Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 213 Xoves, 04 de novembro de 1999 Páx. 12.935

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E RELACIÓNS LABORAIS

RESOLUCIÓN do 30 de setembro de 1999, da Delegación Provincial de Ourense, pola que se dispón a inscrición e a publicación do convenio colectivo da empresa Construcciones Alea, S.L. de Ourense.

Visto o texto do convenio colectivo da empresa Construcciones Alea, S.L. (código convenio nº 3200162) de Ourense, con entrada nesta delegación provincial da Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais, subscrito en representación da parte económica, pola dirección da empresa e, da parte social, o comité de empresa, o día 24-9-1999 e, de conformidade co disposto no artigo 90.2º e 3º do Real decreto lexislativo 1/1995, do 24 de marzo, polo que se aproba o texto refundido da Lei do Estatuto dos traballadores, Real decreto 1040/1981, do 22 de maio, sobre rexistro e depósito de convenios colectivos de traballo, e Real decreto 2412/1982, do 24 de xullo, sobre traspaso de funcións e servicios da Administración do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia en materia de traballo.

Esta delegación provincial

ACORDA:

Primeiro.-Ordena-la súa inscrición no libro de rexistro de convenios colectivos de traballo, que consta nesta delegación provincial, e notificación ás representacións económica e social da comisión negociadora.

Segundo.-Ordena-lo seu depósito no Servicio de Relacións Laborais, Unidade de Mediación, Arbitraxe e Conciliación desta delegación.

Terceiro.-Dispoñe-la súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Ourense, 30 de setembro de 1999.

José Lage Lage

Delegado provincial de Ourense

Convenio colectivo provincial para a empresa Construcciones Alea Sociedad Limitada 1999-2000

Capítulo I

Ámbito e vixencia

Artigo 1º.-Ámbito.

1. Este convenio afecta a tódolos traballadores que presten os seus servicios na empresa na provincia de Ourense, así como ós contratados durante a vixencia deste. Igualmente afecta os traballadores que, estando afiliados en Ourense, se despracen a outras provincias por necesidades de traballo.

Artigo 2º.-Vixencia e duración.

1. Este convenio substitúe e anula tódolos anteriores, mesmo o vixente na actualidade, e entrará en vigor o día da súa publicación no BOP de Ourense.

2. Os efectos económicos, entendéndose por estes única e exclusivamente as diferencias salariais que se deriven do incremento acordado sobre a táboa salarial, entrará en vigor a partir do 1 de xaneiro de 1999.

3. Este convenio terá unha duración bienal, estendéndose desde o 1 de xaneiro de 1999 ata o 31 de decembro de 2000, e será prorrogado por un período igual, salvo denuncia por calquera das partes cunha antelación mínima de tres meses á data do 31 de decembro de 2000. A dita denuncia deberase facer por escrito e comunicada en forma á outra parte.

4. No caso de non ser denunciado no tempo e forma anteriormente expresados e prorrogado por igual período de vixencia, a revisión salarial realizarase conforme os criterios que se establecen neste.

Artigo 3º.-Revisión.

Para o segundo ano de vixencia, isto é, para o período do 1 de xaneiro do 2000 ó 31 de decembro de 2000, a táboa de salarios revisarase logo de negociación do comité de empresa co seu representante legal, tomando como orientación e recomendación a normativa vixente no que respecta á xornada e demais temas de carácter social.

Artigo 4º.-Lexislación complementaria.

Para todo o non previsto neste convenio observarase o disposto no estatuto, ordenanza e lexislación en vigor.

Capítulo II

Contrato de traballo

Artigo 5º.-Contrato de traballo.

a) Regulación xeral.

1. O contrato de traballo será subscrito entre empresa e traballador, obrigatoriamente por escrito, con entrega dun exemplar a este, de acordo co formato aprobado por disposición de carácter normativo, que necesariamente deberá ser rexistrado na oficina de emprego á que pertenza o centro de traballo ó que se incorpore o traballador e entregada unha copia deste (copia básica), ó representante dos traballadores.

2. En ningún caso se poderá comezar a traballar sen que, previamente, se procedera á inscrición do traballador na Seguridade Social.

b) Subcontratación.

1. Cando a empresa contrate ou subcontrate con outros a realización de obras ou servicios correspondentes á propia actividade daqueles, deberá comprobar que os ditos contratistas estean ó día no pagamento das cotas da Seguridade Social. Para o efecto solicitará por escrito, con identificación da empresa afectada, certificado de estar ó día nos pagamentos da Tesourería Xeral da Seguridade Social.

2. A empresa contratada, nun prazo máximo de trinta días, deberá presenta-lo certificado indicado

no punto anterior. Transcorrido este prazo, quedará exonerada de responsabilidade a empresa principal.

Artigo 6º.-Período de proba.

1. Poderá concertarse por escrito un período de proba, que en ningún caso poderá exceder de:

a) Técnicos titulados superiores: 6 meses.

b) Empregados:

Niveis III, IV, e V: 3 meses.

Niveis VI ó X: 2 meses.

Resto do persoal: 15 días naturais.

c) Persoal operario:

Encargados e capataces: 1 mes.

Resto do persoal: 15 días naturais.

2. Durante o período de proba, o traballador terá os dereitos e as obrigas correspondentes á súa categoría profesional e ó posto de traballo que desempeñe, como se fose dese cadro de persoal, excepto os derivados da resolución da relación laboral, que poderá producirse por instancia de calquera das partes durante o seu transcurso, sen necesidade de aviso previo e sen que ningunha das partes teña dereito a ningunha indemnización, debéndose comunica-lo desistimento por escrito.

3. Transcorrido o período de proba sen que se producira o desestimento, o contrato producirá plenos efectos, computándose o tempo dos servicios prestados para efectos de antigüidade.

Capítulo III

Clasificación profesional

Artigo 7º.-Clasificación do persoal.

A clasificación do persoal afectado por este convenio é só enunciativa e non supón obriga de ter cubertas tódalas prazas enumeradas se as necesidades da actividade da empresa non o requiren.

Artigo 8º.-Clasificación por niveis e categorías profesionais.

NiveisCategorías

IITítulo superior.

IIITítulo medio. Xefe de 1ª administrativo

IVAxudante de obra. Encargado xeral. Xefe de

persoal.

VDelineante superior. Xefe administrativo.

VIDelineante de primeira. Topógrafo. Encargado de

obra. Oficial 1ª administrativo.

VIIDelineante de 2ª. Capataces, ofical 2ª Adm.

Topógrafo práctico de 2ª.

VIIIAuxiliar administrativo. Oficial 1ª oficio.

IXOficial 2ª de oficio.

XSerenos e almaceneiro.

XIPeón especializado.

XIIPeóns ordinarios.

XIIITraballadores de 17 anos.

Capítulo IV

Tempo de traballo

Artigo 9º.-Xornada laboral.

1. Durante a vixencia deste convenio establécese unha xornada laboral anual de 1.760 horas.

2. A xornada semanal establécese en corenta horas de traballo efectivo distribuídas en oito horas diarias de luns a venres, ámbolos dous inclusive.

3. Para axusta-lo calendario laboral anual neste exercicio de 1999 fíxanse como días non laborables o 15 de febreiro, 16 de agosto, 11 de outubro, 2 e 12 de novembro, 7, 24 e 31 de decembro.

Artigo 10º.-Vacacións.

1. As vacacións terán unha duración de trinta días naturais para tódalas categorías.

2. O total dos días anuais de vacacións poderá distribuílo a empresa para efectos de desfrute, da forma seguinte: quince días ininterrompidos para desfrutar preferentemente no verán. O resto, para desfrutar de acordo entre o traballador e a empresa, atendendo preferentemente ás necesidades do traballo.

3. Independentemente do reflectido nos parágrafos anteriores, a empresa poderá da-las vacacións a todo ou parte do persoal en dúas veces ou quendas, sendo o primeiro no verán e o segundo no inverno.

4. Para efectos do devengo de vacacións, considerarase como tempo efectivamente traballado o correspondente á situación de ILT, sexa cal fose a súa causa. Non obstante, dado que o dereito de desfrute de vacacións caduca co transcurso do ano natural, perderase se ó vencemento deste o traballador continuase de baixa, aínda que manterá o dereito a percibi-la diferencia entre a retribución de vacacións e a prestación de incapacidade laboral transitoria.

Artigo 11º.-Permisos e licencias.

A empresa concederalles licencias retribuídas ós traballadores que o soliciten nos seguintes casos:

a) Por matrimonio: 15 días naturais.

b) Por matrimonio de fillos: 2 días naturais.

c) Por falecemento de parentes ata segundo grao de consanguinidade ou afinidade: 2 días naturais. Cando con tal motivo o traballador necesite facer un desprazamento para o efecto, o prazo será de 4 días naturais.

d) Por parto de esposa: 2 días naturais. Se concorre enfermidade grave no parto, aumentarase a 4 días naturais.

e) O traballador terá dereito á asistencia médica no tempo necesario e retribuído, presentando o xustificante correspondente.

Capítulo V

Retribucións

Artigo 12º.-Táboa salarial.

Establécese unha táboa de percepcións económicas para a xornada laboral ordinaria, así como polas horas extraordinarias, que será para cada traballador a que corresponda á súa categoría profesional, sen ningunha discriminación por razón de sexo, e que se contén no anexo I deste convenio.

Artigo 13º.-Complemento de asistencia.

1. Establécese un complemento de asistencia para os productores das categorías II a XIII con rendemento normal e que non teñan ningunha falta de asistencia non xustificada ó traballo (importe segundo anexo I).

2. A primeira xornada non traballada completa suporá a perda de 4 días de complemento, a segunda perda de 10 días de complemento e a terceira a perda total. As faltas non xustificadas computaranse dentro de cada mes natural. Para a determinación do complemento de asistencia diaria dividirase entre vintecinco a cantidade que figura baixo este concepto na táboa salarial que se contén no anexo I deste convenio.

3. A perda deste complemento é independente das sancións que marca a ordenanza laboral e demais disposicións sobre a materia.

Artigo 14º.-Desgaste de ferramentas.

Establécese unha indemnización por desgaste de ferramentas para aqueles traballadores que non lles sexa facilitada pola empresa, consistente en 35 pesetas por cada día de traballo efectivo. A empresa determinará os casos particulares de achega de ferramentas polo traballador.

Artigo 15º.-Antigüidade.

A antigüidade queda conxelada na base do ano 1988, no sentido de que quedan conxelados os prezos dos bienios e quinquenios calculados sobre aquela base. É dicir, o prezo de tódolos bienios devengados e que se devenguen no futuro para as categorías niveis do 2 ó 12 é de 2.317 pesetas (cinco por cento de 46.347 pesetas). O prezo de tódolos quinquenios devengados e que se devenguen no futuro é o de 3.244 pesetas (sete por cento de 46.347 pesetas). Non obstante, respectaranse aquelas cantidades que a título persoal veñan percibindo os traballadores por este concepto, sen que caiba compensalas no cómputo xeral do convenio. É dicir, o prezo dos bienios e dos quinquenios que sexan superiores ós que se sinalan neste convenio e sexan pagados na actualidade polas empresas, manteranse, quedando con esta data conxelado na dita contía.

Artigo 16º.-Gratificacións extraordinarias.

1. Os traballadores afectados por este convenio terán dereito exclusivamente a dúas pagas extraor

dinarias ó ano, que se aboarán nos meses de xuño e decembro.

2. A contía das pagas extraordinarias non se devengará mentres duren calquera das causas de suspensión de contrato previstas no artigo 45 da Lei do Estatuto dos traballadores.

3. Os traballadores que ingresen ou cesen no transcurso de cada semestre natural devengarán a paga en proporción ó tempo de permanencia na empresa durante este, de acordo co que determina o artigo 62 do convenio xeral.

Artigo 17º.-Axudas de custo.

Establécese unha axuda de custo igual para tódalas categorías, de tres mil pesetas (3.000 ptas.) diarias e unha media axuda de custo de mil trescentas pesetas (1.300 ptas.) diarias por cada día efectivo para todo o persoal da empresa sexa cal sexa a súa categoría.

Non obstante, pódense substituí-los ditos importes pola fórmula, que de común acordo se establecerá, de gastos que hai que xustificar.

Artigo 18º.-Indemnización en caso de accidente ou hospitalización.

Tódolos traballadores da empresa, en caso de accidente laboral ou hospitalización, percibirán durante todo o período de hospitalización ou de ILT para accidente con cargo á empresa, a diferencia entre a cantidade fixada pola Seguridade Social e o importe do salario que viña percibindo nunha mensualidade normal, de tal forma que durante o período de ILT perciba o 100 por 100 da mensualidade normal.

Artigo 19º.-Pagamento de salarios.

1. A empresa queda obrigada a aboa-los salarios dentro dos cinco primeiros días hábiles do mes seguinte ó mes vencido no que se devenguen.

2. A empresa destinará ó pagamento a hora inmediatamente seguinte á finalización da xornada ordinaria. Cando por necesidades organizativas se realice o pagamento dentro da xornada laboral, esta interromperase e prolongarase despois do horario de traballo polo tempo investido no pagamento, sen que en ningún caso tal prolongación poida exceder máis dunha hora.

3. O tempo investido no pagamento de retribucións e anticipos a conta destas quedará exento do cómputo da xornada laboral, considerándose como de permanencia no centro de traballo e, polo tanto, non retribuído para ningún efecto.

4. O traballador deberá facilitar á empresa ó tempo do seu ingreso ou incorporación a ela o seu número de identificación fiscal (NIF), de conformidade coa normativa aplicable ó respecto.

Capítulo VI

Compensación e absorción

Artigo 20º.-Compensación e absorción.

Tendo en conta a natureza deste convenio, tanto as melloras económicas como de tipo social que poi

dan aparecer por disposición oficial durante a súa vixencia non terán eficacia práctica e, en consecuencia serán absorbidas por este, se as condicións deste convenio, consideradas globalmente en cómputo anual, superan as citadas melloras.

Capítulo VII

Cesamentos e indemnizacións

Artigo 21º.-Cesamentos e indemnizacións.

En relación cos contratos, segundo o carácter adquirido polos traballadores en razón da permanencia e funcións ó servicio da empresa, os cesamentos axustaranse ós seguintes requisitos:

a) Durante o período de proba, que se detalla no artigo 14 do Real decreto lexislativo 1/1995, do 24 de marzo, as empresas poderán prescindir dos servicios de toda clase do persoal no momento en que o consideren oportuno, se non posúe ou non se adapta ás condicións necesarias para a súa función sen ningunha indemnización.

b) O persoal fixo de obra cesará cando rematen os traballos da súa especialidade na obra na que estivera prestando os seus servicios. A indemnización que se establece para estes traballadores consistirá no 4,5 por 100, calculado sobre o salario base das táboas do convenio devengados durante a vixencia do contrato.

c) Os traballadores que formalicen outros contratos dos regulados no Real decreto 8/1997 ou normas que os substitúan, terán dereito, unha vez finalizado o contrato correspondente por expiración do tempo acordado, a percibir unha indemnización por conclusión do 4,5 por 100, se a duración fora inferior, igual ou superior a 365 días, calculada sobre os conceptos salariais das táboas do convenio aplicable, devengados durante a vixencia do contrato.

Capítulo VIII

Disposicións varias

Artigo 22º.-Prima de casado.

A todo traballador que leve como mínimo un ano de antigüidade na empresa e case outorgaráselle unha gratificación ou prima por casamento de quince mil pesetas (15.000 ptas).

Artigo 23º.-Roupa de traballo.

Ó persoal afectado por este convenio entregaralle a empresa unha roupa de traballo ou funda e un par de botas normais, axeitadas ó centro de traballo, cada seis meses, sendo obrigatorio o seu uso cando o traballo o requira. As ditas roupas serán en todo momento propiedade da empresa e o traballador estará obrigado á súa boa conservación e uso. A empresa poderá facer constar nas ditas roupas o anagrama desta ou da actividade.

Os traballadores devolverán as roupas de traballo vellas ó causar baixa na empresa. De non facelo, a empresa poderá desconta-lo 50% do importe correspondente ó equipo da súa última entrega.

Artigo 24º.-Póliza de seguros e indemnizacións.

1. Establécense as seguintes indemnizacións para tódolos traballadores afectados por este convenio:

a) En caso de morte derivada de enfermidade común ou accidente non laboral, o importe dunha mensualidade de tódolos conceptos das táboas do convenio aplicable vixentes en cada momento.

b) En caso de morte, incapacidade permanente, absoluta ou grande invalidez, derivada de accidente de traballo ou enfermidade profesional, a empresa aboará 5.750.000 pesetas, para o cal se compromete a unha compañía de seguros con delegación na praza.

2. Nos supostos de morte, as indemnizacións establecidas aboaranse á viúva ou beneficiarios do traballador, segundo as normas da Seguridade Social.

3. A referida póliza só abarcará os procesos iniciados a partir da vixencia e validez dela.

4. Esta indemnización é compatible coa pensión ou indemnización que poida causa-lo traballador na Seguridade Social ou mutualidade. Non obstante o anterior, a indemnización pagada con cargo ás pólizas de seguro de accidente terá a consideración de entregas por conta das indemnizacións que no seu día fixen os xulgados e tribunais de xustiza por sentencia definitiva e firme, e que sexan por conta da empresa.

Artigo 25º.-Seguridade e hixiene no traballo.

O traballador poderá porse de acordo coa empresa para acudir a cursos de seguridade e hixiene que se organicen a través da Comisión Provincial de Segu

ridade e Hixiene e que teñan relación directa coa actividade deste.

Disposicións adicionais

Primeira.-Comisión mixta paritaria.

Para interpreta-lo contido deste convenio, vixia-lo seu cumprimento ou exerce-las funcións de arbitraxe nos problemas e cuestións suscitadas como consecuencia da aplicación deste, noméase unha comisión mixta que está formada da seguinte maneira:

Por parte da empresa, o representante que interven na confección deste convenio ou, no seu defecto, outra persoa con representación legal.

Por parte dos traballadores, o presidente do comité de empresa e os dous compoñentes de máis idade do dito comité.

Ámbalas dúas partes poderán solicita-la designación de asesores ou expertos no número que consideren conveniente.

As funcións e actividades da comisión mixta non obstruirán en ningún caso as accións laborais correspondentes.

Segunda.-Cláusula especial.

O persoal que cese incumprindo o requisito de llo comunicar á empresa con oito días de antelación perderá o dereito á parte proporcional das gratificacións extraordinarias de verán e Nadal. A dita notificación deberá facela verbalmente ou por escrito, con obrigatoriedade por parte da empresa de expedir xustificante acreditativo da dita petición.