Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 203 Mércores, 20 de outubro de 1999 Páx. 12.433

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DA PRESIDENCIA E ADMINISTRACIÓN PÚBLICA

ORDE do 5 de outubro de 1999 pola que se clasifica como mixta a Fundación Observatorio Urbano do Eixo Atlántico.

Visto o expediente de clasificación da Fundación Observatorio Urbano do Eixo Atlántico, con domicilio en Vigo, no Consorcio da Zona Franca de Vigo, situado en el área portuaria de Bouzas, na oficina 14-D.

Suposto de feito.

1. Xoán Fernando Vázquez Mao, na súa calidade de representante da fundación, en escrito de 11 de maio de de 1998, formulou solicitude de clasificación para efectos da súa inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego.

2. A fundación foi constituída en escritura pública outorgada en Vigo, o día 2 de abril de 1998, ante o notario Álvaro Moure Goyanes, co número seis

centos un do seu protocolo, por Manuel Pérez Álvarez que intervén en nome da Asociación do Eixe Atlántico do Noroeste Peninsular.

3. Segundo consta no artigo 6 dos seus estatutos, o obxecto da fundación é, entre outros, a creación do Observatoriao Urbano do Eixo Atlántico, que ten por obxectivo principal a implantación dun sistema permanente de recollida e difusión de datos cuantitativos e cualitativos nos concellos que se integran na asociación de cidades Eixo Atlántico do Noroeste Peninsular, que contribúan á mellora do coñecemento sistemático da realidade socioeconómica de Galicia e o norte de Portugal, configurando un sistema de alerta sobre o comportamento daquelas variables que mellor reflicten o dinamismo económica das dúas rexións.

4. O padroado da fundación estará constituído polo alcalde-presidente do Concello de Vigo como presidente, o presidente da Cámara Municipal de Porto (Portugal) como vicepresidente, o presidente da Cámara Municipal de Viana do Castelo como secretario e o alcalde do concello de Santiago de Compostela, o alcalde do concello de Ourense e o presidente da Cámara Municipal de Braga como vocais.

5. A comisión integrada polos secretarios xerais de tódalas consellerías elevoulle ó conselleiro da Presidencia e Administración Pública proposta de clasificación como mixta da Fundación Observatorio Urbano do Eixo Atlántico, dado o seu obxecto e finalidade, polo que, cumpríndose os requisitos esixidos na Lei 7/1983, do 22 de xuño, e na Lei 11/1991, do 8 de novembro, de reforma da lei anterior, de réxime das fundacións de interese galego, e segundo establece o artigo 32.1º e 2º do Decreto 248/1992, do 18 de xuño, polo que se aproba o Regulamento de organización e funcionamento do protectorado das fundacións de interese galego, procede a súa clasificación como mixta e a súa adscrición á Consellería da Presidencia e Administración Pública.

Fundamentos de dereito.

1. O artigo 34 da Constitución española recoñece o dereito de fundación para fins de interese xeral de acordo coa lei, e o artigo 27.26º do Estatuto de autonomía para Galicia outórgalle competencia exclusiva sobre o réxime das fundacións de interese galego.

2. De acordo co disposto no artigo 32.2º c) do Decreto 248/1992, do 18 de xuño, polo que se aproba o Regulamento de organización e funcionamento do protectorado das fundacións de interese galego, correspóndelle a esta consellería a clasificación da fundación e a adscrición á consellería correspondente, que exercerá plenamente o protectorado sobre ela.

3. Á vista do que antecede, pódense considerar cumpridas as finalidades tanto legais como regulamentarias establecidas para o caso, de acordo coa proposta realizada pola Comisión de Secretarios Xerais na súa reunión do día 4 de outubro de 1999.

Vista a Constitución española de 1978, o Estatuto de autonomía de Galicia (Lei orgánica 1/1981, do 6 de abril); a Lei 7/1983, do 22 de xuño, e a Lei 11/1991, do 8 de novembro, de reforma da anterior, de réxime das fundacións de interese galego, así como as demais normas de desenvolvemento e de xeral aplicación.

Na súa virtude,

DISPOÑO:

Clasificar como mixta a Fundación Observatorio Urbano do Eixo Atlántico e adscribila á Consellería da Presidencia e Administración Pública que exercerá plenamente o protectorado sobre ela.

Santiago de Compostela, 5 de outubro de 1999.

Jaime Pita Varela

Conselleiro da Presidencia e Administración Pública