Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 229 Venres, 26 de novembro de 1999 Páx. 13.960

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E RELACIÓNS LABORAIS

DECRETO 305/1999, do 4 de novembro, polo que se declara a urxente ocupación, para efectos de expropiación forzosa, polo Concello de Sandiás (Ourense), dos bens e dereitos necesarios para a realización das obras do proxecto de beirarrúas e iluminación pública en Couso de Limia.

O Concello de Sandiás (Ourense), en sesión realizada o día 11 de maio de 1999, aprobou o proxecto de beirarrúas e iluminación pública en Couso de Limia e na sesión do 27 de xaneiro de 1999, acordou solicitar da Xunta de Galicia a declaración de urxente ocupación dos bens e dereitos afectados pola expropiación forzosa ó abeiro do disposto no artigo 52 da Lei de expropiación forzosa. O concello remitiu a documentación complementaria para a correcta tramitación do expediente con data de entrada no rexistro xeral da Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais o día 21 de outubro de 1999.

Os bens nos que se concreta a declaración de urxente expropiación están determinados no expediente que se someteu a información pública.

A Dirección Xeral de Urbanismo da Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda emitiu informe favorable con data 5 de outubro de 1999.

Considérase necesaria a declaración de urxente ocupación dos bens e dereitos precisos para a realización das obras do proxecto técnico sinalado, por

que para a protección de peóns ante o incremento do tráfico rodado, faise necesario o retranqueo de peches de predios nas saídas do núcleo, co fin de obte-lo largo necesario para a localización de beirarrúas, ó non poder ser reducido o largo de calzada dadas as esixencias establecidas na normativa vixente da rede vial provincial.

A competencia para a declaración da urxente ocupación correspóndelle ó Consello da Xunta de Galicia segundo o disposto nos artigos 27.2º e 28.2º do Estatuto de autonomía de Galicia.

Na súa virtude, e por proposta do conselleiro de Xustiza, Interior e Relacións Laborais e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día catro de novembro de mil novecentos noventa e nove,

DISPOÑO:

Artigo único.-De conformidade co disposto no artigo 52 da Lei de expropiación forzosa, declárase a urxente ocupación, polo Concello de Sandiás (Ourense), para efectos de expropiación forzosa, dos bens e dereitos concretados no expediente administrativo instruído para o efecto e necesarios para a execución das obras do proxecto de beirarrúas e iluminación pública en Couso de Limia.

Santiago de Compostela, catro de novembro de mil novecentos noventa e nove.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

Antonio Pillado Montero

Conselleiro de Xustiza, Interior e Relacións Laborais