Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 197 Luns, 11 de outubro de 1999 Páx. 12.158

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE MEDIO AMBIENTE

ORDE do 8 de outubro de 1999 pola que se declaran como solo contaminado os terreos afectados do polígono de Torneiros, no concello do Porriño (Pontevedra).

Visto o expediente de declaración como solo contaminado dos terreos afectados do polígono de Torneiros, no concello do Porriño (Pontevedra).

Antecedentes.

Pola Orde do 16 de xullo de 1999 (DOG nº 148, do 3 de agosto), á vista da investigación de detalle realizada pola Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental dirixida a avalia-la contaminación existente nos terreos do polígono de Torneiros no concello do Porriño (Pontevedra), e dado que dos resultados da devandita investigación se determinaron niveis de concentración de HCH considerados como de risco de contaminación, acordouse inicia-lo procedemento para declarar como solo contaminado os indicados terreos e determina-las persoas ou entidades obrigadas a realiza-las actuacións necesarias para proceder á súa limpeza e recuperación na forma e prazos que se fixen, así como abrir un período de información pública por un prazo de vinte días para que calquera persoa física ou xurídica puidera examina-lo expediente e formula-las alegacións que considerara oportunas.

Na mesma data de publicación da devandita orde, a Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental procedeu a notifica-la devandita orde e dar traslado do expediente ás empresas que, ante a posibilidade de que tiveran dereitos ou intereses que puideran resultar afectados pola decisión que no devandito procedemento se adoptara, realizasen no pasado, segundo os antecedentes de que se dispoñía, actividades industriais na zona que implicaban o manexo de compostos de hexaclorociclohexano que presumiblemente puideran ter ocasionado contaminación, para que puideran formular como interesados as alegacións que coidasen pertinentes.

As alegacións formuladas en ningún caso poñen en cuestión a contaminación dos terreos sinalados por concentración de HCH en cantidades que, segundo os estudios técnicos realizados pola Xunta de Galicia sobre criterios estándares en solos, os niveis publicados por outras comunidades autónomas, as experiencias de países da Unión Europea en relación ós solos contaminados, e o estado de coñecemento nesta materia, deben considerarse en todo caso de risco para o medio ambiente, e que superan o límite establecido no Decreto 263/1999, do 30 de setembro.

Fundamentos xurídicos.

A competencia para a resolución deste procedemento correspóndelle á Consellería de Medio

Ambiente en virtude do disposto nos artigos 27 da Lei 10/1998, do 21 de abril, de residuos, e 34 da Lei 1/1980, do 21 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu presidente, en relación co Decreto 482/1997, do 26 de decembro.

O citado artigo 27 da Lei 10/1998, do 21 de abril, de residuos, establece que as comunidades autónomas declararán como solos contaminados aqueles nos que se dea a presencia de compoñentes de carácter perigoso de orixe humana, polo que, neste caso onde está acreditada fóra de toda opinión ou criterio a existencia de contaminación por HCH dos terreos delimitados no expediente, procede ineludiblemente declaralos como contaminados, para realiza-las obrigadas actuacións necesarias para proceder á súa limpeza e recuperación, sen prexuízo de que se prosigan os trámites precisos para determina-las persoas ou entidades obrigadas a realiza-las ditas actuacións na forma e nos prazos que se fixen. Esta declaración é, ademais, presuposto para que se poidan levar a cabo as ditas actuacións de limpezas e recuperación destes solos mediante acordos voluntarios subscritos entre os obrigados a realizar estas operacións, tal como se establece no artigo 28 da citada lei básica de residuos.

Vistos os preceptos citados e demais de pertinente aplicación,

RESOLVO:

Declarar como solo contaminado os terreos afectados do polígono de Torneiros no concello do Porriño (Pontevedra) que se delimitan no anexo desta orde, por presentar concentracións de HCH que supoñen un risco para o ambiente, e que se prosigan as actuacións para determina-las persoas ou entidades obrigadas a proceder á súa limpeza e recuperación e fixa-la súa forma e prazo.

Contra esta resolución, que pon fin á vía administrativa, poderase interpoñer recurso de reposición con carácter potestativo perante o conselleiro de Medio Ambiente no prazo dun mes, ou ben interpoñer directamente o recurso contencioso-administrativo perante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia no prazo de dous meses de acordo co disposto nos artigos 109 e 116 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, e nos artigos 10 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, da xurisdicción contencioso-administrativa, ou exercer calquera outro que coide pertinente.

Santiago de Compostela, 8 de outubro de 1999.

José Carlos del Álamo Jiménez

Conselleiro de Medio Ambiente