Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 217 Mércores, 10 de novembro de 1999 Páx. 13.182

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE ECONOMÍA E FACENDA

ORDE do 29 de outubro de 1999 pola que se exceptúan os proxectos suprarrexionais de certas limitacións recollidas na Orde do 10 de xuño de 1999, pola que se establecen as bases reguladoras das convocatorias das axudas da Iniciativa Peme de desemvolvemento empresarial.

O punto 3.3. da cláusula terceira do convenio de colaboración entre o Ministerio de Economía e Facenda, Secretaría de Estado de Comercio, Turismo e da Peme e a Consellería de Economía e Facenda da Comunidade Autónoma de Galicia para a execución dos programas recollidos na Iniciativa Peme de desenvolvemento empresarial 1997-1999, establece que en cada exercicio económico a Conferencia Sectorial da Peme acordará a porcentaxe da cantidade teórica das comunidades autónomas non distribuída en orixe, que pasará a constituír unha reserva de crédito para cubrir necesidades ou demandas imprevistas e para o financiamento de proxectos de ámbito suprarrexional (que afecten e en que participen entidades de varias comunidades autónomas).

Mediante a orde da Consellería de Economía e Facenda do 10 de xuño de 1999 (DOG nº 116, do 18 de xuño) establecéronse, no ámbito da Comunidade Autónoma galega, as bases reguladoras das convocatorias das axudas da Iniciativa Peme de desenvolvemento empresarial previstas no R.D. 937/1997, do 20 de xuño, para o ano 1999. Nos epígrafes de gastos

subvencionables correspondentes ós programas «1. Cooperación Empresarial, 2. Promoción de Servicios de Información, 3. Deseño e 4. Redes de Organismos Intermedios de apoio á Innovación» establécense unhas limitacións nas contías máximas subvencionables de determinadas partidas de gasto respecto ó gasto total subvencionable.

Tendo en conta que o R.D. 937/1997 non establece tales limitacións, cómpre establece-la excepción destas para os proxectos con participación multirrexional, a xestión dos cales recaia en Galicia, co fin de que a nosa Comunidade presente condicións adecuadas para a adxudicación da xestión deste tipo de proxectos.

Por iso, e en virtude das atribucións que teño conferidas,

DISPOÑO:

Artigo único.-Os proxectos suprarrexionais, que son proxectos previstos no convenio de colaboración entre o Ministerio de Economía e Facenda e a Consellería de Economía e Facenda da Comunidade Autónoma de Galicia para a execución dos programas recollidos na Iniciativa Peme de desenvolvemento empresarial 1997-1999, nos que participan entidades de varias comunidades autónomas, e polo tanto, teñen impacto en máis dunha Comunidade Autónoma (proxectos que son avaliados directamente polo Ministerio de Economía e aprobados polas mesas de directores xerais Peme), a xestión dos cales lle sexa outorgada a Galicia, non estarán sometidos ás limitacións na contía subvencionable das partidas concretas respecto do gasto total subvencionable, nos programas 1, 2, 3 e 4 desenvolvidos no anexo I da Orde do 10 de xuño de 1999 pola que se establecen as bases reguladoras das convocatorias das axudas da Iniciativa Peme de desenvolvemento empresarial na Comunidade Autónoma de Galicia.

En consecuencia, para o caso de proxectos suprarrexionais,

-No programa de Cooperación Empresarial, no punto 1.3.1.a):

Para gastos externos de consultoría: suprímese a limitación do 90% para o gasto subvencionable por este concepto respecto ó gasto subvencionable total.

-No programa de Promoción de Servicios de Información, no punto 2.5.1.:

a) Para o equipamento permanente: suprímese a limitación do 15% para o gasto subvencionable por este concepto respecto ó gasto subvencionable total.

b) Para comunicacións: suprímese a limitación do 10% para o gasto subvencionable por este concepto respecto ó gasto subvencionable total.

c) Para consumibles: suprímese a limitación do 5% para o gasto subvencionable por este concepto respecto ó grao subvencionable total.

d) Para viaxes: suprímese a limitación do 5% para o gasto subvencionable por este concepto respecto ó gasto subvencionable total.

-No programa de Deseño, no punto 3.5.1.:

a) Para as viaxes do persoal da empresa ou organismo intermedio beneficiario: suprímese a limitación do 5% para o gasto subvencionable por este concepto respecto ó gasto subvencionable total.

-No programa de Redes de Organismos Intermedios de Apoio á Innovación, no punto 4.5.1.:

a) Para as viaxes de persoal da empresa ou organismo intermedio beneficiario: suprímese a limitación do 5% para o gasto subvencionable por este concepto respecto ó gasto subvencionable total.

b) Para os gastos de promoción e difusión: suprímese a limitación do 40% para o gasto subvencionable por este concepto respecto ó gasto subvencionable total.

Disposición derradeira

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 29 de outubro de 1999.

José Antonio Orza Fernández

Conselleiro de Economía e Facenda