Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 186 Venres, 24 de setembro de 1999 Páx. 11.616

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA

ORDE do 13 de setembro de 1999 pola que se resolve a concesión de axudas para accións de apoio económico ós estudiantes universitarios correspondentes ós anexos I, II, III, IV, V e VI da Orde do 27 de abril de 1999 (DOG do 11 de maio).

A Orde do 27 de abril de 1999 (DOG do 11 de maio), pola que se aproban as bases que rexerán o concurso público de axudas ó estudio e accións de apoio económico ós estudiantes universitarios, prevé, entre outras, as seguintes accións:

-Axudas ás asociacións de estudiantes das universidades galegas (anexo I).

-Axudas de desprazamento para a realización de prácticas recoñecidas nos plans de estudios correspondentes ás titulacións autorizadas pola Xunta de Galicia nas universidades galegas (anexo II).

-Axudas a estudiantes das universidades galegas para a realización de viaxes culturais de carácter pedagóxico (anexo III).

-Axudas complementarias ás bolsas de carácter xeral de estudios universitarios convocadas polo MEC (curso 1998/1999) dirixidas a estudiantes con residencia en Galicia pero que realizan estudios de carácter oficial e validez nacional nas universidades públicas de fóra de Galicia (anexo IV).

-Financiamento de viaxes para estadías nalgún estado membro da UE co obxecto de coñece-la lingua dese país (anexo V).

-Axudas complementarias do programa de acción da UE de mobilidade de estudiantes (Sócrates-Erasmus) (anexo VI).

De acordo co establecido no artigo 5 das bases da convocatoria, desde o día 21 ata o día 30 de xuño espuxéronse as listas de solicitudes admitidas e excluídas, podendo durante ese mesmo prazo os interesados formula-las reclamacións para emendar erros e faltas de documentos perante a Dirección Xeral de Universidades.

Rematado este prazo, as solicitudes admitidas foron estudiadas pola comisión avaliadora nomeada na propia orde de convocatoria.

En consecuencia, atendendo á proposta elaborada pola citada comisión, esta consellería,

RESOLVE:

Artigo 1º

Concederlles axudas ás asociacións de estudiantes das universidades galegas que se relacionan no anexo I da presente orde e na contía que se especifica.

Artigo 2º

Concederlles axudas de desprazamento para a realización de prácticas recoñecidas nos plan de estudios correspondentes ás titulacións autorizadas pola Xunta de Galicia nas universidades galegas ós centros das tres universidades da Comunidade Autónoma que se relacionan no anexo II da presente orde e na contía que se especifica.

Artigo 3º

Concederlles axudas a estudiantes das universidades galegas para a realización de viaxes culturais de carácter pedagóxico, ós grupos de alumnos que se relacionan no anexo III da presente orde e na contía que se especifica.

Artigo 4º

Concederlles axudas complementarias ás bolsas de carácter xeral de estudios universitarios convocadas polo MEC (curso 1998/1999) dirixidas a estudiantes con residencia en Galicia pero que realizan estudios de carácter oficial e validez nacional nas universidades públicas de fóra de Galicia ós alumnos que se relacionan no anexo IV da presente orde e na contía que se especifica.

Artigo 5º

Concederlles axudas de financiamento de viaxes para estadías nalgún estado membro da UE co obxecto de coñece-la lingua dese país ós alumnos universitarios que se relacionan no anexo V da presente orde e na contía que se especifica.

Artigo 6º

Concederlles axudas complementarias do programa de acción da UE de mobilidade de estudiantes (Sócrates-Erasmus), ós alumnos universitarios que se relacionan no anexo VI da presente orde e na contía que se especifica.

Artigo 7º

As solicitudes que non figuran relacionadas nos anexos desta orde e que foron admitidas para participar neste concurso debe entenderse que quedan denegadas.

Artigo 8º

O incumprimento total ou parcial por parte dos beneficiarios de calquera das condicións establecidas na orde de convocatoria do 27 de abril de 1999 constituirá causa determinante de revogación da axuda e do seu reintegro polo beneficiario ou solicitante, segundo o disposto no artigo 78.6º da Lei 11/1992, de réxime financeiro e presupostario de Galicia.

Artigo 9º

Contra a presente orde, que esgota a vía administrativa, os interesados poderán interpoñer recurso potestativo de reposición perante o conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria no prazo dun mes a partir do día seguinte ó da súa publicación no DOG, segundo o disposto nos artigos 116 e 117 da Lei 4/1999 (BOE do 14 de xaneiro), de modificación da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, ou ben directamente o recurso contencioso-administrativo no prazo de dous meses perante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia.

Santiago de Compostela, 13 de setembro de 1999.

Celso Currás Fernández

Conselleiro de Educación e Ordenación

Universitaria