Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 190 Xoves, 30 de setembro de 1999 Páx. 11.813

VI. ANUNCIOS

DA ADMINISTRACIÓN AUTONÓMICA

CONSELLERÍA DE INDUSTRIA E COMERCIO

RESOLUCIÓN do 30 de xullo de 1999, da Delegación Provincial de Lugo, pola que se aproba o proxecto de execución, e se autoriza e se declara, en concreto, de utilidade pública, para os efectos da urxente ocupación o expediente 037/1998 A.T. (ampliación da subestación de Mondoñedo).

Visto o expediente incoado nesta delegación provincial por petición de Barras Eléctricas Galaico-Asturianas, S.A., con domicilio para os efectos de notificacións na rúa Cidade de Viveiro, nº 4, Lugo, que solicita aprobación de proxecto, autorización administrativa e declaración da utilidade pública da instalación eléctrica de referencia.

Visto o escrito do 2 de marzo de 1999 presentado por Barras Eléctricas Galaico-Asturianas, S.A. no que solicita que sexa excluído do presente proxecto de ampliación da subestación de Mondoñedo, para os efectos da súa tramitación administrativa a parte correspondente ás instalacións dun dos módulos de saída de liña de 132 kV por se realizar integramente no interior do recinto actual da subestación de Mondoñedo e que será obxecto de tramitación independente.

Cumpridos os trámites sinalados no artigo 53 da Lei 54/1997, do 27 de novembro, do sector eléctrico, e os ordenados no capítulo III do Decreto 2617/1966, do 20 de outubro, sobre autorización de instalacións eléctricas, e nos capítulos III e IV do Regulamento de aplicación da Lei 40/1966, do 18 de marzo, sobre expropiación forzosa e sancións en materia de instalacións eléctricas, aprobado polo Decreto 2619/1966, do 20 de outubro, de aplicación ó presente expediente segundo o establecido pola disposición transitoria primeira da indicada Lei 54/1997.

Vista sobre o terreo a traza da instalación eléctrica proxectada, obsérvase nela que non se dá ningunha das prohibicións ou limitacións ás que se refiren respectivamente os artigos 25 e 26 do Decreto 2619/1966, en concordancia co artigo 57 da Lei 54/1997, antes citada.

Visto que na tramitación deste expediente se presentaron as seguintes alegacións:

a) Unha de Xusto María Fernández Haro, en nome propio e en representación que invoca o grupo municipal do BNG de Mondoñedo, que presenta os graves efectos que sobre a saúde das persoas pode te-la continua exposición a campos electromagnéticos como os que xera a subestación de Mondoñedo, que, por outra banda, está situada en solo urbano e preto dos límites do perímetro de protección do conxunto

histórico-artístico da devandita cidade, polo que debería ser trasladada fóra do núcleo urbano.

b) Outra de Lois Manuel Toirán Vázquez, Xan Carlos Bouso Carballeira e Daniel López Vispo, que din representar á Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galicia, análoga á anterior.

c) Outra de Carlos Maseda González, veciño de Zoñán (Mondoñedo), que di actuar en nome propio e no da Asociación de Veciños Vilaoriente da parroquia dos Remedios, argumentando que a subestación de Mondoñedo que se pretende ampliar non conta coa licencia municipal de actividade senón só coa licencia primitiva de obras, polo que non pode autorizarse agora a súa ampliación e invocando tamén os riscos que para a saúde das persoas e o ambiente se producirán.

d) Outra do propio Concello de Mondoñedo, que tamén alude ós graves danos que tanto para o ambiente como para o desenvolvemento urbanístico da cidade se derivarán da ampliación da subestación de BEGASA, estando en tramitación o Plan Xeral de Ordenación Urbanística.

Esta delegación provincial entende que tales alegaciones non poden ser tidas en conta polas razóns seguintes:

a) No referente á alegación presentada por Xusto Fernández Haro, por que o proxecto de ampliación da subestación de Mondoñedo cumpre a normativa legal vixente para este tipo de instalacións, e non existen evidencias de riscos para a saúde como consecuencia da exposición a campos electromagnéticos de frecuencia industrial, segundo informes feitos públicos polo Instituto Nacional da Saúde Medioambiental e pola Academia Nacional de Ciencias de Estados Unidos, emitidos recentemente, sen que na reclamación se faga referencia ós valores dos campos xerados por unha liña eléctrica de alta tensión, correspondendo ós valores indicados os máis estrictos recomendados pola Organización Mundial da Saúde e propostos pola Unión Europea.

b) Sobre a alegación presentada por Manuel Toirán Vázquez, Xan Carlos Bouso Carballeira e Daniel López Vispo, polas mesmas razóns apuntadas no punto anterior.

c) Sobre alegación presentada por Carlos Maseda González, por canto o proxecto de ampliación da subestación de Mondoñedo cumpre a normativa legal vixente para este tipo de instalacións, sen que neste trámite aínda se poida falar da posta en marcha.

d) Sobre a alegación presentada polo Concello de Mondoñedo, que, en todo caso, se trata de ampliar unha instalación xa existente, polo que esa ampliación por si mesma non supón graves danos nin para o ambiente nin para o desenvolvemento urbanístico de Mondoñedo, xa que se vai traballar dentro do propio recinto da subestación.

Sendo competente este organismo, con base no Estatuto de autonomía de Galicia, no Real decreto 2563/1982, do 24 de xullo, sobre traspaso de

funcións e servicios da Administración do Estado á Comunidade Autónoma galega en materia de industria, enerxía e minas, e no exercicio de competencias atribuídas polos decretos 2617/1966 e 2619/1966,

RESOLVO:

Primeiro.-Autorizar a Barras Eléctricas Galaico Asturianas, S.A. o establecemento da dita instalación eléctrica, coas seguintes características principais:

-Ampliación da subestación de Mondoñedo cun módulo de saída de 132 kV.

Segundo.-Declara-la utilidade pública da instalación eléctrica autorizada, coas consecuencias establecidas no artigo 54 da Lei 54/1997, do 27 de novembro, do sector eléctrico, de necesidade de ocupación dos bens ou de adquisición dos dereitos afectados e de urxente ocupación para os efectos do artigo 52 da Lei de expropiación forzosa. Igualmente, levará implícita a autorización para o establecemento ou paso da instalación eléctrica sobre terreos de dominio, uso ou servicio público ou patrimoniais do Estado ou das comunidades autónomas, ou de uso público, propios ou comunais da provincia ou municipio, obras e servicios destes e zonas de servidume pública.

Terceiro.-Prestar aprobación ó seu proxecto de execución, unha vez cumpridos os trámites que se sinalan no capítulo IV do citado Decreto 2617/1966, e visto o contido do informe técnico do 30-11-1998 e 22-7-1999, entendendo que os extremos que neles se recollen non teñen entidade suficiente para non proceder á súa aprobación.

Cuarto.-En cumprimento do disposto nos artigos 52 da Lei de expropiación forzosa do 16 de decembro de 1954 e 31 do Regulamento da Lei 10/1966, do 18 de marzo, acordo que o representante da Administración dea comezo ó levantamento das actas previas, en data e hora que a cada interesado se lle notificará individualmente, á ocupación dos predios contidos nas relacións publicadas no BOP de Lugo do 24 de marzo de 1999, Diario Oficial de Galicia do 13 de abril de 1999 e no diario El Progreso do 11 de marzo de 1999 e expostas no taboleiro oficial desta delegación provincial. Ata o momento do levantamento das actas, poderanse formula-las alegacións, por escrito, que se consideren pertinentes para os efectos de rectificar posibles erros na relación de bens afectados, ante esta delegación provincial.

Esta resolución non é definitiva na vía administrativa e contra ela poderase interpoñer recurso de alzada perante o conselleiro de Industria e Comercio no prazo dun mes, contado desde o día seguinte ó da súa notificación/publicación. Tamén poderá interpoñerse calquera outro recurso que se considere pertinente ó seu dereito.

Lugo, 30 de xullo de 1999.

Jesús Bendaña Suárez

Delegado provincial de Lugo