Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 186 Venres, 24 de setembro de 1999 Páx. 11.610

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA

ORDE do 9 de setembro de 1999 pola que se publica a convocatoria para a concesión de axudas a conservatorios de música públicos non dependentes da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria.

O artigo 10.2º da Lei orgánica 8/1985, do 3 de xullo, reguladora do dereito á educación, clasifica como centros docentes públicos aqueles que teñan como titular un poder público.

Ademais das accións que leva a cabo esta consellería na creación, dotación e sostemento dos conservatorios de música dependentes dela, determinados concellos da Comunidade Autónoma de Galicia veñen desenvolvendo un importante labor coa creación e sostemento de centros públicos que imparten as ensinanzas de música que sinala o artigo 39 da Lei orgánica 1/1990, do 3 de outubro, xeral do sistema educativo.

A implantación do novo sistema educativo establecido pola dita lei esíxelles ós titulares dos centros adaptacións estructurais e investimentos para o cumprimento dos requisitos mínimos que fixa o Real decreto 389/1992, do 15 de abril, e o currículo que establece o Decreto 253/1993, da Xunta de Galicia, do 29 de xullo (Diario Oficial de Galicia do 25 de outubro).

En consonancia coa política desta consellería, á vista da crecente demanda das ensinanzas de música e coa finalidade de prestar apoio ás iniciativas municipais para o fomento, difusión e extensión destas ensinanzas.

DISPOÑO:

Primeiro.-Faise pública a convocatoria de axudas destinadas a subvenciona-las actividades desenvolvidas ou que se van desenvolver, incluídos os gastos de persoal, durante o ano 1999 polos conservatorios públicos de música non dependentes da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria.

Segundo.-Poderán solicita-las ditas axudas os titulares dos conservatorios de música de grao elemental ou profesional que teñan autorización expresa da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria para a impartición das correspondentes ensinanzas.

Terceiro.-O importe total das axudas será de corenta millóns seiscentas mil pesetas (40.600.000) e libraranse con cargo á aplicación orzamentaria 07.03.322E.460.1 da Dirección Xeral de Centros e Inspección Educativa.

Os conservatorios que inicien a súa actividade docente ó longo deste ano poderán percibir por este criterio ata un máximo do 25% de incremento da

subvención que puidera corresponderlle polo resto dos criterios. En calquera caso, a contía máxima da subvención por tódolos criterios e por beneficiario non poderá supera-la cantidade de cinco millóns de pesetas (5.000.000).

Cuarto.-As solicitudes, segundo o modelo que figura como anexo a esta orde, xunto coa documentación correspondente, dirixiranse ó conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria e presentaranse no rexistro xeral da consellería, edificio administrativo San Caetano, s/n 15771 Santiago de Compostela ou nos lugares que sinala o artigo 38.4º da Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, no prazo de vinte días naturais contados a partir da publicación no Diario Oficial de Galicia desta orde, e irán xunto coa seguinte documentación:

a) Memoria e orzamento das actividades realizadas ou que se van realizar durante o ano 1999 con indicación do número de alumnos e especialidades instrumentais que se imparten no conservatorio.

b) Breve descrición de instalacións e material na que consten os metros cadrados totais das instalacións.

c) Fotocopia da tarxeta de identificación fiscal.

d) Certificación bancaria a nome do solicitante na que conste a conta corrente na que desexe que se lle ingrese, se é o caso, o importe da subvención.

e) Declaración de ter, ou non, solicitado doutros entes públicos ou privados subvención para a mesma finalidade.

Quinto.-Na valoración de solicitudes teranse en conta os seguintes criterios:

1. Iniciación da súa actividade neste ano.

2. Necesidades das instalacións existentes (construcción e/ou reparación).

3. Dimensións das instalacións.

4. Número de profesores/as.

5. Número de alumnos/as.

6. Valoración económica do investimento do conservatorio.

7. Zona de influencia e densidade de poboación da localidade onde radique o conservatorio.

8. Número de alumnos e especialidades instrumentais que se impartan ou estea programado impartir no conservatorio.

Sexto.-A Dirección Xeral de Centros e Inspección Educativa poderá requirir do solicitante cantos documentos e aclaracións considere necesarios para com

plementa-lo expediente e tamén poderá dispor que se leven a cabo as comprobacións oportunas sobre os datos achegados.

Calquera alteración que se produza nos datos contidos na documentación que se xunta á solicitude será comunicada polo solicitante á dita dirección xeral.

Sétimo.-Baixo a presidencia do director xeral de Centros e Inspección Educativa, ou persoa en quen delegue, constituirase unha comisión encargada de valora-las solicitudes presentadas que estará integrada por:

-Subdirector xeral de Centros.

-Xefe de Servicio de Centros.

-Un inspector central.

-Un inspector de educación designado pola Dirección Xeral de Centros e Inspección Educativa.

-Un funcionario da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria que actuará como secretario con voz e sen voto.

Oitavo.-A comisión de selección elaborará e fará pública unha proposta provisional de adxudicación das axudas para que os interesados poidan presenta-las reclamacións que consideren oportunas. Valoradas as reclamacións, a comisión elevará proposta definitiva de adxudicación ó conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria, para a resolución que proceda.

Noveno.-Transcorridos tres meses desde a data de presentación das solicitudes sen que se dictase resolución favorable, deberá entenderse denegada sen prexuízo dunha resolución posterior.

Décimo.-A resolución do conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria publicarase no Diario Oficial de Galicia; no caso de ser denegatoria será motivada e notificarase ós interesados.

Esta resolución, que esgotará a vía administrativa, poderá ser obxecto de recurso no prazo dun mes, contado a partir do día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia perante o conselleiro de Educación e Ordenación Universirtaria segundo o disposto nos artigos 116 e 117 da Lei 4/1999 (BOE do 14 de xaneiro) de modificación da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, ou ben os interesados poderán presentar directamente recurso contencioso-administrativo no prazo de dous meses, contados desde a mesma data, perante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia.

Décimo primeiro.-As axudas estarán condicionadas ós orzamentos dispoñibles e irán destinadas a

sufraga-los gastos de persoal, funcionamento e actividades; serán aboadas de conformidade co que dispón o artigo 35.dous.A) da Lei 6/1998, do 29 de decembro (Diario Oficial de Galicia do 31) de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para 1999, mediante un pagamento parcial a conta da liquidación por un importe máximo do 80% da subvención concedida, sempre que o beneficiario xustifique, con anterioridade ó 15 de outubro de 1999, os gastos realizados segundo proxecto aprobado.

Para o libramento do 20% restante o beneficiario presentará, antes do 15 de novembro de 1999, a completa xustificación.

Para proceder ós libramentos correspondentes, o solicitante achegará, xunto coas xustificacións anteriores, a certificación de non ter pendente de pagamento ningunha débeda coa Administración da Comunidade Autónoma, de acordo co establecido no artigo 35.4º d) da Lei 6/1998.

As xustificacións das axudas serán dirixidas á Dirección Xeral de Centros e Inspección Educativa, rúa San Lázaro, nº 107. 15771 Santiago de Compostela.

Décimo segundo.-A Dirección Xeral de Centros e Inspección Educativa, a través dos servicios provinciais de inspección, realizará un seguimento da aplicación das axudas nos conservatorios subvencionados.

Décimo terceiro.-Nas comunicacións, publicidade e propaganda dos conservatorios de música que obteñan axuda deberá figurar que están subvencionados pola Xunta de Galicia, Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, co seu respectivo anagrama ou logotipo.

Décimo cuarto.-Procederá o reintegro da subvención e xuros de demora, de conformidade co artigo 78.6º da Lei 11/1992, do 7 de outubro, de réxime financeiro e presupostario de Galicia, cando exista incumprimento da obriga de xustificación ou por incumprimento da finalidade para a que foi concedida.

Décimo quinto.-Facúltase a Dirección Xeral de Centros e Inspección Educativa para dicta-las resolucións necesarias para o desenvolvemento desta orde.

Décimo sexto.-Esta orde entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 9 de setembro de 1999.

Celso Currás Fernández

Conselleiro de Educación e Ordenación

Universitaria