Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 187 Luns, 27 de setembro de 1999 Páx. 11.650

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE AGRICULTURA, GANDERÍA E POLÍTICA AGROALIMENTARIA

ORDE do 17 de setembro de 1999 pola que se establece, para os gandeiros da Comunidade Autónoma de Galicia, no período 1999/2000, o procedemento para a adquisición de cantidade de referencia ó fondo nacional coordinado de cotas lácteas e a asignación da reserva nacional.

O fondo nacional de cotas lácteas, concebido, dentro da reserva nacional, como un elemento básico para a modernización do sector, está constituído, na actualidade, por dúas terceiras partes das cantidades de referencia adquiridas mediante o programa de abandono indemnizado executado durante o período 1998/1999, de acordo coa disposición adicional terceira do Real decreto 1486/1998, do 10 de xullo, programa desenvolto nesta Comunidade Autónoma mediante a orde da Consellería de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria, do 23 de xullo de 1998.

É necesario, polo tanto, establece-lo procedemento para que os productores de leite poidan acceder á cota existente no fondo, así como á asignación complementaria de cota da reserva nacional. Neste sentido a normativa estatal precitada xa establece os aspectos básicos, como requisitos dos beneficiarios, contías máximas que se solicitarán do fondo, prazo de solicitude, criterios básicos de prioridade, prezo e procedemento de xestión, así como límites máximos das asignacións complementarias da reserva nacional en función das cantidades adquiridas do fondo, quedando pendentes de establecer, a nivel de comunidade autónoma determinados aspectos complementarios dos anteriores, ademais dos de carácter procedemental.

Por outra banda, existen, tamén, na reserva, determinadas cantidades de cota procedentes da aplicación da normativa relativa á non-comercialización de leite, concretamente o artigo 25 do Real decreto 1888/1991, do 30 de decembro, polo que se establece un plan de reordenación do sector lácteo e o artigo 13 do Real decreto 324/1994, do 28 de febreiro, polo que se establecen normas reguladoras do sector do leite e dos productos lácteos e do réxime da taxa suplementaria, e que, por razóns de eficiencia e economía procedemental, parece oportuno asignar coincidindo coa distribución do fondo e tendo en conta o establecido no Real decreto 174/1998, do 16 de febreiro, polo que se establecen normas xerais de reparto de determinadas cantidades de referencia integradas na reserva nacional.

Ademais, ó abeiro do disposto na Lei 7/1994, do 29 de decembro, de creación do Instituto Lácteo e Gandeiro de Galicia (Ilgga), correspóndelle a este organismo autónomo a execución da política da Consellería de Agricultura, Gandería e Política Agroa

limentaria no que respecta á aplicación das medidas de ordenación, fomento, reestructuración e mellora do sector lácteo e gandeiro, para o que se lle atribúen unha serie de funcións, como pode se-la xestión das solicitudes de adquisición polos gandeiros de cantidades de referencia.

De acordo co anterior, o obxecto da presente orde é establecer, na Comunidade Autónoma de Galicia, as condicións e procedemento para a adquisición de cantidades de referencia do fondo nacional coordinado de cotas lácteas e para a asignación complementaria de cantidades da reserva nacional, no marco do establecido no Real decreto 174/1998, do 16 de febreiro, sobre reparto de cantidades de referencia da reserva nacional, no Real decreto 1486/1998, do 10 de xullo, sobre modernización e mellora da competitividade do sector lácteo e da orde do MAPA do 9 de setembro de 1999, que establece o marco correspondente para o período 1999/2000 dos que transcriben, total ou parcialmente, algunhas das súas disposicións, para unha mellor comprensión por parte dos interesados.

En consecuencia, de acordo co disposto no artigo 30.1º 3 do Estatuto de autonomía de Galicia e en uso das competencias que me confire a Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu presidente,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto.

Pola presente orde establécese o procedemento para a adquisición de cantidades de referencia ó fondo nacional coordinado de cotas lácteas, en adiante fondo, segundo o disposto no Real decreto 1486/1998, do 10 de xullo, a asignación complementaria da reserva nacional, así como a asignación doutras cantidades que se atopan nela como consecuencia da aplicación da normativa relativa á non-comercialización de leite.

Artigo 2º.-Cantidades existentes e prezo.

1. A cantidade existente no fondo correspondente á Comunidade Autónoma de Galicia é de 19.996 toneladas.

2. O prezo de venda das cantidades do fondo establécese en 53,84 ptas./quilo.

3. A cantidade correspondente a gandeiros da Comunidade Autónoma de Galicia existente na reserva nacional ascende a 26.766 toneladas.

Artigo 3º.-Beneficiarios.

1. Poderán, logo do aboamento do importe correspondente, ser beneficiarios do fondo e da asignación complementaria da reserva nacional aqueles gandeiros que o soliciten, que teñan a súa explotación na Comunidade Autónoma de Galicia e que cumplan os requisitos establecidos na presente orde.

2. Poderán ser beneficiarios da reserva nacional, aqueles gandeiros que tiveran presentada unha solicitude de acordo co establecido na orde da Consellería de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria do 17 de marzo de 1998, pola que se establecen normas para a asignación de referencia suplementaria de leite da reserva nacional.

Artigo 4º.-Limitacións.

De acordo co establecido no artigo 15.4º do Real decreto 1486/1998, os gandeiros adquirentes de cantidade de referencia do fondo, comprométense a non transferir nin ceder temporalmente tanto a súa cota propia como a adquirida do fondo durante cinco períodos.

As cantidades de referencia asignadas da reserva nacional ó abeiro da presente orde, non poderán ser obxecto de transmisión por venda ou arrendamento, nin de cesión temporal ou abandono indemnizado, sendo reintegradas na reserva nacional cando o productor cese na actividade ou transfira, total ou parcialmente, a súa cota.

Exceptúanse do establecido no parágrafo anterior os casos de herdanza, doazón e cambio de titularidade, sempre que se trate da mesma explotación que tiña o productor anterior, quedando as cantidades de referencia procedentes da reserva nacional suxeitas ós requisitos de orixe.

Artigo 5º.-Requisitos.

1. Poderán solicita-la asignación cantidades de referencia do fondo os productores que reúnan os requisitos establecidos no artigo 13 do Real decreto 1486/1998, que son os seguintes:

a) Dispoñer de cota asignada inferior a 300.000 quilogramos a data do 1 de abril de 1999.

b) Estar incluído nalgunha das categorías de productores recollidas no artigo 34.1º do Real decreto 1486/1998, que se indican a continuación:

b.1)Que teña a condición de agricultor a título principal, tal como se define no apartado 6 do anexo I do Real decreto 204/1996, do 9 de febreiro, sobre melloras estructurais e modernización das explotacións agrarias, ou a acade en virtude da adquisición.

b.2) Que sexa agricultor xove, tal como se define no apartado 9 do anexo I do Real decreto 204/1996 e acceda por primeira vez á producción de leite.

b.3) Que se trate de agrupacións de productores agrarios, sociedades agrarias de transformación, cooperativas de producción, comunidades de bens ou sociedades civís.

b.4) Que a súa explotación estea localizada nas zonas agrícolas desfavorecidas definidas no artigo 3 da Directiva 75/268/CEE, do Consello, ou en zonas de recollida con problemas específicos.

b.5) Que se trate dunha institución de carácter benéfico ou docente.

c) Non se ter acollido ós programas de abandono definitivos da producción de leite, financiados con cargo a fondos da Unión Europea, nacionais ou autonómicos.

d) Non ter transferido nin cedido cota durante as últimas cinco campañas.

e) Ter comercializado na campaña 1998/1999 polo menos o 90 por 100 da sua cantidade de referencia individual.

f) Cumpri-las condicións sanitarias esixibles á producción e comercialización de leite e productos lácteos.

2. A esixencia indicada no punto 1.a) anterior entenderase sen prexuízo do establecido no último parágrafo do artigo 7.

Os requisitos expresados no punto 1.b) deberán cumplirse na data de publicación desta orde.

As condicións sanitarias indicadas no punto 1.f) consideraranse cumpridas cando os resultados das análises de leite da explotación efectuadas polos laboratorios interprofesionais de análises de leite ou laboratorios autorizados pola Consellería de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria, correspondentes ós meses de maio, xuño, e xullo de 1999, demostren que, alomenos, nas medias dun deses meses, o contido en xermes/ml é inferior a 100.000, en células somáticas inferior a 400.000, non hai presencia de residuos de substancias farmacoloxicamente activas e o punto de crioscopio é inferior a -0,520º C.

Artigo 6º.-Puntuación e clasificación das solicitudes.

1. Puntuación das solicitudes.

No marco do establecido no artigo 15 do Real decreto 1486/1998, a clasificación das solicitudes para a adquisición de cantidades de referencia do fondo, efectuarase co seguinte baremo de puntuación:

a) Te-la condición de productor de leite a título principal: 2 puntos.

Entenderase como tal, no caso de persoas físicas, as que obteñan o 50% da súa renda, alomenos, da actividade agraria e, pola súa vez, o 50% dos seus ingresos agrarios, como mínimo, proceden da venda de leite da explotación. No caso de persoas xurídicas, o titular dunha explotación agraria prioritaria que obteña o 50% dos seus ingresos, como mínimo, da venda de leite da explotación.

Se se trata dunha comunidade de bens, deberán te-la condición de productor de leite a título principal tódolos membros dela ou un deles, como mínimo, se existe un pacto de indivisión da comunidade por período mínimo de seis anos contados a partir do 1-1-1998.

b) Ter aprobado un plan de mellora da explotación ou unha axuda á primeira instalación de agricultores xoves, ó abeiro dos reais decretos 204/1996 e 1887/1991, nos cinco últimos anos: 2 puntos.

c) Por ser agricultor xove, tal como se define no apartado 9 do anexo I do Real decreto 204/1996: 1 punto.

No caso de cooperativas, SAT, sociedades civís, laborais, mercantís ou comunidades de bens, poderán obter esta puntuación se, alomenos, o 50% dos socios cumpre a condición a agricultor xove.

d) Que a explotación acredite reuni-la condición de prioritaria de acordo co establecido na Lei 19/1995, de modernización de explotacións e na orde da Consellería de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria do 16 de xuño de 1998, pola que se crea o Rexistro de Explotacións Agrarias Prioritarias da Comunidade Autónoma de Galicia: 1 punto.

e) Que a explotación non teña recibido cantidade de referencia suplementaria da reserva nacional de acordo coas normas reguladoras posteriores ó 1-1-1994, nin a reciba por aplicación do artigo 13º da presente orde: 2 puntos.

f) Te-la explotación integrada no Control de Rendemento Leitero Oficial e cumpri-lo establecido na orde da Consellería de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria do 14 de abril de 1999, de desenvolvemento das liñas básicas do Plan Integral de Mellora Xenética (PIMX), como mínimo, no período do 1-10-1997 ó 30-9-1998: 1 punto.

O Servicio de Producción Animal da Dirección Xeral de Producción Agropecuaria, facilitaralle ó Ilgga a información necesaria para a comprobación deste requisito.

g) Ter sido destinatario dunha transferencia de cota sen transferencia de explotación para a campaña 1998/1999 ou precedentes, no marco dos reais decretos 2307/1994 ou 1486/1998: 2 puntos.

h) Ser socio, con anterioridade ó 1 de xaneiro de 1999, de cooperativa, sociedade agraria de transformación ou asociación de productores, que sexa primeiro comprador de leite, autorizado polo FEGA, ou que participase en programas de asistencia técnica a explotacións leiteras subvencionados pola Consellería de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaría en 1998: 1 punto.

Para que poidan ser obxecto de puntuación as condicións establecidas nas letras a), b), c) e d) estas teñen que cumprirse na data de finalización do prazo de presentación de solicitudes.

2. Clasificación das solicitudes.

A distribución entre os productores das cantidades de referencia do fondo efectuarase tendo en conta

a puntuación acadada segundo o baremo establecido na alínea 1 e a cantidade de referencia dispoñible do solicitante, coas cantidades máximas previstas no artigo 7º.

Para tal fin, tódolos expedientes que cumpran tódolos requisitos indicados no artigo 5º relacionaranse polo número total de puntos obtidos, e procederase á distribución das cantidades de referencia do fondo por orde de puntuación, de maior a menor, ata que se esgote a cantidade dispoñible.

No caso de que dous ou máis solicitantes tivesen a mesma puntuación, daráselles preferencia ós productores que teñan menor cantidade de referencia o 1 de abril de 1999 e, en caso de persisti-la igualdade, terá prioridade o solicitante de menor idade, ou con data de constitución da entidade máis recente.

Artigo 7º.-Cantidade máxima que se solicitará do fondo.

A cantidade máxima que poderá solicitar un gandeiro, establécese en función da cantidade de referencia que teña asignada o 1 de abril de 1999, segundo o que a continuación se indica:

a) Se a súa cantidade de referencia asignada é inferior a 150.000 kg, ata un máximo do 50 por 100 dela.

b) Se a súa cantidade de referencia asignada está comprendida entre 150.000 e 300.000 kg, ata un máximo do 50 por 100 da diferencia entre a sua cota e 300.000 kg.

En ámbolos dous apartados, a cantidade que solicitará o fondo non poderá ser superior a 20.000 kg.

Nos casos de sociedades agrarias de transformación e cooperativas de producción con cota asignada, os límites sinalados de acceso ó fondo calcularanse dividindo a cota asignada polo número de agricultores a título principal que os integren, e a cantidade que solicitará será o resultado de multiplicar polo dito número a cantidade que correspondería a cada un, segundo os baremos anteriores.

Artigo 8º.-Solicitudes e prazo.

1. Os productores de leite que teñan a súa explotación situada na Comunidade Autónoma de Galicia, reúnan os requisitos do artigo anterior e estean interesados en obter cantidades de referencia do fondo de cotas para o período 1999/2000 presentarán, antes do 30 de outubro de 1999 unha solicitude dirixida ó director do Ilgga, de acordo co modelo incluído como anexo I, preferentemente, nas oficinas comarcais de Extensión Agraria. Así mesmo, poderán presentarse as ditas solicitudes en calquera das oficinas previstas no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

2. Os interesados tan só poderán desistir da súa solicitude denantes da remisión ó MAPA da proposta de asignación polo Ilgga.

Artigo 9º.-Documentación.

Á solicitude xuntarase a seguinte documentación xustificativa do cumprimento dos requisitos esixidos ós solicitantes e as súas explotacións.

1. Se o solicitante é persoa física:

a) Fotocopia do DNI e NIF do solicitante.

b) Para xustifica-la condición de agricultor a título principal, fotocopia cotexada da declaración do IRPF do exercicio 1998, e fotocopia cotexada do recibo da cotización á Seguridade Social do mes de xullo de 1999.

c) No caso de entrega a compradores, certificado do primeiro comprador, relativo ás entregas de leite e productos lácteos comercializados na campaña 1998/1999, así como do importe da venda de leite e productos lácteos do 1-1-1998 ó 31-12-1998 segundo o modelo incluído como anexo II.

d) No caso de vendas directas, fotocopia da declaración obrigatoria de leite e productos lácteos comercializados directamente no período 1998/1999, así como fotocopia compulsada das facturas de venda directa ou da contabilidade que debe levarse, segundo a normativa vixente, correspondente ás vendas de leite e productos lácteos realizada entre o 1-1-1998 e o 31-12-1998.

e) Un boletín de análises, xustificativo do requisito do artigo 5.1º f), dun Laboratorio Interprofesional de Análises do Leite ou doutro laboratorio autorizado pola Consellería de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria correspondente á media dun mes do período 1-5-1999 a 31-7-1999, se o leite da explotación non se analiza no LIGAL.

f) Se é o caso, certificado da cooperativa, SAT ou asociación de productores, xustificativo do indicado no punto h) do artigo 6, segundo modelo do anexo III.

g) Ó se-lo caso, documentación xustificativa da condición de prioritaria da explotación.

2. Se o solicitante é unha comunidade de bens:

a) Fotocopia do CIF.

b) Copia do documento constitutivo da comunidade de bens.

c) Certificación do órgano rector da comunidade de bens autorizando ó representante para face-la solicitude e indicando a relación nominal e o NIF de tódolos socios.

d) Os documentos indicados no punto 1, apartados a) e b) para tódolos membros da comunidade ou, como mínimo, para un deles e documento xustifi-

cativo do pacto de indivisibilidade por un período mínimo de 6 anos desde o 1-1-1998, neste último caso.

e) Se e o caso, as certificacións indicadas nos apartados c), d), e) e f) do punto 1.

3. Se o solicitante é unha persona xurídica:

a) Fotocopia do CIF.

b) Copia do documento de constitución da entidade.

c) Copia da certificación expedida polo órgano rector da entidade ou escritura de apoderamento na que conste a identificación da persona autorizada para a realización da solicitude.

d) No caso de cooperativas e sociedades agrarias de transformación, certificación do órgano competente dos socios que constitúen esta, así como os documentos indicados nos apartados a) e b) do punto 1 para aqueles socios que reúnan a condición de agricultor a título principal.

e) Se é o caso, os certificados indicados nos apartados c), d), e) e g) do punto 1.

Artigo 10º.-Tramitación.

1. As solicitudes presentadas remitiranse ós servicios provinciais do Instituto Lácteo e Gandeiro de Galicia (Ilgga) para a súa comprobación e análise, os cales, tendo en conta os requisitos e puntuacións previstas na presente orde elaborarán un informe, que elevarán, coa proposta correspondente, ó director do Ilgga.

2. Recibidas tódalas propostas dos servicios provinciais e determinadas as cantidades de referencia procedentes do fondo para cada solicitude, a Dirección do Ilgga, segundo os baremos e condicións establecidas, elaborará a proposta de asignación que notificará ós interesados e á Dirección Xeral de Gandería do MAPA antes do 15 de decembro de 1999.

3. No prazo de 10 días a partir da recepción da proposta, os gandeiros deberán ingresa-lo importe do prezo das cantidades de cota que figuran nela, na conta corrente que, para tal efecto, figure na notificación da proposta, remitíndolle unha copia do xustificante do ingreso ó servicio provincial do Ilgga.

4. A Dirección do Ilgga, unha vez comprobado o ingreso efectivo en prazo remitiralle á Dirección Xeral de Gandería do MAPA a relación dos gandeiros incluídos na proposta que non constituíran en prazo o ingreso, para o efecto da súa exclusión da resolución de asignación, de acordo co artigo 15 do Real decreto 1486/1998.

5. Unha vez realizada pola Dirección Xeral de Ganadería do MAPA a asignación de cota ata o límite dos dereitos dispoñibles do fondo, a relación das cantidades asignadas a cada productor exporase nos taboleiros de anuncios da Dirección do Ilgga, ser-

vicios provinciais do devandito instituto, así como nas oficinas comarcais de Extensión Agraria.

Artigo 11º.-Renuncias.

De acordo co establecido no artigo 5 da orde do MAPA do 9-9-1999 os solicitantes que non efectúen en prazo o ingreso do importe das cantidades adquiridas do fondo considerarase que renuncian á asignación.

Así mesmo, non se poderá renunciar á asignación unha vez efectuado o ingreso das cantidades correspondentes á adquisición de cota do fondo.

Artigo 12º.-Asignación complementaria.

1. Tendo en conta o establecido no artigo 17 do Real decreto 1486/1998 e no artigo 6 da orde do MAPA do 9-9-1999, o director xeral de Gandería asignaralles ós gandeiros que obtiveran cota do fondo e que o soliciten, unha cantidade de referencia complementaria da reserva nacional, en función da cota individual que teña xa asignada e da cota obtida do fondo, conforme os siguientes estratos:

a) Se a cantidade de referencia xa asignada ó solicitante é inferior a 150.000 kg, asignaráselle un complemento da reserva nacional equivalente ó 100% da cota obtida do fondo.

b) Se a cantidade de referencia xa asignada ó solicitante está comprendida entre 150.001 e 300.000 kg, asignaráselle un complemento da reserva nacional equivalente ó 80% da cota obtida do fondo.

2. O director do Ilgga remitiralle á Dirección Xeral de Gandería do MAPA a proposta de asignación complementaria conxuntamente, se é o caso, coa proposta de asignación de cantidade de referencia do fondo.

3. Unha vez realizada a asignación complementaria, se é o caso, polo director xeral de Gandería do MAPA, conxuntamente coa asignación de cantidades de referencia do fondo, a relación de productores e cantidades expoñeranse nos lugares indicados no artigo 10º.5 da presente orde.

Artigo 13º.-Reparto da reserva nacional.

1. Ó abeiro no disposto no artigo 7 da orde do MAPA do 9-9-1999, as cantidades que se encontran na reserva nacional como consecuencia da aplicación da normativa relativa á non-comercialización de leite destinaranse, preferentemente, a incrementa-las asignacións complementarias do fondo ata acada-los límites indicados no artigo 12º.1 desta orde.

2. Se é o caso, o remanente de cota da reserva nacional resultante da aplicación do parágrafo anterior asignarase a productores de leite que, tendo presentado a súa solicitude no marco do Real decreto 174/1998, do 16 de febreiro, e da orde da Consellería de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria do 17 de marzo de 1998, pola que se establecen

normas para a asignación de cantidades de referencia suplementarias de leite da reserva nacional, cumpran os requisitos establecidos neles e non obtiveran, no seu momento, a asignación solicitada.

3. Os criterios de prioridade e cantidades que se asignarán serán os establecidos na orde da Consellería de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria, do 17 de marzo de 1998.

4. Non poderán ser beneficiarios da asignación da reserva nacional indicada no punto 2 anterior as explotacións que:

a) Non sexan titulares de cota o 1 de abril de 1999.

b) Non efectuasen entregas na campaña 1998/1999 por riba do 75% da súa cota a inicio da dita campaña.

5. A Dirección do Ilgga achegará a proposta de asignación de cota da reserva nacional á Dirección Xeral de Gandería do MAPA para que esta realice a asignación correpondente.

Artigo 14º.-Falsidade dos datos.

A falsidade dos datos consignados na solicitude ou na documentación presentada dará lugar á anulación da asignación e será sancionada de acordo coa normativa vixente, sen prexuízo das responsabilidades de todo tipo que se puideran derivar, especialmente as da taxa suplementaria.

Artigo 15º.-Inspección e control.

O Ilgga poderá solicita-la documentación complementaria e realiza-los controis administrativos e inspeccións que considere oportunos para comproba-la veracidade dos datos consignados na documentación presentada.

O productor deberá colaborar nas devanditas inspeccións, proporcionando os datos requiridos e facilitando, se é o caso, o acceso á explotación.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase o director do Ilgga para dicta-las instruccións necesarias para o mellor cumprimento e aplicación do disposto nesta orde.

Así mesmo, queda facultado para modificar, por resolución publicada no Diario Oficial de Galicia, os prazos de presentación das solicitudes ou calquera outra condición ou requisito dos establecidos nesta orde cando se deban a modificacións habidas na normativa estatal reguladora.

Segunda.-A presente orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 17 de setembro de 1999.

Cástor Gago Álvarez

Conselleiro de Agricultura, Gandería e Política

Agroalimentaria

ANEXO I

XUNTA Á SOLICITUDE

1. Persoas físicas:

p Fotocopia do DNI e NIF do solicitante.

p Fotocopia cotexada da declaración do IRPF do ano 1998 e fotocopia cotexada do recibo da cotización á Seguridade Social do mes de xullo de 1999.

p No caso de entregas a compradores, certificado do comprador das entregas realizadas do 1-4-1998 ó 31-3-1999, e no seu caso, importe das vendas realizadas do 1-1-1998 ó 31-12-1998 (anexo II).

p No caso das vendas directas, fotocopia da declaración obrigatoria de leite e productos lácteos comercializados directamente do 1-4-1998 ó 31-3-1999. No seu caso, fotocopia cotexada das facturas de venda de leite e productos lácteos entre o 1-1-1998 ó 31-12-1998, ou da contabilidade das vendas de leite e productos lácteos, entre o 1-1-1998 ó 31-12-1998.

p Boletíns de análise de leite do período 1-5-1999 ó 31-7-1999 (só no caso de productores que non analicen o leite no LIGAL).

2. Comunidades de bens:

p Fotocopia do CIF.

p Copia do documento de constitución da comunidade.

p Certificación do órgano rector da comunidade autorizando ó representante para solicitar ó Fondo Nacional de Cotas Lácteas e indicando a relación nominal co NIF de tódolos socios.

p Os documentos indicados nos parágrafos 1 e 2 do punto 1: para tódolos membros da comunidade ou como mínimo para un deles. Neste último caso, documento xustificado do pacto de indivisibilidade por un período mínimo de 6 anos.

p No seu caso, a documentación descrita nos parágrafos 3, 4 e 5 do punto 1.

3. Persoas xurídicas:

p Fotocopia do CIF.

p Copia do documento de constitución da entidade.

p Copia da certificación expedida polo órgano rector da entidade ou escritura de apoderamento na que conste a identificación da persoa autorizada para solicitar ó Fondo Nacional de Cotas de Leite.

p No caso de SAT e cooperativas, certificación na que se inclúa relación nominal con NIF de tódolos socios.

p A documentación descrita nos parágrafos 1 e 2 do punto 1: para tódolos socios que reúnan a condición de ATP.

p No seu caso, a documentación descrita nos puntos 3, 4 e 5 do punto 1.

p Fotocopia cotexada da declaración do imposto de sociedades do exercicio de 1998.

4. A efectos de priorización da solicitude:

p Certificado, expedido pola entidade, de ser socio de cooperativa, SAT ou asociación de productores

que cumpra o indicado no artigo 6º.1 h) da orde (anexo III).

p Fotocopia da solicitude para calificación de explotación prioritaria, acompañada da documentación correspondente, (só no caso de que a explotación non dispoña da certificación de explotación prioritaria).

ANEXO II

MODELO DE CERTIFICACIÓN DO COMPRADOR DE ENTREGAS DE LEITE E PRODUCTOS LÁCTEOS EFECTUADAS POLO PRODUCTOR

Don/Dona... con NIF..., como representante legal da empresa... con CIF... e número de autorización como primeiro comprador...

Para os efectos do previsto no R.D. 1486/1998, sobre modernización e mellora da competitividade do sector lácteo, e na orde do MAPA, do 9 de setembro de 1999, e na orde da Consellería de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria do... de setembro de 1999 sobre asignación de cantidades de referencia de leite do fondo nacional de cotas lácteas,

DECLARA:

Que coñece a intención do solicitante do certificado, de acollerse ó fondo coordinado de cotas de leite.

CERTIFICA:

Que Don/Dona... con NIF... entregoulle a esta empresa leite e/ou productos lácteos en equivalente en leite durante o período 1-4-1998 ó 31-3-1999, as cantidades seguintes:

kg leiteGrasakg leite corrixido en grasa

....................................................................

Que o importe do leite adquirido ó dito productor no período 1-1-1998 ó 31-12-1998 foi de... ptas. (*)

Para que conste, a petición do interesado, para os efectos de xunta-la solicitude ó Fondo Nacional de Cotas Lácteas, asínase a presente certificación en..., o... de... de...

Sinatura

(*) Este parágrafo terá que consignarse só no caso de que o productor o solicite expresamente para efectos da puntuación indicada no artigo 6º.1 a) da orde.

ANEXO III

CERTIFICADO DE PERTENZA A COOPERATIVA, SAT OU ASOCIACIÓN DE PRODUCTORES

Don... DNI... en representación da (1)... denominada... con domicilio social en... provincia...

Certifica:

1. Que a devandita entidade SI/NON (2) na actualidade é primeiro comprador de leite autorizado polo FEGA co número...

2. Que a devandita entidade SI/NON (2) participou no programa de asistencia técnica a explotacións leiteiras na liña... co obxectivo de... no ano 1998.

3. Que Don... con DNI... é socio desta entidade na actualidade con data de alta anterior ó 1 de xaneiro de 1999.

E para que así conste para efectos da asignación da puntuación indicada no artigo 6º.1 h) da orde da Consellería de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria pola que se establece o procedemento para a adquisición de cantidade de referencia de leite do fondo nacional coordinado de cotas lácteas, así lo asina en... o... de... de 1999.