Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 219 Venres, 12 de novembro de 1999 Páx. 13.305

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E RELACIÓNS LABORAIS

RESOLUCIÓN do 19 de outubro de 1999, da Delegación Provincial de Ourense, pola que se dispón a inscrición e publicación, no Diario Oficial de Galicia, do convenio colectivo da empresa Araujo Piel, S.A. e o escrito da súa comisión negociadora para incluír unha primeira disposición xeral no texto.

Visto o texto do convenio colectivo da empresa Araujo Piel, S.A. (código convenio nº 3200562) de Ourense e o escrito da comisión negociadora para incluír unha 1ª disposición xeral facendo constar as partes asinantes del, con entrada nesta delegación provincial da Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais o día 30-9-1999, subscrito en representación da parte económica, empresa, e, da parte social, delegados de persoal, o día 14-9-1999, e, de conformidade co disposto no artigo 90.2º e 3º, do Real decreto lexislativo 1/1995, do 24 de marzo, polo que se aproba o texto refundido da Lei do Estatuto dos traballadores, Real decreto 1040/1981, do 22 de maio, sobre rexistro e depósito de convenios colectivos de traballo e Real decreto 2412/1982, do 24 de xullo, sobre traspaso de funcións e servicios

da Administración do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia en materia de traballo.

A delegación provincial

ACORDA:

Primeiro.-Ordena-la súa inscrición no Libro Rexistro de Convenios Colectivos de Traballo, que consta nesta delegación provincial, e notificación ás representacións económica e social da comisión negociadora.

Segundo.-Ordena-lo seu depósito no Servicio de Relacións Laborais, Unidade de Mediación, Arbitraxe e Conciliación desta delegación.

Terceiro.-Dispoñe-la súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Ourense, 19 de outubro de 1999.

José Lage Lage

Delegado provincial de Ourense

Convenio colectivo da empresa Araujo Piel, S.A.

Artigo 1º.-Ámbito de aplicación territorial, persoal e temporal.

As normas contidas neste convenio colectivo serán de aplicación ó centro de traballo da empresa Araujo Piel, S.A. situada en Ourense.

Este convenio afecta a todo o persoal do cadro de persoal do centro de traballo Arauno Piel, S.A. con exclusión do persoal ó que fai referencia o artigo 1.3º letra C do Estatuto dos traballadores.

Entrará en vigor o 1-1-1999 ata o 31-12-1999, con independencia da súa publicación no BOP e ata que se asine outro que o substitúa.

Artigo 2º.-Duración, prórroga e denuncia.

A duración deste convenio será dun ano, é dicir, desde o 1-1-1999 ata o 31-12-1999 e prorrogarase tacitamente de ano en ano sempre que non sexa denunciado por ningunha das partes con tres meses de antelación ó termo da súa vixencia.

A fórmula de denuncia será mediante comunicación escrita á outra parte na que se fará consta-la representación que se desempeña, o ámbito de aplicación do novo convenio, así como as materias obxecto de negociación.

Artigo 3º.-Comisión mixta paritaria.

Constitúese unha comisión mixta paritaria de interpretación e observación do convenio, integrada polo delegado de persoal e representantes da empresa que interviñeron na negociación deste, sendo a súa misión a interpretación e vixilancia do pactado e demais funcións que lle sexan atribuídas polo convenio, así como as disposicións legais vixentes.

Artigo 4º.-Compensación e absorción.

As condicións pactadas son compensables na súa totalidade coas que viñan rexendo con anterioridade á vixencia deste convenio, calquera que sexa a orixe

da súa existencia, tanto polo imperativo legal, contrato individual, pactos de calquera clase ou por calquera outra causa.

As melloras económicas establecidas neste convenio poderán ser absorbidas polas empresas ata onde alcance con:

a) As de igual índole ou concepto que poidan implantarse por disposición legal.

b) As que libremente e en maior contía veñan outorgando as empresas cinguidas exclusivamente ó concepto polo que foron concedidas e nunca consideradas no se conxunto.

Artigo 5º.-Salario base.

Todo o persoal afectado por este convenio percibirá como salario base o acordado e fixado no anexo correspondente deste convenio, para cada unha das categorías profesionais correspondentes.

a) Incrementarase no 2,5% o salario vixente a 31-12-1998.

Quedan excluídos do convenio e polo tanto do que se acorda nesta acta, as persoas pertencentes á empresa e que ocupen postos de xefatura e dirección.

Artigo 6º.-Conceptos retribuídos e complementos salariais.

Con independencia do salario base, terá a consideración de complementos salariais, os seguintes:

1. Complemento persoal de antigüidade. O persoal incluído no campo de aplicación deste convenio colectivo, recibirá un incremento consistente no 5% do salario base por trienios.

A efectividade do premio de antigüidade serao con efectos do día seguinte ó do seu cumprimento.

2. De vencemento periódico superior a un mes. As que percibe o traballador/a como gratificación extraordinaria ou participación en beneficios.

3. Os traballadores/as que se encontran baixo o campo de aplicación deste convenio terán dereito a dúas pagas extraordinarias que se percibirán no verán, xullo e en Nadal, decembro, consistentes en 30 días de salario base, máis a antigüidade, se fose percibida.

4. Establécese, igualmente unha participación en beneficios, consistente en trinta días de salario, indo o seu aboamento rateado no salario base da táboa salarial.

Artigo 7º.-Incapacidade laboral transitoria por accidente de traballo ou enfermidade.

As empresas afectadas por este convenio abonarán a aqueles dos seus traballadores/as que se encontren en situación de incapacidade laboral transitoria por causa de accidente laboral ou enfermidade, unha compensación económica consistente na diferencia que exista entre as prestacións da Seguridade Social e o salario real que lle correspnda segundo a súa categoría profesional. Para o caso de enfermidade,

a dita compensación levarase a cabo a partir dos primeiros vinte días de baixa.

Cando a situación de ILT coincida total o parcialmente co período de vacacións previamente pactado considerarase que as ditas vacacións foron desfrutadas durante o tempo no que ámbalas dúas situacións coincidan.

Por todo iso e para efectos do cálculo das pagas extras considérase o dito período de vacacións e non de ILT, é dicir, que os ditos días se sumarán ós realmente traballados no semestre de que se trate para efectos de calcula-lo importe que se percibirá da paga extra.

Artigo 8º.-Xornada laboral.

A xornada de traballo para a empresa afectada por este convenio será de oito horas diarias e serán de corenta horas semanais de presencia, nas cales se considerarán incluídos vinte minutos diarios de descanso para o bocadillo, sin que superen anualmente as 1.800 horas.

Como aplicación de este concepto, cada traballador ten dereito ó desfrute de 3 días ó ano, debendo comunicar a data de desfrute polo menos con 5 días de antelación, á dirección da empresa.

O tempo de traballo computarase de modo que tanto ó comezo como ó final da xornada diaria o traballador/a se encontre no seu posto de traballo, todo iso conforme o establecido no artigo 34.3º do Estatuto dos traballadores.

Artigo 9º.-Horas extraordinarias.

Conforme o disposto no Estatuto dos traballadores, as horas extraordinarias aboaranse cunha recarga do 75% sobre a hora ordinaria.

Artigo 10º.-Vacacións.

As vacacións consisten no desfrute de trinta días naturais. O salario que se percibirá durante estas será igual ó dunha nómina normal do mes.

As empresas afectadas por este convenio están obrigadas a notificar ós/as traballadores/as cunha antelación de tres meses, o período de desfrute das vacacións.

Artigo 11º.-Licencias e permisos.

Para estes efectos terase en conta o previsto polas normas laborais da industria de confección de pezas de peletería aprobadas por Orde do 20 de outubro de 1949, Ordenanza laboral para a industria da pel, aprobada por Orde do 22 de abril de 1977 e a Lei 8/1980, do 10 de marzo, do Estatuto dos traballadores.

Artigo 12º.-Revisión médica.

As empresas afectadas por este convenio poderán solicita-la correspondente revisión médica anual a todo o persoal do cadro de persoal.

O tempo que o/a traballador/a empregue para a asistencia á dita revisión, será aboada pola empresa.

Artigo 13º.-Aprendizaxe.

O período de aprendizaxe finalizará para os/as traballadores/as obrigatoriamente cando estes cumpran os dezaoito anos de idade.

Artigo 14º.-Material e pezas de traballo.

A empresa afectada por este convenio colectivo entregará a cada traballador/a dúas pezas de traballos, consistentes en bata ou mono por ano, sendo o seu uso obrigatorio durante a xornada laboral correspondente.

Tamén será subministrado pola empresa o material de traballo necesario e a obrigatoria renovación conforme o estipulado no artigo 82 da Ordenanza laboral da industria da pel existente.

Artigo 15º.-Cesamento na empresa.

O persoal afectado por este convenio que desexe cesar na súa prestación de servicios na empresa estará obrigado a notificar cunha antelación mínima de quince días o seu aviso previo.

O incumprimento do citado aviso previo dará lugar a un desconto equivalente ó importe dos días que falten por transcorrer do período de aviso previo de quince días, podendo retrotraer este desconto das percepcións que a empresa lle debe aboar ó/á traballador/a en concepto de liquidación.

Artigo 16º.-Expediente de crise.

No caso de que a empresa á que afecta este convenio inicie un expediente de crise ou regulación de emprego ante a autoridade laboral competente, queda esta obrigada a informar e documentar previamente os representantes dos traballadores/as.

Artigo 17º.-Permisos retribuídos.

O/a traballador/a, logo do aviso e xustificación, poderá ausentarse do seu posto de traballo con dereito a remuneración, por algún dos motivos que a continuación se enumeran:

a) Quince días naturais en caso de matrimonio.

b) Dous días en caso de nacemento de fillos, enfermidade grave ou falecemento de parentes ata o segundo grao de consaguinidade ou afinidade. Cando, con tal motivo, o/a traballador/a necesite facer un desprazamento a provincia diferente do centro de traballo, o prazo será de catro días.

c) Un día polo traslado de domicilio actual.

d) Polo tempo indispensable para o cumprimento dun deber inescusable de carácter público e persoal. Cando conste nunha norma legal ou convencional un período determinado, haberá que aterse ó que dispoña en canto a duración da ausencia e á súa compensación económica.

Cando o cumprimento do deber antes referido supoña imposibilidade da prestación do traballo debido en máis do 20% das horas laborables nun período de tres meses, poderá a empresa pasar ó/a traballador/a afectado á situación de excedencia

regulada no punto 1º do artigo 46 do Estatuto dos traballadores.

No suposto de que o/a traballador/a por cumprimento do deber ou desempeño do cargo perciba unha indemnización descontaráselle o importe desta do salario a que tivera dereito da empresa.

e) Para realizar funcións sindicais ou de representación do persoal nos termos establecidos legal ou convencionalmente.

f) Os/as traballadores/as, pola lactación dun fillo menor de nove meses, terán dereito a unha hora de ausencia do traballo, que poderán dividir en dúas fraccións. A muller pola súa vontade poderá substituír este dereito por unha reducción da xornada laboral en media hora coa mesma finalidade. Esta permiso poderá ser desfrutado indistintamente pola nai ou pai en caso de que ambos traballen.

g) Quen por razón de garda legal teña ó seu coidado directo un menor de seis anos ou a un diminuído físico ou psíquico que non desempeñe outra actividade retribuída, terá dereito a unha reducción da xornada de traballo, coa diminución proporcional do salario entre, alomenos, un tercio e un máximo da metade da duración daquela.

ANEXO I

Táboa salarial

Categoría profesional: salario ptas./día.

Oficial 1ª: 2.942.

Oficial 2ª: 2.608.

Oficial 3ª e axudante: 2.498.

Peón: 2.460.

Contratos en prácticas: 2.460.

Aprendices 1º ano: 1.642.

Aprendices 2º ano: 1.829.

Persoal administrativo: salario ptas./mes.

Oficial administrativo: 89.429.

Auxiliar administrativo: 79.401.

José Gómez Gómez, con DNI 34.604.512, secretario de Acción Sindical da U.C. de CC.OO de Ourense, con domicilio social en r/ Parque San Lázaro, nº 12-3ª planta, ante a Delegación Provincial da Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais da Xunta de Galicia en Ourense,

DI:

Que por medio deste escrito inclúe unha primeira disposición xeral na que se faga consta-las partes que concerta este convenio.

Queda así pois redactado do seguinte modo:

Disposicións xerais

Primeira.-As partes asinantes deste convenio son a parte empresarial Herminio Araujo e da outra a parte social, os delegados de persoal Isabel Arias Abelaira, María de Benito Fariñas e Isabel Dorribo Cid, ámbalas partes con capacidade legal suficiente e lexitimidade de conformidade co disposto no artigo

87 do Real decreto lexislativo que aprobou o texto refundido do Estatuto dos traballadores.

Por todo iso,

SOLICITO que á vista deste escrito sexa incluída a disposición xeral primeira e quede redactado conforme figura no texto anterior.

Ourense, 14 de outubro de 1999.

José Gómez Gómez

Rubricado

Á Delegación Provincial da Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais da Xunta de Galicia en Ourense