Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 227 Mércores, 24 de novembro de 1999 Páx. 13.793

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E RELACIÓNS LABORAIS

RESOLUCIÓN do 10 de setembro de 1999, da Dirección Xeral de Relacións Laborais, pola que se dispón a inscrición no rexistro e publicación, no Diario Oficial de Galicia, do primeiro convenio colectivo para persoal dependente de empresas auxiliares de asilos, residencias e centros da terceira idade de Galicia.

Visto o texto do convenio colectivo de ámbito autonómico do sector para persoal dependente de empresas auxiliares de asilos, residencias e centros da terceira idade de Galicia, (código de convenio nº 8200545), que subscribiron na data do 25 de agosto de 1999, os representantes da Asociación Galega de Empresas Auxiliares de Residencias da Terceira Idade (Asearte) e o sindicato nacional de Comisións Obreiras de Galicia (CC.OO.), e de conformidade co disposto no artigo 90.2º e 3º do Real decreto lexislativo 1/1995, do 24 de marzo, polo que se aproba o texto refundido da Lei do Estatuto dos traballadores, e no Real decreto 1040/1981, do 22 de maio, sobre rexistro e depósito de convenios colectivos de traballo.

A Dirección Xeral de Relacións Laborais

ACORDA:

Primeiro.-Ordena-la inscrición do devandito convenio colectivo no rexistro xeral de convenios desta dirección xeral.

Segundo.-Remiti-lo texto orixinal ó correspondente servicio deste centro directivo.

Terceiro.-Dispoñe-la súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 10 de setembro de 1999.

José María Fernández Olea

Director xeral de Relacións Laborais

Primeiro convenio colectivo para o persoal dependente de empresas auxiliares para asilos, residencias e centros da terceira idade de Galicia

Convenio colectivo para o persoal contratado polas empresas de servicios auxiliares de residencias da terceira idade 1999-2000

Artigo 1º.-Ámbito territorial e funcional.

Este convenio colectivo afectará a todo o persoal e empresas que se dediquen a prestación de servicios auxiliares para as residencias da terceira idade, acordando ambas partes manter como lexislación subsidiaria o Estatuto do traballador para o non previsto neste convenio. No seu ámbito de aplicación comprende as da Comunidade Autónoma de Galicia, e as que no seu ámbito territorial se creen ou residan. Entenderase por empresas auxiliares de prestación de servicios auxiliares todas aquelas que, non sendo titulares de asilos, residencias ou centros da terceira idade, presten servicios ou cubran en todo ou en parte as necesidades destas, a tódolos niveis, ben sexa referido ós residentes ou as instalacións dos inmobles, cubrindo por tanto a todos aqueles externalizados.

Artigo 2º.-Ámbito persoal.

Están incluídos no ámbito de aplicación deste convenio tódolos traballadores e traballadoras dependentes destas empresas, descritas no ámbito territorial e funcional do artigo anterior.

Artigo 3º.-Vixencia e duración.

Este convenio comezará a rexer para tódolos efectos, a partir do 1 de xullo de 1999; rematará o 31 de decembro do 2000, e manterá a súa vixencia mentres non sexa substituído por outro convenio entre as partes; sen embargo, o presente convenio comezará a súa negociación no mes de novembro do devandito ano, data na que se constituirá a comisión negociadora. En calquera caso, o seu articulado quedará vixente ata a substitución por outro convenio.

O presente convenio prorrogarase tacitamente de ano en ano, se calquera das partes non o denuncia con tres meses de antelación ó remate da súa vixencia. A fórmula de denuncia será por medio de comunicación da parte denunciante á outra parte, na que se expresará o desexo de denunciar e negociar un novo convenio.

No caso de prorrogarse, efectuarase un aumento salarial equivalente ó incremento porcentual do IPC no seu conxunto estatal, nos doce meses anteriores.

Artigo 4º.-Condicións máis beneficiosas.

Tódalas condicións económicas de calquera índole contidas neste convenio teñen o carácter de mínimas, polo que os pactos, cláusulas e situacións máis beneficiosas verbo do presente convenio subsistirán para aqueles que as viñan gozando, pero sen que poida interpretarse que sobre as chamadas condicións máis beneficiosas tivese que computarse o melloramento económico que supón este convenio.

Ós traballadores e traballadoras que no momento da súa sinatura tiveran salarios superiores garantiráselles unha subida salarial do IPC estatal do ano anterior, sobre o salario base e antigüidade.

Artigo 5º.-Antigüidade.

Os traballadores fixos comprendidos no ámbito de aplicación deste convenio gozarán como complemento persoal de antigüidade, dun aumento periódico por cada 3 anos de servicios prestados na mesma empresa ou centro de traballo, na contía do 3% do salario base por cada trienio.

Artigo 6º.-Pagas extraordinarias.

O persoal comprendido neste convenio percibirá dúas pagas extraordinarias, unha en xullo e a outra en decembro, na contía, cada unha delas, de trinta días de salario base máis antigüidade. O cálculo das mencionadas pagas efectuarase por sextas partes ou doceavas partes, segundo o teña determinado cada empresa.

Artigo 7º.-Xornada de traballo.

A xornada laboral será de 40 horas semanais.

Nos supostos de xornada continuada, establecerase un período de descanso obrigatorio de 20 minutos, que se computarán como tempo de traballo efectivo, sen prexuízo das condicións máis favorables existentes con anterioridade á sinatura deste convenio.

Cando se amplíe a xornada nun centro de traballo, terán preferencia para o seu incremento os traballadores e traballadoras que presten servicio no devandito centro, e non teñan xornada completa.

Aplicarase o mesmo criterio nos casos de xubilación ou baixa definitiva por calquera causa, dun traballador ou traballadora.

Os días 24 e 31 de decembro, e tamén o sábado de Semana Santa, consideraranse festivos para tódolos efectos, polo que os traballadores terán dereito a un día de descanso substitutorio, en caso de que sexa traballado.

Artígo 8º.-Festivos.

O/a traballador que desenvolva a súa xornada laboral en domingo ou festivo, gozará en compensación dun día de descanso semanal.

Artigo 9º.-Horas extraordinarias.

Durante a vixencia deste convenio non se farán horas extraordinarias de carácter normal; non obstante poderán facerse horas extraordinarias debidas a forza maior e as de carácter estructural; terán estas últimas unha contía de 600 ptas./h.

Artigo 10º.-Licencias.

Trala solicitude dos traballadores afectados, considerarase licencia retribuída, en tempo, que se indica nos seguintes casos:

a) Por matrimonio do traballador, 15 días naturais.

b) Por matrimonio de fillos, 1 día natural.

c) Por parto da muller, 2 días naturais, se é na provincia, e 4 se é fóra dela.

d) Falecemento, ou enfermidade grave do conxuxe ou familiares en primeirro e segundo grao de consanguinidade ou afinidade, é dicir, pais, fillos, avós, netos, irmáns, pais políticos, irmáns políticos e netos políticos, 2 días naturais, se é na provincia; e 4 se é fóra dela.

e) Por falecemento de parentes en terceiro grao, 1 día .

f) Durante o ano concederanse 3 días de licencias non retribuídas, segundo as necesidades dos traballadores.

Nos demais casos aplicarase o disposto na lexislación vixente.

No caso de asistencia ó médico, o tempo necesario, con xustificación e cun máximo de 3 horas.

Artigo 11º.-Roupa de traballo.

A todo o persoal daráselle roupa de traballo adecuada e regulamentaria, fundas para os homes e batas ou pantalóns e casaca para as mulleres cada 6 meses, e zocos cada 9 meses.

O persoal terá que devolve-la roupa e utensilios usados no momento no que se produza a substitución.

Artigo 12º.-Adscrición do persoal.

Co obxecto de contribuír e garanti-lo principio da estabilidade no emprego; á absorción do persoal cando suceda, mediante calquera modalidade contractual, na totalidade ou parcial actividade regulada no ámbito funcional deste convenio, levarase a cabo nos termos indicados neste artigo.

No sucesivo, o termo contrata engloba con caracter xenérico, calquera modalidade de contratación, tanto pública como privada e identifica un concreto servicio ou actividade parcial ou total que pasa a ser desempeñada por unha determinada empresa, sociedade, organismo público óu outro tipo de entidade ou persoa física, sexa calquera a forma xurídica que adopten.

En tódolos supostos de finalización, perda, rescisión, desión, rescate ou revisión dunha contrata, así como ó respecto de calquera outra figura ou modalidade que supoña a substitución entre entidades, persoas físicas ou xurídicas que leven a cabo actividades da cal se trata, os traballadores da empresa saínte pasarán a adscribirse na nova empresa ou entidade pública que vaia desenvolve-lo servicio, respectando esta os dereitos e obrigas que disfruten na empresa substituída.

Producirase a mencionada subrogación de persoal, sempre que se dera algún dos seguintes supostos:

1. Traballadores en activo, que realicen o seu traballo na contrata cunha antigüidade mínima dos catros últimos meses anteriores á finalización efectiva do servicio, sexa cal fora a modalidade do seu

contrato de traballo, con independencia de que, con anterioridade ó citado período de catro meses, traballase noutra contrata.

2. Traballadores, con dereito a reserva do posto de traballo, que no momento da finalización efectiva da contrata, teñan antigüidade mínima de catro meses nela e se encontraran enfermos, accidentados, en excedencia, vacacións, permiso, descanso maternal, servicio militar ou situacións análogas.

3. Traballadores con contrato de interinidade, que substitúan a algún dos traballadores mencionados no punto segundo, con independencia da súa antigüidade e mentres dure o seu contrato.

4. Traballadores de novo ingreso que por esixencias do cliente se incorporasen á contrata de servicios, como consecuencia da ampliación que perdurase na seguinte contrata, aínda que non leven os catro meses de antigüidade.

5. Traballadores que substitúan a outros que se xubilen tendo cumpridos 64 anos, dentro dos últimos meses anteriores á finalización efectiva da contrata, e teñan unha antigüidade mínima nela dos catro meses anteriores á xubilación, en virtude do R.D. 1194/1985, do 7 de xullo.

Tódolos supostos anteriormente recollidos, deberaos acreditar fidedignamente e documentalmente a empresa ou entidade pública saínte á entrante, mediante os documentos que se detallan:

-Certficado do organismo competente de estar ó día no pagamento da Seguridade Social.

-Fotocopia das catro últimas nóminas mensuais dos traballadores afectados.

-Fotocopia dos TC1 e TC2 de cotizacións á Seguridade Social, dos catro últimos meses.

-Relación do persoal na que se especifique o nome, os apelidos, domicilio, número de afiliación da Seguridade Social, antigüidade, xornada, horario, modalidade da contratación e data do desfrute das súas vacacións.

-Copia do documento debidamente dilixenciado por cada traballador afectado no que se faga constar que este recibiu da empresa saínte a súa liquidación de partes proporcionais dos seus deberes ata o momento da subrogación, non quedando pendente cantidade ningunha. Este documento deberá estar en poder da nova adxudicataria na data de inicio do servicio como nova titular.

Os traballadores que non desfrutasen das súas vacacións regulamentarias ó producirse a subrogación, desfrutaranas coa nova adxudicataria do servicio, que só aboará a parte proporcional do período que a ela lle corresponda, xa que o aboamento do outro período lle corresponde, ó anterior adxudicatario, que deberá efectualo na correspondente liquidación.

A aplicación deste artigo será de obrigado cumprimento para as partes as que vincula: empresa ou entidade pública ou privada, de calquera natureza, cesante, sucesor na actividade e traballador.

Será de obrigado cumprimento para as empresas auxiliares, definidas no artigo 1º, facer referencia expresa deste artigo, nas súas ofertas económicas ou nos contratos cos seus clientes.

Artigo 13º.-Garantía dos cargos sindicais.

Con motivo de situacións concretas, como son a confección do cadro horario, calendario de vacacións e acordo para a negociación colectiva, o empresario permitiralle-la de reunións nos locais da empresa ós traballadores e ós seus representantes sindicais, logo de solicitude, durante a xornada de traballo, sen que poida excederse dunha hora nos devanditos casos e de común acordo para a designación de traballos urxentes que poidan xurdir.

Artigo 14º.-Vacacions.

O persoal afectado por este convenio gozará de 30 días naturais ininterrompidos de vacacións anuais retribuídas.

Farase un calendario de vacacions en cada empresa, de forma rotatoria, e preferentemente nos meses de maio a setembro.

Artigo 15º.-Control médico.

Os traballadores terán dereito, alomenos, a un recoñecemento médico anual por conta da empresa.

Artigo 16º.-Comisión paritaria.

Para a interpretación e cumprimento do pactado neste convenio, e en xeral para cantas cuestións se deriven da súa aplicación, establécese unha comisión paritaria, que estará integrada polos mesmos asinantes deste convenio. A mencionada comisión paritaria reunirase sempre que unha das partes o solicite.

Será tamén da súa competencia e obriga a loita contra a intrusión que puidese darse no sector, para a defensa dos intereses empresariais e da calidade e a seguridade do emprego dos seus traballadores e traballadoras, e instará ás autoridades pertinentes ás accións legais que correspondan, así como para analizar e concretar aquelas cuestións que redunden en beneficio para o sector.

Artigo 17º.-Xubilación.

Todo traballador afectado por este convenio poderá solicita-la xubilación ós 64 anos, ó abeiro do disposto no R.D. Lei 14/1981, do 28 de agosto; neste suposto, a empresa estará obrigada a contratar outro traballador, perceptor de desemprego ou xove demandante de primeiro emprego, a través dun contrato de idéntica natureza.

Artigo 18º.-Póliza de seguros.

As empresas comprendidas no ámbito de aplicación deste convenio establecerán para tódolos tra

balladores unha póliza de seguros de falecemento e invalidez por accidente de traballo, que lles garanta ós seus traballadores:

Un millón en caso de falecemento e 1.500.000 ptas., no caso de invalidez permanente total, absoluta e gran invalidez.

Artigo 19º.-Salarios.

Os salarios son os que figuran no anexo I do presente convenio.

A porcentaxe de incremento salarial para o ano 2000, fíxase nunha contía do catro e medio por cento, 4,5%.

Artigo 20º.-Período de proba.

Poderá concertarse, por escrito, un período de proba, que en ningún caso, poderá exceder de 6 meses para os técnicos titulados nin de tres meses para os demais traballadores, agás para os non cualificados; neste caso a duración máxima será de 15 días laborables.

Artigo 21º.-Os asinantes deste convenio fan renuncia expresa do dereito a utiliza-los servicios das empresas de traballo temporal.

Artigo 22º.-Formación.

As empresas de servicios auxiliares de asilos, residencias e centros da terceira idade de Galicia, colaborarán coas organizacións empresariais e sindicatos para a realización de cursos de formación para os traballadores, segundo o Acordo de Formación Continua, sendo as organizacións empresariais e sindicatos, os órganos autorizados e con competencia para desenvolve-lo dito labor.

Ós traballadores que participen nos cursos de formación continua teránselles en conta estes, para efectos de promoción interna e de acceso a categorías superiores.

Artigo 23º.-Descrición da categoría.

Enténdese por persoal auxiliar da intervención xerontolóxica e xeriátrica, a tódolos que realicen tarefas varias de axuda e asistencia na limpeza e coidados das instalacións, dos residentes e acollidos, na cociña, lavandería, roupeiro, comedores, vixilancia nocturna, vehículos, xardín e mantemento do edificio, todas elas unificadas na categoría profesional de auxiliar de asilo ou residencia da terceira idade.

Disposicións xerais

Primeira.-As empresas afectadas por este convenio deberán ter un exemplar deste, así como a copia dos boletíns de cotización a Seguridade Social, no taboleiro de anuncios da empresa, para o coñecemento de tódolos traballadores, co fin de que constaten a súa situación laboral mensual.

Segunda.-As partes asinantes deste convenio son a Asociación de Empresarios de Empresas de Servicios Auxiliares de Residencias da Terceira Idade (Asearte) e o sindicato nacional de Comisións Obreiras de

Galicia (CC.OO.), ambas partes con capacidade legal suficiente e lexitimidade, de conformidade co disposto no R.D. lei que aprobou o texto refundido do Estatuto dos traballadores.

Disposicións transitorias

Primeira.-Para a negociación do próximo convenio do ano 2001, garantirase unha terceira paga adicional, que se aboará no mes de marzo, na contía que se fixe; así mesmo, garantirase unha subida que partirá do IPC máis 3 puntos.

Segunda.-O espírito deste convenio fundaméntase na consecución dunhas condicións laborais, sociais e económicas más favorecedoras, que resulten máis dignas para todo o persoal dos asilos, residencias e centros da terceira idade.

A mellora destas condicións farase en tramos sucesivos, de xeito que elas non resulten traumáticas ou prexudiciais para os seus titulares ou para os seus acollidos ou residentes; nembargantes, levarase a cabo inexorablemente de xeito progresivo e constante, independentemente das circunstancias sociais, políticas ou económicas xerais, tanto en España como no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia.

ANEXO I

Táboa salarial

19992000

Persoal directivo e técnico

Director171.512179.230

Director comercial133.128139.119

Director administrativo123.128128.669

Xefe de persoal123.128128.669

Xefe de compras103.128107.769

Xefe de sección103.128107.769

Persoal titulado

Titulado superior:

Médico

Psicólogo

121.784127.264

Titulado medio:

Traballadora social

ATS-DUE

Fisioterapeuta

Técnico Esp. alimentación

113.857118.981

Administrativos

Oficial de 1ª97.052101.419

Oficial de 2ª86.43690.326

Auxiliar71.09474.300

Mandos intermedios

Encargado xeral97.052101.419

Encargado de grupo/Edific.79.47683.052

Animador socio-cultural86.43690.326

19992000

Persoal auxiliar para intervención xerontolóxica e xeriátrica

Auxiliar de asilo71.09474.300