardar, o día final da campaña. Liberarase unha vez que se demostre que se efectuou a transformación efectiva de tódalas cantidades de liño en cana procedentes das superficies obxecto dos contratos, dos compromisos de transformación ou dunha cantidade equivalente. En calquera caso, a transformación deberá efectuarse nun prazo máximo de doce meses desde a finalización da campaña.

Considerarase efectuada a transformación das cantidades totales procedentes das superficies obxecto de contratos ou de compromisos de transformación, en proporción ás cantidades de liño en cana respecto das cales se acredite que se efectuou aquela, no prazo de dezaoito meses despois do final da campaña. As ditas comprobacións consistirán na existencia de resumos mensuais da contabilidade material, dos certificados de transformación emitidos e copias das facturas

de venda dos productos obtidos, así como de cantos outros documentos determine o Ilgga.

No caso de que unha parte das cantidades de liño en cana procedentes das superficies obxecto de contratos ou compromisos de transformación quedase inutilizada para a transformación por condicións climáticas excepcionais, a autoridade competente liberará a garantía que corresponda ás cantidades afectadas, logo de inspección in situ, excepto se a deterioración das ditas cantidades fora achacable ó productor ou ó primeiro transformador.

4. Non obstante o establecido nos puntos 1 e 2 do presente artigo, poderá procederse ó pagamento da axuda sen necesidade de constituír garantía ningunha, sempre que as comprobacións de transformación e venda da fibra obtida se presentasen, a máis tardar, o día final da campaña.

Artigo 12º.-Resolución e pagamento das axudas.

O Ilgga tramitará, resolverá e pagará as axudas ó liño téxtil unha vez efectuados tódolos controis establecidos nesta orde. O prazo máximo de resolución e pagamento das axudas será ata o 16 de outubro do ano 2000, dando conta ós interesados do cálculo establecido para o efecto, no que se terán en consideración as eventuais reduccións da axuda, de acordo co establecido no artigo 7º da presente orde.

En defecto de resolución expresa, entenderanse desestimadas as solicitudes.

Para tal efecto, o respectivo servicio provincial do Ilgga emitirá un informe de acordo co cal o delegado provincial remitiralle o director do instituto a oportuna proposta para que este dicte a correspondente resolución.

Capítulo IV

Controis

Artigo 13º.-Controis sobre as solicitudes.

Os controis efectuaranse polo menos nun 7% das solicitudes de axuda presentadas. Non se terá en conta para a determinación da superficie da que se fala no artigo 9 do Regulamento (CEE) 3887/1992, a distinción entre liño empozado sen ripar e o resto dos liños.

Artigo 14º.-Controis sobre os rendementos obtidos.

O control sobre o cumprimento do rendemento mínimo obtido realizarase considerando o disposto no número 4 do artigo 9º da presente orde, con anterioridade ó 15 de xuño do ano 2000. No caso de que, a partir dos datos en cuestión, se poña de manifesto que non se respectou o rendemento mínimo, o servicio provincial do Ilgga informará o interesado e, por petición súa, terase en conta o peso estimado das cantidades que almacene, correspondente á dita campaña, tras comprobarse a súa existencia in situ.

Artigo 15º.-Controis sobre a execución dos contratos, o cumprimento dos compromisos de transformación e as condicións de autorización.

1. Os controis sobre a execución dos contratos, do cumprimento dos compromisos de transformación e das condicións de autorización contidos no número 1 do artigo 5 do Regulamento (CEE) 619/1971, estable

ceranse sobre a totalidade dos primeiros transformadores ou productores autorizados, para efectos do artigo 3 bis do citado regulamento, alomenos dúas veces por campaña.

Os controis incluirán as comprobacións físicas e un exame da contabilidade material e financeira, así como de todo tipo de documentos comerciais (facturas, albarás de entrega e outros) que sexan pertinentes para o control.

2. Os controis sobre un primeiro transformador en aplicación do punto primeiro deberán referirse ás operacións de transformación de liño en cana producido na Unión Europea.

Por iso, cando a producción se realice noutro estado membro da Unión Europea e se transforme en Galicia, o Ilgga, a requirimento do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación, realizará o control das operacións de transformación do liño en cana, comunicándolle os resultados no prazo de 30 días despois de recibida a comunicación.

3. Cando a transformación do liño en cana producido en Galicia se realice noutro Estado membro da Unión Europea, o Ilgga comunicaralle ó Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación a producción afectada e o país de destino, para efectos de realiza-la solicitude de control das operacións de transformación.

Artigo 16º.-Control sobre a transformación.

1. Se as comprobacións de transformación ás que fai referencia o número 4 do artigo 11º desta orde, non se corresponden coas operacións realmente efectuadas, a autorización quedará suspendida sen prexuízo doutras responsabilidades que poidan derivarse de tal extremo. A dita suspensión comprenderá as dúas campañas seguintes a aquela para que se realizou o control.

Non obstante o anterior, o director do Ilgga poderá optar por no impo-la antedita suspensión, se se demostra que a irregularidade non se cometeu deliberadamente ou por neglixencia grave e que a súa importancia é mínima en relación co conxunto das operacións realizadas.

Polo contrario, cando se apreciasen indicios de actuación deliberada con fins fraudulentos, a dirección do Ilgga achegaralle, de inmediato, o tanto de culpa ó órgano xudicial competente por razón do territorio.

2. Retirarase a autorización, de acordo co disposto no artigo 6º desta orde, cando o control poña de manifesto:

-Que deixaron de cumprirse as condicións de autorización comprendidas no artigo 4º da presente orde.

-Que unha parte importante do liño en cana non se transforme nun prazo máximo de doce meses tralo remate da campaña.

-Que unha parte importante dos productos transformados non se axusta a unha calidade sa, cumprida e comercial, de acordo cos requisitos que figuran no número 2 do artigo 4º da presente orde.

-Que a fibra obtida e/ou comprada ós productores se destine a empresas distintas das industrias concernentes ós sectores téxtil, papeleiro ou outros usos industriais: automóbil, mobiliario, illantes, filtros e cordoería.

Artigo 17º.-Controis adicionais.

No caso de irregularidades significativas que afecten o 6% ou máis dos controis efectuados, deberanse duplicar, alomenos, os controis indicados no presente capítulo, agás cando os ditos controis afectasen a totalidade.

Disposicións adicionais

Primeira.-Non obstante o disposto na presente orde, as disposicións contidas nos artigos 3, 5 bis, 7, 8, 9, 11, 12, 13, 14, 15 e 18 e do número 1, o parágrafo segundo do número 3 e dos números 4, 5, 7 e 8 do artigo 6 do Regulamento (CEE) 3887/1992 aplicarase mutatis muntandis ás solicitudes de axuda contidas no parágrafo primeiro do artigo 8.

Segunda.-Ó procedemento para a concesión da subvención regulada na presente orde seralle de aplicación o sistema de recursos establecidos no capítulo II do título VII da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificado pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro.

Terceira.-As accións previstas na presente orde financiaranse con cargo á aplicación orzamentaria 09.50.614A.779, dotada con 1.500.000 (un millón cincocentas mil) pesetas para esta finalidade.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase o director xeral do Ilgga para dicta-las instruccións precisas para o desenvolvemento e execución desta orde.

Así mesmo, queda facultado para modificar, mediante resolución publicada no Diario Oficial de Galicia, os prazos de presentación das solicitudes ou calquera outra condición ou requisito dos establecidos na orde cando se deban a modificacións habidas na normativa estatal ou comunitaria reguladora da presente axuda.

Segunda.-A presente orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 19 de novembro de 1999.

Cástor Gago Álvarez

Conselleiro de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria

ANEXO I

Variedades autorizadas

Variedades de liño téxtil

Angelin, Argos, Ariane, Aurore, Belinka, Diane, Diva, Electra, Elise, Escalina, Evelin, Exel, Hermes, Ilona, Laura, Liflax, Liviola, Marina, Martta, Marylin, Natasja, Nike, Opaline, Raisa, Regina, Venus, Veralin, Viking e Viola.