Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 203 Mércores, 20 de outubro de 1999 Páx. 12.433

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DA PRESIDENCIA E ADMINISTRACIÓN PÚBLICA

ORDE do 5 de outubro de 1999 pola que se clasifica como de interese sanitario a Fundación Fiemirt-Fundación para la Investigación de Enfermedades Microbiológicas, Reumatológicas y Tumorales.

Visto o expediente de clasificación da Fundación Fiemirt-Fundación para la Investigación de Enfermedades Microbiológicas, Reumatológias y Tumorales, con domicilio en Pontevedra.

Supostos de feito.

1. Francisco Lueiro Lores, na súa cualidade de presidente da fundación, en escrito de 7 de abril de 1999, formulou solicitude de clasificación para efectos da súa inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego.

2. A fundación foi constituída en escritura pública outorgada en Pontevedra, o día 21 de xaneiro de 1999, ante o notario Rafael Sanmartín Losada, co número cento vinteún do seu protocolo, por Francisco Lueiro Lores, Juan Antonio Cruz Martínez, Víctor Félix Lueiro Lores e Manuel Constenla Figueira; interveñen todos no seu propio nome e dereito.

3. Segundo consta no artigo 6 dos seus estatutos, o obxecto da fundación é a investigación sanitaria nos campos da microbioloxía clínica, reumatoloxía e tumorais. Tamén a organización de cursos, congresos e simposios, así como a elaboración de teses cun contido que se corresponda cos campos de investigación propios dos fins da fundación.

4. O padroado da fundación estará constituído por Francisco Lueiro Lores como presidente, Juan Cruz Martínez como vicepresidente, Víctor Félix Lueiro Lores como secretario e Manuel Constenla Figueira como vocal.

5. A comisión integrada polos secretarios xerais de tódalas consellerías elevoulle ó conselleiro da Presidencia e Administración Pública proposta de clasificación como de interese sanitario da Fundación Fiemirt-Fundación para la Investigación de Enfermedades Microbiológicas, Reumatológicas y Tumorales, dado o seu obxecto e finalidade, polo que, cumpríndose os requisitos esixidos na Lei 7/1983, do 22 de xuño, e na Lei 11/1991, do 8 de novembro, de reforma da lei anterior, de réxime das fundacións de interese galego, e segundo establece o artigo 32.1º e 2º do Decreto 248/1992, do 18 de xuño, polo que se aproba o Regulamento de organización e funcionamento do protectorado das fundacións de interese galego, procede a súa clasificación como de interese sanitario e a súa adscrición á Consellería de Sanidade e Servicios Sociais.

Fundamentos de dereito.

1. O artigo 34 da Constitución española recoñece o dereito de fundación para fins de interese xeral

de acordo coa lei, e o artigo 27.26º do Estatuto de autonomía para Galicia outórgalle competencia exclusiva sobre o réxime das fundacións de interese galego.

2. De acordo co disposto no artigo 32.2º c) do Decreto 248/1992, do 18 de xuño, polo que se aproba o Regulamento de organización e funcionamento do protectorado das fundacións de interese galego, correspóndelle a esta consellería a clasificación da fundación e a adscrición á consellería correspondente, que exercerá plenamente o protectorado sobre ela.

3. Á vista do que antecede, pódense considerar cumpridas as finalidades tanto legais como regulamentarias establecidas para o caso, de acordo coa proposta realizada pola Comisión de Secretarios Xerais na súa reunión do día 4 de outubro de 1999.

Vista a Constitución española de 1978, o Estatuto de autonomía de Galicia (Lei orgánica 1/1981, do 6 de abril); a Lei 7/1983, do 22 de xuño, e a Lei 11/1991, do 8 de novembro, de reforma da anterior, de réxime das fundacións de interese galego, así como as demais normas de desenvolvemento e de xeral aplicación.

Na súa virtude,

DISPOÑO:

Clasificar como de interese sanitario a Fundación Fiemirt-Fundación para la Investigación de Enfermedades Microbiológicas, Reumatológicas y Tumorales e adscribila á Consellería de Sanidade e Servicios Sociais que exercerá plenamente o protectorado sobre ela.

Santiago de Compostela, 5 de outubro de 1999.

Jaime Pita Varela

Conselleiro da Presidencia e Administración Pública