Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 223 Xoves, 18 de novembro de 1999 Páx. 13.596

V. ADMINISTRACIÓN DE XUSTIZA

XULGADO DE PRIMEIRA INSTANCIA E INSTRUCCIÓN NÚMERO UN DE SANTIAGO DE COMPOSTELA

EDICTO de notificación de sentencia (111/1999).

En Santiago de Compostela o dezasete de setembro de mil novecentos noventa e nove.

Vistos estes autos de xuízo de faltas nº 5/1999 por María Fe López Juiz, maxistrada xuíza accidental de instrucción número un desta cidade, dictouse esta resolución con base no que se dirá, na que foron partes Eugenia Callejo Ulloa, como denunciante e Mariano José López Lucas, como denunciado. Interviu o Ministerio Fiscal.

Antecedentes.

Primeiro.-As actuacións teñen a súa orixe no atestado da policía, ó que se lle uniu denuncia e parte facultativo do Servicio de Urxencias do Hospital Xeral de Galicia, presentado por Eugenia Callejo Ulloa, no que manifesta que as lesións que sofre foron causadas na noite do 12 de xaneiro de 1998 por Mariano José López Lucas, o cal a agrediu, a golpeou en presencia dun grupo de mozos que non participaron na agresión, e logo marcharon na furgoneta dun deles.

Segundo.-Practicadas diversas actuacións, reputáronse falta os feitos, suspendida a vista oral realizada o día 23 de marzo de 1999, ó non estaren citados nin a denunciante nin o denunciado, polo que volveu ter lugar outra vista oral o día 18 de maio de 1999, suspendéndose novamente o xuízo por non constar citada a denunciante Eugenia Callejo Ulloa; a vista oral tivo lugar o 14 de setembro de 1999, con inasistencia das partes, que estaban previamente citadas (Mariano José López Lucas, a través de citación persoal e Eugenia Callejo Ulloa, citada a través de edictos). O Ministerio Fiscal non formulou acusación.

Feitos probados.

Primeiro.-Do exame do actuado antes do xuízo dedúcese exclusivamente que Eugenia Callejo Ulloa resultou con lesións das que foi atendida o 12 de xullo de 1998 no Complexo Hospitalario de Santiago de Compostela, ás 0,40 horas por unha fractura dos ósos propios do nariz, sen desprazamentos, asociada a inflamación da rexión nasal e, por outra banda, o informe forense estima as mesmas lesións e di que deberían curar, con tratamento e coidados adecuados, nun período de tempo non superior a 20 días, e que precisa tratamento facultativo de primeira asistencia sen ingreso hospitalario e revisións posteriores, non debendo incapacita-la lesionada para o exercicio de ocupacións habituais.

Segundo.-Non queda probado que as lesións fosen ocasionadas de forma intencionada nin tampouco que llas producise o denunciado.

Fundamentos de dereito.

Primeiro.-Non cabe dúbida de que Eugenia Callejo Ulloa resultou lesionada, pois existe un parte médico completado con informe médico forense. Agora ben, practicadas as probas nos xuízos de faltas na vista oral, a incomparecencia inxustificada das partes, citadas previamente a xuízo, impediu que estas fosen interrogadas, polo que non pode determinarse a autoría das lesións nin a forma na que se produciron polo que, ó non se ter practicado ningunha proba, procede dictar sentencia absolutoria.

Segundo.-Chégase tamén a este final absolutorio polo cumprimento do principio acusatorio, sendo necesaria tamén no xuízo de faltas a acusación para que a condena poida prosperar.

Terceiro.-Non se devengaron custas

Decisión.

Absolvo a Mariano José López Lucas respecto de responsabilidade penal polos feitos que se lle imputan.

Así, por esta miña sentencia, que lles será notificada ás partes coa advertencia de que contra ela poderán interpor recurso de apelación perante este xulgado para a Audiencia Provincial da Coruña no prazo de cinco días desde a última notificación, e da que se unirá certificación ás actuacións orixinais para a súa notificación e cumprimento, pronúncioa, mándoa e asínoa.

Publicación.-A anterior sentencia foi lida e publicada por María Fe López Juiz, maxistrada xuíza accidental de instrucción número un, que a dictou constituída en audiencia pública, no día da data. Dou fe.

Rubricado