Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 219 Venres, 12 de novembro de 1999 Páx. 13.301

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E RELACIÓNS LABORAIS

RESOLUCIÓN do 6 de outubro de 1999, da Delegación Provincial de Pontevedra, pola que se dispón o rexistro, depósito e publicación, no Diario Oficial de Galicia, do convenio colectivo do sector do comercio de materiais para a construcción e saneamento.

Visto o expediente do convenio colectivo para o sector do comercio de materiais para a construcción e saneamento, que tivo entrada nesta delegación provincial o día 30-9-1999, subscrito en representación da parte económica pola Asociación Provincial de Empresarios de Materiais para a Construcción (Asemaco), e da parte social, polas centrais sindicais CC.OO., UGT e CIG, en data 22-9-1999. De conformidade co disposto no artigo 90.2º e 3º, do Real decreto lexislativo 1/1995, do 24 de marzo, polo que se aproba o texto refundido da Lei do Estatuto dos traballadores, Real decreto 1040/1981, do 22 de maio, sobre rexistro e depósito de convenios colectivos de traballo e Real decreto 2412/1982, do 24 de xullo, sobre traspaso de funcións e servicios da Administración do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia, en materia de traballo, esta delegación provincial

ACORDA:

Primeiro.-Ordena-la súa inscrición no libro de rexistro de convenios colectivos de traballo, que

consta nesta delegación provincial, e a notificación ás representacións económica e social da comisión negociadora.

Segundo.-Ordena-lo seu depósito no Servicio de Relacións Laborais, Sección de Mediación, Arbitraxe e Conciliación.

Terceiro.-Dispoñe-la súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Vigo, 6 de outubro de 1999.

Antonio Coello Bufill

Delegado provincial de Pontevedra

Convenio colectivo provincial para o sector

de comercio de materiais para a construcción

e saneamento de Pontevedra

Artigo 1º.-Partes asinantes.

Son partes asinantes deste convenio as centrais sindicais, UGT, CC.OO. e CIG, en representación dos traballadores e a Asociación Provincial de Empresarios de Materiais para a Construcción (Asemaco), en representación dos empresarios do sector.

Artigo 2º.-Ámbito de aplicación.

Este convenio regula as relacións laborais e económicas entre empresas e traballadores do sector do comercio de materiais para a construcción e saneamento, da provincia de Pontevedra, determinándose que quedan afectados por el as actividades comprendidas na venda polo miúdo e na venda por xunto de artigos e materiais para a construcción e destinados para a ornamentación dela.

Artigo 3º.-Opción.

Cando nos centros de traballo das empresas afectadas se exerzan, ademais, outras actividades e estean por iso enmarcadas noutros convenios, os traballadores que presten servicios indistintamente nunha ou outra das ditas actividades, terán opción de se acolleren ó convenio que resulte máis beneficioso no seu conxunto durante a vixencia deste convenio.

Artigo 4º.-Duración e vixencia.

Este convenio entrará en vigor ós dez días de ser asinado. Terá unha duración dun ano, contado a partir do día primeiro de xaneiro de 1999, e finalizará os seus efectos o 31 de decembro de 1999.

Artigo 5º.-Prórrogas.

O convenio entenderase tacitamente prorrogado por períodos anuais, sempre que non sexa denunciado por calquera das partes.

Artigo 6º.-Denuncias.

A denuncia do convenio deberase formular por escrito e ser comunicada á outra parte cunha antelación mínima de tres meses á terminación da súa vixencia.

Artigo 7º.-Condicións máis beneficiosas.

O persoal que con anterioridade ó convenio viñese desfrutando de condicións máis beneficiosas cás aquí pactadas deberaas conservar, podendo ser absorbidas, non obstante, ata acada-los niveis deste convenio.

Artigo 8º.-Retribucións.

As retribucións salariais para a vixencia do convenio son as que para cada categoría se fixan na táboa salarial anexa.

Artigo 9º.-Revisión salarial.

Sen aplicación.

Artigo 10º.-Complemento de transporte urbano.

Tódolos traballadores afectados por este convenio percibirán un complemento de transporte urbano por día efectivo de traballo de 373 ptas./día, efectivo.

Este complemento percibirano con independencia do complemento de distancia e calquera que sexa o medio utilizado polo traballador para o seu desprazamento.

A cantidade percibida por este concepto non terá a consideración de salario para ningún efecto, polo cal non se computará para o cálculo de antigüidade, gratificacións extraordinarias, paga de beneficios, etc., e tampouco se percibirán cando se atope en situación de incapacidade laboral transitoria.

Queda igualmente exento de cotización á Seguridade Social.

Artigo 11º.-Aumentos por anos de servicio.

Os aumentos periódicos por anos de servicio consistirán en cuadrienios do cinco por cento sobre os salarios do convenio.

Artigo 12º.-Gratificacións extraordinarias.

O persoal afectado por este convenio percibirá en xullo e Nadal gratificacións extraordinarias polo importe dunha mensualidade cada unha, do soldo fixado na táboa salarial que lle sexa de aplicación, máis os aumentos por anos de servicio que lle correspondan.

Artigo 13º.-Participación en beneficios.

Esta participación fíxase nunha mensualidade do salario fixado na táboa salarial do convenio para cada categoría profesional, máis os aumentos por anos de servicio que, se é o caso, correspondan.

A dita participación aboarase a todo o persoal no mes de marzo de cada ano.

Artigo 14º.-Rateo de pagas.

O persoal que ingrese ou cese na empresa no transcurso do ano, percibirá as pagas extraordinarias de xullo e Nadal, así como as de beneficios, na parte proporcional que lle corresponda segundo o tempo traballado.

Artigo 15º.-Horas extraordinarias.

Ante a grave situación de paro existente e co obxecto de favorece-la creación de emprego, as partes asinantes deste convenio acordan a conveniencia de reducir ó mínimo indispensable as horas extraordinarias conforme os seguintes preceptos:

a) Horas extraordinarias habituais: supresión.

b)Horas extraordinarias motivadas por forza maior, entendendo por tales as que veñan esixidas pola necesidade de reparar sinistros e outros danos extraordinarios e urxentes: realización.

c) Horas extraordinarias estructurais: mantemento. Entenderanse como tales as necesarias por períodos punta de producción, pedidos imprevistos, cambios de quenda, ausencias imprevistas ou outras circunstancias de carácter estructural derivadas da natureza da actividade de que se trate. Todo iso sempre que non poidan ser substituídos por contratacións temporais ou a tempo parcial previstas na lei.

As horas extraordinarias aboaranse cun incremento do 50% sobre o salario que lle corresponda a cada hora ordinaria segundo táboa anexa.

Artigo 16º.-Vacacións.

Todo o persoal afectado polo convenio terá dereito a desfrutar de vacacións anuais retribuídas de 30 días naturais de duración, as cales serán concedidas entre os meses de maio a outubro, ambos incluídos.

Aquel traballador que por necesidades da empresa non desfrute as súas vacacións no dito período maio-outubro percibirá unha bolsa de 9.237 ptas.

Sempre que non se acade un acordo unánime entre os traballadores afectados, na determinación do período de desfrute de vacacións, procederase, necesariamente á elección dunha orde rotativa de preferencia, de tal xeito que quen tivo preferencia na elección de quenda no ano anterior perde esa primacía de opción mentres non a exerzan o resto dos compañeiros de traballo.

Os traballadores que non poidan desfruta-las vacacións por se atoparen xa con anterioridade ó período vacacional en situación de IT por accidente laboral terán dereito a desfrutalas sempre que causen alta antes de finaliza-lo ano natural. Nese caso non terán dereito a percibi-la bolsa de vacacións mencionada anteriormente.

Artigo 17º.-Xornada de traballo.

A xornada laboral será de 40 horas semanais de traballo efectivo, que serán prestadas de luns a sábado pola mañá, rematando o dito día a xornada ás 13.30 horas.

Non obstante o anterior, en cada establecemento comercial o empresario poderá chegar a acordos con todos ou algúns dos seus traballadores para a prestación de servicios dos sábados pola tarde; nese caso os traballadores terán dereito ó descanso compensatorio correspondente polo traballo nas tardes deses sábados, segundo o previsto no Real decreto 1561/1995.

En todo caso, os traballadores obríganse a traballa-los sábados pola tarde en caso de existir carga ou descarga de barcos, camións, vagóns, etc.

Os traballadores terán descanso retribuído nas tardes dos días 24 e 31 de decembro e o día correspondente ó sábado da Semana Santa.

Artigo 18º.-Axudas de custo e desprazamentos.

Todo o persoal ó que se lle confire algunha comisión de servicio fóra da residencia habitual de traballo terá dereito a que se lle aboen, en concepto de axudas de custo, as cantidades seguintes:

A axuda de custo completa será de 4.063 ptas. diarias e a media axuda de custo de 1.047 ptas. diarias.

O importe das axudas de custo e medias axudas de custo previstas aboarase ó comezo do desprazamento. Nos casos en que por necesidades de servicio da empresa o traballador utilice o seu vehículo particular, percibirá por este concepto a cantidade de 30 ptas./km.

Artigo 19º.-Socorro por falecemento.

As empresas están obrigadas a lles entregar ós herdeiros forzosos dos traballadores que falezan por accidente laboral, a suma de tres mensualidades do salario fixado neste convenio, ou dalgunha das súas prórrogas, máis a antigüidade, se é o caso, referido ó momento do falecemento.

Artigo 20º.-Seguro complementario de accidentes.

As empresas afectadas por este convenio deberán subscribir no prazo dun mes a partir da data da súa publicación, e sempre que non teña concertado con anterioridade calquera outro igual ou superior, unha póliza de seguro colectivo e/ou individual de accidentes persoais que cubra e garanta os riscos profesionais e extraprofesionais de morte ou invalidez permanente, por un capital dun millón de pesetas, en ámbolos casos.

Artigo 21º.-Excedencia por maternidade.

Será obrigatorio o reingreso dos traballadores que se acollesen á excedencia prevista no punto 3º do artigo 46 do Estatuto dos traballadores, logo de aviso de reingreso con dous meses de antelación á finalización do período de excedencia solicitado.

Para os efectos da protección á maternidade haberase que ater ó disposto no Estatuto dos traballadores e demais lexislación vixente.

Artigo 22º.-Roupa de traballo.

As empresas facilitarán dúas pezas de roupa de traballo por ano, unha cada semestre, en concepto de utensilios de traballo, ó persoal con actividade que aconsella o seu uso.

Artigo 23º.-Pluriemprego.

As partes asinantes deste convenio coidan conveniente erradica-lo pluriemprego, como regra xeral.

Para estes efectos cóidase necesario que se apliquen co máximo rigor as sancións previstas na lexislación vixente, nos casos de traballadores non dados de alta na Seguridade Social, por estaren dados de alta xa noutra empresa.

Para coadxuvar ó obxectivo de controla-lo pluriemprego considérase esencial o cumprimento exacto do requisito de dar a coñecer ós representantes legais dos traballadores os boletíns de cotización á Seguridade Social, así como os modelos de contrato de traballo escrito que se utilicen na empresa, e tamén os documentos relativos á terminación da relación laboral, conforme dispón o artigo 64.1º.5 do Estatuto dos traballadores. O incumprimento desta obriga considérase falta grave para efectos da súa sanción pola autoridade laboral.

Artigo 24º.-Licencias.

Transcríbese para efectos informativos o disposto no artigo 37.3º do Estatuto dos traballadores, de tal xeito que se modificará automaticamente na forma que se modifique o texto legal.

O texto legal é o seguinte:

«O traballador, logo de aviso e xustificación, poderase ausentar do traballo, con dereito a remuneración por algún dos motivos e polo tempo seguinte:

a) Quince días naturais en caso de matrimonio.

b) Dous días nos casos de nacemento de fillo ou enfermidade grave ou falecemento de parentes ata segundo grao de consanguinidade ou afinidade. Cando, con tal motivo, o traballador necesite facer un desprazamento para o efecto, o prazo será de catro días.

c) Un día por traslado de domicilio habitual.

d) Polo tempo indispensable, para o cumprimento dun deber inescusable de carácter público e persoal, comprendido o exercicio do sufraxio activo. Cando conste nunha norma legal ou convencional un período determinado, rexe o que esta dispoña en canto a duración da ausencia e a súa compensación económica.

Cando o cumprimento do deber antes referido supoña a imposibilidade da prestación do traballo debido en máis do vinte por cento das horas laborables nun período de tres meses, poderá a empresa pasa-lo traballador afectado á situación de excedencia regulada no punto 1 do artigo 46 desta lei.

No suposto de que o traballador, por cumprimento do deber ou desempeño do cargo, perciba unha indemnización, descontarase o importe dela do salario que tivese dereito na empresa.

e) Para realizar funcións sindicais ou de representación do persoal nos termos establecidos legal ou convencionalmente.»

Por outra banda, segundo o disposto nos artigos 56.b) e 58 da Ordenanza laboral de comercio, o persoal terá dereito a unha licencia retribuída de ata un máximo de 5 días naturais ó ano, por nece

sidade de atender persoalmente asuntos propios que non admitan demora, tendo en conta para iso os desprazamentos que o traballador teña que facer e as demais circunstancias que no caso concorran.

Esta licencia, demostrada a súa indubidable necesidade, concederase no acto, sen prexuízo das sancións que se poidan impor ó traballador que alegue causas que resulten falsas.

A referencia que os puntos b) e c) deste artigo fan ó cónxuxe entenderase feita, así mesmo, ó compañeiro/a que en situación estable e acreditada no rexistro dun concello conviva co traballador/a.

Os traballadores que cursen con regularidade estudios para a obtención dun título de ensino regrado, terán dereito a un permiso non retribuído de ata seis días ó ano para concorrer a exames, logo de solicitude do traballador á dirección da empresa coa debida antelación e xustificación correspondente.

Artigo 25º.-Xubilación.

As empresas e traballadores poderán pactar, de común acordo previo por ámbalas partes, xubilacións anticipadas ós 64 anos, de conformidade co disposto no Real decreto 1194/1985, do 17 de xullo, debendo as empresas substituílos simultaneamente ó seu cesamento por xubilación por outros traballadores nas condicións previstas no citado real decreto.

Artigo 26º.-Recoñecemento médico.

As partes asinantes do convenio consideran necesaria a colaboración de todos na adopción de medidas preventivas orientadas á diminución nos riscos de enfermidades e accidentes dos traballadores das empresas. Por iso recomendan que con periodicidade anual, e logo de acordo entre empresario e traballadores, se realicen recoñecementos médicos de todo o persoal das empresas, a través do Gabinete de Seguridade e Hixiene de Rande ou, se é o caso, das mutuas patronais de accidentes de traballo, ou noutra forma que a nivel de empresa se considere oportuna.

Se como consecuencia do recoñecemento médico realizado a un traballador aparecese algún aspecto que puidese afectar á realización do seu traballo, este estará obrigado a comunicarllo á empresa.

Artigo 27º.-Dereitos de representación dos traballadores na empresa.

a) Crédito de horas: os delegados de persoal disporán dun crédito de 16 horas mensuais retribuídas para o exercicio das súas funcións de representación.

b) Acumulación de horas sindicais: a nivel de empresa, os delegados de persoal ou o comité poderán acorda-la acumulación de todo ou parte do crédito de horas sindicais establecido pola lei, nun ou varios dos delegados ou membros do comité de empresa. Para que iso teña efecto, a cesión de horas terá que ser comunicada por escrito á dirección da empresa.

c) Taboleiros de anuncios: nos centros de traballo de máis de 50 traballadores porase ó dispor do comité de empresa un taboleiro de anuncios para coloca-la diversa información laboral que sexa de interese para os traballadores.

d) Delegado sindical: nos centros de traballo con cadro de persoal superior a 80 traballadores, poderá existir un delegado sindical, nos termos previstos na Lei orgánica de liberdade sindical.

Artigo 28º.-Desconto en compras.

Os traballadores terán dereito a un desconto do 15% sobre o prezo de venda ó público nas compras que realicen nos establecementos nos que presten os seus servicios.

Artigo 29º.-Comisión paritaria.

Para a interpretación e cumprimento de cantas cuestións se deriven da aplicación deste convenio, establécese unha comisión paritaria integrada por tres representantes de cada unha das partes, escollidos de entre os membros da comisión deliberadora.

Artigo 30º.-Lexislación subsidiaria.

En todo o non expresamente previsto neste convenio haberá que se ater ó establecido no Estatuto dos traballadores e demais disposicións de xeral ou especial aplicación.

Artigo 31º.-Faltas e sancións.

Haberá que se ater ó disposto nos artigos 12 ó 19 do acordo marco do comercio de ámbito nacional.

Disposición adicional.

As partes nomean unha comisión paritaria que, en principio, estará configurada polos mesmos membros que o fosen da comisión negociadora deste convenio, para o estudio e subseguinte incorporación ó convenio do ano 2000, das directrices do acordo marco de comercio de 1996, no referido ás categorías profesionais.

ANEXO

Táboa de salarios sector comercio de materiais

para a construcción de Pontevedra. 1999

GRUPO I
-Persoal técnico titulado:
Titulado de grao superior130.990
Titulado de grao medio108.916
Axudante técnico sanitario94.194

GRUPO II
-Persoal mercantil técnico:
Director145.706
Xefe de división126.577
Xefe de persoal, compras, vendas e encargado123.632
Encargado xeral108.916
Xefe de sucursal e supermercado108.916
Xefe almacén101.558
Xefe de sección mercantil97.138
Encargado de Establecem., vendedor, comprador, subastador97.138

Intérprete92.726

-Persoal mercantil propiamente dito:
Viaxante94.194
Corredor de praza92.726
Dependente91.253
Axudante83.889

GRUPO III
-Persoal técnico non titulado:
Director144.238
Xefe de división126.577
Xefe de administración116.274
Secretario91.128
Contable100.084
Xefe de sección administrativa105.970

-Persoal administrativo:
Contable-caixeiro, taquimecanógrafo en idioma extranxeiro100.084
Oficial administrativo e operador de máquinas contables97.138
Auxiliar administrativo e perforista91.253
Auxiliar de caixa83.889

GRUPO IV
-Persoal de servicios e actividades auxiliares:
Xefe de sección do servicio111.862
Debuxante110.388
Escaparatista103.030
Axudante de montaxe83.889
Delineante, visitador, rotulista, cortador85.374
Axudante de cortador, xefe de taller85.374
Profesional de oficio de 1ª91.253
Profesional de oficio de 2ª85.374
Profesional de oficio de 3ª85.374
Axudante85.374
Capataz88.308
Mozo especializado85.368
Ascensoristas, telefonistas, mozo empaquetador83.889

GRUPO V
-Persoal subalterno:
Conserxe83.889
Cobrador83.889
Vixilante, sereno, ordenanza, porteiro83.889
Persoal de limpeza (por hora)443