Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 197 Luns, 11 de outubro de 1999 Páx. 12.150

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE FAMILIA E PROMOCIÓN DO EMPREGO, MULLER E XUVENTUDE

ORDE do 30 de setembro de 1999 pola que se regulan as axudas e subvencións para a contratación de axentes de emprego e desenvolvemento local no ámbito de colaboración da Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude e as entidades locais a través dos programas de cooperación.

Mediante o Decreto 289/1997, do 9 de outubro, esta Comunidade Autónoma asume as funcións e servicios transferidos pola Administración do Estado relativos á xestión realizada polo Instituto Nacional de Emprego no ámbito do traballo, o emprego e a formación e, polo Decreto 488/1997, do 26 de decembro, polo que se establece a estructura orgánica da Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude, atribúeselle a esta o exercicio das competencias e funcións, entre outras materias, no relativo ás políticas activas de emprego.

Así, corresponde agora a esta consellería a convocatoria, xestión e control das subvencións e axudas públicas da política de emprego xestionadas anteriormente polo Inem, entre as que está o programa de fomento do emprego e desenvolvemento local no ámbito da colaboración coas entidades locais.

Estas medidas de fomento do emprego público dirixidas ás anteditas entidades agrúpanse, xa no ámbito competencial da Administración autonómica, baixo a rúbrica de «Programas de Cooperación», respectando, en todo caso, as liñas mestras dos programas estatais ou comunitarios dos que traen causa e, conceptual e orzamentariamente os acordos sobre medidas para o crecemento e o emprego en Galicia 1998-2001, rubricados pola Xunta de Galicia, polo Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia, polo sindicato Unión Xeral de Traballadores de Galicia e pola Confederación de Empresarios de Galicia, o 13 de xullo de 1998.

As directrices europeas sobre o emprego recollen a importancia da creación de postos de traballo a nivel local e esbozan unha estratexia de implicación de toda a sociedade nese empeño. Consecuentemente

procede implementar un dispositivo que axude a promover iniciativas e articular mecanismos para que as administracións locais actúen como impulsoras do desenvolvemento local desde a perspectiva de que existen novos filóns de emprego non explotados susceptibles de xerar novos postos de traballo e, é no ámbito local onde se atopan as maiores posibilidades de detección e aproveitamento en beneficio do emprego.

A constitución dun contorno local propicio á creación de emprego require o desenvolvemento dun conxunto de funcións esenciais como son a animación, o estímulo e a innovación. Para que estas funcións se poñan en práctica é necesaria e fundamental a presencia de axentes locais coa formación e experiencia necesaria que lles permita utilizar unha metodoloxía de desenvolvemento local e que poidan desempeñar diversas tarefas como promotores de actividade, prospectores de mercado e asesores puntuais de proxectos de empresa. Desde esta perspectiva faise necesario potencia-lo papel das entidades locais como motoras da creación de emprego e apoiar decididamente a constitución de pequenas e medianas empresas, dado que a súa existencia favorece un tecido empresarial máis estable, unha diversificación de actividades e, sobre todo, un crecemento económico sostido.

A presente convocatoria axústase ó disposto no Decreto 377/1998, do 23 de decembro, polo que se establece o réxime xeral das axudas e subvencións da Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude, en materia de medidas activas de emprego, no artigo 78 da Lei 11/1992, do 7 de outubro, de réxime financeiro e presupostario de Galicia, e, en concreto, no relativo ós principios de obxectividade, concorrencia e publicidade na concesión das axudas e subvencións e ó disposto no artigo 35 da Lei 6/1998, do 31 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma para 1999.

De conformidade co disposto na citada Lei 11/1992, do 7 de outubro, o financiamento, entre outras, das axudas previstas na presente orde realizarase con cargo á aplicación orzamentaria 14.04.241A.460.0 por un importe total de 5.727.605.814 ptas.

Consecuentemente con todo o anterior, consultado o Consello Galego de Relacións Laborais, logo de informe favorable da Asesoría Xurídica e da Intervención Delegada e en exercicio das facultades que me confire o artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu presidente,

DISPOÑO:

Capítulo I

Disposicións xerais

Artigo 1º.-Obxecto e beneficiarios.

1. A presente orde ten como obxecto regula-la concesión de axudas e subvencións para a contratación

ou prórroga da contratación de axentes de emprego e desenvolvemento local, a tempo completo, no ámbito da colaboración da Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude coas entidades locais, a través dos programas de cooperación, como instrumento para promove-la xeración de emprego no contorno local.

2. Poderán ser beneficiarias das axudas e subvencións previstas na presente norma as entidades locais e as entidades dependentes ou vencelladas a unha Administración local.

Artigo 2º.-Definición e funcións dos axentes de emprego e desenvolvemento local.

1. Os axentes de emprego e desenvolvemento local configúranse como traballadores das entidades locais ou das entidades dependentes ou vinculadas a unha Administración local que teñen como misión principal colaborar na implantación das políticas activas de emprego relacionadas coa creación de actividade empresarial, desenvolvéndose a antedita colaboración no marco de actuación conxunta e acordada da entidade contratante e a Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude.

2. Os axentes de emprego e desenvolvemento local realizarán as seguintes funcións:

a) Prospección de recursos ociosos ou infrautilizados, de proxectos empresariais de promoción económica local e iniciativas innovadoras para a xeración de emprego no ámbito local, identificando novas actividades económicas e posibles emprendedores.

b) Difusión e estímulo de potenciais oportunidades de creación de actividade entre os desempregados, promotores e emprendedores así como institucións colaboradoras.

c) Acompañamento técnico na iniciación de proxectos empresariais para a súa consolidación en empresas xeradoras de novos empregos, asesorando e informando sobre a viabilidade técnica, económica e financeira e, en xeral, sobre os plans de lanzamento das empresas.

d) Apoio ós promotores das empresas, unha vez constituídas estas, acompañándoos tecnicamente durante as primeiras etapas de funcionamento, mediante a aplicación de técnicas de consultoría en xestión empresarial e asistencia nos procesos formativos adecuados para contribuír á boa marcha das empresas creadas.

e) Calquera outra que axude a garanti-la misión principal enunciada no parágrafo primeiro.

Artigo 3º.-Selección e contratación dos axentes.

1. A selección dos axentes de emprego e desenvolvemento local corresponderá á entidade beneficiaria da subvención logo da presentación de oferta xenérica ante o Servicio Público de Emprego.

En caso de non existiren candidatos idóneos entre os remitidos polo Servicio Público de Emprego, a

entidade beneficiaria poderá acudir a outros procedementos de selección de conformidade coa normativa vixente na materia, sempre que se garanta a idoneidade e o cumprimento dos requisitos dos candidatos mencionados no parágrafo seguinte.

2. Para ser contratado como axente de emprego e desenvolvemento local os candidatos deberán cumprir algún dos seguintes requisitos:

a) Ter superado con éxito o segundo ou o primeiro ciclo de estudios universitarios de economía, administración e dirección de empresas, socioloxía, dereito, ciencias empresariais, relacións laborais ou doutras disciplinas relacionadas coas funcións propias dos axentes de emprego e desenvolvemento local que se describen no artigo 2º 2.

b) Ter superado con éxito o segundo ou o primeiro ciclo de estudios universitarios doutras disciplinas distintas das previstas no punto anterior, sempre que se acredite, ademais, dous anos de experiencia profesional ou coñecementos adquiridos en cursos universitarios de posgrao (masters ou de especialización), en ámbolos dous casos en materias relacionadas coas funcións propias dos axentes de emprego e desenvolvemento local do artigo 2º 2.

3. En todo caso, antes de proceder á contratación dos axentes, as entidades beneficiarias deberán remitir á delegación provincial correspondente da Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude, a fin de comproba-la idoneidade do candidato seleccionado e o cumprimento dos requisitos previstos no parágrafo segundo, a seguinte documentación:

-Os datos relativos á titulación e experiencia profesional do candidato seleccionado, debidamente acreditados, así como os custos da contratación, indicando o salario bruto desagregado por conceptos e a cotización empresarial á Seguridade Social, no modelo que se publica como anexo III.

-Certificación do secretario da entidade solicitante sobre os resultados da presentación de oferta xenérica ante o Servicio Público de Emprego.

4. En caso de que o candidato seleccionado non fose considerado idóneo pola delegación provincial correspondente ou non cumprise os requisitos esixidos, a entidade beneficiaria poderá presentar un novo candidato na forma prevista no parágrafo anterior.

Artigo 4º.-Adaptación inicial dos axentes ós seus postos de traballo e actualización permanente da súa formación.

1. As entidades beneficiarias garantirán a adaptación dos axentes ós seus postos de traballo mediante a impartición da metodoloxía e de cantas técnicas sexan necesarias para o mellor desenvolvemento das súas funcións.

2. A Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude poderá comproba-la idoneidade dos mencionados procesos de adaptación.

3. Co obxecto de garanti-la formación dos axentes e a súa actualización permanente, a Consellería de Familia e Promoción de Emprego, Muller e Xuventude organizará, con medios propios ou alleos, as actuacións necesarias para o seu cumprimento.

Artigo 5º.-Contía e duración da subvención.

1. A subvención consistirá no financiamento da contía equivalente ó 80 por 100 dos custos laborais totais do axente de emprego e desenvolvemento local, incluída a cotización empresarial á Seguridade Social por tódolos conceptos, cos seguintes límites máximos que se establecen en función da súa titulación e experiencia profesional:

a) No caso de que o axente contratado, ademais de ter superado o segundo ciclo de estudios universitarios dos previstos no artigo 3º 2.a), acredite tres anos de experiencia profesional ou teña feito algún curso universitario de posgrao (masters ou de especialización) en materias relacionadas coas funcións propias dos axentes de emprego e desenvolvemento local: 4.500.000 ptas. anuais por axente.

b) Nos demais casos en que o axente contratado teña superado o segundo ciclo de estudios universitarios en calquera disciplina: 4.000.000 de ptas. anuais por axente.

c) No caso de que o axente contratado teña superado o primeiro ciclo de estudios universitarios: 3.500.000 ptas. anuais por axente.

2. A subvención por cada axente de emprego e desenvolvemento local concederase por un período dun ano, podendo prorrogarse por iguais períodos ata un máximo de catro anos. Transcorrida a citada duración máxima, a contratación do mesmo axente non poderá ser subvencionada pola Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude.

3. Se a entidade solicitante percibise algunha outra subvención para o mesmo concepto, outorgada por outras administracións ou entes públicos ou privados, a cantidade resultante non poderá supera-lo 100 por 100 dos custos salariais totais do axente de emprego e desenvolvemento local, incluída a cotización empresarial á Seguridade Social por tódolos conceptos.

4. As axudas previstas na presente orde financiaranse con cargo á aplicación orzamentaria 14.04.241A.460.0.

Capítulo II

Procedemento de solicitude e concesión das subvencións

Artigo 6º.-Solicitudes.

1. As entidades sinaladas no artigo 1º 2 que pretendan beneficiarse das subvencións para a contratación ou prórroga da contratación de axentes de emprego e desenvolvemento local deberán formaliza-la correspondente solicitude, no modelo que se publica como anexo á presente orde, de acordo co

disposto no artigo 70 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, que estará ó seu dispor nas oficinas de emprego e nas delegacións provinciais da Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude, subscrita polo titular ou representante legal da entidade local, debidamente acreditado, e deberá ir acompañada da documentación que se especifica no artigo seguinte.

2. As solicitudes dirixiranse ás delegacións provinciais da Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude e presentaranse por calquera das formas previstas no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro.

3. O prazo para a presentación de solicitudes de novas contratacións e das prórrogas das subvencións concedidas no exercicio de 1998 será de vinte días hábiles contados desde o día seguinte ó da publicación da presente orde.

Artigo 7º.-Documentación.

O modelo de solicitude e de prórroga das axudas e subvencións previstas no artigo anterior, que se publica como anexo I á presente orde, deberá ir acompañado da seguinte documentación que se presentará por exemplar triplicado:

1. Certificación do secretario da entidade solicitante na que conste:

-A representación que desempeña a persoa que asina a solicitude.

-A disposición de financiamento para custea-la parte non subvencionada pola Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude.

-A aprobación, polo órgano competente, do proxecto para o que se solicita a subvención.

2. Fotocopia compulsada da tarxeta de identificación fiscal da entidade solicitante.

3. Unha memoria proxecto que desenvolverá cada axente ou grupo de axentes, no modelo que se publica como anexo II, que recollerá, polo menos, os seguintes aspectos:

a) Definición do proxecto global.

b) Fases de desenvolvemento do proxecto.

c) Obxectivos operativos de cada fase e tempos estimados de execución.

d) Instrumentos e infraestructura que se posúe para a súa posta en práctica.

e) Número de axentes de emprego e desenvolvemento local que se van contratar.

f) Accións e actividades que van desenvolve-los axentes.

g) Tempo previsto para a realización do proxecto e duración estimada dos contratos.

h) Plan de adaptación dos axentes ó posto de traballo.

i) En caso de prórroga, ademais, un informe da actividade desenvolvida polo axente.

4. Declaración da entidade solicitante de que non percibiu ningunha axuda que poida concorrer co disposto na presente norma ou, en caso de percepción, especificación das axudas percibidas e da súa contía.

Artigo 8º.-Procedemento.

1. No suposto de que a solicitude non cumpra os requisitos en cada caso esixidos ou a documentación achegada contivese erros ou fose insuficiente, a delegación provincial requirirá o solicitante para que, nun prazo de dez días, emende a falta ou achegue os documentos preceptivos, con indicación de que, se así non o fixese, considerarase desistido da súa petición, logo da correspondente resolución ó abeiro do disposto no artigo 71 da Lei 30/1992, do 26 de novembro.

2. Os expedientes, unha vez completos, remitiránselle á comisión de valoración para o seu estudio e proposta de resolución.

3. Para os efectos previstos na presente orde, a comisión de valoración estará composta polo secretario da delegación provincial da Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude, que a presidirá, e serán vocais o xefe do Servicio de Fomento do Emprego e un xefe de sección del, actuando este último como secretario.

Artigo 9º.-Resolución.

1. Dentro dos seis meses seguintes á entrada da solicitude no rexistro do órgano competente para a súa tramitación, logo do informe da comisión de valoración e fiscalizada a proposta pola respectiva Intervención Territorial, o delegado provincial da Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude dictará a resolución que proceda, debendo ser notificada ós interesados.

2. Contra as resolucións dos expedientes instruídos ó abeiro do disposto na presente orde, poderá interpoñerse recurso de alzada ante a conselleira de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ó da súa notificación; tamén poderá interpoñerse calquera outro recurso que se estime pertinente ó dereito das entidades interesadas.

Artigo 10º.-Pagamento.

1. O aboamento da subvención farase efectivo, logo da presentación do xustificante de non ter pendente de pagamento ningunha débeda coa Administración da Comunidade Autónoma, unha vez cumprido o obxecto para o que foi concedida, o que se xustificará mediante a presentación da seguinte documentación:

a) Orixinais ou copias compulsadas dos contratos de traballo formalizados e debidamente rexistrados.

b) Orixinais ou copias compulsadas dos partes de alta na Seguridade Social dos traballadores contratados.

2. A documentación xustificativa deberá remitirse á respectiva delegación provincial no prazo dun mes desde o inicio da contratación, agás autorización expresa de ampliación deste por aquela.

Artigo 11º.-Prórroga da subvención.

1. As entidades beneficiarias poderán solicitar á Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude a prórroga da subvención concedida por cada axente contratado no prazo previsto no artigo 6.3º, xuntándolle á dita solicitude a seguinte documentación:

a) A prevista no artigo 7º.

b) O anexo III, previsto no artigo 3º.3.

2. A súa concesión estará en función de que estes cumpran os requisitos establecidos no artigo 3º e dos resultados obtidos da súa xestión no período anterior, valorando especialmente a xeración de iniciativas empresariais e o número de postos de traballo creados como consecuencia da súa actuación. A resolución que, se é o caso, aprobe a concesión da prórroga poderá ter efecto retroactivo, sempre que non se interrompese a contratación e a prestación dos servicios polo axente.

3. As solicitudes de prórroga que non poidan resolverse favorablemente ó non cumpri-los axentes contratados no exercicio de 1998 os requisitos previstos no artigo 3º da presente orde consideraranse, para tódolos efectos, como solicitudes de nova contratación.

Artigo 12º.-Obrigas das entidades beneficiarias.

1. As entidades beneficiarias das subvencións para a contratación de axentes de Emprego e Desenvolvemento Local asumen as seguintes obrigas:

a) Poñer á disposición dos axentes tódolos medios materiais necesarios para o correcto desenvolvemento das súas funcións e, en particular, os equipos informáticos precisos.

b) Remitir á delegación provincial da Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude a seguinte documentación:

-No mes seguinte ó da finalización dos seis primeiros meses, unha memoria descritiva das actividades realizadas nese período polo axente.

-No mes seguinte ó da finalización de cada período anual subvencionado, un informe sobre a actividade desenvolvida polos axentes, especificando os logros obtidos, debidamente cuantificados, en relación cos obxectivos que se pretendían na memoria proxecto, así como os xustificantes das nóminas aboadas ós traballadores contratados e documentos de cotización correspondentes (modelos TC1 e TC2).

c) Comunicar á delegación provincial da Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude a percepción, se é o caso, das axudas concedidas para a mesma finalidade por outras administracións ou entes públicos ou privados.

d) En todo caso, as entidades locais someteranse ás actuacións de comprobación efectuadas pola Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude e pola Inspección de Traballo e Seguridade Social, e ás de control financeiro que corresponden á Intervención Xeral da Comunidade Autónoma en relación coas subvencións reguladas nesta orde e ás previstas na lexislación do Consello de Contas, así como ás que poida efectuar, se é o caso, a Comisión e o Tribunal de Contas das Comunidades Europeas, no suposto de cofinanciamento polo Fondo Social Europeo.

2. O incumprimento total ou parcial de calquera das obrigas, condicións ou finalidades establecidas na presente orde dará lugar ó reintegro total ou parcial, segundo proceda, da axuda ou subvención percibida e mailos xuros de demora, nas condicións e de conformidade co establecido no artigo 78.51º da Lei 11/1992, do 7 de outubro, de réxime financeiro e presupostario de Galicia, sen prexuízo do establecido na Lei 8/1988, do 7 de abril, sobre infraccións e sancións na orde social.

Disposicións adicionais

Primeira.-A concesión das axudas e subvencións previstas na presente orde estará suxeita á existencia de crédito orzamentario tendo como límite global o crédito asignado na aplicación 14.04.241 A.460.0 dos Orzamentos Xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para 1999 fixado na exposición de motivos da presente disposición.

Segunda.-Se, por calquera causa, no momento no que a comisión de valoración teña que examina-las solicitudes, algún dos seus compoñentes non puidese asistir, será substituído pola persoa que para o efecto designe o órgano competente.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Autorízase o director xeral de Fomento do Emprego para dictar, no ámbito das súas competencias, as resolucións e instruccións necesarias para o desenvolvemento e execución da presente orde.

Segunda.-A presente orde entrará en vigor ó día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 30 de setembro de 1999.

Manuela López Besteiro

Conselleira de Familia e Promoción do Emprego,

Muller e Xuventude