Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 217 Mércores, 10 de novembro de 1999 Páx. 13.183

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA

ORDE do 7 de outubro de 1999 pola que se convocan premios extraordinarios de bacharelato para alumnos que rematasen os seus estudios de bacharelato no curso 1998-1999.

A Orde do 23 de outubro de 1991 (BOE do 31) pola que se establecen os requisitos e o procedemento para a concesión dos premios extraordinarios de bacharelato, establece no seu número décimo primeiro que as comunidades autónomas con plenas competencias en materia educativa poderán convocar premios extraordinarios de bacharelato nos seus ámbitos territoriais.

Na súa virtude, a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, facendo uso das atribucións que ten conferidas,

DISPÓN:

Primeiro.-Convócanse os premios extraordinarios de bacharelato correspondentes ó curso 1998-1999 de acordo coa Orde do 23 de outubro de 1991.

Segundo.-Poderá concederse en cada provincia da Comunidade Autónoma de Galicia un premio extraordinario por cada 1.000 alumnos ou fracción superior a 500 matriculados no terceiro curso de bacharelato unificado polivalente no curso académico 1998-1999.

Para os efectos previstos no parágrafo anterior teranse en conta os alumnos de centros públicos e privados e os matriculados na modalidade de ensino a distancia.

Terceiro.

1. Poderán optar ó premio extraordinario de bacharelato aqueles alumnos que cursasen os estudios de bacharelato unificado e polivalente (1º, 2º e 3º) e os rematasen no curso académico 1998-1999.

2. Para poder participar nesta convocatoria, a nota media resultante das cualificacións obtidas polos candidatos nos tres cursos do bacharelato unificado e polivalente deberá ser igual ou superior a 8,5 puntos.

3. A cualificación media obterase tendo en conta tódalas materias dos tres cursos, cursados polo alumno, tanto as comúns como as optativas, excluíndo as que teñan carácter voluntario; asignaráselles ás cualificacións o seguinte valor numérico:

Suficiente: 5,50 puntos.

Ben: 6,50 puntos.

Notable: 7,50 puntos.

Sobresaliente: 9,00 puntos.

Cuarto.

1. Os alumnos que, reunindo os requisitos, desexen optar ó premio extraordinario, deberán inscribirse no centro onde se encontre o seu expediente académico no prazo de vinte días naturais contados a partir da publicación da presente orde no Diario Oficial de Galicia.

2. Os alumnos e os secretarios dos centros deberán cubrir respectivamente os modelos de inscrición e de certificación que se inclúen como anexo I e anexo II á presente convocatoria.

3. Rematado o prazo de inscrición, os secretarios dos centros remitiranlle á Inspección Educativa da delegación provincial correspondente da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria as solicitudes de inscrición que estean no seu poder, nun prazo máximo de dez días naturais.

Quinto.

1. As probas estructuraranse en dúas partes.

Primeira parte:

a) Redacción sobre un tema de carácter xeral, histórico ou literario.

b) Idioma moderno:

-Exercicios de comprensión e expresión partindo dun texto e de situacións da vida cotiá.

-Exercicios para transformar e completar frases.

Segunda parte:

Os alumnos deberán elixir unha das seguintes opcións e responder ás cuestións propostas:

Opción A: proba de matemáticas.

Opción B: proba de latín.

Opción C: proba de historia de España.

2. Os exercicios serán cualificados de acordo co baremo seguinte:

Exercicios da primeira parte:

a) De cero a cinco puntos.

b) De cero a cinco puntos.

Exercicios da segunda parte:

De cero a dez puntos.

A puntuación definitiva será a suma total de cada unha das cualificacións obtidas. Concederáselles premio extraordinario ós alumnos que alcancen 16 puntos ou máis na citada suma ata un número igual ou inferior ó que resulte da aplicación do punto segundo desta orde. En caso de empate terá preferencia o alumno con mellor expediente académico.

3. A celebración das probas terá lugar o día 21 de xaneiro do 2000 nos locais que determinen as delegacións provinciais da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, debendo comunicárllelo coa suficiente antelación a tódolos centros de bacharelato da provincia.

Sexto.

1. O tribunal estará constituído por funcionarios dos corpos de inspectores de Educación, funcionarios que exerzan a función inspectora en materia de educación e máis por profesores de ensino secundario especializados nas diversas materias que compoñen a proba, designados pola Dirección Xeral de Centros e Inspección Educativa.

2. O tribunal elaborará a proposta de resolución dos premios correspondentes ós candidatos ós que lles avaliou as probas.

3. A acta será asinada por tódolos compoñentes do tribunal. O orixinal quedará arquivado na inspección central e serán remitidas copias desta á Dirección Xeral de Centros e Inspección Educativa, ós rectorados das universidades de Santiago de Compostela, A Coruña e Vigo, ó secretario xeral de Educación e Formación Profesional do Ministerio de Educación e Cultura e as delegacións provinciais da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria.

Sétimo.

1. Os alumnos que obteñan o Premio Extraordinario de Bacharelato poderán optar ó Premio Nacional de Bacharelato.

2. Nos libros de cualificación escolar dos alumnos premiados, na páxina de premios e mencións honoríficas, estamparase dilixencia na que constará a obtención do premio extraordinario.

Oitavo.-O presidente do tribunal atenderá as reclamacións que lles formulen os interesados ou os seus representantes legais no prazo de 10 días hábiles a partir do seguinte ó da publicación das cualificacións.

Noveno.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Décimo.-Autorízase a Dirección Xeral de Centros e Inspección Educativa para dictar cantas normas sexan oportunas para o desenvolvemento da presente orde.

Santiago de Compostela, 7 de outubro de 1999.

Celso Currás Fernández

Conselleiro de Educación e Ordenación

Universitaria