Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 203 Mércores, 20 de outubro de 1999 Páx. 12.434

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DA PRESIDENCIA E ADMINISTRACIÓN PÚBLICA

ORDE do 5 de outubro de 1999 pola que se clasifica como de interese sanitario a Fundación Gallega de Lucha Contra la Ceguera.

Visto o expediente de clasificación da Fundación Gallega de Lucha Contra la Ceguera, con domicilio na Coruña, r/ Torreiro, 30 1º local 5.

Suposto de feito.

1. Pascual Matesanz Manzanet, na súa calidade de representante da fundación, en escrito do 18 de febreiro de 1999, formulou solicitude de clasificación para efectos da súa inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego.

2. A fundación foi constituída en escritura pública outorgada na Coruña o día 15 de decembro de 1998, ante o notario Ramón González Gómez, baixo o número 5644, de protocolo, pola Asociación Gallega de Afectados de Retinosis Pigmentaria sendo modificada por outra de emenda, do 24 de agosto de 1999, perante o mesmo notario e co número 3836 de protocolo.

3. Segundo consta no artigo cinco dos seus estatutos, o obxecto da fundación é a loita contra a cegueira dentro da Comunidade Autónoma galega, na prevención, busca de tratamentos paliativos e curación das enfermidades heredo-dexenerativas da retina, principalmente da retinose pigmentaria, promovendo a investigación médico-científica e o apoio psicosocial ós afectados polas ditas patoloxías por si ou mediante a cooperación con aquelas persoas, físicas ou xurídicas, públicas ou privadas que persigan análogos fins no ámbito da mencionada Autonomía ou fóra dela. En calquera caso, a planificación das actividades da fundación terá en conta as necesidades psicosociais do colectivo que é obxecto da actividade médico-investigadora.

4. O padroado da fundación estará constituído por Pascual Matesanz Manzanet como presidente, Carmen Comesaña Fernández como vicepresidenta, José-Felipe Cotelo Rodal como secretario e Lucas Moris Vázquez como vocal.

5. A comisión integrada polos secretarios xerais de tódalas consellerías elevoulle ó conselleiro da Presidencia e Administración Pública proposta de clasificación como de interese sanitario da Fundación Gallega de Lucha Contra la Ceguera, dado o seu obxecto e finalidade, polo que, cumpríndose os requisitos esixidos na Lei 7/1983, do 22 de xuño, e na Lei 11/1991, do 8 de novembro, de reforma da lei anterior, de réxime das fundacións de interese galego, e segundo establece o artigo 32.1º e 2º do Decreto 248/1992, do 18 de xuño, polo que se aproba o Regulamento de organización e funcionamento do protectorado das fundacións de interese galego, procede a súa clasificación como de interese sanitario e a súa adscrición á Consellería de Sanidade e Servicios Sociais.

Fundamentos de dereito.

1. O artigo 34 da Constitución española recoñece o dereito de fundación para fins de interese xeral de acordo coa lei, e o artigo 27.26º do Estatuto de autonomía para Galicia outórgalle competencia exclusiva sobre o réxime das fundacións de interese galego.

2. De acordo co disposto no artigo 32.2º c) do Decreto 248/1992, do 18 de xuño, polo que se aproba o Regulamento de organización e funcionamento do protectorado das fundacións de interese galego, correspóndelle a esta consellería a clasificación da fundación e a adscrición á consellería correspondente, que exercerá plenamente o protectorado sobre ela.

3. Á vista do que antecede, pódense considerar cumpridas as finalidades tanto legais como regulamentarias establecidas para o caso, de acordo coa proposta realizada pola Comisión de Secretarios Xerais na súa reunión do día 4 de outubro de 1999.

Vista a Constitución española de 1978, o Estatuto de autonomía de Galicia (Lei orgánica 1/1981, do 6 de abril); a Lei 7/1983, do 22 de xuño, e a Lei 11/1991, do 8 de novembro, de reforma da anterior, de réxime das fundacións de interese galego, así como as demais normas de desenvolvemento e de xeral aplicación.

Na súa virtude,

DISPOÑO:

Clasificar como de interese sanitario a Fundación Gallega de Lucha Contra la Ceguera e adscribila á Consellería de Sanidade e Servicios Sociais que exercerá plenamente o protectorado sobre ela.

Santiago de Compostela, 5 de outubro de 1999.

Jaime Pita Varela

Conselleiro da Presidencia e Administración Pública