Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 220 Luns, 15 de novembro de 1999 Páx. 13.394

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DA PRESIDENCIA E ADMINISTRACIÓN PÚBLICA

DECRETO 291/1999, do 11 de novembro, polo que se crea a Oficina de Transición para o Efecto 2000.

Durante os dous últimos anos, a Administración da Comunidade Autónoma de Galicia, a través da Comisión de Informática, vén levando a cabo accións para previ-la incidencia do denominado Efecto 2000 en ordenadores, sistemas informáticos e dispositivos automatizados.

Dada a importancia do asunto, a amplitude dos sistemas afectados, a dependencia que as sociedades desenvolvidas teñen con respecto ós sistemas de información e a necesidade de levar a cabo accións coordinadas entre os distintos órganos da Administración autonómica galega, o Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do día sete de maio de mil novecentos noventa e nove, acordou crea-la Comisión Galega para o seguimento dos traballos conducentes á prevención do chamado Efecto 2000. O ámbito de competencia desta Comisión transcendía, ademais dos distintos órganos da Administración autonómica galega, ós entes, organismos autónomos, sociedades mercantís ou fundacións participadas maioritariamente pola Xunta de Galicia. Así mesmo, compételle á antedita comisión analizar, a través das distintas consellerías, o grao de adaptación ó Efecto 2000 dos distintos sectores productivos e de servicios da sociedade galega, promovendo a identificación e o impulso de medidas de promoción, asistencia e

asesoramento.

Neste contexto, o Consello da Xunta de Galicia recibe periodicamente información detallada sobre o estado de situación do Proxecto 2000 na Comunidade Autónoma de Galicia, e como consecuencia disto, e co fin de garantir unha adecuada transición ó ano 2000, considérase conveniente crear unha Oficina de Transición, co obxectivo de coordina-las accións da Administración autonómica galega durante os períodos inmediatamente anterior e posterior ó momento do tránsito.

Na súa virtude, por proposta do conselleiro da Presidencia e Administración Pública e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa

reunión do día once de novembro de mil novecentos noventa e nove,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Natureza e vixencia.

1. Créase a Oficina de Transición para o Efecto 2000, adscrita á Consellería da Presidencia e Administración Pública, que terá a natureza de órgano colexiado interdepartamental.

2. A Oficina constituirase o 17 de novembro de 1999 e desenvolverá as súas funcións ata o 31 de marzo do ano 2000.

Artigo 2º-.Obxectivo.

O obxectivo da Oficina de Transición para o Efecto 2000 consiste en coordina-las accións da Administración autonómica galega dirixidas a garantir unha adecuada transición ó ano 2000, co fin de reducir ó mínimo os posibles efectos prexudiciais derivados de fallos nos ordenadores, sistemas de información e dispositivos automatizados, en particular os que poidan afectar á prestación de servicios ou subministracións esenciais para os cidadáns e os que poidan menoscaba-la seguridade de persoas e bens.

Artigo 3º.-Composición.

1. A Oficina de Transición para o Efecto 2000 estará formada por:

a) Presidente: o conselleiro da Presidencia e Administración Pública.

b) Vicepresidente: o secretario xeral da Consellería da Presidencia e Administración Pública.

c) Vocais:

-O secretario xeral para as Relacións cos Medios Informativos.-O secretario xeral da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria.-O secretario xeral da Consellería de Industria e Comercio.-O secretario xeral da Consellería de Sanidade e Servicios Sociais.-O secretario xeral da Consellería de Medio Ambiente.-O director xeral de Organización e Sistemas Informáticos.-O director xeral do Instituto Galego de Promoción Económica.-O director do Centro Informático para Xestión Tributaria, Económico-Financeira e Contable.-O director xeral de Transportes.-O director xeral de Comercio e Consumo.-A directora xeral de Comunicación Social e Audiovisual.-O director xeral de Interior.-O director xeral de Protección Civil.-O director xeral de Formación e Colocación.

d) Secretario: o subdirector xeral de Planificación e Coordinación Informática da Consellería da Presidencia e Administración Pública.

2. Constituirase unha Secretaría Técnica Permanente integrada, polo menos, por un representante da dirección xeral de Organización e Sistemas Informáticos, da Dirección Xeral de Comunicación Social e Audiovisual, da Dirección Xeral de Protección Civil e os xefes de servicio da Área Asistencial e da Área Administrativa da Secretaría Xeral do Servicio Galego de Saúde, baixo a coordinación do secretario da Oficina de Transición para o Efecto 2000, para levar a cabo as actividades derivadas do exercicio das funcións ás que fai referencia o artigo 4º.

3. Malia o disposto no número 1 deste artigo, o presidente da oficina poderá convocar ás súas sesións ós titulares dos órganos da Administración autonómica galega dos que a colaboración resulte necesaria.

Artigo 4º.-Funcións.

Correspóndelle á Oficina de Transición para o Efecto 2000:

a) Coordinar e establecer directrices acerca das actuacións que realizarán os órganos da Administración autonómica de Galicia e os seus organismos públicos para a posta en marcha, se é o caso, dos plans de continxencia sobre medidas en relación co Efecto 2000, para o suposto de que se produzan fallos pola súa causa.

b) Solicitar información acerca das previsións efectuadas por outras Administracións públicas e empresas subministradoras de servicios esenciais para asegura-la continuidade na prestación destes, así como formular recomendacións técnicas e de carácter organizativo co obxecto de facilita-la acción coordinada de tódalas entidades que poidan achega-lo seu concurso para a resolución dos posibles incidentes xerados polo Efecto 2000.

c) Coordina-las actuacións que van desenvolve-los órganos da Administración autonómica de Galicia e os seus organismos públicos en colaboración con outras administracións, institucións, empresas e cidadáns para soluciona-los incidentes que se produzan por causa de fallos polo Efecto 2000.

d) Recoller, elaborar e difundir toda aquela información que se xere sobre o Efecto 2000, tanto do sector público como do privado, que poida resultar de interese para mellora-lo grao de adaptación e preparación para facer fronte ás consecuencias prexudiciais que poidan derivarse daquel.

e) Preparar e distribuí-la información relativa a Galicia, que sobre o Efecto 2000 soliciten organizacións e comités de carácter estatal.

Artigo 5º.-Coordinación.

A Oficina de Transición para o Efecto 2000 manterá permanentemente informado sobre as súas actuacións ó Consello da Xunta de Galicia e á Comi

sión Galega para o seguimento dos traballos conducentes á prevención do chamado Efecto 2000.

Artigo 6º.-Informe final.

Con carácter previo á súa disolución, o 31 de marzo do ano 2000, a oficina elaborará un informe de valoración da forma na que se leva a cabo a transición ó ano 2000 e formularalle ó Consello da Xunta de Galicia as recomentacións que estime oportunas.

Disposicións adicionais

Primeira.-Normas de funcionamento.

En todo o non previsto neste decreto aplicaranse as normas que sobre o funcionamento dos órganos colexiados contén o capítulo II do título II da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Segunda.-Non incremento do gasto público.

A constitución e o funcionamento da Oficina de Transición para o Efecto 2000 non suporá incremento do gasto público.

Disposición derradeira

Entrada en vigor. Este decreto entrará en vigor o día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, once de novembro de mil novecentos noventa e nove.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

Jaime Pita Varela

Conselleiro da Presidencia e Administración Pública