Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 200 Venres, 15 de outubro de 1999 Páx. 12.305

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA

ORDE do 23 de setembro de 1999 pola que se aproba a modificación do artigo 5 da fundación Escuelas Populares Gratuitas e se inscribe no Rexistro de Fundacións deste protectorado.

Analizado o expediente de referencia, promovido pola fundación Escuelas Populares Gratuitas.

Resultando que esta fundación foi declarada institución benéfico-docente de carácter particular con data do 1 de xuño de 1912, polo Ministerio de Instrucción Pública; e que por resolución da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria do 4 de marzo de 1986, se aproba a adaptación dos estatutos da fundación á lexislación vixente, encontrándose inscrita no Rexistro de Fundacións desta consellería co número 17.

Resultando que a fundación Escuelas Populares Gratuitas solicitou ante esta consellería a modificación dos seus estatutos.

Vista a Lei 7/8193, do 22 de xuño, de réxime das fundacións de interese galego, modificada pola Lei 11/1991, do 8 de novembro, de reforma da Lei 7/1983; así como o Regulamento de organización e funcionamento do protectorado das fundacións de interese galego, aprobado polo Decreto 248/1992, do 18 de xuño.

Considerando que as fundacións de interese galego poden modifica-los seus estatutos coas condicións previstas no artigo 38 do citado regulamento.

Considerando que na tramitación do expediente se cumpriron os requisitos esixidos no artigo 10 da Lei 7/1983 e 32.3º e 38 do dito regulamento.

Considerando que esta modificación estatutaria é conforme coa vontade fundacional.

Esta consellería

RESOLVE:

Primeiro.-Aproba-la modificación do artigo 5 dos estatutos da fundación Escuelas Populares Gratuitas, que queda redactado:

Esta fundación ten por fin principal o coidado de nenos de ambos sexos desde catro meses ata cinco anos, velando polo seu desenvolvemento, saúde e formación, dedicándose principalmente a todos aqueles menos favorecidos pola fortuna.

A fundación ten por finalidade, tamén: a) a colaboración ó desenvolvemento das actividades educativas e culturais que a través de cursos, conferencias, leccións e exposicións poidan realizarse nas súas instalacións, sen límite de idade para os seus destinatarios, e b) a axuda e protección a persoas adultas que o necesiten, promovendo as instalacións necesarias para ofrecer lugares de estar, comedores ou residencias para elas.

Segundo.-Practica-la inscrición desta modificación estatutaria no Rexistro de Fundacións deste protectorado, logo da publicación da presente orde no Diario Oficial de Galicia, data a partir da que entrará en vigor tal cambio estatutario.

Terceiro.-A presente disposición pon fin á vía administrativa, de acordo co establecido no artigo

109 c) da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Santiago de Compostela, 23 de setembro de 1999.

Celso Currás Fernández

Conselleiro de Educación e Ordenación

Universitaria