Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 188 Martes, 28 de setembro de 1999 Páx. 11.703

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA

ORDE do 1 de setembro de 1999 pola que se establecen accións encamiñadas a facilita-la simultaneidade dos estudios do grao medio das ensinanzas de música reguladas polo Decreto 253/1993, do 29 de xullo, cos de educación secundaria obrigatoria, bacharelato e nivel III do ensino básico para as persoas adultas.

A Lei orgánica 1/1990, do 3 de outubro, de ordenación xeral do sistema educativo establece no seu artigo 41.1º que as administracións educativas lle facilitarán ó alumnado a posibilidade de cursar simultaneamente as ensinanzas de música e as de

réxime xeral. Para este fin, adoptaranse as oportunas medidas de coordinación respecto á organización e ordenación académica de ámbolos tipos de estudios, que incluirán, entre outras, as validacións.

A disposición adicional 2ª.1 do Decreto 253/1993, do 29 de xullo, polo que se establece o currículo dos graos elemental e medio das ensinanzas de música, confírelle competencias á Consellería de Educación e Ordenación Universitaria para establece-las canles axeitadas para a coordinación académica das ensinanzas de música coas de réxime xeral. Así mesmo, esta disposición adicional 2ª, no seu punto 2, dispón que, de acordo co establecido no artigo 41.2º da Lei orgánica 1/1990, do 3 de outubro, os alumnos que superaron o terceiro ciclo do grao medio de música e as materias comúns do bacharelato obterán o título de bacharelato. Así mesmo, poderán realizarse os estudios das citadas materias do bacharelato con posterioridade á superación do terceiro ciclo do grao medio de música.

Cómpre, pois, establecer procedementos que favorezan unha concepción integradora do sistema educativo das ensinanzas de réxime xeral coas ensinanzas de música, ó tempo que se palían os efectos que pode produci-la sobrecarga lectiva dos estudiantes que optan polos estudios de música. Nese sentido, a disposición adicional 3ª.4 da Lei orgánica 9/1995, do 20 de novembro, da participación, a avaliación e o goberno dos centros docentes dispón que aqueles alumnos que cursen simultaneamente ensinanzas regradas de música e ensinanzas de réxime xeral terán prioridade para a admisión nos centros que impartan as ditas ensinanzas de réxime xeral e que a administración educativa determine.

Por outra parte, a Lei orgánica 1/1990 establece, no seu artigo 20.2º que as materias de música e educación física serán áreas de coñecemento obrigatorias na educación secundaria obrigatoria. A simultaneidade do estudio destas materias coas do grao medio de música pode xera-la necesidade para algúns alumnos de seguir adaptacións curriculares, que deberán realizarse segundo o procedemento establecido pola Orde do 6 de outubro de 1995.

En consecuencia, a disposición adicional 3ª do Real Decreto 756/1992, do 26 de xuño, polo que se establecen os aspectos básicos do currículo dos graos elemental e medio das ensinanzas de música, dispón que as administracións educativas poderán regular, no ámbito das súas competencias, adaptacións curriculares encamiñadas a facilita-la simultaneidade dos estudios de música cos de réxime xeral.

O artigo 6 do Decreto 78/1993, do 25 de febreiro, polo que se establece o currículo da educación secundaria obrigatoria determina que, xunto ás áreas de carácter obrigatorio, o currículo comprenderá tamén materias optativas que terán a finalidade de responder ós diferentes intereses, motivacións e necesidades do alumnado, amplia-la súa orientación, facilita-la súa transición á vida activa e contribuír

ó desenvolvemento das súas capacidades, explicitadas nos obxectivos xerais da etapa.

Con tal finalidade, a Orde do 1 de febreiro de 1995 establece o catálogo de materias optativas para a educación secundaria obrigatoria, que se amplía pola Orde do 30 de abril de 1996.

Igualmente, na Orde do 26 de maio de 1997, pola que se regula o ensino básico para as persoas adultas, se establece a súa estructura e o seu currículo na Comunidade Autónoma de Galicia, determina no seu artigo 12.2º que, co fin de dar resposta ás características, intereses e necesidades das persoas adultas, da totalidade dos períodos lectivos, se distribuirán 95 que serán de oferta curricular propia de cada centro e que corresponderían ó espacio de optatividade obxecto do punto anterior.

A presente orde regula os aspectos referentes ás validacións das probas de acceso e de determinadas materias do primeiro e segundo ciclo das ensinanzas do grao medio de música polas optativas da educación secundaria obrigatoria, ou pola oferta curricular propia de cada centro do ensino básico para as persoas adultas coa finalidade de dar resposta á necesidade de arbitrar procedementos que faciliten o desenvolvemento educativo dos alumnos que cursan simultaneamente as ensinanzas de réxime xeral ou o nivel III do ensino básico para as persoas adultas co grao medio de música. Así mesmo, regúlanse os aspectos referentes ás adaptacións do currículo nas materias de música e educación física na educación secundaria obrigatoria. Finalmente, disponse a adopción de medidas de coordinación para os alumnos que cursen as materias comúns do bacharelato e o terceiro ciclo do grao medio de música.

En consecuencia co exposto, e en virtude das atribucións conferidas pola normativa anteriormente citada a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria

DISPÓN:

Capítulo I

Disposicións xerais

Artigo 1º

1. O obxecto da presente orde é facilita-la simultaneidade dos estudios do grao medio das ensinanzas de música coa educación secundaria obrigatoria, o nivel III do ensino básico para as persoas adultas e o bacharelato.

2. En consecuencia co disposto no punto anterior, e para os efectos da presente orde, considéranse materias optativas da educación secundaria obrigatoria as ensinanzas do grao medio de música ás que se fai referencia nos artigos 2º e 7º desta orde, polo que se amplía o catálogo establecido nas ordes do 1 de febreiro de 1995 (DOG do 30 de marzo) e 30 de abril de 1996 (DOG do 29 de maio).

3. A presente orde é de aplicación nos centros públicos que estean autorizados por decreto para

imparti-las ensinanzas do grao medio de música, de educación secundaria obrigatoria, de bacharelato ou o nivel III do ensino básico para as persoas adultas.

Capítulo II

Validacións de optativas da educación

secundaria obrigatoria

Artigo 2º

Autorízanse as validacións de materias do grao medio das ensinanzas de música establecidas no Decreto 253/1993, do 29 de xullo, polas materias optativas da educación secundaria obrigatoria conforme se establece a continuación:

1. Os alumnos que teñan superada a proba de acceso a calquera dos cursos do 1º ou 2º ciclo do grao medio das ensinanzas de música e teñan formalizada a súa matrícula no curso ó que accedesen, poderán solicita-la súa validación tanto pola materia optativa do 1º ciclo da educación secundaria obrigatoria, como pola optativa do 3º curso ou por unha optativa de 4º. A validación da optativa correspondente ó primeiro ciclo da educación secundaria obrigatoria unicamente poderá realizarse ó inicio do devandito ciclo.

2. Os alumnos que teñan superada a materia de instrumento do 2º curso do 1º ciclo do grao medio das ensinanzas de música poderán solicita-la súa validación pola materia optativa do 3º curso da educación secundaria obrigatoria ou por unha optativa de 4º.

3. Os alumnos que teñan superada a materia de instrumento do 1º curso do 2º ciclo do grao medio das ensinanzas de música poderán solicita-la súa validación por unha materia optativa do 4º curso da educación secundaria obrigatoria.

4. Os alumnos que teñan superada a materia de harmonía do 1º curso do 2º ciclo do grao medio das ensinanzas de música poderán solicita-la súa validación por unha das materias optativas do 4º curso da educación secundaria obrigatoria.

5. En ningún caso poderá ser obxecto de validación unha área troncal pola que se optase en cumprimento do establecido no artigo 1.1º do Decreto 331/1996, do 26 de xullo, polo que se modifica e amplía o Decreto 78/1993, do 25 de febreiro, polo que se establece o currículo da educación secundaria obrigatoria na Comunidade Autónoma de Galicia.

Artigo 3º

1. As validacións ás que se refire o artigo anterior aplicaranse polos directores dos centros que impartan a educación secundaria obrigatoria que figuran no anexo II da presente orde. Isto realizarase por petición dos pais ou titores legais do alumno, que deberá te-lo seu expediente académico no dito centro, e á vista do certificado académico, expedido polo conservatorio ou centro autorizado de música correspondente, que acredite a superación da proba

de acceso e a formalización da matrícula, ou a superación das materias susceptibles de seren validadas.

2. As validacións reflectiranse nas actas de avaliación final e no libro de escolaridade do ensino básico. A cualificación obtida no conservatorio transformarase nos termos establecidos no punto 8.3º da Orde do 25 de abril de 1994, pola que se regula a avaliación da educación secundaria obrigatoria, segundo se dispón no anexo I á presente orde.

Artigo 4º

Os directores dos centros de educación secundaria e os directores dos conservatorios, que se sinalan no anexo II da presente orde, onde os alumnos cursen ámbolos dous tipos de estudios susceptibles de seren validados conforme o artigo 2º desta orde, cando a organización do centro así o permita, establecerán medidas de coordinación no referente ós horarios destes alumnos co fin de facilitarlles unha dispoñibilidade horaria que lles permita unha maior dedicación ós estudios de música.

Cando os axustes horarios impliquen a saída por parte do alumno do centro no que curse as ensinanzas de réxime xeral, os pais ou titores legais asumirán por escrito a súa total responsabilidade a partir do momento da saída do alumno do centro educativo.

Cando, por outra parte, o alumno abandone a aula durante a impartición da materia optativa validada pero permaneza no centro, o xefe de estudios establecerá os procedementos necesarios para a atención destes alumnos durante o período lectivo da dita materia optativa.

Capítulo III

Adaptacións do currículo na educación

secundaria obrigatoria

Artigo 5º

1. No centro onde cursen os estudios de educación secundaria obrigatoria, os alumnos matriculados en cursos do grao medio das ensinanzas de música poderán ser obxecto de adaptacións do currículo da área de música que consistirán en medidas de ampliación.

2. No centro onde cursen os estudios de educación secundaria obrigatoria, os alumnos matriculados en cursos do grao medio das ensinanzas de música poderán ser obxecto de adaptacións do currículo da área de educación física que deberán estar ligadas a potenciar e preserva-la parte anatómica relacionada co instrumento que o alumno ou alumna estea a cursar.

Artigo 6º

1. Dada a natureza específica das adaptacións establecidas no artigo anterior, non se considerará necesaria a avaliación psicopedagóxica establecida na Orde do 6 de outubro de 1995.

2. Para a elaboración destas adaptacións terase en conta o informe que remita o xefe de estudios do conservatorio onde el alumno curse as súas ensinanzas do grao medio de música.

Capítulo IV

Validacións do nivel III da educación básica

para as persoas adultas

Artigo 7º

Autorízanse as validacións de materias do grao medio das ensinanzas de música establecidas no Decreto 253/1993, do 29 de xullo, pola oferta curricular propia de cada centro na educación básica para as persoas adultas conforme se establece a continuación:

Os alumnos que teñan superados o primeiro e o segundo ciclo do grao medio das ensinanzas de música, ou que teñan superada a proba de acceso a calquera dos cursos do 3º ciclo do grao medio das ensinanzas de música e teñan formalizada a súa matrícula no curso ó que accedesen, poderán solicita-la súa validación polos 95 períodos lectivos de oferta curricular propia de cada centro na educación básica para as persoas adultas.

Artigo 8º

1. As validacións ás que se refire o artigo 7º da presente orde serán aplicadas polos directores dos centros autorizados de educación básica para as persoas adultas. Isto realizarase por petición do interesado, que deberá te-lo seu expediente académico no dito centro, e á vista do certificado académico que acredite a superación das materias susceptibles de seren validadas, expedido polo conservatorio de música correspondente.

2. As validacións reflectiranse na acta de avaliación final e no libro de escolaridade do alumno. Das cualificacións obtidas no conservatorio obterase unha nota media que se transformará no termo correspondente segundo dispón o anexo I á presente orde.

Capítulo V

Simultaneidade do bacharelato e o terceiro ciclo

do grao medio de música

Artigo 9º

1. En aplicación do disposto na disposición adicional segunda do Decreto 253/1993, do 29 de xullo, polo que se establece o currículo do grao elemental e do grao medio das ensinanzas de música, os alumnos que superaron o terceiro ciclo do grao medio de música e as materias comúns do bacharelato obterán o título de bacharelato.

2. O bacharelato específico a que se refire o punto anterior recibirá a denominación de bacharelato en música e considerarase integrado polas materias do terceiro ciclo do grao medio na especialidade correspondente e, ademais, polas materias comúns do bacharelato.

3. As ensinanzas ás que se fai referencia no punto 1 poderán cursarse simultaneamente. Así mesmo, poderán realizarse os estudios das citadas materias do bacharelato con posterioridade á superación do terceiro ciclo do grao medio de música.

Artigo 10º

Os directores dos centros de educación secundaria que se sinalan no anexo II da presente orde establecerán medidas de coordinación no referente ós horarios dos alumnos que cursen simultaneamente as materias comúns do bacharelato e o terceiro ciclo do grao medio das ensinanzas de música, co fin de facilitarlles, na medida do posible, unha dispoñibilidade horaria que lles permita unha maior dedicación ós estudios de música.

Cando os axustes horarios impliquen a saída por parte do alumno do centro no que curse as ditas materias comúns do bacharelato, os pais ou titores legais destes, se é o caso, asumirán por escrito a súa total responsabilidade a partir do momento da saída do alumno do centro educativo.

Disposicións adicionais

Primeira.-Os alumnos que cursen simultaneamente ensinanzas regradas de música e ensinanzas de réxime xeral, terán prioridade para a admisión nos centros que impartan as ditas ensinanzas de réxime xeral que se relacionan no anexo II da presente orde, ó abeiro do previsto no punto 4 da disposición adicional terceira da Lei orgánica 9/1995, do 20 de novembro, da participación, avaliación e goberno dos centros docentes.

Segunda.-Os centros de educación secundaria non recollidos no dito anexo II poderán dispoñer, nas condicións establecidas no artigo 10º desta orde, medidas de adaptación horaria para aqueles alumnos do bacharelato que cursen simultaneamente ensinanzas regradas de música e ensinanzas de réxime xeral.

Terceira.-Cando as circunstancias así o aconsellen, a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria poderá ampliar a outros centros educativos o establecido na presente orde.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Autorízase a Dirección Xeral de Ordenación Educativa e Formación Profesional a dictar cantas normas se consideren oportunas para o desenvolvemento da presente orde.

Segunda.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 1 de setembro de 1999.

Celso Currás Fernández

Conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria

Director xeral de Ordenación Educativa e Formación Profesional

ANEXO I

Táboa das equivalencias das cualificacións:

Suficiente: de 5 a menos de 6.

Ben: de 6 a menos de 7.

Notable: de 7 a menos de 8,5.

Sobresaliente: de 8,5 a 10.