Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 227 Mércores, 24 de novembro de 1999 Páx. 13.797

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

ESCOLA GALEGA DE ADMINISTRACIÓN PÚBLICA

RESOLUCIÓN do 17 de novembro de 1999 pola que se convoca un curso sobre a Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común e a súa incidencia práctica no réxime local.

No uso das atribucións conferidas pola Lei 4/1987, do 27 de maio, de creación da Escola, e pola Lei 10/1989, do 10 de xullo, de modificación da anterior, convócase un curso sobre a Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común e a súa incidencia práctica no réxime local, que se desenvolverá conforme as seguintes bases:

Primeira.-Obxectivos.

Actualización de coñecementos sobre a Lei 30/1992, do 26 de novembro, con especial referencia ás peculiaridades do procedemento administrativo no eido da Administración municipal, analizando a súa incidencia na normativa do réxime local.

Segunda.-Destinatarios.

Persoal de corporacións locais integrados nos grupos C e D ou asimilados.

Terceira.-Desenvolvemento.

Duración: 24 h.

Lugares e datas de realización:

-Santiago de Compostela: 14, 15, 16, 17, 20 e 21 de decembro de 1999.

-A Coruña: 14, 15, 16, 17, 20 e 21 de decembro de 1999.

-Lugo: 9, 10, 13, 14, 15 e 16 de decembro de 1999.

-Ourense: 9, 10, 13, 14, 15 e 16 de decembro de 1999.

-Pontevedra: 9, 10, 13, 14, 15 e 16 de decembro de 1999.

Horario: das 16.30 ás 20.30 h.

Prazas: 30 en cada localidade.

Cuarta.-Solicitudes.

O persoal que desexe participar no curso programado deberá solicitalo coa presentación da instancia

que segundo o modelo oficial figura como anexo I desta resolución, e cubrila en tódolos epígrafes.

As solicitudes irán dirixidas ó director da EGAP, e presentaranse no rexistro da Escola Galega de Administración Pública, r/ Madrid, 2-4, 15707 Santiago de Compostela, ou tramitaranse por calquera das outras formas previstas no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

O prazo de presentación de solicitudes rematará o 1 de decembro de 1999.

Quinta.-Selección.

Os criterios de selección suxeitaranse ás directrices sinaladas na Resolución do 27 de xuño de 1994, pola que se fan públicos os criterios de participación nas actividades da EGAP (DOG nº 149, do 3 de agosto).

Sexta.-Modificacións.

A EGAP reserva para si a facultade de interpretar e de resolve-las incidencias que puidesen xurdir no desenvolvemento do curso, así como a de anulalo se o escaso número de solicitudes non xustificase a súa realización.

Sétima.-Certificado de asistencia.

Outorgaráselles certificado de asistencia ós alumnos que participen con regularidade no curso. Calquera inasistencia deberá ser xustificada. A falta de asistencia inxustificada do 15% das horas lectivas programadas imposibilitará a expedición do certificado.

A falta de asistencia, aínda que sexa xustificada, que supere o 15% das horas lectivas programadas imposibilitará igualmente a expedición do certificado e dará lugar á baixa do curso con perda de tódolos dereitos.

Oitava.- Contido.

Os órganos das administracións públicas: especial refencia ós órganos colexiados. Principios de relación entre os cidadáns e as administracións públicas. Dereitos dos cidadáns ante as administracións públicas: información ó público, acceso ó expediente, acceso a arquivos e rexistros. A lingua nos procedementos. O réxime do silencio administrativo e a súa incidencia na lexislación de réxime local. Termos e prazos no procedemento administrativo. A notificación e a motivación dos actos administrativos. Validez, eficacia e invalidez dos actos administrativos. O procedemento administrativo e o réxime local. O réxime da revisión dos actos administrativos. O réxime dos recursos administrativos. O procedemento administrativo sancionador no eido local. A responsabilidade das administracións públicas.

Santiago de Compostela, 17 de novembro de 1999.

Domingo Bello Janeiro

Director da Escola Galega de Administración

Pública