Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 199 Xoves, 14 de outubro de 1999 Páx. 12.229

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE AGRICULTURA, GANDERÍA E POLÍTICA AGROALIMENTARIA

ORDE do 30 de setembro de 1999 sobre o procedemento de xestión das axudas destinadas a promove-la constitución das Agrupacións de Productores Agrarios.

A Unión Europea ten establecido un réxime de axudas á constitución e funcionamento administra

tivo das Agrupacións de Productores Agrarios (APAS) como sistema de favorece-la concentración da oferta agraria e a adecuación da producción ás existencias do mercado. O Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación publicou con data do 21 de xaneiro de 1999 o Real decreto 2722/1998, do 18 de decembro, no que se desenvolve o réxime de axudas destinadas a promove-la constitución de APAS. No seu artigo 4 establécese que, no caso das APAS de ámbito xeográfico non superior ó dunha Comunidade Autónoma, correspóndelles a estes a tramitación, resolución e pagamento das axudas.

Por todo iso, en consonancia co establecido no artigo 30.I.3º do Estatuto de autonomía de Galicia e en uso das facultades que me confire a Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu presidente

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto.

Esta orde establece as bases reguladoras da tramitación de axudas para gastos de constitución e funcionamento das agrupacións de productores agrarios e as súas unións que teñan un ámbito xeográfico non superior ó de Galicia.

Artigo 2º.-Beneficiarios.

As agrupacións de productores e as súas unións recoñecidas a través do Regulamento 1360/1978, do Regulamento (CE) 952/1997, do Regulamento (CEE) 1696/1971 ou do Regulamento (CE) 2200/1996, e inscritas no correspondente rexistro.

Artigo 3º.-Solicitudes.

As solicitudes de axuda, dirixidas ó conselleiro de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria, presentaranse no modelo que figura como anexo, xunto coa documentación adicional seguinte, referida ó período de funcionamento do que se solicita axuda:

-Memoria de actividades.

-Relación e xustificación do valor da producción comercializada.

-Relación e xustificación dos gastos de constitución, se é o caso, e de funcionamento.

-Balance e contas de resultados.

-Relación de socios.

-Declaración sobre outras axudas concedidas para o mesmo fin.

-Fotocopia do NIF e certificación bancaria da existencia da conta na que se solicita o ingreso da subvención.

-Acreditación formal de estar ó día nas obrigas tributarias e fronte á Seguridade Social, así como de non ter débedas pendentes de pagamento coa Administración pública da Comunidade Autónoma.

Artigo 4º.-Tramitación.

As solicitudes de axuda presentaranse prioritariamente nos servicios de Industrialización e Comercialización Agroalimentaria das delegacións provinciais correspondentes da consellería, sen prexuízo do disposto no artigo 38 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999.

A Consellería de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria resolverá as peticións presentadas seguindo a orde de presentación da documentación completa, e tendo en conta as dispoñibilidades orzamentarias de cada momento.

Artigo 5º

As solicitudes non resoltas no prazo de 6 meses consideraranse desestimadas.

Artigo 6º

A data máxima de presentación de solicitudes de axudas no exercicio orzamentario de 1999 remata o 30 de novembro de 1999.

Artigo 7º

O pagamento das subvencións efectuarase con cargo ó concepto orzamentario 09.04.615 A.470.0 dotado inicialmente cun importe de 77.500.000 ptas., así como con outros remanentes que puidesen existir no mesmo concepto.

Disposición transitoria

As solicitudes presentadas con anterioridade á data de publicación desta normativa ó abeiro dos regulamentos da Unión Europea ou das normas do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación e non resoltos seguirán o seu trámite.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase o director xeral de Industrias e Alimentación para dicta-las disposicións necesarias para o desenvolvemento desta orde.

Segunda.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 30 de setembro de 1999.

Cástor Gago Álvarez

Conselleiro de Agricultura, Gandería e Política

Agroalimentaria.