Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 187 Luns, 27 de setembro de 1999 Páx. 11.646

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA

ORDE do 9 de setembro de 1999 pola que se establecen subvencións para escolas de música privadas dependentes de institucións sen ánimo de lucro e se regula o procedemento para a súa concesión.

A Lei orgánica 1/1990, do 3 de outubro, de ordenación xeral do sistema educativo, establece no seu

artigo 39.5º que os estudios de música poderán cursarse, sen límite de idade, en escolas específicas. Estes estudios en ningún caso poderán conducir á obtención de títulos con validez académica e profesional.

A orde da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria do 11 de marzo de 1993 (Diario Oficial de Galicia, do 22 de abril) regula a creación e o funcionamento das escolas de música da Comunidade Autónoma de Galicia; no seu punto 12 clasifica as escolas de música como públicas ou privadas, segundo o seu titular sexa un organismo de carácter público, ou persoa física ou xurídica de carácter privado.

Co fin de potencia-lo funcionamento das escolas de música privadas, dependentes de institucións sen ánimo de lucro e en virtude das competencias que ten atribuídas a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria,

DISPOÑO:

Primeiro.-Convócanse axudas para subvenciona-los gastos de persoal, de funcionamento e das actividades desenvolvidas ou que van desenvolver durante o ano 1999 as escolas de música privadas dependentes de asociacións ou fundacións sen ánimo de lucro que radiquen na Comunidade Autónoma de Galicia.

Segundo.-Poderán optar a estas subvencións as escolas de música sinaladas no punto anterior que estean inscritas no Rexistro de Escolas de Música da Comunidade Autónoma na data de remate do prazo de presentación de solicitudes.

Terceiro.-O libramento do importe total das axudas que se concedan efectuarase con cargo á aplicación orzamentaria 07.03.322E.480.0 da Dirección Xeral de Centros e Inspección Educativa por un importe total de 4.000.000 de ptas. (catro millóns). A contía máxima da subvención por beneficiario será de 500.000 pesetas (cincocentas mil).

Cuarto.-As solicitudes, dirixidas ó conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria, segundo modelo que figura como anexo a esta orde, presentaranse no rexistro xeral da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, edificio administrativo San Caetano, s/n, Santiago de Compostela, ou nos lugares que determina o artigo 38.4º da Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, no prazo de vinte días contados a partir do día seguinte ó da publi

cación no Diario Oficial de Galicia desta orde e irán xunto coa seguinte documentación:

a) Memoria e orzamento das actividades realizadas ou que se van realizar durante o ano 1999 con indicación do número de alumnos e as especialidades instrumentais que se imparten na escola.

b) Breve descrición das instalacións e do material cuantificando en m as instalacións dispoñibles.

c) Fotocopia da tarxeta de identificación fiscal.

d) Certificación bancaria a nome do solicitante na que conste a conta corrente na que desexe que se lle ingrese o importe da subvención, se é o caso.

e) Certificacións orixinais de estar ó día nas súas obrigas tributarias sociais.

f) Declaración de ter, ou non, solicitado doutros entes públicos ou privados subvención para a mesma finalidade.

g) Fotocopia compulsada dos estatutos da asociación ou fundación solicitante onde conste expresamente que se trata dunha entidade sen ánimo de lucro.

Quinto.-Na valoración de solicitudes teranse en conta os seguintes criterios:

1. Necesidades de instalacións e/ou reparación e extensión delas.

2. Valoración económica do investimento.

3. Número de alumnos/as.

4. Número de profesores/as.

5. Zona de influencia do centro.

6. Número de especialidades instrumentais que se imparten no centro.

Sexto.-A Dirección Xeral de Centros e Inspección Educativa poderá requirir dos solicitantes cantos documentos e aclaracións considere necesarios para complementa-lo expediente, e tamén poderá dispor que se leven a cabo as comprobacións oportunas dos datos achegados polos solicitantes.

Calquera alteración que se produza nos datos contidos na documentación que se xunta á solicitude será comunicada polo solicitante á dita dirección xeral.

Sétimo.-Baixo a presidencia do director xeral de Centros e Inspección Educativa ou persoa en quen delegue constituirase unha comisión encargada de

valora-las solicitudes presentadas e que estará integrada por:

-Subdirector xeral de Centros.

-Xefe de Servicio de Centros.

-Un inspector central.

-Un inspector de educación designado pola dirección xeral.

-Un funcionario da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria que actuará como secretario con voz e sen voto.

Oitavo.-A comisión de selección elaborará a proposta provisional de adxudicación das subvencións para que os interesados poidan presenta-las reclamacións que consideren oportunas. Valoradas as reclamacións, a comisión elevará proposta definitiva ó conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria, para a resolución que proceda.

A resolución do conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria publicarase no Diario Oficial de Galicia; no caso de ser denegatoria, será motivada e notificaráselles ós interesados.

Noveno.-A resolución do conselleiro esgotará a vía administrativa e poderá ser obxecto de recurso no prazo dun mes, contado a partir do día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia perante o conselleiro de Educación e Ordenación Universirtaria segundo o disposto nos artigos 116 e 117 da Lei 4/1999 (BOE do 14 de xaneiro), de modificación da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, ou ben os interesados poderán presentar directamente recurso contencioso-administrativo no prazo de dous meses, contados desde a mesma data, perante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia.

Décimo.-Transcorridos tres meses desde a data de presentación das solicitudes sen que se dictase resolución favorable, deberá entenderse denegada sen prexuízo dunha resolución posterior.

Décimo primeiro.-As subvencións concedidas que, en todo caso, estarán condicionadas ó orzamento dispoñible, irán destinadas a sufraga-los gastos de persoal, funcionamento e actividades, e serán aboadas de conformidade co que dispón o artigo 35º.a) da Lei 6/1998, do 29 de decembro (Diario Oficial de Galicia do 31), de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para 1999, mediante un pagamento parcial a conta da liquidación por un importe

máximo do 80% da subvención concedida, sempre que o beneficiario xustifique os gastos realizados con anterioridade ó 30 de outubro de 1999 segundo proxecto aprobado.

O libramento restante aboarase unha vez que o beneficiario presente, antes do 15 de novembro de 1999, a completa xustificación. As xustificacións das axudas serán dirixidas á Dirección Xeral de Centros e Inspección Educativa, rúa San Lazaro nº 107. 15771 Santiago de Compostela.

Décimo segundo.-A Dirección Xeral de Centros e Inspección Educativa, a través dos servicios provinciais de inspección, realizará un seguimento da aplicación das axudas nas escolas subvencionadas.

Décimo terceiro.-Nas comunicacións, publicidade e propaganda das escolas de música que obteñan axuda deberá figurar que estas están subvencionadas pola Xunta de Galicia, Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, co seu respectivo anagrama.

Décimo cuarto.-Procederá o reintegro da subvención e xuros de demora, de conformidade co artigo 78.6º da Lei 11/1992, do 7 de outubro, de réxime financeiro e presupostario de Galicia, cando exista incumprimento da obriga de xustificación ou por incumprimento da finalidade para a que foi concedida

Disposición derradeira

Primeira.-Facúltase a Dirección Xeral de Centros e Inspección Educativa para dicta-las resolucións necesarias para o desenvolvemento desta orde.

Segunda.-Esta orde entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 9 de setembro de 1999.

Celso Currás Fernández

Conselleiro de Educación e Ordenación

Universitaria