Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 188 Martes, 28 de setembro de 1999 Páx. 11.707

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE AGRICULTURA, GANDERÍA E POLÍTICA AGROALIMENTARIA

ORDE do 17 de setembro de 1999 pola que se modifica a do 26 de abril de 1999 sobre axudas á promoción e comercialización de productos agrarios e agroalimentarios galegos.

A Orde do 26 de abril de 1999 (DOG nº 88, do 10 de maio) establece para 1999 axudas ós investimentos en promoción e comercialización de productos agrarios e agroalimentarios galegos.

Rematado o prazo de solicitude de axudas e á vista do alto volume de peticións recibidas así como das súas características, parece oportuno amplia-lo orzamento previsto inicialmente e os posibles beneficiarios del.

Por todo iso e de acordo co disposto no artigo 20.I.3º do Estatuto de autonomía de Galicia, e no

uso das competencias conferidas na Lei 1/1983, do 22 de febreiro, regulamentadora da Xunta e do seu presidente, e demais normativa de aplicación,

DISPOÑO:

Artigo 1º

1. Modifícanse os artigos 2º e 5º da Orde do 26 de abril de 1999 que quedan redactados da seguinte maneira:

* Artigo 2º, apartado 1 b) Feiras e certames comerciais.

A organización de feiras e certames do sector agrario e agroalimentario en Galicia, excluídas as referentes a concursos, exposicións e feiras de gando, e sempre que estean promovidas por corporacións locais, consellos reguladores e agrupacións de productores e de industrias agrarias cando estean asociadas para colaborar na mellora da calidade dun producto.

* Artigo 5º, apartado 1. Xustificantes dos investimentos efectuados. Facturas orixinais e fotocopias, acompañadas dunha relación numerada delas.

No caso de corporacións locais admitirase como xustificante dos investimentos efectuados, certificación do secretario (interventor ó respecto).

2. Así mesmo, modifícase tamén a disposición adicional da devantida orde, que quedará redactada como segue:

O aboamento das subvencións fixadas na presente orde establecerase con cargo ós conceptos orzamentarios 09.04.714 A.760.0 (5.000.000 de ptas.), 09.04.714 A.770.0 (237.958.253 ptas.) e 09.04.714 A.780.0 (25.000.000 de ptas.) dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para 1999.

Artigo 2º

Engádese un parágrafo ó apartado 2 do artigo 3º da Orde do 19 de maio de 1998, no relativo á organización, coa seguinte redacción:

No caso de corporacións locais a subvención poderá acadar o 30% dos investimentos cun límite de 200.000 ptas. Este límite poderá acadar o 50% no caso de certames nos que colaboran consellos reguladores e agrupacións de productores e industrias asociados para mellora-la calidade dun producto.

Artigo 3º

Reábrese o prazo para presentar solicitudes, que rematará ós 20 días contados desde o seguinte ó de publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

Disposición adicional

Teranse en conta tódalas solicitudes presentadas ó abeiro da Orde do 26 de abril de 1999 e que reúnan os requisitos previstos na presente disposición.

Disposición derradeira

A presente orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 17 de setembro de 1999.

Cástor Gago Álvarez

Conselleiro de Agricultura, Gandería e Política

Agroalimentaria